Kobe Bryant

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kobe Bryant
Posición Escolta
Dorsal 8, 24
Altura 1,98 m (6 ft 6 in)
Peso oficial 96 kg (212 lb)
Nacemento 23 de agosto de 1978
Filadelfia, Pensilvania
Morte 26 de xaneiro de 2020 (41)
Calabasas, California
Carreira
Instituto Lower Merion, Pensilvania
NBA Draft 1996 / Rolda: 1 / Elección: 13
Por Charlotte Hornets
Tempadas 19962016
Equipo(s)
Estatísticas (NBA)
Puntos     33 643 (25,0 pp)
Rebotes     7 047 (5,2 pp)
Asistencias     6 306 (4,7 pp)
Stats @ Basketball-Reference.com
Premios

Kobe Bean Bryant, nado en Filadelfia (Pensilvania) o 23 de agosto de 1978 e finado en California o 26 de xaneiro de 2020,[1] foi un xogador de baloncesto profesional estadounidense que xogou durante toda a súa carreira para Los Angeles Lakers na National Basketball Association (NBA). Bryant gozou dunha exitosa carreira no baloncesto de instituto, polo que decidiu tentar ingresar na NBA despois de graduarse. Foi seleccionado no posto número trece no Draft da NBA de 1996 polos Charlotte Hornets, e logo traspasado aos Lakers dos Ánxeles. Bryant e o entón compañeiro de equipo Shaquille O'Neal lideraron os Lakers para conseguir tres campionatos consecutivos da NBA, dende 2000 até 2002. Despois da saída de O'Neal ao final da tempada 2003-04, Bryant converteuse na pedra angular da franquía californiana. Bryant foi o máximo anotador da liga en 2005-06 e 2006-07, conseguindo en 2006 81 puntos nun só encontro contra os Toronto Raptors, o segundo maior número de puntos anotados nun só xogo na historia da NBA despois dos 100 puntos de Wilt Chamberlain.

Bryant foi galardoado co trofeo ao Xogador máis Valioso da tempada regular da NBA (MVP) en 2008, levando o seu equipo ás Finais da NBA como o primeiro clasificado da Conferencia Oeste, aínda que o perdeu finalmente contra os Boston Celtics. Con todo, o ano seguinte gañou o seu cuarto campionato da NBA, co que conseguiu o que sería o décimo quinto título dos Lakers, e gañou tamén o seu primeiro premio MVP das Finais. En 2008, logrou tamén a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín de 2008 como membro do equipo de baloncesto masculino dos Estados Unidos, e repetiu galardón en 2012. Dende o seu segundo ano na liga, Bryant participou en tódolos NBA All-Star Game e gañou o premio de MVP do mesmo en 2002, 2007 e 2009. En 2009, a camiseta de Bryant foi a máis vendida nos Estados Unidos, Europa e a China. Aínda que se lle coñeceu por varios nomes durante toda a súa carreira, o seu alcume era "Black Mamba". Despois de ser representado por Arn Tellem, Bryant foi logo representado por Rob Pelinka. En 2010, Bryant converteuse no máximo anotador de todos os tempos da historia dos Lakers.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Bryant naceu en Filadelfia, Pensilvania, e era o fillo pequeno de Joe, un xogador de baloncesto profesional, e Pam Bryant. Tivo ademais dúas irmás máis vellas: Shaya e Sharia.[2] Cando Bryant tiña seis anos, o seu pai abandonou a NBA e mudouse coa súa familia a Italia, onde xogaría ao baloncesto profesionalmente. O pequeno Bryant aclimatouse ao estilo de vida alí e desenvolveu un fluído italiano. Xa de pequeno, aprendeu a xogar ao fútbol e o seu equipo favorito foi o AC Milan. O propio baloncestista chegou a dicir que se non marchara de Italia agora sería xogador de fútbol.

En 1991, Bryant regresou aos Estados Unidos, onde asistiu ao Instituto Lower Merion de Filadelfia. Alí gañou recoñecemento nacional debido á súa espectacular carreira. Bryant foi o máximo anotador da historia do instituto con 2.883 puntos, e superou a marca de Wilt Chamberlain (2.359 puntos) e de Carlin Warley (2.441 puntos).[2] No seu ano sénior foi galardoado por USA Today e Parade Magazine co premio Naismith Prep Player of the Year Award e foi incluído no McDonald's All-America Team. Esa tempada, as súas medias foron de 30,8 puntos, 12 rebotes, 6,5 asistencias, 4 roubos de balón e 3,8 tapóns por partido, e liderou a Lower Merion ao título estatal Class AAAA cunha marca de 31-2. Ante Marple Newtow, realizou o seu mellor partido anotador con 50 puntos. Tras brillar, Bryant decidiu dar o salto á NBA e presentarse ao Draft, aínda que se optase pola universidade, a súa elección sería a Universidade de Duke.

