Arantxa Sánchez Vicario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Arantxa Sánchez Vicario
Arantxa Sanchez Vicario.JPG
Nome completoAranzazu Isabel Maria Sanchez e Aránzazu Isabel María Sánchez Vicario
Nacemento18 de decembro de 1971
 Barcelona
NacionalidadeEspaña
Relixióncatolicismo
Ocupacióntenista e adestradora de tenis
IrmánsJavier Sánchez e Emilio Sánchez
PremiosInternational Tennis Hall of Fame, Premio Príncipe de Asturias dos Deportes, Best Female Tennis Player ESPY Award, Great Cross of the Royal Order of Sports Merit e Medalla de Oro de la Real Orden del Mérito Deportivo
editar datos en Wikidata ]

Aránzazu Isabel María Sánchez Vicario, máis coñecida como Arantxa Sánchez Vicario, nada en Barcelona o 18 de decembro de 1971, é unha ex tenista española.

Durante a súa carreira foi número 1 do mundo da WTA en 1995. Gañou catro títulos do Grand Slam en categoría individual, seis en categoría de dobres e catro en dobres mixtos, ademais de catro medallas olímpicas e cinco títulos de Copa Federación co Equipo español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Arantxa Sánchez Vicario naceu en Barcelona en 1971 nunha familia con grande afección tenística, sendo a menor dos catro irmáns do matrimonio formado por Emilio Sánchez Benito e María Luisa Vicario Rubio (Marisa, Emilio, Javier e Arantxa).[1] Aos 4 anos de idade comezou a xogar ao tenis, seguindo os pasos dos seus irmáns maiores Emilio e Javier. En 1985, con 14 anos, fíxose profesional. Nos seus inicios alcumóuselle como "o abellón de Barcelona".[2]

Individual e dobres[editar | editar a fonte]

Arantxa sacudiu o mundo do tenis cando en 1989, sendo 10ª do mundo e apenas coñecida no circuíto, derrotou á número 1 do mundo Steffi Graf na final do torneo de Roland Garros. Con esta vitoria, ademais de gañar o título, Arantxa convertíase na xogadora máis nova ata ese momento en gañar o Aberto de Francia de Tenis (a marca só lle durou un ano, xa que na seguinte edición, a serbia Monica Seles gañaba o título con tan só 16 anos). A partir dese momento, os partidos entre Steffi e Arantxa converteríanse nun clásico do tenis feminino pola súa dureza e gran xogo. Aínda que Arantxa carecía de talento tenístico compensábao con fartura grazas á súa entrega na pista. Nas semifinais do Masters de Canadá de 1989, Arantxa despachou a Gabriela Sabatini 3-6, 7-5 e 6-3, antes de perder ante Martina Navrátilová na final. En 1992, Arantxa arroiou a Sabatini na final do torneo de Key Biscayne por 6-1 e 6-4.

O ano máis exitoso da xogadora española en categoría individual foi 1994, cando gañou oito torneos, entre eles o Roland Garros por segunda vez e o Aberto dos Estados Unidos.[3] En 1998, gañou o seu terceiro título no torneo francés, completando desta forma, o seu cuarteto de títulos de Grand Slam en categoría individual. Cabe destacar que tamén foi finalista en categoría individual nos catro torneos do Grand Slam. Ese mesmo ano Arantxa Sánchez Vicario é galardoada co Premio Príncipe de Asturias dos Deportes.

Sánchez Vicario converteuse na número 1 do mundo no ránking da WTA na categoría individual en 1995 (durante doce semanas). Esta clasificación coincidiu no tempo coa súa primeira posición na categoría de dobres, polo que se converteu na segunda xogadora na historia (a primeira foi Martina Navrátilová en 1987) en manter simultaneamente o número 1 en ambas as categorías. Só outras tres xogadoras repetiron este feito, Martina Hingis, Lindsay Davenport e Kim Clijsters.

No ránking de dobres permaneceu entre os anos 1992 e 1997 un total de 111 semanas como número 1 do mundo. No ránking individual da WTA terminou entre as dez primeiras xogadoras do mundo un total de 11 tempadas. Na categoría de dobres estivo 10 tempadas entre as dez mellores do mundo, destacando en 1995 e 1996 cando finalizou como número 1 do mundo.

