Saltar ao contido

Pau Gasol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPau Gasol

(2022) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(ca) Pau Gasol Sáez Editar o valor en Wikidata
6 de xullo de 1980 Editar o valor en Wikidata (45 anos)
Barcelona Editar o valor en Wikidata
Membro do Comité Olímpico Internacional
Representa: España

2021 Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaBarcelona
Os Ánxeles Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Barcelona Editar o valor en Wikidata
Altura215 cm Editar o valor en Wikidata
Peso113 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoBaloncesto e deporte profesional Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónbaloncestista, actor, atleta profesional Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1998 Editar o valor en Wikidata - 2021 Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaEspaña Editar o valor en Wikidata
Deportebaloncesto Editar o valor en Wikidata
LigaNational Basketball Association e Liga ACB Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoAla-pivote e pivote Editar o valor en Wikidata
Número deportivo16 Editar o valor en Wikidata
Convocado porAtlanta Hawks Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1998–2001 FC Barcelona Bàsquet
2001–2008 Memphis Grizzlies (pivote, Ala-pivote)
2008–2014 Los Angeles Lakers (pivote, Ala-pivote)
2014–2016 Chicago Bulls (Ala-pivote, pivote)
2016–2019 San Antonio Spurs (Ala-pivote, pivote)
2019–2019 Milwaukee Bucks 3
2019–2020 Portland Trail Blazers 0(0)
2021–2021 FC Barcelona Bàsquet
  Selección nacional Número de eventos xogados
2001–2021   España
Participou en
2021Basquetebol nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - Masculino (pt) Traducir (6º)
2017Campionato europeo de baloncesto de 2017
2016Basquetebol nos Jogos Olímpicos de Verão de 2016 – Torneio masculino (pt) Traducir (3º)
2015Campionato europeo de baloncesto de 2015
2014Campionato do Mundo de Baloncesto de 2014
2012Baloncesto masculino nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 (2º)
2011Campionato europeo de baloncesto de 2011
2009Campionato europeo de baloncesto de 2009
2008Basquetebol nos Jogos Olímpicos de Verão de 2008 - Masculino (pt) Traducir (2º)
2007Campionato europeo de baloncesto de 2007
2006Campionato mundial de baloncesto de 2006
2004basketball at the 2004 Summer Olympics – men's tournament (en) Traducir (7º)
2003Campionato europeo de baloncesto de 2003
2002Campionato mundial de baloncesto de 2002
2001Campionato europeo de baloncesto de 2001 Editar o valor en Wikidata
Familia
IrmánsMarc Gasol
Adrià Gasol Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Sitio webhttp://www.paugasol.com/
IMDB: nm2276921 Allocine: 415036
Facebook: paugasol Twitter: paugasol Instagram: paugasol Youtube: UCxUNFfJ3ao8M65yrBJ4LhZg TikTok: paugasol BNE: XX1588100 Olympics.com: pau-gasol Tebeosfera: gasol_saez_pau Editar o valor en Wikidata

Pau Gasol Sáez, nado en Barcelona o 6 de xullo de 1980,[1][2] é un ex xogador catalán de baloncesto que xogou durante 18 tempadas na NBA, da que foi dúas veces campión, nos anos 2009 e 2010. Ademais gañou a Liga ACB en tres ocasións co FC Barcelona. Con 2,13 metros de estatura xogaba na posición de ala-pivote. É amplamente considerado como o mellor xogador español de todos os tempos, entre os mellores europeos que xogaron na NBA, e un dos xogadores FIBA máis determinantes da historia. Dende 2021 xoga no FC Barcelona da Liga ACB.[3][4][5][6][7]

Foi o segundo español en xogar na NBA despois de Fernando Martín, e foi o primeiro en ser elixido para xogar un All-Star Game (Houston 2006), en disputar uns play-offs (cos Memphis Grizzlies na tempada 2003-04), e en conosegur o campionato da NBA (en 2009 e 2010 cos Lakers dos Ánxeles). Ademais foi primeiro xogador non estadounidense en ser nomeado Rookie do Ano (2002).

