Música minimalista
A música minimalista é unha corrente da música contemporánea xurdida nos Estados Unidos na década de 1960, que representa unha parte importante da música clásica deste país. Os principais compositores cos que é asociada esta corrente son os americanos La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, Philip Glass, e John Adams.[1][2][3][4]
A obra considerada como a fundadora do minimalismo musical é In C composta en 1964 por Terry Riley. Glass e Steve Reich apuntaron a Moondog, artista activo desde 1932, como creador do xénero, pero este rexeitouno dicindo que "Bach xa facía minimalismo nas súas fugas. Entón, que hai de novo?".[5]
Ás veces faise referencia á música minimalista coa denominación máis ampla de música posmoderna.
Máis que un retorno á tonalidade, esta corrente caracterízase principalmente pola utilización dunha pulsación regular e a repetición de motivos curtos que evolucionan lentamente. Máis aló dun movemento de reacción ao serialismo integral, daquela dominante en Europa, a música minimalista marcou o xurdir dunha música americana innovadora, liberándose dos seus vínculos europeos. Os compositores minimalistas tamén realizaron un retorno a unha música de maior emoción, en lugar do enfoque esencialmente intelectual da música serial, ou o enfoque conceptual da música experimental levada a cabo por John Cage. Despois duns inicios difíciles fóra dos circuítos tradicionais da música clásica, a música minimalista adquiriu a presenza dun certo público, ás veces de universos diferentes coma o jazz, o rock, a improvisación libre, ou a música electrónica. A televisión e o cinema teñen empregado frecuentemente esta música, en particular obras de Philip Glass, contribuíndo á súa difusión entre o gran público. Certas críticas violentas tamén se teñen expresado dende o mundo musical, acusando ao minimalismo de producir un consumidor de música superficial e sen alma.
Visión xeral
[editar | editar a fonte]Presentación
[editar | editar a fonte]Xeralmente desígnase polo termo "música minimalista" a unha corrente da música contemporánea aparecida nos anos 1960s nos Estados Unidos cos compositores La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, e Philip Glass. O movemento desenvolveuse principalmente nas dúas rexións dos Estados Unidos tradicionalmente máis abertas ás innovacións artísticas e ás influencias das culturas non europeas: Nova York e a Costa Oeste. O minimalismo ten tamén adeptos en Gran Bretaña (Michael Nyman, Gavin Bryars), nos Países Baixos (Louis Andriessen), en Francia (Renaud Gagneux, Bruno Letort), mais segue a ser un fenómeno principalmente estadounidense.[6]
O termo emprégase ás veces de xeito máis xeral mediante a inclusión de certos compositores de música experimental, ou de música posmoderna. En particular, Arvo Pärt e Henryk Górecki son ás veces considerados compositores minimalistas, aínda que con preocupacións moi distintas dos americanos repetitivos.
A música minimalista marca unha ruptura coas vangardas e un retorno á música tonal, ou ás veces modal. Tamén caracterízase xeralmente por unha certa nudez e unha economía de medios. En función dos compositores, empréganse diversas características: o o emprego de procesos sistemáticos de composición, de estruturas repetitivas e unha métrica regular para os repetitivos americanos, unha influencia da música relixiosa da Idade Media para Arvo Pärt e Henryk Górecki, o retorno a certas formas clásicas (cuarteto, sinfonía...) para John Adams.[6]
O ano 1976 marcou un fito do movemento minimalista no seu conxunto[7] coas creacións concomitantes de Music for 18 Musicians de Reich, o ópera Einstein on the Beach de Glass, de De Staat de Louis Andriessen, de Für Alina a peza fundacional do tintinnabuli de Arvo Pärt e da Terceira Sinfonía de Henryk Górecki. Todas estas obras teñen en común, ademais da data das súas estreas, que representan un xiro na carreira dos seus compositores, sexa por ser o resultado dun traballo teórico ou creando un novo estilo de escritura que achegará un « sopro de aire fresco » no mundo da música clásica do século XX.[7]
Contexto musical
[editar | editar a fonte]A música contemporánea dos anos 1950-60 estaba dominada polo serialismo integral e a vangarda europea en torno a Pierre Boulez, Luigi Nono, Bruno Maderna, Luciano Berio, Karlheinz Stockhausen etc. Os compositores experimentaron coas novas tecnoloxías da electrónica e así baseando os fundamentos da música electrónica e da música concreta, baixo o impulso especialmente de Pierre Schaeffer, Karlheinz Stockhausen, e Pierre Henry.