Carreira na NBA[editar | editar a fonte]

1996-1999: Primeiros anos[editar | editar a fonte]

No Draft de 1996, foi seleccionado por Charlotte Hornets na 13ª posición. O por entón representante xeral dos Lakers Jerry West fora testemuña do potencial e habilidades baloncestísticas de Kobe nos campus pre-draft. Inmediatamente despois do Draft, Bryant expresou o seu desexo de non xogar cos Hornets e facelo nos Lakers. Quince días máis tarde, West traspasou ao seu pivote titular Vlade Divac aos Hornets polo mozo Bryant.[3] Durante a súa primeira tempada non xogou moito, tendo unha media de 7,6 puntos, 1,9 rebotes, 1,3 asistencias e 15,5 minutos en 71 partidos, seis deles como titular, con todo, asinou 11,3 puntos nos últimos trece partidos da tempada regular e 12,4 puntos nos 26 partidos nos que xogou máis de 20 minutos. No All-Star Weekend foi unha das estrelas, primeiramente anotando 31 puntos no partido dos Rookies, e posteriormente gañando o concurso de mates, conseguindo 49 de 50 puntos posibles.[4] Bryant apareceu en nove encontros dos play offs dese ano, todos saíndo dende o banco e cunha media de 8,2 puntos por noite. No terceiro partido da primeira rolda ante Portland Trail Blazers anotou 22 puntos, e no tamén terceiro das Semifinais de Conferencia ante Utah Jazz achegou a 19.

Na súa segunda tempada, converteuse no xogador máis novo en disputar un NBA All-Star Game, anotando 18 puntos e 6 rebotes.[5] Comezou a xogar máis minutos e contar con máis importancia no equipo, aínda que aínda non se consagrou como titular nos Lakers, aínda superado por Nick Van Exel e Eddie Jones. Tivo unha media de 15,4 puntos en 79 partidos, un deles como titular, polo que foi un dos aspirantes para gañar o premio ao Mellor Sexto Home. Os Lakers realizaron unha tempada espectacular, conseguindo unha marca de 61-21 e gañando o título da División Pacífico, aínda que caendo nas Finais de Conferencia ante Utah Jazz.[6] A tempada 1998-99 foi a da súa explosión na liga, cunha media de 19,9 puntos, a quinceava máis alta da NBA ese ano. Liderou aos Lakers en roubos de balón con 1,44 por partido e foi seleccionado no terceiro mellor quinteto da liga.[7] Con todo, os anxelinos non chegaron máis aló das Semifinais de Conferencia.

2000-2002: Chegan os campionatos[editar | editar a fonte]

Coa chegada de Phil Jackson ao banco californiano, a fortuna de Bryant cambiou por completo e converteuse nun dos mellores escoltas da liga, aparecendo no segundo mellor quinteto da liga, no mellor defensivo e no NBA All-Star Game como titular. Do 10 ao 16 de abril foi nomeado mellor xogador da semana tras ter unha media de 29,7 puntos, 7 asistencias e 6 rebotes por partido.[8] Na tempada, en total tivo unha media de 22,5 puntos, 6,3 rebotes e 4,9 asistencias en 66 encontros.[7] Formando un tándem imparable con Shaquille O'Neal, os Lakers arrasaron en tempada regular, asinando unha marca de 67-15 e chegando en play offs até as Finais da NBA tras eliminar a Sacramento Kings, Phoenix Suns e Portland Trail Blazers. Ante os Blazers, a eliminatoria chegou até o sétimo e decisivo partido, onde os Lakers chegaron a ir perdendo por máis de 20 puntos, mais deron a volta ao marcador de xeito espectacular no último cuarto. Posteriormente, enfrontáronse aos Indiana Pacers de Reggie Miller, gañando a serie por 4-2 e conseguindo o primeiro campionato dende 1988, primeiro na conta particular de Bryant e iniciando, con iso, unha dinastía. O'Neal foi nomeado MVP das Finais.[2]

Bryant nun acto de promoción.

A seguinte tempada foi semellante, aínda que sen mostrar a mesma superioridade ante o resto en tempada regular, conseguiron un balance de 56-26. Con todo, en play offs o equipo non tivo piedade ante os seus rivais, varrendo por 4-0 a Portland, Sacramento e San Antonio Spurs antes de verse as caras con Allen Iverson e os seus Philadelphia 76ers nas Finais. Xa nelas, perderon o primeiro partido da serie, e o primeiro en play offs, para posteriormente vencer nos catro seguintes e alzarse por segundo ano consecutivo co anel. Bryant tivo unha media de 28,5 puntos por noite en tempada regular, aumentando os seus números en play offs até os 29,4. Ademais, foi nomeado mellor xogador do mes de decembro na Conferencia Oeste tras asinar 32,3 puntos, 4,8 rebotes e 4,9 asistencias en dezaseis partidos.