Gasol foi escollido polos Atlanta Hawks na terceira posición do Draft da NBA de 2001, e os seus dereitos vendidos á recentemente trasladada franquía dos Memphis Grizzlies, antigamente en Vancouver, onde xogou ses tempadas e media. No momento do seu traspaso posuía os maiores rexistros da franquía de Memphis en partidos xogados, minutos xogados, tiros de campo feitos e anotados, tiros libres feitos e anotados, rebotes totais, defensivos e ofensivos, tapóns, roubos e puntos.[8] O 3 de febreiro de 2008 foi traspasado aos Los Angeles Lakers por Kwame Brown (número 1 do draft de 2001), Javaris Crittenton e Aaron McKie, dúas primeiras roldas dos drafts de 2008 e 2010 e os dereitos que os Lakers tiñan sobre o seu irmán Marc Gasol. Nos Lakers xogou ata 2014, pasando logo por Chicago Bulls, San Antonio Spurs e Milwaukee Bucks.

O 13 de maio de 2009 foi elixido por primeira vez na súa carreira nun quinteto ideal da NBA, concretamente no terceiro quinteto. En 2010 foi elixido por segunda vez para o terceiro quinteto, e en 2011 e 2015 foi escollido no segundo quinteto. É un dos catro únicos xogadores da historia da NBA con canto menos 20 000 puntos, 11 000 rebotes, 3 500 asistencias e 1 900 tapóns acumulados durante a tempada regular, xunto a Kareem Abdul-Jabbar, Tim Duncan e Kevin Garnett.[9]

En febreiro de 2021, logo de 18 tempadas na NBA, e despois de case un ano e medio sen xogar, decidiu regresar ao FC Barcelona, o equipo no que debutara como profesional 22 anos atrás, para preparase de cara aos Xogos Olímpicos de Toquio, no que sería o seu último torneo como profesional. O 4 de agosto, foi elixido para formar parte da Comisión de Atletas do Comité Olímpico Internacional.

O 5 de outubro de 2021 anunciou a súa retirada como xogador profesional e, o 19 do mesmo mes, o Consello de Ministros de España, aprobou a adxudicación da Gran Cruz da Real Orde do Mérito Deportivo, sendo o maior honor ao que pode aspirar un deportista en España,[10] e que lle foi entregada en xuño de 2022.[11] O 30 de novembro de 2021, o Goberno de Cataluña o distinguiu coa Creu de Sant Jordi,[12] unha das máximas distincións catalás, que se lle fixo entrega tamén en xuño do ano seguinte.[13] En marzo de 2022, a revista Gigantes del basket, outorgoulle o ‘Gigante Leyenda’, durante a gala número 34 dos Premios Gigantes del Basket.[14]

En xullo de 2022 se uniu á xunta directiva da Overtime Elite, un novo proxecto de desenvolvemento de xogadores en Atlanta (Xeorgia).[15]

O 7 de marzo de 2023 Los Angeles Lakers retiraron o seu dorsal #16.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e inicios no baloncesto

[editar | editar a fonte]

Pau Gasol naceu no Hospital de la Santa Creu i Sant Pau, en Barcelona,[1] no seo dunha familia catalá relacionada coa medicina. Aos poucos anos trasladouse a Sant Boi de Llobregat. Fillo de Marisa Sáez, médica internista e Agustí Gasol, enfermeiro.[16] Comezou a xogar ao baloncesto nas categorías escolares da súa escola, chamada Col·legi Llor, de aí fichou polo CB Cornellà que nesa época facía funcións de canteira do FC Barcelona,[17] onde xa lle comezou a resultar máis difícil compaxinar estudos e deporte de elite. En Cornellá, e con 1,85 m de altura, exercía ás veces de base, o que explica o control do balón que posuía.[16]

Na tempada 1997-1998, con 16 anos, Gasol ingresou no FC Barcelona, equipo co que se proclamou Campión de España Júnior. Dende aquela, Pau comezou a ser partícipe das convocatorias coa selección española en categorías inferiores.[16]

