T. E. Lawrence

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
T. E. Lawrence
Te lawrence.jpg
Alcume "Lawrence de Arabia"
Nacemento 16 de agosto de 1888
  Tremadog
Falecemento 19 de maio de 1935
  Bovington Camp
Causa accidente de tráfico
Nacionalidade Gales
Educado en Jesus College, Magdalen College e City of Oxford High School for Boys
Ocupación antropólogo, arqueólogo, autobiógrafo, escritor, oficial, guionista, tradutor e castellologist
Pai Sir Thomas Chapman, 7th Baronet
Irmáns A. W. Lawrence
Coñecido/a por Seven Pillars of Wisdom
Premios Compañeiro da Orde do Baño
Orde do Servizo Distinguido
Cabaleiro da Lexión de Honor
Cruz de guerra
editar datos en Wikidata ]
Lawrence de Arabia redirixe aquí, para o oscarizado filme homónimo, de 1962, véxase: Lawrence de Arabia (filme).

Thomas Edward Lawrence, máis coñecido como Lawrence de Arabia, nado en Tremadoc (Gales) o 16 de agosto de 1888 e finado en Bovington Camp (Dorset) o 19 de maio de 1935, foi un arqueólogo e escritor británico, oficial do exército británico durante a primeira guerra mundial, en que desenvolveu un notable papel como enlace durante a rebelión árabe contra o dominio otomán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Os irmáns Lawrence en 1910, Thomas Edward é o primeiro pola esquerda.

Thomas Edward Lawrence naceu en Gales, fillo ilexítimo de Thomas Robert Tighe Chapman, aristócrata terratenente anglo-irlandés que abandonou a súa esposa e as súas catro fillas para unirse a Sarah Junner (tamén Sarah Lawrence), institutriz das rapazas que pola súa educación era escocesa mais polas súas raíces era en parte inglesa e en parte escandinava.[1] Thomas Edward foi o segundo dos cinco fillos da nova parella. Durante a infancia destes a familia trasladouse varias veces de domicilio entre Irlanda, Gales, Escocia e Francia, terminando esa vida nómade en Oxford, onde a familia se asentou definitivamente en 1896. No verán dese ano Thomas Edward entrou no Oxford City High School onde estudou ata graduarse no verán de 1907. O seu interese pola historia medieval, polas Cruzadas e a arqueoloxía remóntase á súa época de colexial e ás excursións a pé e en bicicleta co seu pai e irmáns para visitaren castelos e sitios arqueolóxicos. Nas vacacións escolares de 1906 e 1907 fixo extensas viaxes en bicicleta por Francia durante os que se forxou o seu plan de estudar a arquitectura militar das Cruzadas.[2]

En outubro de 1907 matriculouse no Jesus College da universidade de Oxford cunha pequena bolsa. Animado por David George Hogarth, arqueólogo especialista en Oriente Medio e director do Ashmolean Museum de Oxford, emprendeu no verán de 1909 a súa primeira viaxe a Oriente Medio que o levou —case sempre a pé— dende o norte de Palestina, pola costa do Líbano e parte de Siria occidental ata a rexión do río Éufrates. O principal obxectivo da viaxe era recoller material para a súa tese sobre a arquitectura militar das Cruzadas que presentou en 1910 co título The influence of the Crusades on european military architecture, publicada despois da súa morte co título de Crusader Castles.[3]

En outono de 1910 Lawrence foi invitado polo seu mentor Hogarth a unirse á expedición arqueolóxica que o Museo Británico organizara para traballar nos sitios hititas de Karkemish, ás beiras do Éufrates. Durante varias tempadas de escavacións baixo a dirección de Leonard Woolley, entre 1910 e 1914, Lawrence confirmou a súa afección pola arqueoloxía, mais tamén ampliou os seus coñecementos da lingua e a cultura árabes; descubriu ademais o seu interese polos problemas histórico-políticos da rexión. A iso contribuíu seguramente a relación de afecto e amizade con Dahum, un mozo peón que traballaba nas escavacións.[4]