Nos Estados Unidos, é a figura de John Cage a que dominaba, cun enfoque esencialmente conceptual, cerca do happening, así como co fío vermello da indeterminación. Esta foi tamén a época da creación do movemento artístico denominado Fluxus, dirixido a empurrar as fronteiras da mesma noción da obra de arte, que influíu tamén aos minimalistas. Os anos 1950-60 tamén viron o nacemento e desenvolvemento baixo a influencia de John Coltrane e Ornette Coleman do free jazz, que marcou particularmente aos compositores americanos da época.
A música popular non pode ser ignorada no contexto musical. A emerxencia e dominación do Rock 'n' roll, o descubrimento en occidente da música do extremo oriente, e en particular da música da India, exerceron tamén a súa influencia sobre os minimalistas.
Sobre o termo «minimalismo»
[editar | editar a fonte]A orixe do termo «minimalista» para describir á corrente minimalista segue sen estar clara. Polo xeral atribúeselle a paternidade do termo ao compositor británico Michael Nyman no seu libro de 1974 Experimental Music: Cage and beyond.[8][9] Con todo, Nyman empregou o termo «minimal», nun artigo titulado Minimal Music, nas obras dos compositores Cornelius Cardew e Henning Christiansen.[10] O termo «minimalista» foi posteriormente empregado por Nyman para describir non só á corrente americana, senón tamén á música experimental inglesa (incluíndo aos compositores Gavin Bryars, Christopher Hobbs, Michael Parsons...).[10]
O crítico musical Tom Johnson empregou tamén o termo en marzo de 1972 sobre un concerto de Alvin Lucier.[11] Johnson empregará o termo minimalista para describir as composicións de Steve Reich, mais o vocabulario é cambiante, e pasa a empregar o termo «música hipnótica».[10] En 1977, o xornalista escribiu un artigo titulado What is Minimalism really about?[a] no que o termo de «música minimalista» xa está ben establecido.[10]
Tamén aparece referida cos termos pulse music, systems music, process music, trance music, hypnotic music, ou en francés musique répétitive, que é moi empregado en Francia, e que é o termo que para Steve Reich é «menos malo».[9]
O adxectivo minimalista, e máis aínda o adxectivo mínima, introduce unha confusión sobre a natureza da música minimalista. A pesar de que emprega material musical escaso e unha certa economía de estruturas musicais[6], o termo describe ma a natureza da música. As pezas poden ser de feito moi longas, precisar dun gran número de músicos, e a orquestración pode ser bastante complexa.[9] Ademais pode ser percibido como algo pexorativo, no sentido unha música minimalista pode ser menos que unha «música normal»[10] e tería requirido menos esforzo de traballo de composición. Outra confusión vén do feito de que o minimalisto é un termo creado polos historiadores da arte, e que a música minimalista non sempre comparte as características do minimalismo das artes plásticas.
Os compositores non están en xeral moi satisfeitos coa denominación.[9][10] Só La Monte Young encontra o termo axeitado, e só para as súas primeiras obras.[10] Philip Glass prefire o termo de «música sen intención», ou «música con estrutura repetitiva».[12]
Orixes
[editar | editar a fonte]Un precursor e unha influencia: Erik Satie
[editar | editar a fonte]Os inicios da música minimalista encóntranse en certas obras de Erik Satie, especialmente polo seu emprego da forma repetitiva en ostinato visto como unha «transcendencia extática do tempo en repetición, na obsesión contemplativa do mesmo»[13] e que serve de moitas composicións. A Première Gnossienne (1890) e a primeira peza que escribiu seguindo un esquema repetitivo, que experimentaría máis adiante na súa peza mística Vexations (1892-1893). Esta última consiste en repetir 840 veces seguidas o mesmo motivo, a duración da peza pode alcanzar as vinte horas. Vexations foi interpretada por primeira vez a iniciativa de John Cage en 1963 en Nova York,[14] é dicir, nos anos do nacemento do minimalismo. Meredith Monk, frecuentemente asociada coa corrente minimalista, participou nunha interpretación das Vexations nun festival adicado a Satie en 1966,[15], e Gavin Bryars e Christopher Hobbs fixeron o mesmo en Leicester en 1971.[16]