En 1998 a selección fíxose co Campionato de Europa Xuvenil e o trofeo Albert Schweitzer. En ambos campionatos Pau chamou a atención de varias universidades estadounidenses, que lle ofreceron bolsas de estudos para que estudara e xogara ao baloncesto nos Estados Unidos. Daquela Pau non contaba con demasiados minutos, mais a súa estatura, envergadura e coordinación foi o que chamou a atención dos olladores. Con todo, a pesar de que a proposta seducía ao español, Pau desestimou a idea para tentar triunfar en España. Unha persoa importante na toma desa decisión foi Joan Montes, quen lle asegurou a súa axuda para medrar a todos os niveis no club. Gasol debutou na Liga ACB o 17 de xaneiro de 1999 fronte o Cáceres C.B. que xogaba como local e que venceu o FC Barcelona por 92-78 nun encontro disputado no Pavillón V Centenario de Cáceres.[18] Xogou 3 partidos máis co primeiro equipo, e o resto pasouno co equipo da Liga EBA.[16]

Na Liga ACB

[editar | editar a fonte]

Na tempada 1999-00 subiu definitivamente ao equipo da Liga ACB, mais sen gozar de excesivo protagonismo, todo o contrario que na tempada 2000-01, na que Gasol tivo que substituír o lesionado Rony Seikaly, fichaxe estrela do Barça. A súa irrupción total ten dous puntos claves: os play-offs da Liga ACB e a Copa do Rei de Málaga en marzo de 2001.[19] En ambas competicións logrou o título (era a súa segunda tempada na ACB) e o MVP. Con todo, o equipo non puido loitar pola Euroliga logo de caer ante a Benetton Treviso nun encontro no que Gasol non puido xogar por unha apendicite.[16]

Promediou 11,3 puntos e 5,2 rebotes en 23,8 minutos de liga regular. Co interese de varias franquías da NBA, Gasol declarouse elixible para o Draft da NBA de 2001 logo de alzarse co dobrete e, posteriormente, lograr a medalla de bronce no verán durante o Eurobasket de Turquía.[16]

Memphis Grizzlies (2001-2008)

[editar | editar a fonte]
Tempada 2001-02
Gasol, coa camisola dos Grizzlies en 2007.

Os prognósticos do draft situábano entre as eleccións 10 e 15, polo que a opción que máis forza cobraba era a de quedar un ano máis en Barcelona, xa que o non saír entre os 10 primeiros supuña un impedimento económico ao non poder rescindir o seu contrato. No entanto, Pau foi elixido polos Atlanta Hawks no posto 3 do draft de 2001, sendo o xogador non formado nos Estados Unidos que máis alto chegara no draft até esa data, superado tempo despois por Yao Ming, Darko Miličić e Andrea Bargnani).[20] Pouco despois da súa elección, Gasol foi traspasado xunto con Lorenzen Wright e Brevin Knight aos Memphis Grizzlies a cambio dos dereitos do daquela xogador franquía Shareef Abdur-Rahim e a elección 27 no draft de 2001, Jamaal Tinsley. A súa presentación oficial tivo lugar o 1 de outubro de 2001 co número 16 ás costas.[21]

Na súa primeira tempada debutou ante os Detroit Pistons o 1 de novembro,[22] conseguindo os seus primeiros dous puntos logo dunha asistencia de Jason Williams e un mate posterior. Acabou anotando 4 puntos. Unha lesión de Stromile Swift no cuarto partido permitiu que Pau fora titular ante os Phoenix Suns, índose ata os 27 puntos; desne entón non perdeu a titularidade no equipo.[16]

Esa tempada tivo unha media de 17,6 puntos, 8,9 rebotes, 2,7 asistencias e 2,06 tapóns por encontro en 82 partidos,[23] sendo o único xogador do equipo en disputar todos os partidos de liga. Números que lle valeron para conseguir o premio de Rookie do Ano por unanimidade logo de alzarse co premio de mellor novato nos meses de novembro, xaneiro e marzo.[24] Do mesmo xeito, tamén foi incluído no Mellor Quinteto de Rookies. Liderou os novatos en puntos, rebotes, tapóns e porcentaxes de tiro. Foi o máximo anotador do seu equipo en 37 ocasións, e o máximo reboteador en 43, anotando en dobres díxitos en 72 dos 82 partidos, incluíndo 30 partidos con máis de 20 puntos e 3 con máis de 30. Participou no All Star xogando o Rookie Challenge, no que achegou 10 puntos e 7 rebotes na vitoria dos novatos.