Na seguinte campaña, Bryant volveu alzarse entre os máximos anotadores da liga, cunha media de 25,2 puntos xunto con 5,5 asistencias e 5,5 rebotes en 38,3 minutos por partido. Foi incluído por primeira vez na súa carreira no mellor quinteto da liga e gañou o seu primeiro MVP do All-Star Game, anotando 31 puntos, 5 rebotes e 5 asistencias, e liderando ao Oeste á vitoria na súa cidade natal, Filadelfia.[9] Ademais, completou unha das súas mellores noites na NBA o 14 de xaneiro de 2002 ante Memphis Grizzlies, conseguindo 56 puntos, 36 deles na primeira parte. En play offs, os Lakers accederon sen problemas até as Finais de Conferencia, onde lles esperaban uns Sacramento Kings en plena forma. Tras dominar a maior parte da eliminatoria, os Kings chegaron aos últimos instantes do quinto encontro por diante no marcador, con todo a favor para clasificarse ás Finais da NBA. Con todo, tras un lanzamento, Vlade Divac despexou o balón no canto de rebotealo e Robert Horry anotou unha tripla no último segundo que lles deu o partido, e por tanto, as esperanzas. Os Lakers venceron nos dous seguintes xogos e metéronse por terceiro ano consecutivo nas Finais. Nelas, uns inexpertos New Jersey Nets, liderados polo base Jason Kidd, foron un fácil rival para os anxelinos, que tras catro partidos alzáronse cun novo anel, terceiro para Bryant.[10]

2003-2004: Fin da dinastía[editar | editar a fonte]

Na tempada 2002-03, Bryant tivo unha media de 30 puntos por partido, alcanzando ademais unha cifra histórica ao anotar 40 ou máis puntos en nove partidos consecutivos. Ademais, tivo unha media de 6,9 rebotes, 5,9 asistencias e 2,2 roubos de balón, e por primeira vez na súa carreira foi elixido nos mellores quintetos tanto da liga como defensivo. Tras finalizar os Lakers cunha marca de 50-32, eliminaron en primeira rolda de play offs a Minnesota Timberwolves por 4-2 para posteriormente caer ante San Antonio Spurs en Semifinais de Conferencia.

Kobe lanza ante Caron Butler.

Pero o peor estaría por chegar; na seguinte tempada os Lakers ficharon a Karl Malone e a Gary Payton, quen reduciron considerablemente os seus salarios para incorporarse ao equipo. Con catro futuros Hall of Fame no quinteto titular, os californianos eran claramente os favoritos ao título. Nunha tempada con problemas de lesións das estrelas, os Lakers asinaron un 56-26, con Bryant con 24 puntos, 5,5 rebotes e 5,1 asistencias por noite. En play offs, eliminaron sen problemas en primeira rolda a Houston Rockets, atopándose aos vixentes campións os Spurs na seguinte rolda. No quinto partido, un tiro de Derek Fisher na bucina para gañar o encontro salvou a eliminatoria e os Lakers, tras bater aos Timberwolves nas Finais de Conferencia, entraron ás Finais da NBA. Nelas, chegou o fracaso e con el, o final da dinastía anxelina. O seu rival, Detroit Pistons, gañou facilmente as Finais por 4-1, anulando en todo momento ás estrelas dos Lakers coa súa férrea e dura defensa. Bryant, cun triplo na bucina no segundo partido, enviou o partido á prórroga para a posteriori gañar o único partido.[11]

2004-2007: Anos post-O'Neal[editar | editar a fonte]

Kobe realizando un mate nun partido ante Golden State Warriors.

Tras o fracaso da campaña anterior, Shaquille O'Neal foi traspasado a Miami Heat e Phil Jackson, Gary Payton e Karl Malone deixaron o equipo. Tras iso, Bryant convertíase no auténtico líder do equipo. O novo adestrador era Rudy Tomjanovich, aínda que a metade de tempada tivo que deixar o cargo debido a problemas de saúde e foi substituído polo seu asistente Frank Hamblen. A pesar de que Bryant foi o segundo máximo anotador da liga con 27,6 puntos por noite, os Lakers callaron unha pésima tempada, quedando mesmo por baixo de Los Angeles Clippers, o chamado "irmán pobre de L.A.", e non alcanzaron os play offs por primeira vez nunha década. Bryant non entrou en ningún quinteto defensivo e foi relegado ao terceiro mellor quinteto da tempada. Ademais, as críticas cara a Bryant continuaban no libro de Phil Jackson titulado The Last Season: A Team in Search of Its Soul, onde detallaba os eventos da pasada tempada e cualificaba a Bryant, entre outras palabras, de "imposible de adestrar". Con todo, a tempada 2005-06 marcaría o retorno de Phil Jackson ao banco anxelino a pesar das súas diferenzas no pasado con Bryant.