En categoría de dobres, Arantxa Sánchez Vicario gañou os títulos en Australia nos anos 1992 (xunto a Helena Suková), 1995 (con Jana Novotná) e 1996 (con Chanda Rubin), no Aberto dos Estados Unidos en 1993 (con Helena Sukova) e 1994 (xunto a Jana Novotná), e en Wimbledon en 1995 (tamén con Jana). Gañou ademais catro títulos do Grand Slam en categoría de dobres mixtos.

Representando a España[editar | editar a fonte]

En 1991, Arantxa axudou a España a gañar o seu primeiro título na Copa Federación, derrotando ao equipo dos Estados Unidos na final. Foi xogadora dos equipos españois que gañaron a Copa Federación cinco veces en 1991, 1993, 1994, 1995 e 1998. Sánchez Vicario ten a marca de maior número de triunfos en categoría individual e dobres conseguida por calquera xogadora nesa competición, con 72 vitorias. Tamén ten as marcas de maior cantidade de partidos disputados (100 partidos, dos cales 72 foron individuais e 28 foron de dobres), e máis edicións xogadas (16).

Arantxa Sánchez Vicario foi tamén parte dos equipos españois que gañaron a Copa Hopman en 1990 e 2002.

Representou a España nos cinco edicións dos Xogos Olímpicos. A súa primeira participación foi nos Xogos Olímpicos de Seúl 1988, onde participou unicamente en categoría individual e perdeu en 1ª rolda. Na súa segunda participación, en Barcelona, competiu en individuais (perdeu en semifinais ante Jennifer Capriati) e en dobres (conseguiu a medalla de prata xunto a Conchita Martínez). Catro anos despois, en Atlanta 1996, perdeu a final individual ante Lindsay Davenport e alcanzou as semifinais na categoría de dobres, xunto a Conchita Martínez. En Sydney 2000 perdeu en cuartos de final en categoría individual e alcanzou 2ª rolda en categoría de dobres. Finalmente, en Atenas 2004, perdeu en 1ª rolda na categoría de dobres. Nesas 5 participacións, a tenista española conseguiu dúas medallas de prata e dúas de bronce.

Arantxa Sánchez Vicario anunciou a súa retirada do tenis en novembro de 2002. Con todo, regresou en 2004 para xogar nalgúns torneos de dobres e poder disputar os seus quintos Xogos Olímpicos.[4]

En 2012 regresa á competición como capitá da Copa Federación de tenis xunto ao adestrador Gabriel Urpí, posto no que non conseguíu unha soa vitoria do equipo español e tras pouca implicación co equipo, foi animada pola RFET para dimitir do cargo.

Vida privada[editar | editar a fonte]

O seu primeiro matrimonio foi co xornalista (director do diario Sport desde outubro de 2007) Joan Vehils, co que contraeu matrimonio o 21 de xullo de 2000 no Castelo de Sant Marçal en Cerdanyola del Vallès, separándose un ano máis tarde.[5]

O 12 de setembro de 2008 casou no Castelo de Peralada (Xirona) co seu actual marido, José Santacana Blanch. O 31 de outubro de 2008 anunciou á prensa a través dun comunicado que estaba a esperar o seu primeiro fillo para a seguinte primavera. Así, a súa primeira filla, Arantxa, naceu o 27 de febreiro de 2009 en Barcelona. O 28 de outubro de 2011 naceu o seu segundo fillo, un neno chamado Leo.

A tenista fixou a súa residencia en Andorra para eludir impostos, sen informarse ben dos requisitos legais. En 2011 perdeu un xuízo contra Facenda, tendo entón que pagar varios millóns de euros dos impostos que non pagou de 1989 a 1993, deixándoa practicamente na ruína.[6] En febreiro de 2012 publicou a súa autobiografía Arantxa ¡Vamos! Memorias Memorias de una lucha, una vida y una mujer, onde acusou publicamente aos seus pais de controlar en exceso a súa vida e diñeiro e de arruinala pola súa mala xestión económica (incluíndo o fixar a súa residencia en Andorra).[6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]