Ornette Coleman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ornette Coleman
Ornette Coleman en The Hague, 1994.
Nome completoOrnette Coleman
Data nacemento9 de marzo de 1930
Nado enFort Worth, Texas, Estados Unidos
Falecemento11 de xuño de 2015
 Manhattan
Causainfarto agudo de miocardio
SoterradoCemiterio de Woodlawn
Ocupaciónmúsico
Xénerojazz
Instrumento(s)saxofón
Tempo en activo1958 - 2015
Na rede
http://www.ornettecoleman.com/
IMDB: nm0171170 Allocine: 75254 Allmovie: p85500
Facebook: officialornettecoleman Bandcamp: ornettecoleman Spotify: 47odibUtrN3lnWx0p0pk2P iTunes: 461909 Last fm: Ornette+Coleman Musicbrainz: 169c0d1b-fcb8-4a43-9097-829aa7b39205 Songkick: 385737 Discogs: 224506 Allmusic: mn0000484396 WikiTree: Coleman-5312 Find a Grave: 147718172 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Randolph Denard Ornette Coleman, nado en Texas o 9 de marzo de 1930 e finado en Manhattan, na cidade de Nova York o 11 de xuño de 2015, foi un saxofonista, violinista, trompetista e compositor estadounidense, considerado como un dos máis grandes innovadores da escena do jazz, sobre todo nas décadas de 1950 e 1960, asociado ao estilo free jazz ou avant-garde.

Coleman desenvolveu toda unha teoría musical que une ritmo, melodía e harmonía e que el mesmo denominou como Harmolodics (ou máis recentemente como Sound Grammar). O seu estilo, facilmente recoñecíbel, caracterízase por un penetrante son que afonda as súas raíces no blues.

Biografía[editar | editar a fonte]

Os primeiros anos[editar | editar a fonte]

Ornette Coleman naceu e pasou os primeiros anos da súa vida en Fort Worth, Texas. Foi tamén nesta cidade onde comezou a dar os seus primeiros pasos no mundo da música inicialmente no saxo tenor en diversas bandas de R&B e bebop. En 1949 conseguiu un emprego no espectáculo itinerante de Silas Green from New Orleans e posteriormente noutras formacións de rhythm and blues coas que conseguiu saír da súa cidade natal viaxando en tourné por boa parte dos EUA. Mais xa daquela o seu estilo non gustaba moito entre as audiencias de R&B do sur dos Estados Unidos, chegando nunha ocasión a ser asaltado (mesmo lle destruíron o seu saxo) logo dunha actuación en Baton Rouge[1].

Tras o incidente en Baton Rouge pasouse ao saxo alto que se converteu no seu principal instrumento. Logo uniuse á banda de Pee Wee Crayton, viaxando con eles até Os Ánxeles e instalándose nesta cidade. Alá traballa en variados empregos como o de operario de elevadores, mentres continúa a desenvolver a súa carreira musical.

Mesmo nestes primeiros anos da súa carreira a súa música e estilo de tocar distaban de ser os ortodoxos na época. Se na década de 1950 o bebop era a corrente hexémonica, Coleman, a pesar de estar fortemente marcado por esta corrente, manifestaba un crecente desinterese pola rixidez na aproximación á harmonía e ás progresións de acordes que manifestaban a maioría de intérpretes de bebop. Deste xeito, Coleman axiña se viu un tanto fóra da escena musical dos Ánxeles, atopándose con máis dalgunha dificultade para encontrar xente coa que tocar. A maioría dos músicos consideraban que tocaba desafinado dado o seu son crú e fortemente vocalizado que procuraba nos límites das escalas. Coleman tentaba tocar o que sentía máis do que tentar encadrar unhas notas dentro dunha estrutura harmónica.

