Música do Xapón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O (能) acompáñase habitualmente de música, uta (唄) e hayashi (囃子).

A música de Xapón inclúe unha gran variedade de artistas en estilos distintos, tanto tradicionais como modernos.

A música tradicional xaponesa coñécese co nome de hōgaku (邦楽), mentres que a palabra ongaku (音楽) designa á música en xeral. A denominación moderna J-Music refírese a certas ramas da música xaponesa con toques occidentais.

Música tradicional xaponesa[editar | editar a fonte]

Shakuhachi, a frauta tradicional de meditación xaponesa.

No século XVI, os komuso, un grupo de monxes budistas Zen, desenvolveron unha práctica de meditación sonora. A esta práctica de meditación individual, que consistía en meditar mentres sopraban certos sons nun shakuhachi -unha frauta xaponesa que se suxeita verticalmente como unha frauta doce en lugar de como a tradicional frauta travesa- e chamárona suizen. Os sons non eran improvisados e o obxectivo destes monxes Zen era chegar á iluminación a través do son do shakuhachi. O shakuhachi non era considerado un instrumento musical, gakki, senón un de práctica relixiosa budista, hooki.

En 1871, este grupo de monxes xaponeses é proscripto e entón o son do shakuhachi comeza a ser transmitido en calidade de música co nome de música orixinal, honkyoku.[1]

No Xapón existe unha innumerable variedade de tipos de música tradicional. Dous dos estilos máis antigos son o shōmyō, ou "voz clara", e o gagaku ou música orquestral da corte.[2] Ambos os estilos proveñen dos períodos Nara e Heian.

O gagaku é un tipo de música clásica que foi executada na Corte Imperial desde o período Heian. Kagurauta (神楽歌), Azumaasobi(東遊) e Yamatouta (大和歌) son repertorios relativamente autóctonos. Tōgaku (唐楽) e komagaku orixináronse a partir da dinastía chinesa Tang por transmisión pola península de Corea. Adicionalmente, o gagaku divídese en kangen (管弦) (música instrumental) e bugaku (舞楽) (danza acompañada de gagaku).

As honkyoku ("pezas orixinais") remóntanse ao século XIX a. C.. Estas son pezas para solo de shakuhachi executadas polos monxes da seita mendicante Fuke de budismo Zen. Estes monxes, chamados komusō ("monxes da vacuidade"), executaban honkyoku polas esmolas e iluminación. A seita Fuke deixou de existir cara a finais do século XIX, pero actualmente continúa unha tradición escrita e oral de numerosos honkyoku, aínda que esta música é hoxe a miúdo executada en concertos ou escenarios musicais.

Os samurai a miúdo escoitaban e tomaban parte na execución de actividades musicais como parte das súas prácticas para enriquecer as súas vidas e coñecemento.

O teatro musical desenvolveuse no Xapón desde épocas moi antigas. O noh (能) ou xerouse a partir de varias tradicións populares e cara ao século XIV converteuse nunha arte altamente refinada. Kan'ami (1333-1384) e Zeami (1363?-1443) elevárono á súa posición de máxima sofisticación. En particular, Zeami foi autor do núcleo do repertorio noh e foi autor de moitos tratados sobre os segredos da tradición (que recentemente foron amplamente difundidos a partir da idade moderna).

Outra forma de teatro xaponés é o teatro de monicreques ou marionetas, a miúdo chamado bunraku (文楽). Este teatro de marionetas tamén posúe raíces populares e desenvolveuse especialmente durante Chonin no período Edo (1600-1868). Xeralmente é acompañado por versos recitados, en varios estilos de jōruri acompañados de música shamisen.

Durante o período Edo, os actores (a partir de 1652 só adultos homes) actuaban no teatro kabuki, que era moi popular e colorido. O kabuki incluía todo tipo de representacións, desde obras históricas até pezas musicais con números de danza; era a miúdo acompañado por cantos en estilo nagauta e actuacións shamisen.

Biwa Hōshi, Heike Biwa, MOSO e Goze[editar | editar a fonte]

O biwa, que é unha forma de laúde de pescozo curto, era tocado por grupos de músicos itinerantes (biwa hōshi) que o usaban para acompañar as súas historias. A máis famosa destas historias é o Cantar de Heike, un relato do século XIX a. C. sobre o triunfo do clan Minamoto sobre o Taira. Cara ao século XIII os Biwa hōshi comezáronse a organizar nunha especie de asociación de oficios (tōdō) para homes con deficiencias visuais. Esta asociación eventualmente chegou a controlar unha gran porción da cultura musical do Xapón.