A comezos de 1914, e de acordo co Museo Británico, Woolley e Lawrence foron enviados pola Palestine Exploration Fund á península do Sinaí onde debían unirse á expedición do capitán Stewart Newcombe. A función dos arqueólogos era dar unha aparencia académica ao que en realidade era un estudo topográfico de carácter militar. En marzo Lawrence estaba de volta en Karkemish, onde comezou a redactar o informe para a Palestine Exploration Fund, titulado The Wilderness of Zin, que rematou en Oxford entre xuño e setembro.[5]

A primeira guerra mundial[editar | editar a fonte]

Leonard Woolley (dereita) e T. E. Lawrence en Karkemish, Siria (1913).
Dahum, ao que Lawrence coñeceu e protexeu en Karkemish.

Ao estalar a primeira guerra mundial, e trala declaración de guerra do Reino Unido a Alemaña o 4 de agosto de 1914, Lawrence presentouse inmediatamente como voluntario mais non foi admitido ata outubro na Geographical Section of the General Staff (GSGS), en Londres, primeiro como civil e máis tarde como segundo tenente-intérprete (2nd Lieutenant-Interpreter). En decembro foi destinado ao Cairo cando Gran Bretaña acababa de declarar a guerra a Turquía e Exipto fora proclamado protectorado británico. Alí entrou a formar parte con Newcombe e Woolley, entre outros, do acabado de formar Departamento de Intelixencia Militar. O seu traballo consistía en facer mapas e en recoller e interpretar información de diversas fontes. O Departamento participaba así mesmo en deseñar as estratexias de tipo político para seguir na rexión, que nesa primavera d e1915 aínda non estaban definidas totalmente mais que ían claramente no sentido dunha partición do Imperio otomán ao final da guerra. Por unha banda estaba Francia co seu interese declarado por Siria, pola outra Rusia coas súas pretensións sobre os Dardanelos e Constantinopla mentres Gran Bretaña aspiraba a Mesopotamia e o porto de Alexandreta. E aínda que xa nesa data eran evidentes as diferenzas que existían entre os aliados sobre o futuro de Turquía, franceses e británicos estaban de acordo na necesidade de avivar a subversión das provincias árabes. O seu futuro era o problema candente.[6]

En abril de 1916 chegou a unha crise a campaña iniciada en Mesopotamía polo mando inglés para protexer os intereses británicos no golfo Pérsico. O exército inglés baixo o mando do xeneral Townshend quedou atrapado en Kut al-Amara (Iraq), onde os turcos esixían a súa rendición incondicional. Lawrence foi enviado dende O Cairo en misión secreta para conseguir mediante un suborno dun millón de libras esterlinas que o comandante das forzas turcas, Jalil Pachá, levantase o sitio e permitise a retirada de Townshend e das súas tropas.[7] Tras fracasar neste empeño Lawrence regresou ao Cairo.

Rebelión árabe[editar | editar a fonte]

Á súa volta ao Cairo en maio de 1916 a cuestión da rebelión árabe alcanzara un punto crítico. Avisados dos plans de insurrección entre os militares de Siria, os turcos acababan de executar vinte e un nacionalistas árabes en Damasco e estaban a punto de enviar tropas cara a Hiyaz, o outro centro insurreccional arredor do xerife da Meca, Husayn ibn Ali. A rebelión alí debía desencadearse inmediatamente baixo pena de ser sufocada rapidamente e efectivamente iniciouse o 5 de xuño contra todas as expectativas.[8]