Porén, nesta época tamén haberá de encontrar valedores, como o pianista Paul Bley, alén de establecer alianzas musicais con algúns dos músicos cos que conseguirá unha maior afinidade: o trompetista Don Cherry, o baixista Charlie Haden e o batería Billy Higgins. Froito da actividade destes anos nacen dous importantes discos Something Else!!!! The Music of Ornette Coleman (1958) e Tomorrow Is the Question! (1959).

Os anos na Atlantic[editar | editar a fonte]

O ano 1959 é unha data sinalada na carreira de Ornette Coleman. Ao asinar un contrato para a gravación de varios discos co selo Atlantic Records, non só estaba a garantirse traballo para os próximos anos, senón que tamén significaba o seu traslado á costa Leste e, en breve, o seu salto á fama. O seu primeiro disco para este selo veu a luz en 1959 baixo o título The Shape of Jazz to Come, título profético que avisaba da revolución que estaba a punto de experimentar o mundo do jazz. No álbum xuntábanse catro músicos de cuxa asociación sairán algúns dos maiores éxitos de Coleman: alén do propio saxofonista, Charlie Haden, Don Cherry e Billy Higgins. En palabras do crítico Steve Huey o disco representa: un evento que marca a liña divisoria da xénese do avant-garde jazz, guiando profundamente o seu curso futuro e deitando un desafío sobre a mesa que algún aínda non se atreveu a recoller (a watershed event in the genesis of avant-garde jazz, profoundly steering its future course and throwing down a gauntlet that some still haven't come to grips with)[2]. A polémica estaba servida, a pesar de ser un álbum moi blues e fortemente melódico, as súas composicións eran atípicas e desestruturadas (para a época). Deste xeito, mentres que para algúns Coleman non era máis que un simple provocador ou un impostor que buscaba notoriedade, outros como o director de orquestra Leonard Bernstein ou o compositor Virgil Thomson viron nel a figura dun xenio visionario e innovador[3].

As súas actuacións en Nova York (sobre todo no Five Spot) creaban por igual lexións de incondicionais e de críticos. Entre os primeiros The Modern Jazz Quartet, John Coltrane, Sonny Rollins, Leonard Bernstein ou Lionel Hampton que amosaban o seu apoio á causa, solicitaban tocar con el ou mesmo lle pedían clases de iniciación no novo estilo (caso de John Coltrane). Mentres, outra parte da vella garda reaccionaba de xeito un tanto defensivo (aínda que nalgún caso se retractase) criticando o estilo de Ornette como por exemplo Miles Daves, Dizzy Gillespie ou Roy Eldridge.

Alén de Haden, Cherry e Higgins tamén foron colaboradores habituais de Coleman na etapa en Atlantic o baixista Scott LaFaro e o batería Ed Blackwell. Os discos a destacar desta etapa son Change of the Century (1960), This Is Our Music (1961) e Ornette On Tenor (1962) ademais do Free Jazz (1960) do cal, dada a súa grande importancia histórica, dedicamos un apartado especial a continuación. Esta etapa na Atlantic inclúe gravacións realizadas entre 1959 e 1961 e que foron sendo editadas en disco entre 1959 e 1975 (o último foi To Whom Who Keeps a Record editado só no Xapón en 1975), todas estas gravacións foron compiladas e editadas nunha caixa de CDs polo selo Rhino baixo o título de Beauty Is a Rare Thing (1993).

Free Jazz[editar | editar a fonte]

O 21 de decembro de 1960 Ornette gravou Free Jazz: A Collective Improvisation cunha formación atípica: un duplo cuarteto que incluía dous baterías (B. Higgins e Ed Blackwell), dous baixistas (S. LaFaro e C. Haden), dous trompetistas (D. Cherry e Freddie Hubbard), Eric Dolphy ao clarinete baixo e o propio Coleman ao saxo alto. O álbum foi gravado de xeito que cada cuarteto soase en cadansúa canle do estéreo: Coleman, Cherry, LaFaro e Higgins pola esquerda e Dolphy, Hubbard, Haden e Blackwell pola dereita. Free Jazz converteuse, cos seus preto de 40 minutos, no máis longo rexistro musical jazzístico até o momento e foi desde o primeiro intre o seu álbum máis controvertido.