Adicionalmente, numerosos grupos máis pequenos de músicos cegos itinerantes formáronse na zona de Kyushu. Estes músicos, chamados mōsō ("monxes cegos") percorrían a campiña e executaban unha variedade de textos relixiosos e semirelixiosos para purificar as casas e traer boa saúde e sorte. Eles tamén tiñan un repertorio de xéneros seculares. O biwa que eles tocaban era considerablemente máis breve que o Heike biwa tocado polos biwa hōshi.

Lafcadio Hearn conta no seu libro Kwaidan: Stories and Studies of Strange Things "Mimi-Nashi Hoichi" (Hoichi o desorellado), unha historia xaponesa sobre pantasmas e un biwa hōshi cego que toca "Cantar de Heike".

Desde a era medieval, as mulleres cegas que eran músicos, chamadas goze, tamén percorrían os campos, entoando cancións e tocando música acompañadas por un tambor pequeno. A partir do século XVII elas tocaban o koto ou o shamisen. As organizacións Goze difundíronse por toda a rexión, e até hai moi pouco tempo existiron no que hoxe é a prefectura de Niigata.

Taiko[editar | editar a fonte]

Executante de Taiko.

O taiko é un tambor xaponés que é utilizado na execución de varios xéneros de música, existen diversos modelos que se diferencian polo seu tamaño. Alcanzou gran popularidade en épocas recentes como o instrumento de percusión central de numerosos conxuntos musicais, o repertorio baséase en música folclórica do pasado. Dita música taiko é tocada por conxuntos con grandes tambores chamados kumi-daiko. As súas orixes son un tanto incertas, aínda que se pode rastrexar até os séculos VI e VII, a partir dunha figura de arxila dun músico con tambor. Aínda que despois tivo influencias chinesas e coreanas, o instrumento e a súa música permaneceu unido ás súas raíces autenticamente xaponesas. Os tambores taiko durante este período foron utilizados durante as batallas para intimidar ao inimigo e pasar ordes de comando. O taiko foi posteriormente adoptado para a execución de música relixiosa budista e shintō. Antigamente os executantes de taiko eran homes santos, que só tocaban en ocasións especiais e en pequenos grupos, aínda que posteriormente tamén homes seculares (moi de cando en cando mulleres) tocaron o taiko en festivais semirelixiosos como bon dance.

Dise que os conxuntos de executantes modernos de taiko foron inventados por Daihachi Oguchi en 1951. Oguchi que tocaba o tambor en eventos de jazz, incorporou os seus coñecementos musicais na constitución de conxuntos con gran número de executantes. O seu estilo enerxético fixo que o seu grupo alcanzase gran popularidade no Xapón, convertendo á rexión de Hokuriku no centro da música taiko. Entre os músicos que xurdiron nesa época destácanse Sukeroku Daiko e o seu compañeiro Seido Kobayashi. Cara a 1969 xurdiu o grupo Za Ondekoza que foi fundado por Tagayasu Den; Za Ondekoza promoveu a incorporación de executantes novos que expuxeron algunhas innovacións na música taiko, e difundiuse en festivais e festas comunais. Durante a década de 1970, o goberno xaponés proveu de soporte económico a certas actividades que formaban parte da cultura xaponesa, e como consecuencia formáronse moitos grupos de taiko. Cara a finais do século XX, os grupos taiko difundíronse polo mundo, especialmente en Estados Unidos.

Música folclórica: Min'eō[editar | editar a fonte]

Unha muller tocando o shamisen, 1904.

As cancións folclóricas xaponesas ( min'eō) poden ser clasificadas de diversas formas, en xeral distínguense catro categorías principais: cancións sobre o traballo, cantos relixiosos (tales como sato kagura, un tipo de música sintoista), cancións para acontecementos tales como casamentos, funerais e festivais (matsuri, especialmente O-bon), e cancións para nenos (warabe uta).