Os primeiros meses da rebelión foron tan azarosos como os plans de apoio por parte dos mandos ingleses no Cairo, ocupados en clarificar as súas atribucións e atentos a outra empresa prioritaria na península do Sinaí, que debía abrir unha nova fronte contra os turcos ao sur de Palestina. Cando Lawrence, xa ascendido a capitán, chegou o 16 de outubro a Jeddah, na costa do mar Vermello, acompañando como observador o enviado inglés Ronald Storrs en visita ao xerife Husayn, atopou unha situación preocupante coas forzas rebeldes descoordinadas e a axuda inglesa limitada á primeira liña costeira. A súa visita ao campamento de Faysal, terceiro fillo do xerife, foi decisiva. Neste home de 31 anos, culto e ascético, atopou unha personaxe coa conxeniu coa capacidade de liderado, convencido como el de que a rebelión árabe podía triunfar e levar ao establecemento dun estado árabe independente e soberano con capital en Damasco.[9] Lawrence volveu ao Cairo cheo de entusiasmo pola causa árabe e con característica tenacidade logrou que a finais de novembro o destinase como enlace temporal ao exército irregular de Faysal, acampado en Yenbo.[10]

Ao dar este paso Lawrence xa coñecía as promesas que dende O Cairo se lle fixeran a Husayn nos primeiros momentos da guerra, asegurándolle un estado panárabe independente baixo o seu goberno se unía as súas forzas cos aliados contra os turcos, o que se coñece como «compromiso McMahon» («MacMahon Pledge»).Tamén sabía Lawrence que este compromiso quedaba anulado polo posterior acordo secreto subscrito polos plenipotenciarios inglés e francés, Mark Sykes e Georges Picot, en maio de 1916, e que definía as ambicións territoriais de Inglaterra e Francia en Oriente Medio unha vez vencida Turquía. Con todo, Lawrence embarcouse na aventura árabe coa convicción de que se lograba establecer a insurrección árabe como un aliado de plena igualdade grazas á súa eficacia, e os árabes chegaban a Damasco antes que os seus aliados, conquistando así real e simbolicamente a súa independencia, o tratado de Sykes-Picot sería papel mollado.[11]

Este razoamento contraditorio e non obstante válido foi o que inspirou a súa intervención no avance das forzas irregulares de Faysal ao longo da costa do mar Vermello, con incursións terra adentro para atascar o ferrocarril de Hiyaz, esquivando as fortalezas turcas e levantando sucesivamente as tribos da zona nun exemplo de guerra de guerrillas.

Lawrence en Aqaba, 1917

Coa toma por terra do inexpugnable porto de Aqaba, o 6 de xullo de 1917, o exército irregular de Faysal, situose na á dereita do Exército Expedicionario Exipcio comandado polo xeneral Edmund Allenby. Lawrence non tardou moito en convencer a Allenby de que os irregulares árabes apoiados por un incipiente exército regular árabe eran os aliados imprescindibles para o planeado avance cara a Gaza, que caeu en outubro, e Xerusalén que caeu en decembro. Siria e a súa capital Damasco quedaban ao alcance da man.[12]

O curso da guerra nas frontes europeas, a saída de Rusia da contenda a raíz da Revolución bolxevique de outubro-novembro de 1917 aceleraron tamén os acontecementos en Oriente Medio. A revelación polos bolxeviques dos tratados secretos aliados,[13] entre eles o tratado Sykes-Picot, agravou o dilema moral de Lawrence desgarrado entre a súa lealdade aos árabes e a súa lealdade á súa patria, e acrecentou o estrés psicolóxico baixo o que actuaba e o seu desgaste físico. Nese inverno do 17-18 emprendeu dende a súa base avanzada de Azrak no desierto sirio algunhas das súas accións máis arriscadas en territorio enimigo como o intento fracasado de dinamitar a ponte sobre o río Yarmuk (7 de novembro), o ataque ao tren en Minifir (12 de novembro) ou a incursión case en solitario a Daraa (20 de novembro). Nesta ocasión Lawrence foi detido por unha patrulla de recrutamento turca que non o recoñeceu a pesar de que a súa cabeza tiña prezo. Durante a súa detención foi salvaxemente maltratado e violado, mais conseguiu escapar con vida. A experiencia foi traumática e tivo consecuencias profundas e perdurables.[14]