A pesar do carácter unitario da obra, os dous cuartetos parecen enfrontarse ou colidir desde as dúas canles de son: por un lado unha das baterías tocando firme mentres a outra lle dobra o tempo, Haden ocupándose do rexistro máis grave do contrabaixo deixándolle a LaFaro os agudos a un ritmo bastante superior. Os motivos temáticos están constituídos por unha serie de breves e disonantes fanfarras que se repiten ao longo do tema. Ao igual que no jazz anterior hai unha serie de solos para cada un dos membros da banda, porén aquí o resto de solistas son libres de participar e interactuar en calquera momento orixinando momentos de gande intensidade de improvisación colectiva a cargo do octeto.

O auxe na sona de Ornette Coleman á fronte do jazz máis innovador do momento, unido ao feito de que este álbum se convertese en certa maneira na marca da casa, fixo que “free jazz”, en principio simplemente o título deste álbum, se convertese no termo que designase a este novo “estilo” ou xeito de facer jazz que se estaba a desenvolver (outros termos que decotío se empregan como sinónimos deste tipo de jazz máis arriscado son o de jazz de vangarda e, xa desde a década de 1960, New Thing). Porén, compre sinalar que o propio Ornette non se sentía moi de acordo co nome e amosaba desconformidade coa súa clasificación dentro dun novo xénero musical denominado free jazz. Coleman sempre se considerou a si mesmo como un compositor e, de feito, a súa música contén unha nada despreciábel cantidade de esforzo compositivo. Ademais as reminescencias e proximidade ao bebop son máis que evidentes non só no feito de que algúns dos seus temas se baseen en trocos de acorde típicos do bop (como Out of Nowhere ou I Got Rhythm) senón tamén no feito de que as súas melodías recorden ás de Charlie Parker.

Década de 1960 e comezos dos 70[editar | editar a fonte]

Iniciada a década de 1960 Coleman convertérase xa nunha das figuras centrais da escena do jazz de vangarda e continuaría a prolongar a súa influencia durante estes anos.

En 1962 e logo de publicar o Town Hall Concert (1962) no cal exploraría as posibilidades dos instrumentos de corda sorprende ao mundo do jazz cun retiro da actividade musical pública de durará uns dous anos. Durante este tempo aproveitou para aprender a tocar dous novos instrumentos, a trompeta e o violín que, para desgraza dalgúns, serán incorporados definitivamente ás súas actucacións. Na súa volta ao mundo da música co seu novo trío con David Izenzon ao baixo e Charles Moffett á batería rexistrará unhas sesións ao vivo en Estocolmo que adquirirán grande influencia At the Golden Circle Stockholm, Vol. 1 & 2 (1965) e onde daba mostra das súas habilidades (falta de habilidades para moitos) coa trompeta e o violín.

Tamén en 1965 Coleman grava co seu trío o que debería ser a banda sonora dun filme de Conrad Rooks titulado Chappaqua, mais o director decide finalmente prescindir da música alegando que era demasiado fermosa. De todos os xeitos Ornette Coleman sae durante o filme durante uns intres (tamén saen outras personalidades como William S.Burroughs, Allen Ginsberg, The Fugs ou Moondog).

En 1966 as críticas volvían a choverlle a Coleman coa publicación do álbum The Empty Foxhole no cal o seu fillo Denardo Coleman, que daquela tiña 10 anos, se ocupaba da batería. Para algúns tratábase unha vez máis dun esforzo por buscar a notoriedade, mentres que outros sostiñan que a pesar da xuventude de Denardo, este estudara durante moitos anos batería e a súa técnica, aínda que pouco refinada, era respectábel e entusiasta, máis próxima aos baterías free jazz como Sunny Murray que á tradición do bebop. Co paso dos anos Denardo adquiriu credibilidade como batería sendo ben respectado no mundo do jazz.