A súa mellor actuación chegou o 5 de abril de 2002 con 32 puntos (tope en puntos nesa tempada) e 14 rebotes ante os Houston Rockets, contra quen estivo a piques de conseguir a súa primeira tripla-dobre nese mesmo mes con 18 puntos, 11 rebotes e 8 asistencias. O seu máximo reboteador estivo en 17 fronte os Orlando Magic. Para a historia tamén quedou un espectacular mate ante o seu xogador favorito, Kevin Garnett,[25] quen unha xogada antes o retara aplaudíndolle na cara logo de superalo. Todo o Pyramid Arena púxose en pé a aplaudir ao español a pesar de que o partido estaba sentenciado para os Grizzlies.

O equipo logrou un balance de 23-59 nunha tempada de transición.[26] A desgraza tamén se cebou cos Grizzlies, que viron caer a dous xogadores nos que había grandes esperanzas depositadas: Bryant Reeves e Michael Dickerson. Vítimas de lesións eternas, anunciaron a súa retirada do baloncesto profesional.

Tempada 2002-03

Na tempada 2002-03 mellorou lixeiramente as súas prestacións individuais con 1c puntos, 8,8 rebotes e 2,8 asistencias, xogando case un minuto menos de media, debido á política de rotacións que seguiu o novo adestrador, Hubie Brown, logo do despido de Sidney Lowe co equipo 0-8.

Un ano máis, foi o único Grizzlie en non perderse ningún partido. Rematou 9º en porcentaxe de tiro na liga (51%), 10º en dobre-dobres (32), 12º en rebotes (8,8), 14º en tapóns (1,8) e 30º en anotación (19 de media). Promediou 22,8 puntos, 10,8 rebotes e 2,5 tapóns no mes de xaneiro, igualando o seu récord en puntos en ata 3 ocasións, fronte os New York Knicks, Philadelphia 76ers e Toronto Raptors. En rebotes igualouno en 4 ocasións, e en tapóns só unha, igualando os seus 7. Participou de novo no encontro entre novatos e sophomores do All Star de 2003, mellorando nesta ocasión con 17 puntos e 11 rebotes.[27] Posiblemente o seu mellor partido aquel ano foi ante os Boston Celtics o 3 de marzo de 2003, no que anotou 23 puntos e 17 rebotes.

O equipo volveu a naufragar con 28 vitorias e 54 derrotas,[28] mais o rumbo da franquía cambiaría radicalmente a partir do seguinte ano.

Tempada 2003-04

Na tempada 2003-04 o equipo clasificouse por primeira vez na súa historia para os play-offs, grazas a un rexistro de 50-32 na liga regular.[29] Coa política de Brown como principal atenuante, Pau diminuíu os seus minutos considerablemente (de 36 pasou a xogar 31,5) e polo tanto, as súas medias, 17,7 puntos, 7,7 rebotes e 2,5 asistencias. A pesar diso, liderou o equipo en anotación, rebotes e tapóns. Perdeuse o seu primeiro encontro na NBA o 5 de abril de 2004 por unha lesión no pé, poñendo fin á racha de 240 partidos consecutivos en pista, 6ª mellor racha da liga. Superou o seu récord en anotación, rebotes e tapóns. En puntos ante os Cleveland Cavaliers con 37, o 29 de novembro de 2003,[30] en rebotes con 18 ante Los Angeles Clippers, e igualou un récord da franquía con 8 tapóns, conseguidos ante os Phoenix Suns, ademais de anotar aquela noite 17 puntos, capturar 10 rebotes e repartir 5 asistencias. Logrou acadar os 3 000 puntos o 31 de outubro de 2003 ante os Boston Celtics, e os 1 500 rebotes o 12 de novembro de 2003 fronte os Orlando Magic.

Nos play-offs caeron por 4-0 ante os San Antonio Spurs na primeira rolda,[31] cuns números de Pau insuficientes, 18,5 puntos, 5 rebotes e 2,5 asistencias.

Tempada 2004-05

A tempada 2004-05 comezou coa renovación de Gasol. O 30 de setembro de 2004 Memphis recoñeceu o traballo de Pau ampliando o seu contrato ata a tempada 2010-11.[32] Gasol acababa o seu contrato rookie cos Grizzlies en xuño de 2005, mais asinou unha ampliación polo máximo polo cal pasaría a cobrar uns 86 millóns de dólares polos seguintes seis anos.