Así, os Lakers realizaron unha magnífica campaña e entraron en play offs tras gañar 45 partidos en tempada regular, once máis que o curso anterior, e os 35,4 puntos por partido de Bryant valéronlle para ser o máximo anotador da liga por primeira vez, á parte de bater marcas anotadoras ao alcance de moi poucos.[12] O recital de Bryant comezou o 20 de decembro de 2005, cando anotou 62 puntos en tres cuartos na vitoria ante Dallas Mavericks. No último cuarto, a súa achega era innecesaria xa que a vantaxe era tal, que Bryant levaba máis puntos que os propios Mavericks (62-61), sendo o único xogador en realizar tal fazaña desde que entrou á liga o reloxo de posesión de 24 segundos. O 16 de xaneiro de 2006, cando os Lakers víronse as caras con Miami Heat, Bryant e O'Neal estreitaron as mans e fundíronse nun abrazo, dando por finalizadas as disputas que entre ambos existían desde que o pivote saíu dos Ánxeles.

A gran noite chegou o día 22 de xaneiro de 2006 ante Toronto Raptors no Staples Center. Bryant anotou 81 puntos na vitoria dos Lakers por 122-104, superando a marca de franquía de máis puntos nun partido que ostentaba Elgin Baylor con 71 e colocándose no segundo posto na clasificación de máis puntos anotados nun partido da NBA, só por detrás dos 100 de Wilt Chamberlain en 1962.[13] Tamén en xaneiro, Bryant converteuse no único xogador dende 1964 en anotar 45 puntos ou máis en catro partidos consecutivos (só logrado anteriormente polos propios Chamberlain e Baylor). No devandito mes, Kobe fixo 43,4 puntos por partido, o oitavo mellor rexistro nun mes na historia da NBA e o mellor dun xogador que non sexa Chamberlain. Ao final da tempada, Bryant bateu varias marcas de franquía, como o de máis partidos por encima dos 40 puntos con 27 e máis puntos anotados, 2.832, entre outros. Bryant finalizou no cuarto posto na votación para o MVP da Tempada, sendo gañado por segundo ano consecutivo polo base Steve Nash de Phoenix Suns.

Bryant anotou 50 puntos ou máis en 4 partidos consecutivos en 2007.

En play offs, os Lakers enfrontáronse en primeira rolda con Phoenix Suns, a quen tiveron contra as cordas chegando a ir 3-1 na eliminatoria, con varias actuacións claves de Kobe como o tiro gañador no cuarto partido. Estando a un paso da clasificación, os anxelinos desaproveitaron a vantaxe e foron batidos polos Suns, quen remontaron a serie e apearon a uns decepcionados Lakers. En verán, Bryant anunciou que cambiaba o seu dorsal do 8 ao 24, o seu primeiro número no instituto, para a próxima campaña. Posteriormente declarou na TNT que no seu ano rookie quería o dorsal 24, pero non estaba dispoñible, do mesmo xeito que o 33, o seu segundo dorsal de instituto, que estaba retirado en honra a Kareem Abdul-Jabbar. Bryant vestiu o 143 no Adidas ABCD Camp, polo que elixiu o 8 como suma do tres números. Tamén usou o 8 en Italia en honra a Mike D'Antoni, un dos seus primeiros ídolos.

Durante a tempada 2006-07, Bryant foi seleccionado para disputar o seu noveno NBA All-Star Game, xogado en Las Vegas, gañando ademais o seu segundo MVP do partido tras anotar 31 puntos, capturar 5 rebotes, repartir 6 asistencias e roubar 6 balóns. Ao longo da campaña, Bryant foi protagonista de varios incidentes na pista. O 28 de xaneiro de 2007 golpeou co cóbado na cara de Manu Ginobili no aire inmediatamente tras lanzar un tiro en suspensión. Foi suspendido pola liga cun partido, o que lles enfrontaba a New York Knicks no Madison Square Garden. O 6 de marzo, Bryant repetiu a mesma acción esta vez con Marko Jaric como vítima. Ao día seguinte, o xogador foi suspendido por segunda vez na tempada. Tras a súa volta, o 9 de marzo ante Philadelphia 76ers, deu unha cotenada na cara de Kyle Korver que foi clasificada como falta flagrante de tipo 1.