Satie é citado polos minimalistas como unha referencia, especialmente por Steve Reich.[17] Tamén se realiza unha homenaxe en forma de chisco coa composición de Philip Glass, Piece in the Shape of a Square, en referencia aos seus Trois Morceaux en forme de poire,[18], así como as súas obras Music with Changing Parts e Einstein on the Beach reanudando unha forma de progresión dos movementos en arco de tipo ABCBCA empregado anteriormente por Satie.[19] Para Michael Nyman, Satie é «indispensable por cantidade de razóns»,[16] e considérao o único compositor preexperimental cuxo traballo é indispensable.[16]
Serialismo
[editar | editar a fonte]Máis sorprendentemente, Anton Webern, alumno de Arnold Schoenberg e membro da Segunda Escola de Viena, exerceu tamén unha influencia no movemento minimalista. En particular sobre La Monte Young, que cita as seccións estáticas de Sechs Bagatellen für Streichquartett (1613) e a Sinfonía, op. 21 (1928) como obras que lle axudaron moito a realizar a transición entre o serialismo e o minimalismo.[20] O feito de que Webern sexa unha grande influencia do post-serialismo que se desenvolveu na mesma época en Europa, mais con concepcións musicais radicalmente diferentes, é ás veces sinalado como «paradoxal» polos musicólogos.[21]
Figura do serialismo e da escola de Darmstadt, Karlheinz Stockhausen posúe con todo vínculos coa corrente minimalista. Obras como Stimmung, Mantra e Inori empregan material minimalista e un tempo expandido.[22] La Monte Young foi estudar con Stockhausen a Darmstadt, e considerábao nese momento o compositor vivo máis grande.[20] Terry Riley tamén tiña un grande interese nas obras de Stockhausen, en particular o ritmos complexos de Zeitmasze,[23] así como en Arnold Schönberg.
De xeito xeral, todos os compositores minimalistas estiveron expostos ao serialismo, Steve Reixh como estudante do Mills College, quen de inmediato sentiu que tiña que afastarse del o antes posible,[9], ou Philip Glass que compuxo obras atonais 18 anos, antes de cambiar de estilo.[24]
Música de vangarda americana
[editar | editar a fonte]John Cage exerceu unha grande influencia nos anos de nacemento do minimalismo. As ideas de Cage, o compositor máis importante da vangarda e experimental nos Estados Unidos, repercutiron directa ou indirectamente na obra dos minimalistas. Algunhas das pezas de Cage poden parecer ligadas ao minimalismo, especialmente as súas primeiras composicións,[10] ou a celebre 4′33″, que data de 1952, a composición máis minimalista posible, xa que está compostas unicamente por silencio. Con todo, Cage é moi crítico co minimalismo, e a súa técnica favorita, a indeterminación (ou a non intención), é dicir o uso da aleatoriedade, nas súas obras ou no proceso de composición en si, sería fortemente rexeitado polos minimalistas.[10]
No seu libro Experimental Music: Cage and beyond, Michael Nyman sitúa claramente o minimalismo nun contexto post-Cage, como unha reacción á indeterminación querida por este último.[25] Con todo, os musicólogos teñen atopado similitudes entre as obras de Cage, especialmente no interese pola estrutura máis que sobre o material, o femto de que a música é creada por procesos compositivos, e unha expresión musical que evita salientar a personalidade do compositor, apoiándose na experimentación para ir máis aló da imaxinación do compositor.[10]
Outro compositor americano da xeración de Cage vinculado aos minimalistas é Morton Feldman. Feldman emprega tamén a indeterminación e a aleatoriedade nas das obras, mais séntese atraído polos sons duradeiros e as paisaxes sonoras tranquilas e planas.[10][22] Aínda que xeralmente non é considerado minimalista, algunhas das súas obras, en particular Piece for Four Pianos (1957), poden parecerse a pezas posteriores de Steve Reich que empregan o cambio de fase. Reich tamén recoñecerá a súa admiración por Feldman.[26]
Músicas non occidentais
[editar | editar a fonte]Nas décadas 1950 e 1960, Europa occidental e os Estados Unidos descubriron as músicas non occidentais. Estas músicas baseadas xeralmente en modos exercerían unha influencia no conxunto dos compositores minimalistas.