No minyō, os cantantes adoitan acompañarse co laúde de tres cordas chamado shamisen, tambores taiko, e unha frauta de bambú chamada shakuhachi. Outros instrumentos que ás veces se utilizan son unha frauta travesa coñecida polo nome de shinobue, unha campá chamada kane, un tambor pequeno chamado tsuzumi, e unha cítara de 13 cordas chamada koto. En Okinawa, o principal instrumento é o sanshin. Aínda que todos estes son instrumentos tradicionais xaponeses, en instrumentacións modernas obsérvase ás veces o uso de guitarras eléctricas e sintetizadores, dependendo do estilo e idade do cantante, ás veces os cantantes enka incorporan elementos do repertorio tradicional min'eō (Enka é un xénero musical xaponés).

Existen varios termos comunmente asociados ao min'eō tales como ondo, bushi, bon uta, e komori uta. Un ondo polo xeral é unha canción folclórica cunha melodía distintiva que pode ser entendida como tendo un ritmo de 2/4 (aínda que os músicos polo xeral non agrupan as notas). A música folclórica típica que se escoita nas danzas dos festivais O-bon polo xeral é un ondo. Un fushi é unha canción cunha melodía característica. O seu nome, que se pronuncia "bushi", significa "melodía" ou "ritmo". Moi raras veces a palabra se utiliza illada, en cambio é acompañada por un prefixo que se refire a unha ocupación, localización ou nome persoal. Bon uta, tal como o indica o seu nome son cancións para O-bon, o festival de farois dos mortos. Komori uta son cancións de berce para nenos. Os nomes das cancións min'eu a miúdo inclúen un termo descritivo polo xeral ao final, por exemplo Tokyo Ondo, Kushimoto Bushi, Hokkai Bon Uta, e Itsuki no Komoriuta.

Moitas destas cancións salientan certas sílabas como tamén inclúen berros agudos (kakegoe). Polo xeral o kakegoe son berros de alegría pero no min'eō, a miúdo son incluídos como parte do coro. Hai numerosos kakegoe, e varían segundo a rexión. Por exemplo en Okinawa Min'eō, escoitarase a expresión "ha iya sasa!". Mentres que nas zonas centrais do Xapón, son máis comúns as expresións "a yoisho!," "sate!," ou "a sore!". Algunhas outras son "a donto koi!," e "dokoisho!"

Recentemente utilizouse un sistema para formación musical baseado en gremios coñecido como sistema iemoto a algunhas formas de min'eō. Este sistema foi inicialmente desenvolvido para transmitir xéneros musicais clásicos tales como nagauta, shakuhachi, ou koto, pero dado que mostrou ser axeitado para os profesores e contou co apoio dos estudantes que desexaban obter certificados de aprendizaxe, o método estendeuse para abarcar a outros xéneros tales como min'eō, Tsugaru-jamisen e outras formas de música que eran transmitidas tradicionalmente de maneira informal. Hoxe en día algúns min'eō son transmitidos a través deste tipo de organizacións pseudo familiares, e son comúns as aprendizaxes por períodos prolongados.

Mercado musical contemporáneo[editar | editar a fonte]

A industria da música contemporánea en Xapón ten bastantes diferenzas coa industria occidental, en especial a forma das promocións para os artistas. A forma de promoción do país tamén serviu como exemplo a seguir para diversos países asiáticos.

As vendas de álbums, sinxelos, e recentemente DVD, son medidas pola empresa Oricon, que tamén se encarga de crear unha clasificación co máis vendido de Xapón de maneira diaria, semanal, mensual e anual.

A pesar de que grandes selos como Sony Music, Warner ou Columbia esfórzanse por tratar de inserir ao mercado música occidental, case non teñen cabida dentro de Oricon, estando practicamente sempre os primeiros lugares na lista ocupados por artistas xaponeses.

Principais diferenzas con occidente[editar | editar a fonte]

Títulos nas cancións[editar | editar a fonte]

Os xaponeses son coñecidos polo gran respecto cara á caligrafía e escritura. Obsérvase nalgúns títulos de cancións, principalmente desde a década de 1980, que os artistas se foron liberando, comezando primeiro a utilizar títulos en idiomas latinos para algunhas das súas cancións (aínda que estivesen en xaponés), e despois ata coa utilización de títulos completamente en maiúsculas e todos en minúsculas, ou mesmo xogos entre elas para facelas máis desordenadas, e dalgunha forma máis "rechamantes" para o público. Mesmo nomes de bandas alternativas de rock e pop xaponés válense destas técnicas de mercadotecnia. Os exemplos máis clásicos é o título xa típico entre artistas xaponeses completamente en maiúsculas, ou tamén se inclúe a incorporación de "~ " ou "-", que tamén son símbolos frecuentemente usados dentro de cancións, aínda que tamén se utilizan caracteres gráficos que, antes da inclusión do sistema Unicode, non se atopan presentes dentro do noso sistema como ☆ e ♥, para facer títulos aínda máis rechamantes.