Por segundo ano consecutivo, o equipo alcanzou os play-offs logo dun rexistro de 45-37, nunha tempada pola cal pasaron ata tres adestradores polo banco dos Grizzlies. Brown tívose que retirar con 5-7 por problemas de saúde, sendo substituído por Lionel Hollins, un interino da franquía que estivo ao cargo do equipo ata que se fichou a Mike Fratello, con quen o equipo disparouse con 40 vitorias e 26 derrotas. O novo técnico da franquía era un adestrador cuxo éxito baseábase na defensa, as posesións longas e o básquet-control, aspectos que non favorecían o lucimento persoal de Gasol pero que daban resultados. En 32 minutos de media conseguiu 17,8 puntos, 7,3 rebotes e 2,4 asistencias, mellorando as súas prestacións nas series con 21,3 puntos, 7,5 rebotes e 2,5 asistencias en 33,3 minutos, aínda que conseguindo o mesmo resultado, 4-0, desta volta fronte os Phoenix Suns.[33]

Foi elixido xogador da semana na Conferencia Oeste do 27 de decembro ao 2 de xaneiro, logo de rexistrar 23,6 puntos, 7,7 rebotes, 3,3 asistencias e 1,3 tapones. Xogou o seu mellor partido da tempada fronte os Sixers con 34 puntos, 15 rebotes, 2 asistencias, 3 tapóns e 1 roubo. Aquela tempada, Pau tería a súa primeira lesión seria na NBA, unha fascite plantar que lle obrigou a perderse 23 partidos. Iso foi o 25 de xaneiro de 2005, a finais de novembro, unha torcedura do nocello fíxolle perderse 3 encontros. O 12 de novembro ante os Golden State Warriors igualou un récord da franquía de 5 tapóns nunha primeira parte. O 11 de xaneiro ante os Indiana Pacers anotou 31 puntos e 4 tapóns chegando á cifra de 5 000 puntos e 500  tapóns na súa carreira.

Tempada 2005-06

Na tempada 2005-06, Gasol disputou o All-Star Game da NBA en Houston, sendo o primeiro español e o primeiro xogador dos Grizzlies en conseguilo, e logrando ser o máximo reboteador do partido con 12 rebotes.[34]

Alcanzou por terceira vez consecutiva os play-offs, mais o equipo non foi quen de gañar ningún partido, caendo desta volta fronte os Dallas Mavericks por 4-0 por terceira vez consecutiva.[35] En 39,5 minutos Pau rexistrou 20,3 puntos, 6,8 rebotes e 3 asistencias.

Na liga regular alcanzou a barreira dos 20 puntos, con 20,4, ademais de 8,9 rebotes e 4,6 asistencias en 39,2 minutos, unha cantidade que se axustaba máis ao que o seu protagonismo no equipo reclamaba. Liderou o equipo en puntos en 40 ocasións, 44 en rebotes, 39 en asistencias e 49 en tapones. Rematou o 19º na liga en puntos, 17º en rebotes, 13º en tapóns e 11º en minutos. En marzo superou o seu récord persoal de puntos fronte os Seattle Supersonics con 44, e asinou a súa primeira tripla-dobre tamén fronte os Sonics con 21 puntos, 12 rebotes e 12 asistencias.[36] Foi nomeado xogador da semana na Conferencia Oeste en dúas ocasións. Ademais, converteuse no máximo reboteador na historia da franquía superando os 3 072 que lideraban dito apartado. Un dos seus partidos máis lembrados esa tempada foi o que o enfrontou a Dirk Nowitzki, superando ao xogador alemán con 36 puntos, 15 rebotes e 5 asistencias. Anotou canastras gañadoras sobre a bucina freonte a Golden State Warriors[37] e Atlanta Hawks.[38]

Tempada 2006-07

Gasol tivo que perderse o inicio da tempada (23 partidos) debido á lesión que sufriu nas semifinais do Mundial de Xapón fronte á Arxentina. Logo do seu regreso, mellorou especialmente na faceta reboteadora, onde os seus números creceron substancialmente. Rematou a tempada con 20,8 puntos, 9,8 rebotes, 3,4 asistencias e 2,1 tapóns, a mellor a nivel individual, mais embazada pola mala actuación do conxunto, 22 vitorias e 60 derrotas.