Vivindo na costa Oeste, La Monte Young descubriu a música da India en 1957 no campus de ACLA.[27] O compositor citou a Ali Akbar Khan (sarod) e Chatur Lal (tabla) como especialmente salientables. A música india terá unha influencia decisiva en Young, e particularmente o descubrimento do tanbur, que aprendeu con Pandit Prân Nath. O papel de pedal do tanbur fascinou a Young, e impulsou o seu interese polos sons tenidos e longos. Young recoñece tamén a iinfluencia da música do Xapón e en particular do gagaku. Esta influencia exércese na obra considerada como o inicio do minimalismo, Trio for Strings (1958).[27]
Terry Riley descubriu as músicas non occidentais durante a súa estadía en Europa, en especial a música de Marrocos, así como a da India, por intermediación de La Monte Young.[23] Colaborou tamén con Prân Nath para o disco Music from Mills (1986).[28]
Para Steve Reich, foron as leccións de William Austin en Cornell as que o iniciaron nas músicas do mundo. Austin facía escoitar ao seu alumnado música africana e música balinesa, algo raro na época.[29] Por recomendación de Gunther Schuller, Reich estudou o libro Studies in African Music de Arthur Morris Jones, que lle causou unha forte impresión.[29] En 1970, decidiu ir estudar percusión a Ghana durante o verán, o que confirmaría as súas intuicións sobre a riqueza sonora dos instrumentos acústicos (en oposición aos instrumentos electrónicos) e o seu forte interese pola percusión. A obra Drumming (1971) é en parte resultado desta viaxe. Os músicos Russell Hartenberger e Robert Becker de Nexus, membros regulares do grupo instrumental de Reich, tamén estudaron os tambores africanos. Durante os veráns de 1973 e 1974, Reich tamén foi estudar gamelán balinés á costa Oeste dos Estados Unidos. Reich declarou en 1973:[30]
“ | As músicas non occidentais son actualmente a principal fonte de inspiración de novas ideas para os músicos occidentais. | ” |
Para Philip Glass, foi un encontro con Ravi Shankar en París en 1965 o que o introduciu na música da India. Descubriu un principio de acumulación de pequenas unidades musicais para formar unhas máis grandes que influirían fortemente no seu xeito de compoñer.[31] Glass fixo tamén numerosas viaxes a diferentes partes da India para descubrir a súa música e cultura.[31]
O jazz
[editar | editar a fonte]O jazz é de grande importancia para os minimalistas. Todos recoñecen a súa influencia, e en particular o jazz modal de John Coltrane, o free jazz e Ornette Coleman.
A improvisación é un elemento central para Terry Riley, como para La Monte Young.[23] Este último é saxofonista e posúe experiencia no jazz como instrumentista, exercendo principalmente durante os seus anos de secundaria e da universidade. En Os Ánxeles, tocou en big bands e pequenas formacións, en particular con Eric Dolphy, Don Cherry, Billy Higgins, e plantexábase dedicarse ao jazz.[27] A influencia do jazz é claramente visible nas súas obras, en particular a súa interpretación do saxofón sopranino, ou o seu interese polas formas de improvisación.[27] Riley é pianista, e estudou ragtime con Wally Rose, e tocou para gañarse a vida mentres era estudante na universidade, e mentres estaba en Francia. Riley foi tamén impresionado por Coltrane, que o inspirou entre outras cousas para aprender a tocar o saxofón soprano.[23]
Para Steve Reich, o jazz é tamén unha influencia significativa. Reixh é batería de formación, e ten tocado en grupos de jazz na secundaria e na Universidade Cornell. Estaba extremadamente marcado por John Coltrane, ía velo en concerto con moita frecuencia, e cita os álbums My Favorite Things e Africa/Brass como especialmente marcantes.[29] Para Reich, é impensable que a súa música puidera ter visto a luz sen o jazz, especialmente o ritmo, a flexibilidade, e o sentido melódico do jazz, que considera influencias fundamentais.[29]
Ao contrario que os seus colegas, Philip Glass, de formación musical máis exclusivamente clásica, non ve o jazz como unha das súas influencias, mesmo recoñecendo ter estado fascinado polo free jazz de Ornette Coleman e de John Coltrane.[31]
Movemento minimalista
[editar | editar a fonte]O movemento minimalista apareceu na década de 1960 cos traballos de La Monte Young e Terry Riley, considerados como os precursores. Steve Reich e Philip Glass ampliarán as súas ideas e desenvolverán procesos de composición que demostrarán ser moi exitosos.
Con todo, o minimalismo só concirne a unha parte da obra destes compositores, e considérase que o minimalismo, tal como se define xeralmente, finaliza a mediados da década de 1970.[10] A partir desta data, os compositores integran elementos musicais máis ricos, máis melodía e harmonía, mesmo contrapunto. A incorporación destes elementos, sen romper co seu traballo anterior, achegaron unha certa evolución. Ás veces fálase de postminimalismo,[10] en particular para John Adams. Philip Glass di explicitamente que, para el, o minimalismo acaba en 1974, debido á súa total implicación co «teatro musical» a partir dese momento.[24]
Personalidades, ás veces chamadas «minimalistas místicos», como Arvo Pärt, que apareceron a finais da década de 1970, non son por outra banda herdeiros directos dos repetitivos americanos, senón que tamén se inclúen baixo a bandeira do postminimalismo, ou máis xeralmentedo posmodernismo.