Os títulos das cancións son estritamente respectados coas súas distintas formas de ortografía e caligrafía no mercado, e fóra de páxinas non moi cultas respecto da cultura musical xaponesa pódense atopar títulos como "HANABI" escrito "Hanabi" ou "RUN☆RUN☆RUN" escrito "Run*Run*Run", pero son a minoría (en especial sitios de internet de fala inglesa onde comercializan música asiática).

Lanzamento de sinxelos e posteriormente álbum[editar | editar a fonte]

En xeral o mercado actúa de maneira distinta ao de occidente no sentido de que a promoción ocorre en orde distinta, sobre todo no que respecta aos lanzamentos de álbums e sinxelos promocionais. No Xapón, a diferenza de occidente, un artista que acaba de debutar ou un artista que lanza novos traballos despois de dar por terminada a promoción do seu álbum anterior lanza polo menos 3 ou 4 sinxelos antes do lanzamento do álbum que conterá ditas cancións, ao contrario de occidente onde xeralmente se lanza un sinxelo e días despois lánzase o álbum. Algúns consideran esta manobra mellor á occidental principalmente porque lle permite aos consumidores unha mellor comprensión sobre o contido do álbum dun artista, e máis aínda se anteriormente tamén adquiriron os sinxelos promocionais.

Os denominados "PV"[editar | editar a fonte]

Os vídeos musicais no Xapón son comunmente coñecidos como PV (Promotional Vídeo); isto foi adoptado do mercado occidental antes de que se instalase o termo máis moderno de MV (Music Vídeo), e PV quedou marcado na consciencia do consumidor para relacionar inmediatamente o termo co vídeo musical dunha canción.

CD con DVD[editar | editar a fonte]

Desde hai algúns anos xa é común a incorporación de DVD como produtos anexos a álbums e sinxelos sen discriminación. Esta manobra é realizada máis que nada polo selo independente máis importante do país Avex Trax. O DVD inclúe xeralmente os PVs das cancións que tamén están incluídas nese CD (álbum ou sinxelo), e tamén en contadas ocasións escenas de detrás de cámara dos vídeos ou algunha entrevista.

Chegada da música occidental[editar | editar a fonte]

Blues xaponés / Enka[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Ryūkōka , Kayōkyoku e Enka.
Ichiro Fujiyama, influente cantante ryūkōka.

Despois de que a Restauración Meiji introducise a instrución musical occidental, un burócrata chamado Izawa Shuji compilou cancións como "Auld Lang Syne".[3] Dúas formas principais de música que se desenvolveron durante este período foron shoka, que foi composta para levar a música occidental ás escolas e gunka.[4]

A medida que Xapón avanzaba cara á democracia representativa a finais do século XIX, os líderes contrataron cantantes para vender copias de cancións que emitían as súas mensaxes, xa que normalmente aos propios líderes se lles prohibía falar en público. Tamén se desenvolveu unha forma distintiva xaponesa de tango chamada dodompa. Kayōkyoku asociouse enteiramente ás estruturas tradicionais xaponesas influenciadas por Enka. Entre os famosos cantantes de enka inclúense Hibari Misora, Saburo Kitajima, Ikuzo Yoshi e Haruo Minami.

Música artística[editar | editar a fonte]

Música clásica occidental[editar | editar a fonte]

Shuji Isawa (1851-1917) estudou música na Bridgewater Normal School e na Universidade Harvard e foi unha figura importante no desenvolvemento da música xaponesa de influencia occidental na era Meiji (1868-1912). Ao regresar a Xapón en 1879, Isawa formou o Ongaku-Torishirabe-Gakari (Axencia de investigación musical), un centro nacional de investigación sobre música occidental; máis tarde foi rebautizado como Tokyo Music School (Tôkyô ongaku gakkô). En 1880, o amigo e profesor norteamericano de Isawa, Luther Whiting Mason, asumiu unha estancia de dous anos para desenvolver o currículo musical das escolas xaponesas. Kosaku Yamada, Yoshinao Nakada e Toru Takemitsu son ​​compositores xaponeses que desenvolveron sucesivamente o que agora se coñece como música clásica xaponesa.[5]