O equipo destituíu a Mike Fratello, e con Tony Barone o equipo xogou máis o ataque, malia a non obter resultados. No mes de decembro, Gasol promediou máis de 17 puntos. En xaneiro rexistrou 21,9 puntos, 10,7 rebotes, 3,4 asistencias e 2,7 tapóns; en febreiro 21,8 puntos, 11,8 rebotes, 3,6 asistencias e 2,4 tapóns; en marzo 21,7 puntos, 10,2 rebotes, 3,5 asistencias e 2 tapóns; en abril 20,4 puntos, 11,1 rebotes, 4,4 asistencias e 2 tapóns. Rexistrou o seu mellor encontro, e tope do seu ano en anotación fronte a Los Angeles Lakers o 22 de marzo con 35 puntos e 15 rebotes.

No partido no que os Grizzlies se enfrontaron aos Toronto Raptors o 7 de marzo de 2007, Gasol necesitaba nove puntos para superar a marca de 7 801 puntos que ostentaba Shareef Abdur-Rahim e converterse así, no máximo anotador na historia da franquía. Finalizou o partido con 16 puntos e os seus compatriotas José Manuel Calderón e Jorge Garbajosa foron testemuñas daquel histórico partido. Durante esa tempada o seu nome apareceu nun hipotético traspaso. Gasol quería saír dun equipo ancorado e sen aspiracións a un onde poder optar ao anel, e no mercado existían moitos equipos que querían facerse cos servizos do español. Porén, as esixentes pretensións de Jerry West dificultaron o acordo. O equipo que máis insistiu foron os Chicago Bulls, mais West pedía a Ben Gordon, Kirk Hinrich e Luol Deng, esixencias ás que os Bulls negáronse.[39] Os Boston Celtics e os New Jersey Nets, entre outros, foron algunhas das franquías das que se falou.

Gasol ante os Lakers poucos días antes do seu traspaso en xaneiro de 2008.
Tempada 2007-08

A chegada dun novo adestrador á franquía, Marc Iavaroni, propiciou un cambio radical no xeito de entender o xogo e nos roles dos xogadores, proporcionando maior protagonismo a Rudy Gay en detrimento dun Gasol cada vez máis infravalorado e comezaba a especularse cun posible traspaso do xogador español.

Los Angeles Lakers (2008-2014)

[editar | editar a fonte]

Estudou medicina durante uns meses, pero deixouno porque non o podía compaxinar co baloncesto, aínda que mantén que o seu obxectivo na vida é seguir os pasos da súa nai e converterse en médico no futuro. O seu irmán máis novo, Marc Gasol, tamén é baloncestista profesional, e xoga nos Toronto Raptors, gañadores da NBA no 2019. Comezou a xogar ó baloncesto no equipo do seu colexio, chamado Col·legi Llor, de onde máis tarde sería fichado polo Cornellà, que nesa época facía funcións de canteira do FC Barcelona.

No ano 2006 converteuse no primeiro xogador dos Grizzlies en xogar o partido das estrelas, o All-Star Game de Houston, un evento no que se dan cita anualmente os mellores xogadores da NBA. Con todo, non foi capaz de encestar ningunha vez, aínda que foi o máximo reboteador do partido, con 12 rexeitamentos. A súa mellor tempada en Memphis foi a de 2006-2007, cunha media de 20,8 puntos, 9,8 rebotes, 3,4 asistencias e 2,1 tapóns por partido, cun 53,8% en tiros de campo[40]. Esta foi a súa última tempada completa coa camisola dos Grizzlies, xa que mediada a 2007-08 chegou nun traspaso aos Ánxeles para xogar nos Lakers de Kobe Bryant, equipo co que conseguiu dous aneis de campión da NBA, nas tempadas 2008-09 e 2009-10.

Tras seis anos e medio nos Lakers, no verán de 2014 Gasol foi traspasado aos Chicago Bulls. O 10 de xaneiro de 2015, xa con 34 anos, o ala-pivote catalán conseguiu a mellor marca anotadora da súa carreira con 46 puntos, alén de 18 rebotes, contra os Bucks de Milwaukee [41].