Os precursores: La Monte Young e Terry Riley
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: La Monte Young e Terry Riley.
Considérase xeralmente a La Monte Young o iniciador do movemento minimalista, en particular coa súa peza Trio for Strings (1958). Nesa época Young estaba inspirado por Webern, e creou un universo sonoro case estático con notas longas tenidas durante varios minutos e pouca evolución. Esta peza serviría tamén como base a Young para os seus futuros trabajos bordóns, e é unha das orixes da corrente musical denominada drone. Con todo, Young compón sempre empregando o sistema dodecafónico, aínda que se diferencia do mesmo no emprego de notas longas e en que favorece os intervalos baseados en acordes perfectos e sétimas maiores.[27] O Trio for Strings produce unha música que como ningunha outra da época, creando unha atmosfera meditativa, «doutro mundo».[32]
Foi Terry Riley quen introduciu dous elementos fundamentais do minimalismo: o retorno á música tonal e a repetición de motivos musicais.[32] Con String Quartet (1960), Riley achégase á tonalidade, mentres se basea fortemente en La Monte Young, coa utilización de notas longas tenidas. Foi con String Trio (1961) onde Riley introduciu por primeira vez unha estrutura fundamentada na repetición de motivos. O emprego da repetición provén en parte de experimentos que Riley logo realizou con cintas no San Francisco Tape Music Center.[32]
Mais é sobre todo In C (1964) a que marca unha etapa importante na definición de música minimalista. O título[b] pode ser visto como particularmente provocador para a vangarda serial, xa que anuncia un retorno á música tonal, na tonalidade máis simple posible, dó maior.[33] In C está escrita para calquera número de músicos e non importan os instrumentos. A peza conta con 53 motivos musicais, que cada intérprete repite as veces que desexe, seguindo unhas poucas recomendacións. In C é considerada en serval como a obra fundacional do minimalismo, que inclúe todos os elementos: pulsación regular, música tonal, e un conjunto de motivos curtos repetidos, elementos que crean un universo musical por dereito propio.[32] A obra foi gravada por Columbia Records, que lanzou un disco en 1968. Este foi amplamente distribuído e tocado, en particular por Toru Takemitsu no Xapón e Cornelius Cardew en Inglaterra.[32]
Compositores repetitivos: Steve Reich e Philip Glass
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Steve Reich e Philip Glass.
Os experimentos de Riley coas cintas magnéticas e In C teñen unha influencia fundamental en Steve Reich. Participou na creación de In C como músico, e recoñece que a peza, ao reunir elementos da música africana, as achegas de John Coltrane, e os ensaios de cintas magnéticas, axudárono en boa medida a atopar o seu propio camiño, en especial para It's Gonna Rain (1965).[29] Steve Reich elaborou a partir desta peza unha técnica chamada cambio de fase. Aplicada inicialmente nas bandas magnéticas, os compositor experimentou posteriormente a técnia con instrmentos acústicos, que dará en particular as pezas Piano Phase (1967), Violin Phase (1967). Reich seguiu a empregar o cambio de fase ata 1971, e considerou Drumming (1971) como unha obra de transición. O termo «música de fase»[c] é empregado ás veces para designar á música escrita a partir desta técnica que constitúe na súa obra o período chamado «minimalismo temperán».[34] Despois deste período, Reich afastouse destas técnicas sinxelas de phasing para escribir obras máis ambiciosas en termos de efectivos instrumentais, duración e técnicas, desenvolvendo as súas investigacións principalmente cara á harmonía e a pulsación rítmica. Este período denominado «minimalismo maduro» culminaría coas obras Music for 18 Musicians (1976) ou Music for a Large Ensemble (1978).[34] Un terceiro período de cmposición comezou coas obras Tehillim (1981), e sobre todo The Desert Music (1984) e Different Trains (1988), que están marcadas tanto pola utilización de voces e palabras como medio de escritura dunha «melodía de discurso», mais tamén o claro compromiso filosófico e espiritual do compositor coas súas obras posteriores.