O 16 de marzo, Bryant anotou 65 puntos en casa ante Portland Trail Blazers, axudando a dar por finalizada o refacho de sete partidos consecutivos perdidos. Foi a segunda mellor anotación na súa carreira. O seguinte partido conseguiu 50 puntos con Minnesota Timberwolves como rival, e o seguinte outros 60 ante Memphis Grizzlies, converténdose no segundo xogador dos Lakers capaz de anotar 50 puntos ou máis en tres partidos consecutivos (o outro foi Elgin Baylor en decembro de 1962). O 23 de marzo, no partido que lles enfrontaba a New Orleans Hornets, Bryant anotou 50 puntos, sendo o segundo xogador na historia da liga que consegue anotar 50 puntos ou máis en catro encontros seguidos detrás de Wilt Chamberlain, quen conseguiu facelo en sete partidos consecutivos en dúas ocasións. Bryant finalizou a tempada con dez partidos con 50 ou máis puntos na súa conta particular, único xogador en logralo xunto con Chamberlain, gañando así o seu segundo título de máximo anotador da liga. Durante o curso, a camiseta de Bryant foi das máis vendidas tanto nos Estados Unidos como na China. Un gran número de xornalistas atribuírono ao seu cambio de dorsal, mentres que outros ao seu mellorado xogo nos últimos anos. En play offs, os Lakers foron de novo eliminados na primeira rolda dos play offs polos Phoenix Suns, esta vez por 4-1.[14]

2007-2008: MVP da Tempada[editar | editar a fonte]

Despois dun verán moi movido, no que Bryant dixo nalgunha ocasión que quería abandonar a franquía anxelina, arrinca a tempada 2007-08 para os Lakers cun cadro con non demasiadas aspiracións. Tratábase dun grupo de futuro, como demostra que fose o segundo equipo máis novo da NBA. Pero segundo vai avanzando a tempada, empézanse a ver virtudes no equipo que lles pode levar a ser a sorpresa do campionato. Coa mellora no xogo de Lamar Odom e do novísimo Andrew Bynum, máis a chegada do veterano Derek Fisher, os Lakers ten un comezo de tempada bastante bo e o seu nome comeza a soar. Sobre todo despois da fichaxe a metade de tempada de Pau Gasol procedente de Memphis, convértense en serios candidatos ao título.

Kobe, realizando un magnífico traballo, axuda aos Lakers a ter o mellor rexistro da dura conferencia oeste dese ano, sendo o seu esforzo recompensado ao ser nomeado MVP da tempada regular, algo que non conseguira aínda. Convértese no xogador con máis tempo de experiencia na NBA en conseguir un primeiro premio de MVP, con todo, o premio foi acompañado por moitas queixas, xa que moita xente opinaba que llo deron porque llo debían, xa que Kobe merecera o premio outros anos, e este era o primeiro da súa carreira. Durante a tempada convértese no xogador máis novo en toda a historia da NBA en conseguir 20.000, 21.000 e 21.500 puntos. Kobe foi elixido polo público para xogar o seu décimo All Star.

No primeiro encontro das Semifinais da Conferencia Oeste fronte a Utah Jazz, conseguiu lanzar 23 tiros libres logrando encestar 21, converténdose tamén no laker con máis tiros libres anotados e tentados nun xogo. O seu esforzo foi recompensado, alcanzando as Finais da NBA vencendo a San Antonio Spurs por un claro 4-1. Porén, perdéronas ante Boston Celtics por 4-2. Bryant obtería unha medias de 25,7 puntos e 5 asistencias por partido nesta serie.

2008-2009: Cuarto título cos Lakers[editar | editar a fonte]

Despois de sufrir unha dura derrota nas finais da tempada pasada ante Boston Celtics, Kobe lidera a uns Lakers que mostraron un altísimo nivel na tempada regular tanto así que conseguiron o mellor rexistro de triunfos na conferencia do oeste (65-17), sendo superados en vitorias só polos Cleveland Cavaliers. Kobe consegue unha media por partido de 26,8 ptos, 5,2 rebotes e 4,9 asistencias. Aínda que non consegue o premio ao xogador máis valioso.

Os Lakers conseguen clasificar facilmente á postemporada, onde se enfrontaron aos Utah Jazz, que venceron con relativa comodidade 4-1. Posteriormente enfrontáronse a uns duros Houston Rockets, que sen dúbida foron o maior obstáculo dos angelinos nos play offs, que necesitaron sete xogos para superalos. Nas finais de conferencia enfrontáronse aos Denver Nuggets que se pensou presentarían maior dificultade para os Lakers, pero estes lograron dominar a serie 4-2, cun imparable Bryant enfocado en conseguir o seu cuarto título. Nas finais Kobe e os Lakers enfrontáronse a uns intimidantes Orlando Magic, que viñan de derrotar sorprendentemente aos Cleveland Cavaliers, nestas finais Kobe mostrou un gran nivel de xogo tanto ofensiva como defensivamente, cometendo só algúns erros no terceiro partido da serie, que foi o único que perdeu o seu equipo. Os Lakers lograron imporse cun contundente 4-1, e así Kobe conseguiría o seu cuarto título da NBA, ademais do seu primeiro MVP das Finais, o primeiro co seu liderado absoluto do equipo, e daríalle así tamén o décimo título ao seu adestrador Phil Jackson.