Selección española

[editar | editar a fonte]

Coa Selección de baloncesto de España conseguiu títulos en case todas as categorías, sendo o máis importante o acadado no ano que foi elixido para xogar o All-Star, o 2006, cando se proclamou campión do mundo de baloncesto no Campionato do Mundo da FIBA de 2006, batendo na final ao equipo nacional grego por 70-47, pero a xesta tivo aínda tinturas maiores cando o equipo español tivo que xogar a final sen a súa presenza, por ser baixa de última hora a causa dunha lesión. O combinado nacional, con Juan Carlos Navarro, José Calderón, Jorge Garbajosa, Rudy Fernández e compañía venceu á Grecia de Papalukas, Diamantidis e Spanoulis levando consigo o título de campións do mundo. No ano 2007, xoga co combinado español a final do Campionato de Europa ante Rusia, perdendo o partido por unha diferenza dun punto. Pau Gasol tivera o derradeiro lanzamento nas súas mans, pero o balón saíu rexeitado do aro defendido polo equipo ruso.

No ano 2008, Pau Gasol e compañía acadaron a final dos Xogos Olímpicos de Beijing ao igual que os Estados Unidos, os cales presentaran un cadro formado por doce dos mellores xogadores americanos como Chris Paul, Kobe Bryant, LeBron James, Dwight Howard ou Jason Kidd. Nese partido, Gasol anotou 21 puntos para axudar ao seu equipo, non sendo suficientes para acadar a vitoria, xa que perderon ante os Estados Unidos por unha diferenza de 11 puntos: 107-118, a puntuación conxunta máis alta conseguida nunha final olímpica en toda a historia. Neste torneo, Pau Gasol foi o máximo anotador[42].