Philip Glass, logo dun período de proba e erro na súa procura estilística de finais da década de 1960 caracterizada polo simple uso de procesos de repetición/acumulación[35] (como en Two Pages e Music in Fifths), realizou un gran avance en temas de tímbrica e harmonía coa obra Music with Changing Parts (1970) que marca o inicio das súas composicións denominadas do «minimalismoo maduro».[36] Continuará nesta dirección coa culminación das súas novas bases de escritura coa obra Music in Twelve Parts (1974). En 1973 produciuse un punto de inflexión na súa carreira co encontro co director de escena Bob Wilson, que lle encargou compoñer a música da ópera-marathon Einstein on the Beach (1976). Esta obra constituirá a primeira parte da súa famosa triloxía lírica, completada por Satyagraha (1980) e Akhnaten (1984), na que aparecen progresivamente os motivos temáticos característicos das composicións de Glass. A partir de mediados da década de 1980 avanzou cara á escritura masiva de seis cuartetos, nove sinfonías, e seis concertos, variando os temas e os ritmos que agora representan a suâtes "marca rexistrada", inmediatamente identificable, mais afastándose de calquera nova investigación formal dentro do movemento minimalista. Por outra banda gañou en popularidade entre o público en xeral, especialmente grazas ao mundo da música pop e do cinema, que emprega en gran medida as súas creacións máis ou menos orixinais, ao contrario que Steve Reich, que é unha figura de autoridade e de referencia no mundo da música clásica.[37]
Moitos outros compositores participaron no desenvolvemento da música minimalista en Nova York nas décadas de 1960 e 1970. Philip Glass insiste particularmente no feito de que existiu unha gran vitalidade e variedade de ideas, ás que contribuíron fortemente Meredith Monk, Frederic Rzewski, Pauline Oliveros, James Tenney, Charlemagne Palestine, Terry Jennings, Philip Corner, David Behrman, Jon Gibson, Phill Niblock, Rhys Chatham, Ingram Marshall. Glass lamenta que estes compositores non se beneficiaran da mesma exposición dos medios que el ou Steve Reich.[24] Fóra desta comunidade neoiorquina, en Europa desenvolvéronse obras que se aproximaron ao minimalismo, ou que estaban directamente inspiradas nas obras dos estadounidenses: Louis Andriessen nos Países Baixos, Gavin Bryars e Michael Nyman no Reino Unido, Renaud Gagneux e Bruno Letort en Francia.[32]
Postminimalismo e posmodernismo
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Música posmoderna.
O posmodernismo musical é unha actitude de rexeitamento contra o illamento e o hermetismo do postserialismo,[38] os compositores posmodernos reivindican a mestizaxe e a mestura de formas mediante a técnica do collage, o empréstito, e a cita. Onde o postserialismo tiña que «borrar o pasado» segundo a expresión de Pierre Boulez, o posmodernismo tómao como referencia. Así, John Adams considera que a súa música nútrese «... non só do minimalismo, senón de Alban Berg, Stravinskii, do rock'n roll, da música árabe, xudía etc.».[38] A través deste retorno ás formas melódicas e tonais, á utilización dunha linguaxe repetitiva, au recurso do collage e a cita, en todas esas características o minimalismo é a corrente máis radical do posmodernismo na súa ruptura co postserialismo.[39].
O postminimalismo tamén concirne aos primeiros compositores minimalistas. Tras Drumming (1971), Reich enriqueceu a instrumentación das súas pesas, e fixo evolucionar os seus métodos rítmicos e harmónicos cara a unha maior complexidade.[22] Do mesmo xeito, Philip Glass comezou a compoñer para o «teatro musical» e a ópera a partir de 1974, con inquedanzas que se afastaban do minimalismo, en particular o emprego da harmonía como na ópera Einstein on the Beach (1976) que marca esta evolución. O postminimalismo, xa que logo, distínguese do minimalismo por ser menos radical e experimental.[40].
Os «minimalistas místicos»
[editar | editar a fonte]Estes compositores son ás veces clasificados e asociados co movemento minimalista pola súa utilización de certos principios de composición deste estilo (repetición, sons prolongados, silencios, unha certa simplicidade) e dunha abertamente reivindicada influencia relixiosa cristiá ou espiritual nas súas vidas e nas súas composicións. Alan Hovhaness é ás veces visto como o precursor desta tendencia, mais son sobre todo o estoniano Arvo Pärt, o polonés Henryk Górecki, e o británico John Tavener os que están asociados xeralmente cos «minimalistas místicos». Dun xeito máis, Giya Kancheli e Sofiia Gubaidulina están tamén asociados a esta póla minimalismo.