Cando Lawrence entrou triunfante en Damasco o 1 de outubro de 1918 na avanzada do exército irregular de Faysal non era o mesmo que desembarcou en Jeddah en outubro de 1916. Profundamente desilusionado polas desavinzas e a loita polo poder entre os aliados, anoxado polas atrocidades da guerra das que se sentía responsable en parte e deprimido polas perdas personais sufridas durante a contenda, entre as que destacan a morte no campo de batalla, en Francia, dos seus dous irmáns e a morte de Dahum durante unha epidemia probablemente en Karkemish, Lawrence pediu o relevo ao xeneral Allenby o 4 de outubro e abandonou Damasco rumbo a Inglaterra vía O Cairo.[15]

Conferencia de paz e Colonial Office[editar | editar a fonte]

Retrato de Lawrence de Arabia a lapis, realizado por Augustus John.

En xaneiro de 1919 iniciábase en París a conferencia de paz que daba por rematada a guerra e que culminaría co Tratado de Versalles. Lawrence participou nela como membro da delegación inglesa e como membro da delegación árabe encabezada por Faysal. A conferencia foi unha gran decepción para Lawrence e Faysal, ao ser substituído o aborrecido acuerdo Sykes-Picot por outro aínda máis desfavorable para os intereses árabes pechado en decembro de 1918 entre o primeiro ministro británico Lloyd George e o primeiro ministro francés Clemenceau.[16] Faysal abandonou xa en maio a conferencia rumbo á súa precaria capital Damasco sen recibir concesións esenciais por parte dos seus aliados. Lawrence refuxiouse en Oxford, onde o seu pai acababa de morrer, e enfrascouse na redacción da historia da rebelión árabe que co título de Seven Pillars of Wisdom lle ocupou ata a súa publicación en 1926. Na súa residencia do All Souls College, que lle concedera unha bolsa de investigación para ese traballo, ou en Londres, onde un amigo lle emprestara un pequeno apartamento en Barton Street, Lawrence dedicouse intensamente a escribir, mentres en Oriente Medio a situación se deterioraba a pasos axigantados. Aproveitando a súa enorme popularidade a raíz da conferencia de paz e as charlas-espectáculo en teatros londinienses do xornalista americano Lowell Thomas sobre a súa persoa e as súas fazañas en Arabia, Lawrence publicou varios artigos en The Times, Daily Express e The Observer criticando duramente a política do goberno en Oriente Medio.[17] Cando este puxo en mans de Winston Churchill —entón aínda Ministro de Guerra— a Colonial Office para que crease nel un Departamento do Próximo Oriente, Churchill pediu a colaboración de Lawrence. Dende febreiro de 1921 a febreiro de 1922 Lawrence actuou como asesor en asuntos árabes (Adviser in Arabian affairs) co pleno respaldo de Churchill para resolver definitivamente a enleada situación na zona «deixando a un lado todas as cuestións de acordos e promesas, cumpridos ou traizoados», en palabras de Lawrence, e iniciando unha etapa nova de negociación.[18] Na Conferencia do Cairo celebrada en marzo con todos os axentes implicados decidiuse establecer na zona de mandato británico a Feysal en Mesopotamia, nun novo reino de Iraq, e a Abdullah, outro dos fillos do xerife Husayn, como emir de Transxordania. O intento de gañar o xerife da Meca, xa rei de Hiyaz, para estes acordos fracasou a pesar de que Lawrence viaxiou a Jeddah para convencelo.

Coa conciencia de ter logrado un acordo aceptable en Oriente Medio, canso, case enfermo, polas constantes e esgotadoras viaxes, e as penosas negociacións, Lawrence regresou a Londres a finais de 1921. Para el o capítulo árabe estaba pechado.