Para Kobe este campionato ten unha significación especial, o que se evidenciou na súa eufórica celebración ao gañar o título e o premio ao xogador máis valioso nas finais. Tamén Kobe afirmou: "Todo este tempo ouvindo o cliché de que 'Kobe non pode gañar sen O'Neal' foi como a tortura chinesa da gotita de auga caendo constantemente no templo", expresou. "Era molesto. Bochornoso cada vez que o ouvía. Espero non ouvilo nunca máis". "Penso que como equipo contestamos a ese cliché, abrazamos unha causa, e iso motivounos".

2009-2010: Quinto título coos Lakers[editar | editar a fonte]

No 2010, os Lakers conseguiron 57 vitorias fronte a 25 derrotas e gañaron o campionato da Conferencia Oeste por terceira vez consecutiva.

Durante esta tempada, Bryant conseguiu varios récords de anotación. O 21 de xaneiro de 2010, Kobe converteuse no xogador máis novo en anotar 25.000 puntos; e o 1 de febreiro, superou, con máis de 25.208 puntos, ao lendario Jerry West como máximo anotador da franquía anxelina.

Os Lakers encontráronse, como primeiro contrincante nos playoffs, a Oklahoma City Thunder, aos que venceron por 4-2. Logo volveron atoparse en semifinais de conferencia cos Utah Jazz, gañando por 4-0. Na final de conferencia, derrotaron a Phoenix Suns por 4-2.

Os Lakers xogaron a final fronte aos Boston Celtics, aos que derrotaron por 4-3. No decisivo partido final, Bryant anotou 23 puntos e 15 rebotes. Ao longo da serie, foi digna de lembrar a actuación de Kobe no quinto partido da serie, no que anotou 38 puntos, 19 deles no terceiro cuarto. Nas Finais, Kobe promediou 28,6 puntos por partido, 8,0 rebotes, 3,9 asistencias e 2,1 roubos, números que o fixeron acredor do seu segundo premio ao MVP das Finais da NBA.

2010-2011: Fin da etapa Jackson[editar | editar a fonte]

No 2011, os Lakers conseguiron 57 vitorias fronte a 25 derrotas. Desta vez os campións da Conferencia Oeste foron os San Antonio Spurs. Kobe Bryant foi nomeado ao finalizar a liga regular no mellor quinteto da liga, no mellor quinteto defensor e o xogador do mes en marzo. Durante esta tempada, Kobe Bryant tivo unha media de 33,9 minutos por partido, menos do habitual nas últimas tempadas para chegar máis descansado de cara ao final da tempada e os play offs. Ademais promediou 25,3 puntos por partido 5,1 rebotes e 4,7 asistencias.

Nos play offs, os Lakers enfrontáronse aos New Orleans Hornets e Dallas Mavericks nas dúas primeiras roldas. Nesta ocasión Kobe promediou 36 minutos por partido e 22,8 puntos. O 8 de maio, Los Angeles Lakers caeron por 4-0 fronte aos Dallas Mavericks, poñendo fin á tempada 2010-2011.

2011-2012: Nova etapa con Mike Brown[editar | editar a fonte]

Los Angeles Lakers comezaron menos fortes que outros anos a causa do troco de adestrador, os rumores de traspasos de Andrew Bynum ou Pau Gasol, e a saída de Lamar Odom. Nesta tempada superou a anotadores históricos como Hakeem Olajuwon ou Elvin Hayes. O 6 de febreiro de 2012 superou a Shaquille O'Neal como o quinto máximo anotador na historia da NBA tras rexistrar 28 puntos contra os Philadelphia 76ers na súa cidade natal. O 9 de marzo de 2012 bateu o récord de precocidade en anotación ao superar a barreira dos 29.000 puntos fronte aos Minnesota Timberwolves. Esta tempada os Lakers obtiveron o terceiro mellor récord da súa conferencia e foron eliminados en semifinais dos play offs contra os Oklahoma City Thunder sendo derrotados por 4-1. Esta tempada Bryant estivo a piques de conseguir o premio ao máximo anotador da liga regular promediando 27,9 puntos por partido, mais finalmente Kevint Durant arrebatoulle a distinción.

Carreira internacional[editar | editar a fonte]

Cadro de medallas
Baloncesto
Xogos Olímpicos
Ouro Pequín 2008 Estados Unidos
Campionato FIBA Américas
Ouro Las Vegas 2007 Estados Unidos

A carreira internacional de Bryant coa camiseta da selección estadounidense comezou en 2006. Ao ano seguinte gañou a medalla de ouro no Torneo das Américas de Las Vegas 2007, gañando na final a Arxentina por 118-81 e finalizando o torneo con 10 vitorias e ningunha derrota. Bryant foi titular nos dez encontros dos Estados Unidos, terminando terceiro no equipo en tiros libres anotados e tentados e cuarto en tiros de campo e triplas anotados, ademais de 15º no torneo en anotación, 14º en asistencias e 8º en roubos de balón. Anotou en dobres díxitos en oito do dez partidos. O 23 de xuño de 2008 anunciouse que Bryant participará nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008, sendo a primeira vez que o xogador participaba nuns Xogos Olímpicos. Estados Unidos foi encadrado no Grupo B do torneo xunto a Angola, Alemaña, a anfitrioa China, España e Grecia. Os norteamericanos clasificáronse aos cuartos de final como primeiros de grupo sen ceder un só partido. Na fase final, eliminaron por 116-85 a Australia en cuartos, a Arxentina por 101-81 en semifinais e xa na final derrotaron a España. Era a primeira vez que os Estados Unidos se facía coa vitoria nuns Xogos dende os de 2000 en Sídney. Bryant tivo unha media de 15 puntos, 2,8 rebotes, 2,1 asistencias e un 46,2% en tiros de campo no oito partidos.