As obras de Pärt e Górecki caracterízanse pola utilización da tonalidade, dun material musical simple empregado frecuentemente de xeito repetitivo, e dunha composición influenciada polos compositores da Idade Media e o canto chan gregoriano. Ambos, fortemente marcados pola represión política e espiritual nos ses países baixo réximes comunistas, comezaron a compoñer na década de 1960 nun estilo neoclásico antes de orientarse cara ao serialismo, provocando a súa censura por parte das autoridades.[41] Pärt recorreu entón a unha música de silencio e contemplación con Für Alina (1976), Fratres (1977), e Spiegel im Spiegel (1978), obras fundacionais desta corrente interna dentro do minimalismo que sentará as bases dun estilo específico que el describe como intinnabuli. Este estilo caracterízase pola utilización simultánea de dúas voces, unha arpexiando sobre unha tríada tónica chamada «tintinnabulante», e a outra descansando sobre un baixo que evoluciona de xeito diatónico. O seu traballo, xa que logo, oriéntase cara á escritura exclusivamente de música sacra, a maior parte das veces coral, desenvolvendo unha «luminosidade das cancións».[22] Górecki pola súa banda, efectúa unha transición entre música serial e minimalismo sacro en 1976, en particular coa escritura da súa Terceira Sinfoníaa, que tería un grande impacto uns anos máis tarde en Europa occidental e os Estados Unidos, establecendo así a súa notoriedade internacional.[42]
Descrición musical
[editar | editar a fonte]O grupo de obras clasificadas como música minimalista está lonxe de ter unha unidade de estilo ou de ter unhas características musicais totalmente idénticas. Aínda que unha clasificación é sempre redutiva, acéptase xeralmente que a estética da música minimalista está fundamentada sobre tres características:[43] :
- o regreso a unha harmonía «consoante» (mesmo tonal, ou modal en certas obras) ;
- a repetición de frases, figuras ou células musicais con ou sen pequenas variacións graduais ;
- un pulso regular.
Con todo, isto engloba obras de perfís moi diversos, e a utilización de diferentes técnicas musicais. Do mesmo xeito, non todas obras dos chamados compositores minimalistas poden ser consideradas minimalistas, en especial os últimos traballos de Steve Reich e Philip Glass, ou as primeiras obras (frecuentemente non musicais) de La Monte Young.
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ Mertens 1983, 11.
- ↑ Michael Nyman, escribe no prefacio do libro de Mertens referíndose ao estilo como "chamado música minimalista" ("so called minimal music". Mertens 1983, 8).
- ↑ "O termo 'música minimalista' é xeralmente empregado para describir un estilo de música desenvolvido en América a finais dos anos 1960 e 1970; e que foi inicialmente relacionado cos compositores La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, and Philip Glass." Sitsky, L. (2002), Music of the twentieth-century avant-garde: a biocritical sourcebook,Greenwood Press, Westport, CT. (p.361)
- ↑ Young, La Monte, "Notes on The Theatre of Eternal Music and The Tortoise, His Dreams and Journeys" (PDF orixinal), 2000, Mela Foundation, www.melafoundation.org — Recensión histórica e ensaio musical no que Young explica por qué se considera o creador do estilo fronte a Tony Conrad e John Cale.
- ↑ Jeffries, Stuart (2003-11-17). "The marvellous life of Moondog". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2024-11-05.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 (en francés) Trajectoires de la musique au XXe siècle, Marie-Claire Mussat, Klincksieck études, 2002, p. 141-143 ISBN 2-252-03404-1
- ↑ 7,0 7,1 Reich 2002, Introdución de Paul Hillier, p. 4
- ↑ En Experimental Music: Cage and beyond de Michael Nyman, éditions Schirmer Books, New York, 1974.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Strickland 1991, Steve Reich p. 34-50
- ↑ 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 10,10 10,11 10,12 Potter 2000, p. 1-20
- ↑ Tom Johnson, The Minimal Slow-Motion Approach, Alvin Lucier e al., The Village Voice, 30 marzo 1972
- ↑ Strickland (2000), Sound, p. 252-253
- ↑ Vincent Lajoinie (1985) Erik Satie, p. 255
- ↑ Vincent Lajoinie (1985) Erik Satie, p. 85
- ↑ Strickland (1991), p. 91
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Nyman (1974), p. 68
- ↑ Reich 2002, p. 160.
- ↑ Potter 2000, p. 281
- ↑ Vincent Lajoinie (1985) Erik Satie p. 414
- ↑ 20,0 20,1 Strickland 1991, pp. 52-70 (La Monte Young).