Soldado raso e escritor[editar | editar a fonte]

Ao terminar a súa actividade na Colonial Office en xullo de 1922 Lawrence, que non deixara de traballar no seu libro sobre a campaña árabe delle o último pulo empeñando niso as súas moi decimadas forzas. En agosto e co beneplácito de Churchill e Hugh Trenchard, xefe da Forza Aérea, Lawrence alistouse como soldado raso (aircraftman) na Royal Air Force (RAF), a forza aérea inglesa, co pseudónimo de John Hume Ross. A súa intención, en principio, era escribir un libro sobre esta arma aínda nova. Para os que o coñecían a decisión foi unha sorpres;, uns interpretárona como unha fuxida desesperada, outros como o intento dun novo comezo en termos case relixiosos.[19] Tras facer un curso básico de instrución para recrutas no cuartel de Uxbridge, esgotador para o seu estado físico e psíquico, pasou en novembro á Escola de Fotografía da RAF en Farnborough. Por indiscrecións diversas, o Daily Express londiniense revelou a súa verdadeira identidade en decembro e ante o escándalo que se produciu foi expulsado da RAF en xaneiro de 1923.[20]

Lawrence apelou ás súas relacións nas altas esferas políticas e militares para ser readmitido na Forza Aérea. Efectivamente pouco despois, en febreiro de 1923, permitíronlle alistarse de novo pero non na RAF como el quería senón no Tank Corps, unidade de carros de combate, baixo outro pseudónimo, T. E. Shaw. En Bovington Camp, en Dorset, Lawrence pasou os dous anos seguintes dedicado a cumprir cos seus deberes no cuartel, a escapadas a Clouds Hill, a casa rústica que adquirira na proximidade pensando na súa vellez, e a excursiones coa súa moto Brough para visitar amigos próximos como o novelista Thomas Hardy. A pesar das aparencias case idílicas a vida en Bovington Camp foi un calvario para Lawrence como revelan as dramáticas cartas deses anos aos seus amigos.[21] Grazas á intervención enérxica de amigos como os escritores John Buchan ou George Bernard Shaw os altos mandos consentiron en readmitir a Lawrence na RAF como era o seu desexo e destinárono en agosto de 1925 á Escola de Cadetes da RAF en Cranwell, sempre como soldado raso ou aircraftman.

Adorno para a cuberta de The Seven Pillars of Wisdom.

En 1926 a inminente publicación de Seven Pillars of Wisdom nunha edición limitada para subscritores e a tamén inminente saída dunha versión reducida do libro (Revolt in the Desert) para o gran público levaron a Lawrence a pedir un destino fóra de Inglaterra para evitar así aos seus superiores as consecuencias do rebumbio nos medios que se achegaba. Dende principios de 1927 ata xaneiro de 1929 estivo estacionado na India, primeiro en Karachi e despois en Miranshah, un fortín remoto no norte do país na fronteira con Afganistán. Empregado principalmente en tarefas administrativas e con moito tiempo libre Lawrence dedicouse a seguir as vicisitudes dos seus libros acabados de publicar, a redactar un primeiro borrador do que sería a súa segunda obra importante The Mint, sobre as súas experiencias como soldado raso, a traducir a Odisea do grego clásico ao inglés e a escribir innumerables cartas, converténdose nun verdadeiro mestre do xénero epistolar. O exilio indio rematou bruscamente cando a raíz de certos movementos revolucionarios en Afganistán o Daily Herald londiniense publicou o 5 de xaneiro de 1929 un sensacional artículo relacionando a Lawrence cos feitos. As alarmadas autoridades anglo-indias insistiron en que a incómoda personaxe debía abandonar inmediatamente o país.

Os últimos anos na RAF e morte[editar | editar a fonte]