Perfil de xogador[editar | editar a fonte]

Bryant nun partido dos Xogos Olímpicos de Pequín 2008.

Bryant era un escolta que podía xogar tamén de aleiro en moitas ocasións. Está considerado como un dos xogadores máis completos da historia da NBA.[15] Foi elixido seis veces no mellor quinteto da tempada desde 1999 e conta con doce aparicións no NBA All-Star Game. Prolífico anotador, foi peza clave xunto a Shaquille O'Neal nos tres campionatos gañados polos Lakers a principios da década de 2000 e no último campionato conquistado en 2009. Ao longo da súa carreira promediou 25,0 puntos, 4,6 asistencias, 5,3 rebotes e 1,5 roubos de balón por partido. Foi coñecido por crearse os seus propios tiros, ademais de non desentoar nos lanzamentos a longa distancia xa que posúe a marca de máis triplas anotados nun partido, con doce, xunto con Donyell Marshall. Xunto a todo iso, foi un experto defensor, exemplo diso está no oito aparicións nos mellores quintetos defensivos da liga no últimas nove tempadas.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

En novembro de 1999, Bryant, de 21 anos, coñeceu a Vanessa Laine, de 17, mentres ela traballaba de bailarina no videoclip da canción "G'd Up" do grupo de rap Tha Eastsidaz.[16] Bryant estaba a traballar no seu primeiro álbum musical, que nunca chegou a ver a luz. Ambos comezaron a saír xuntos e en seis meses xa estaban prometidos, en maio de 2000, cando Laine estaba no seu último ano de instituto no Marina High School en Huntington Beach (California). Para evitar os medios, terminou os seus estudos de maneira independente. Segundo o curmán de Vanessa, Laila Laine, non houbo ningún acordo prenupcial. Casaron o 18 de abril de 2001 en Dana Point, California. Nin os pais do xogador, nin as súas irmás, nin o seu axente Arn Tellem e nin os seus compañeiros de equipo asistiron á voda.[17] Os seus pais opuxéronse ao matrimonio por varias razóns; dise que estaban en contra de que casase tan novo e cunha moza non afroamericana. Isto fixo que Bryant non tivese ningún contacto con eles en máis de dous anos.[16]

A súa primeira filla, chamada Natalia Diamante Bryant, naceu o 19 de xaneiro de 2003. O nacemento de Natalia axudou a que o xogador se reconciliase cos seus pais. Vanessa sufriu un aborto debido a un embarazo ectópico na primavera de 2005. A finais de ano, Bryant anunciou que a parella estaba a esperar o seu segundo fillo. Foi outra filla, Gianna Maria-Onore Bryant, que naceu o 1 de maio de 2006. De xeito anecdótico, Gianna naceu seis minutos antes que Me'arah Sanaa, filla de Shaquille O'Neal, nacida en Florida.[18]

Morreu nun accidente de helicóptero o 26 de xaneiro de 2020.

Acusación de agresión sexual e conflitos[editar | editar a fonte]

En 2003, a reputación de Bryant foi corrompida por unha acusación de agresión sexual denunciada por Katelyn Faber, unha moza de Colorado.[19] Coa súa imaxe polos chans, os seus contratos coas marcas comerciais McDonald's, Nutella e Ferrero|Ferrero SPA chegaron á súa fin. Ademais, as vendas das camisetas dos Lakers co seu nome descenderon considerablemente. Durante a investigación, Bryant confesou á policía que "debería facer o que Shaq facía, pagar ás mulleres por non dicir nada", e que o pivote pagara até un millón de dólares en situacións como as súas.[20] As súas declaracións foron moi polémicas, xa que por entón O'Neal e Bryant eran compañeiros de equipo e pensouse que o escolta rompera o "código de vestiario" ao revelar información confidencial e que acusaba falsamente ao seu compañeiro para desviar a atención cara a el.