A música clásica occidental ten agora unha forte presenza no Xapón e o país é un dos mercados máis importantes desta tradición musical,[6] con Toru Takemitsu compuxo música de vangarda, música clásica contemporánea e bandas sonoras de películas.[7] Intérpretes internacionais distinguidos inclúen o director Seiji Ozawa e o pianista Fujiko Hemming.

Jazz[editar | editar a fonte]

Artigo principal: jazz xaponés.

A partir dos anos 30 (excepto durante a Segunda guerra mundial, cando foi reprimida como música do inimigo)[8][9] o jazz tivo unha forte presenza no Xapón.[10] O país é un mercado importante para a música e é común que alí estean dispoñibles gravacións non dispoñibles nos Estados Unidos ou Europa. Músicos como June (nacido no Xapón) e Dan (terceira xeración nacido nos Estados Unidos, de Hiroshima fama), e Sadao Watanabe teñen unha gran base de afeccionados fóra do seu país natal, e novos artistas xaponeses de jazz como H ZETTRIO, Chihiro Yamanaka e Hiromi Uehara lanzaron discos de jazz. Os dous irmáns Okino Shuya e Okino Yoshihiro de Kyoto Jazz Massive,Toshio Matsuura (antigo membro da United Future Organization) e DJ Shundai Matsuo creador do popular evento mensual de DJ Creole en Beppu, Xapón, así como artistas de nu-jazz, Sleepwalker, GrooveLine e Soil & "Pimp "Sessions, trouxo un gran cambio nas nocións tradicionais de jazz no Xapón. Algunhas das novas bandas inclúen Ego-Wrappin ' xunto con músicos máis experimentais como Otomo Yoshihide e Keiji Haino.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Horacio Curti. "Ideal sonoro y elementos de su construcción en la música de Japón." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de maio de 2013. Consultado o 28 de outubro de 2012. 
  2. Tokita, Alison; Hughes, David W. (2008). The Ashgate Research Companion to Japanese Music. Ashgate Publishing. p. 37. ISBN 9780754656999. 
  3. "Robert Burns – Auld Lang Syne". BBC. 23 de abril de 2009. Consultado o 1 de xaneiro de 2012. 
  4. Sugita, Satoshi (1972). "Cherry blossoms and rising sun – a systematic and objective analysis of Gunka (Japanese war songs) in five historical periods (1868-1945)" (en inglés). The Ohio State University. 
  5. Holderer, Michael J. (Primavera de 2009). "Japanese Western Classical Music from the Meiji to the Modern Era - Lecture Document" (PDF). The University of Texas at Austin. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de agosto de 2016. Consultado o 15 de setembro de 2017. 
  6. Lo, Patrick (2016). "Katsu Watanabe Akane Oki and Yasushi Ishii, Librarians of the NHK Symphony Orchestra, Tokyo". Conversations with the World's Leading Orchestra and Opera Librarians. Rowman & Littlefield. p. 156. ISBN 978-1-4422-5543-2. 
  7. "Takemitsu, Toru", The Concise Oxford Dictionary of Music, Ed. Michael Kennedy, (Oxford, 1996), Oxford Reference Online, Oxford University Press (accessed March 16, 2007) [1] (acceso con subscrición).
  8. Whatley, Katherine (2018-03-29). "Kiyoshi Koyama: A life lived with jazz". The Japan Times (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2019-06-09. Consultado o 2019-12-22. Around the same time as FEN’s broadcasts, jazz experienced a resurgence in popularity in Japan. It first became popular here during the late 1920s and ’30s, but was banned during World War II, along with other non-German music from the West. 
  9. Wilson, John S. (1978-05-26). "Jazz From Japan". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Arquivado dende o orixinal o 2019-12-22. Consultado o 2019-12-22. American jazz was banned during the war, but afterward, Japan leaped into jazz enthusiastically. 
  10. "Jazz in Japan: A History of Tradition and Modernity | United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization". www.unesco.org. Arquivado dende o orixinal o 2019-12-22. Consultado o 2019-12-22. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]