Grazas a Trenchard[22] e a pesar do rebumbio sensacionalista da prensa, Lawrence atopou á súa volta en marzo de 1929 un refuxio acolledor na base da RAF en Cattewater (Plymouth), onde se desenvolvían prototipos de lanchas rápidas para salvamento. Alí pasou cinco anos nos que por fin puido contribuír co seu sentido práctico, a súa afección ás máquinas e os motores, e a súa paixón pola velocidade a un proxecto útil. A felicidade durou ata febreiro de 1935, data en que terminaba o seu contrato coa RAF. Sen perspectivas nin plans de futuro concretos —só tiña 47 anos— retirouse a Clouds Hill. Segundo todos os testemuños —amigos, familiares, compañeiros— o estado de ánimo de Lawrence era de desazo, tristeza e anguria ante a nova fase da súa vida, pero tamén tiña novos proxectos como amañar a súa casa de Clouds Hill ou escribir unha biografía do patriota irlandés sir Roger Casement. O 13 de maio de 1935 Lawrence foi coa súa motocicleta á oficina de correos de Bovington a enviar un telegrama. Ao volver a Clouds Hill tivo un accidente na estrada e golpeouse fatalmente a cabeza. Estivo seis días en coma no hospital militar de Bovington Camp e faleceu o 19 de maio de 1935. O funeral relizouse na tarde do 21 de maio na igrexa de Moreton, preto de Clouds Hill, e a el asistiron antigos compañeiros de armas, personalidades políticas, artistas, escritores, oficiais e soldados do exército e a RAF.[23]

O heroe imperfecto[editar | editar a fonte]

A imaxe do «Heroe do Imperio» e de «Lawrence de Arabia» conservouse sen fisuras moitos anos despois da súa morte, gardada celosamente polo que se chamou o «Lawrence-Lobby». Non obstante, a historia fíxose lenda e a persoa de Lawrence difuminouse e esqueceuse. En 1955 o escritor Richard Aldington publicou unha biografía sobre Lawrence[24] na que demolía a lenda piadosa e tachaba o «Liberador de Damasco» de mentiroso compulsivo, ambicioso e desequilibrado. Iniciaba así un debate arredor dunha lenda nacional incontrovertida ata entón. En 1962 o éxito internacional do filme Lawrence de Arabia, dirixido por David Lean con guión do autor dramático Robert Bolt e con Peter O´Toole no papel de Lawrence, deu un novo xiro á discusión ao presentar a Lawrence como un ser humano complexo e vulnerable, non como un manipulador senón como un manipulado, non como un heroe da primeira guerra mundial senón como unha vítima de ella. Esta interpretación, afianzada e afondada polas publicacións posteriores de documentos reservados en arquivos oficiais e de cartas descoñecidas de Lawrence —entre elas as moi reveladoras á súa amiga e protectora Charlotte Shaw—, é a que se impuxo finalmente tanto entre os coñecedores do tema como entre o gran público. Como dicía o escritor francés André Malraux, «a vida de T.E. Lawrence é intensamente acusadora, non é exemplar, non pretende selo».[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Liddell Hart, T.E.Lawrence, In Arabia and After,Jonathan Cape, Londres 1964 páx. 13
  2. Wilson 1990, pp. 21-41.
  3. Mack 1990, pp. 68-75.
  4. Wilson 1990, pp. 94-95.
  5. Wilson 1990, pp. 135-148.
  6. Wilson 1990, pp. 179-180.
  7. Liddel Hart, History of the First World War, Londres 1982 páx. 155
  8. Wilson 1990, p. 287.
  9. T.E.Lawrence, Seven Pillars of Wisdom, Penguin, Londres 1964, páx. 98
  10. Wilson 1990, p. 328.
  11. David Garnett, The essential T.E.Lawrence, Londres 1956, páx. 210-211
  12. Wilson 1990, p. 442.
  13. A.J.P. Taylor, The First World War, Londres 1967, páx. 200
  14. Mack 1990, pp. 226-242.
  15. Lawrence, ob.cit. páx. 684
  16. Wilson 1990, pp. 589-590.
  17. Wilson 1990, p. 639.
  18. Wilson 1990, p. 643.
  19. T.E Lawrence by his Friends, ed. por A.W. Lawrence, Londres 1937
  20. Wilson 1990, p. 696.
  21. Brown 1988, pp. 208-286.
  22. Brown 1988, p. 312.
  23. Mack 1990, p. 409.
  24. Richard Aldington, Lawrence of Arabia, Londres 1955
  25. Gaëtan Picon, Malraux par lui-même, París 1959, páx.16

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]