- ↑ Machart 2004, pp. 47-64.
- ↑ 22,0 22,1 22,2 22,3 Griffiths, Paul (1978). Brève histoire de la musique moderne, de Debussy à Boulez (en francés). éditions Fayard. p. 161-165.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 Potter 2000, pp. 92-150 (Terry Riley).
- ↑ 24,0 24,1 24,2 Strickland 1991, pp. 142-158 (Philip Glass).
- ↑ Nyman 1974, p. 211.
- ↑ Reich 2002, p. 202.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 Potter 2000, pp. 21-91 (La Monte Young).
- ↑ "Various – Music From Mills" (en inglés). discogs.com. Consultado o 15 de xaneiro de 2021.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 Strickland 1991, pp. 34-50 (Steve Reich).
- ↑ Potter 2000, pp. 151-250 (Steve Reich).
- ↑ 31,0 31,1 31,2 Potter 2000, pp. 251-341 (Philip Glass).
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 32,5 Strickland 2000, pp. 119-256 (Sound).
- ↑ Strickland 2000, p. 176 (Sound).
- ↑ 34,0 34,1 Potter 2000, pp. 151-153, Steve Reich.
- ↑ Potter 2000, pp. 288-295.
- ↑ Potter 2000, pp. 307-323 (Philip Glass).
- ↑ Potter 2000, pp. 340-341 (Philip Glass).
- ↑ 38,0 38,1 J. Y. Bras Les Courants musicaux du xxe p. 260
- ↑ B. Ramaux Chevassus Musique et postmodernité p. 34
- ↑ B. Ramaux Chevassus Musique et postmodernité p. 33
- ↑ "Arvo Pärt" (en francés). Ircam. Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "Dossier compositeur : Henryk Mikolaj Górecki". Le Mensuel de Polyphonies (en francés) (31). xaneiro de 2009. Consultado o 28 de abril de 2021.[Ligazón morta]
- ↑ John Adams, en Machard 2004, p. 49
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Música minimalista |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Denave, Laurent (2012). Contrechamps, ed. Un siècle de création musicale aux États-Unis. Histoire sociale des productions les plus originales du monde musical américain, de Charles Ives au minimalisme (1890-1990) (en francés). Xenebra.
- Fink, Robert (2005). University of California Press, ed. Repeating Ourselves: American Minimal Music as Cultural Practice (en inglés). ISBN 978-0-520-24550-1.
- Girard, Johan (2010). Presses Sorbonne Nouvelle, ed. Répétitions - L'esthétique musicale de Terry Riley, Steve Reich et Philip Glass (en francés). ISBN 978-2-87854-494-7.
- Guillien, Mathieu (2014). Aedam Musicae, ed. La Techno Minimale (en francés). ISBN 978-2-919046-12-6.
- Lake, Steve; Griffiths, Paul (2007). Granta UK, ed. Horizons touched: the music of ECM (en inglés). ISBN 978-1-86207-880-2.
- Lelong, Stéphane (1996). Éditions Balland, ed. Musique nouvelle (en francés). ISBN 978-2715811171.
- Machart, Renaud (2004). Actes Sud/Classica, ed. John Adams (en francés). ISBN 2-7427-4619-6.
- Mertens, Wim. 1983. American Minimal Music: La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, Philip Glass. Translated by J. Hautekiet; preface by Michael Nyman. Londres: Kahn & Averill; Nova York: Alexander Broude. ISBN 0-900707-76-3
- Mertens, Wim (1988). Kahn & Averill Publishers, ed. American Minimal Music (en inglés).
- Nyman, Michael (1974). Cambridge University Press, ed. Experimental Music: Cage and beyond (en inglés). ISBN 0521652979.
- Potter, Keith (2000). Cambridge University Press, ed. Four Musical Minimalists: La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, Philip Glass (en inglés). ISBN 0-521-01501-4.
- Reich, Steve (2002). Oxford University Press, ed. Writings on Music 1965-2000 (en inglés). ISBN 978-0-19-515115-2.
- Strickland, Edward (1991). Indiana University Press, ed. American Composers: Dialogues on Contemporary Music (en inglés). ISBN 0-253-35498-6.
- Strickland, Edward (xuño de 2000). Indiana University Press, ed. Minimalism: Origins (en inglés). ISBN 978-0253213884.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Minimal Music, Maximal ImpactArquivado 02 de xullo de 2014 en Wayback Machine. por Kyle Gann. © 2001 NewMusicBox (en inglés)