  1. 1 2 Chuck Culpepper (10 de febreiro de 2008). "The Tao of Pau". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 15 de xuño de 2025. "One of my friends was working there [...] and I went to him to take my boy. It's such a beautiful hospital." (Marisa Sáez, nai de Pau Gasol, referíndose ao Hospital Sant Pau de Barcelona)
  2. "Pau Gasol" (en inglés). NBA.com. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  3. "Pau Gasol se retira de la selección: Los datos del mejor jugador de la historia del baloncesto español". ondacero.es (en castelán). 3 de agosto de 2021. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  4. ""Pau Gasol es el mejor de la historia"". El Mundo (en castelán). 4 de setembro de 2017. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  5. "Pau Gasol se cuela en el ránking de los mejores de la historia de la NBA". eldesmarque.com (en castelán). 14 de maio de 2020. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  6. "Garbajosa: "Pau es el mejor jugador FIBA de la historia, pero tenemos planes sin él"". Marca (en castelán). 5 de xuño de 2019. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  7. "La marca personal de Pau Gasol" (en castelán). beshared.es. 16 de febreiro de 2023. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  8. "Estadísticas históricas dos Memphis Grizzlies" (en inglés). basketball-reference.com. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  9. "Pau Gasol entra en un club junto a grandes leyendas de la NBA". As (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2025.
  10. "Paul Gasol recibirá la Gran Cruz de la Real Orden del Mérito Deportivo". ABC (en castelán). 19 de outubro de 2021. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  11. "Pedro Sánchez entrega a Pau Gasol la Gran Cruz: "Eres el referente absoluto del deporte español"". heraldo.es (en castelán). 2 de xuño de 2022. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  12. "El Govern distingeix amb la Creu de Sant Jordi 20 persones i 10 entitats" (en catalán). govern.cat. 30 de novembro de 2021. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  13. "Pau Gasol recibe la Creu de Sant Jordi de la Generalitat". La Vanguardia (en castelán). 8 de xuño de 2022. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  14. "Pau Gasol, ‘Gigante Leyenda’. Sus impresiones sobre el premio". Gigantes (en castelán). 13 de marzo de 2022. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  15. "Pau Gasol Joins Overtime Elite Board To Help Empower Basketball’s Next Generation" (en inglés). Forbes. 22 de xullo de 2022. Consultado o 15 de xuño de 2025.
  16. 1 2 3 4 5 6 7 "Biografía" (en castelán). paugasol.com. Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2014. Consultado o 26 de xuño de 2025.
  17. "Previa LEB Plata: Cornellá - Clínicas Rincón Axarquía" (en castelán). basketme.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2017. Consultado o 26 de xuño de 2025.
  18. "Gasol debutó en Cáceres". hoy.es (en castelán). 18 de xullo de 2008. Consultado o 26 de xuño de 2025.
  19. Álvarez, Robert (19 de marzo de 2001). "El Barça gana la Copa del Rey - Gasol arrastra a su equipo hacia el título". El País (en castelán). Consultado o 26 de xuño de 2025.
  20. "El tercer puesto de Gasol en el 'draft', un hito histórico en el baloncesto español". El País (en castelán). 28 de xuño de 2001. Consultado o 3 de agosto de 2025.
  21. Palomar, Ramón (30 de xuño de 2024). "Pau Gasol, del Barça al cielo con los Memphis Grizzlies". Sport (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2025.
  22. "Estatísticas do debut de Pau Gasol na NBA" (en inglés). basketball-reference.com. Consultado o 3 de agosto de 2025.
  23. FOX Sports. "Estatísticas de Pau Gasol na NBA". Arquivado dende o orixinal o 12/05/2013. Consultado o 21/3/2015.
  24. "Gasol, primer jugador europeo en la Historia de la NBA designado Rookie del Año". MARCA (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2002. Consultado o 6 de agosto de 2025.
  25. youtube.com Video del mate de Gasol sobre Garnett (consultado agosto de 2008)
  26. basketball-reference.com 2001-02 NBA Season Summary, consultado xuño de 2008
  27. "Gasol e Hilário representarán a España y América Latina en Partido de Novatos" (en castelán). NBA.com. 16 de xaneiro de 2003. Archived from the original on 27 de febreiro de 2018. Consultado o 6 de agosto de 2025.
  28. "2002-03 NBA Season Summary" (en inglés). basketball-reference.com. Consultado o 6 de agosto de 2025.
  29. "2003-04 NBA Season Summary" (en inglés). basketball-reference.com. Consultado o 6 de agosto de 2025.
  30. "Nuevo récord de Gasol en la NBA: 37 puntos". ABC (en castelán). 1 de decembro de 2003. Consultado o 6 de agosto de 2025.
  31. "2004 Playoff Results" (en inglés). NBA.com. Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2007. Consultado o 6 de agosto de 2025.
  32. "Pau Gasol renueva con los Grizzlies hasta 2011". El Mundo (en castelán). 2 de outubro de 2004. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2005. Consultado o 7 de agosto de 2025.
  33. "2005 Playoff Results" (en inglés). NBA.com. Arquivado dende o orixinal o 1 de maio de 2007. Consultado o 7 de agosto de 2025.
  34. "Gasol, primer español en 'el partido de las estrellas". El Pais (en castelán). Consultado o xuño de 2008.
  35. "2006 Playoff Results" (en inglés). NBA.com. 10 de agosto de 2010. Arquivado dende o orixinal o |url-arquivo= require |data-arquivo= (Axuda). Consultado o 6 de setembro de 2025.
  36. "Pau Gasol logra su primer triple doble en la NBA". El Periódico de Extremadura (en castelán). 10 de marzo de 2006. Consultado o 6 de setembro de 2025.
  37. "Gasol da la victoria a los Grizzlies sobre la bocina". As (en castelán). Consultado o xuño de 2008.
  38. "Gasol decide sobre la bocina". El Periódico de Extremadura (en castelán). 14 de novembro de 2005. Consultado o 6 de setembro de 2025.
  39. "Chicago negocia con Memphis por Gasol]". MARCA (en castelán). 22 de xaneiro de 2007. Consultado o 6 de setembro de 2025.
  40. FOX Sports. "Estatísticas de Pau Gasol na NBA". Arquivado dende o orixinal o 12/05/2013. Consultado o 21/4/2015.
  41. FOX Sports. "Pau Gasol 2014-15 - Estatísticas por partido". Arquivado dende o orixinal o 06/08/2020. Consultado o 21/3/2015.
  42. El Confidencial. "Una excelente España gana la plata ante Estados Unidos". Consultado o 21/3/2015.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]