Río Baxoi
Río Baxoi | |
---|---|
Desembocadura do río Baxoi e praia Grande de Miño. | |
País | Galiza |
Nacemento | serra de Queixeiro |
Altitude | 450 m |
Lonxitude | 21 km |
Desembocadura | Golfo Ártabro |
O río Baxoi ou Baixoi é un río galego que nace na serra de Queixeiro e desemboca na ría de Betanzos atravesando de leste a oeste os concellos coruñeses de Monfero, Vilarmaior e Miño. A súa cunca abrangue tamén terras de Andrade, no concello de Pontedeume. Ten unha lonxitude aproximada duns 21 km e recibe distintos nomes ao longo do seu percorrido.
Curso
[editar | editar a fonte]Nace na serra de Queixeiro, no concello de Monfero, a unha altitude de 450 metros. No seu tramo alto recibe o nome de regato do Candedo por pasar polo lugar homónimo.
No seu curso medio, aproximadamente entre as altitudes de 300 e 50 metros, é coñecido como río Vilariño por bañar as terras do lugar do Vilariño. A maior parte deste tramo fai de fronteira natural entre os concellos de Monfero e Vilarmaior.
Desde que recibe pola dereita as augas do seu principal afluente, o río Anduriña, comeza a chamarse Baxoi ou Baixoi. Neste curso baixo é onde recibe a meirande parte dos seus afluentes. Amais do xa nomeado río Anduriña, recibe pola dereita o rego do Porto do Crego que baixa do coto de Allegue; o rego do Porto Vedro que nace en terras de Andrade; o rego da Prata que nace en Carantoña e, xa a poucos metros da desembocadura, o río Xarío que baixa do Vidreiro. Pola marxe esquerda recolle as augas do rego do Retorno e o regato dos Xordos que baixan de Vilarmaior; xa no esteiro conflúe o rego Grande que baixa de Bemantes.
Preto da súa desembocadura forma un esteiro coñecido como O Xuncal pola profusión de xuncos. A pesar da agresión sufrida pola construción do viaduto da AP-9 que a atravesa, posúe unha importante riqueza faunística e paisaxística. A liña do ferrocarril Betanzos-Ferrol tamén pasa polo xuncal.
Á esquerda da desembocadura, entre o xuncal e a ría de Betanzos, esténdese a praia Grande de Miño de orixe dunar.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
O río Baxoi pouco despois de recibir as augas do río Anduriña, no lugar de Sucamiño, Doroña, Vilarmaior.