A investigación foi resolta cando Kobe accedeu a pedir perdón á suposta vítima polo incidente, incluíndo publicamente o seu mea culpa e asegurando que el realmente cría que o encontro entre ambos fora consensual.[21] Os detalles de compensación financeira á moza non foron revelados. En 2004, fíxose pública unha discusión entre o seu compañeiro Karl Malone e Bryant antes de que o primeiro anunciase a súa marcha dos Lakers. Bryant demandou que Malone fixera comentarios inadecuados á súa esposa, respondendo o veterano xogador que as súas palabras foron de broma e que Kobe as esaxerara. Nos meses posteriores, Malone estudou o fichar por outro equipo, mais finalmente optou pola retirada.[22]

Pasamento[editar | editar a fonte]

Marcas[editar | editar a fonte]

Marcas da NBA[editar | editar a fonte]

Kobe Bryant compartiu cinco marcas da NBA:

Marcas de franquía[editar | editar a fonte]

Kobe Bryant posúe 29 marcas da franquía dos Angeles Lakers:

  • Puntos
  • Tiros de campo anotados
  • Tiros libres anotados
  • Triplos anotados e tentados
  • Triplos tentados
  • Carreira: 2.775 (1996-presente)
  • Carreira tentados, play offs: 410 (1996-presente)[38]
  • Tempada, tentados: 518 (2005-06)[2]
  • Partido, tentados: 18 (7 de xaneiro de 2003 vs. Seattle SuperSonics)[36]
  • Roubos de balón

Outros premios[editar | editar a fonte]

  • Medalla de ouro coa selección norteamericana no Torneo das Américas de Las Vegas 2007
  • 1995 Adidas ABCD Camp Senior MVP
  • 1996 Naismith High School Player of the Year
  • 1996 Gatorade Circle of Champions High School Player of the Year
  • 1996 National High School Player of the Year por USA Today e Parade Magazine
  • 1996 McDonald's High School All-American
  • 1996 USA Today All-USA First Team
  • 2003 USA Today All-Time All-USA First Team
  • Liderou ao Instituto Lower Merion a unha marca de 31-3, incluíndo 27 partidos seguidos gañados, e o título estatal PIAA Clase AAAA como senior (1996)
  • Máximo anotador de todos os tempos da escola Southeastern Pennsylvania con 17.336 puntos.
  • O seu dorsal 33 foi retirado por Lower Merion

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Morreu Kobe Bryant, uma das maiores estrelas de sempre da NBA, num desastre de helicóptero". Observador. Consultado o 26 de xaneiro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Kobe Bryant Bio". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2010. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  3. "Kobe Bryant, Los Angele Lakers". Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2010. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  4. Vídeo resumo da actuación de Bryant no Concurso de Mates de 1997
  5. Kobe Bryant - Went Pro After High School
  6. "1998 Playoff Results". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2010. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  7. 7,0 7,1 "Estatísticas de Kobe Bryant". Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2012. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  8. "Postseason Awards - 2000-01". Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2009. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  9. "Postseason Awards - 2001-02". Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2009. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  10. "2002 NBA Finals: L.A. Lakers 4, New Xersei 0. A Sweeping Statement". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2010. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  11. Top 10 Plays: NBA Finals 2004
  12. "2005-06 NBA Season Summary". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2012. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  13. Vídeo. Os 81 puntos de Kobe Bryant
  14. "2006-07 NBA Season Summary". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2012. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  15. Bryant podería abandonar os Lakers[Ligazón morta]
  16. 16,0 16,1 Kobe Bryant and Vanessa Laine Marriage Profile[Ligazón morta]
  17. "Everything You Need to Know About Kobe Bryant". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2006. Consultado o 19 de febreiro de 2006. 
  18. "Shaq Is A Dad Six Minutes After Kobe". Contactmusic.com. 2006-05-02. Consultado o 2020-03-30. 
  19. "Kobe accuser's credibility under fire". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2004. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  20. Kobe Bryant Police Interview
  21. Bryant rape case ends in dismissal
  22. Kobe 'upset' about Malone's comments to wife
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 Kobe's 81-point game second only to Wilt
  24. 24,0 24,1 "Kobe Bryant". Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2018. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  25. "Led by Bryant". Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2010. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  26. Bryant stays on fire, extends 50-point streak for Lakers
  27. Lakers move into seventh place in Western Conference
  28. Bryant, tras superar ao 'Logo': "Jerry West ensinoume moito sobre o baloncesto"
  29. Raptors at Lakers
  30. Individua - Regular Season (Field Goals Made)
  31. Lakers at Knicks
  32. Individual - Regular Seaon (Free Throws Made)
  33. Maveriks at Lakers
  34. Individual - Playoffs (Free Throws Made)
  35. "Career Leaders - Playoffs (3-Point Field Goals Made)". Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2007. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  36. 36,0 36,1 36,2 Bryant sets two NBA records for 3-point shooting
  37. Kobe dazzles Wizards in final meeting with MJ
  38. "Career Leaders - Playoffs (3-Point Field Goals Attempted)". Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2007. Consultado o 23 de marzo de 2010. 
  39. Individual - Regular Season (Steals)
  40. Individual - Playoffs (Steals)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]