Durante os seguintes anos continuarán as mudanzas nas formacións de Coleman onde vellos colaboradores se mesturaban con novas caras: Haden, Jimmy Garrison, Elvin Jones, Dewey Redman etc. en discos variados como New York Is Now (1968) ou Crisis (1969). Tamén é destacábel que no ano 1969 foi incluído no Jazz Hall of Fame da revista Down Beat.

A comezos da década de 1970 ficha polo selo Columbia publicando tres discos de gran calidade musical. O primeiro deles foi Science Fiction (1971) un disco que como o seu propio nome indica, ficción científica, está presidido por un son estraño, case alieníxena. Para a ocasión conta con vellos compañeiros Haden, Higgins, Cherry e Blackwell, ademais do trompetista Bobby Bradford e dun colaborador dos últimos anos, o saxo tenor Dewey Redman. Ademais a cantante india Asha Puthli intervén en dous temas e o poeta David Henderson recita na peza que dá título ao disco. O segundo álbum para Columbia, Broken Shadows (1971) pode ser considerado unha secuela do anterior, por canto se compón do material sobrante das mesmas sesións máis dous temas, gravados polo curmán de Ornette James Jordan, que reflicten o sabor blues da música de Coleman. Por último, Skies of America (1972), supuxo a súa primeira gravación dun traballo para orquestra sinfónica e representa, ao mesmo tempo, o cumio do seu interese pola obtención de texturas cos instrumentos de corda. Por outro lado este concerto grosso resulta importante dado que constitúe a primeira tentativa de desenvolver a súa teoría harmolódica.

Prime Time[editar | editar a fonte]

Durante a década de 1970 asistimos a unha nova reinvención de Ornette Coleman. Ao igual que fixera Miles Davis antes ca el, Ornette electrifica a súa banda dando orixe á coñecida como Prime Time, unha formación variada, formada normalmente por un cuarteto dulplo (dúas baterías, dous baixos, dúas guitarras e o seu saxo) que incorpora baixos e guitarras eléctricas. O son que nace de aí emprega ritmos do rock e do funk dentro dun contexto harmolódico dando lugar ao que nalgúns momentos foi denominado free funk.

Habitualmente este período non foi especialmente valorado pola crítica a pesar de ofrecer varios discos dunha notábel factura como son Dancing In Your Head (1973), Opening Caravan of Dreams (1985) ou, sobre todo, In All Languages (1987) álbum duplo no cal no primeiro dos discos utiliza o seu formato “clásico” cos antigos colaboradores Cherry, Haden e Higgins, utilizando no segundo a formación de duplo cuarteto de Prime Time para executar un mesmo repertorio. Tamén resultou influente esta época en músicos como Greg Osby e Steve Coleman que se manterían nestas coordenadas estilísticas do free funk e desenvolvendo o coñecido como M-Base.

Entre os compoñentes máis habituais do conxunto Prime Time están o seu propio fillo Denardo, o batería Ronald Shannon Jackson, o baixista Jamaaladeen Tacuma ou o guitarrista Bern Nix. Tamén nesta época gravará co guitarrista Pat Metheny o álbum Song X (1985) baixo o nome do guitarrista a pesar de que todos os temas do disco son obra de Coleman e a achega deste sexa fundamental.

Os últimos anos[editar | editar a fonte]

Ornette Coleman nun concerto en outubro de 2005 en Ludwigshafen am Rhein, Alemaña

Os últimos anos supuxeron un abandono das formacións eléctricas cunha procura de novas vías de expresión musical.

En 1991 contribuíu no filme de David Cronenberg The Naked Lunch (O almorzo espido) colaborando con Howard Shore na realización da banda sonora, na cal vemos novamente a Coleman traballando cunha orquestra sinfónica (como xa fixera en Skies of America). Tamén é de destacar o feito insólito de poder escoitar a Ornette interpretando un estándar de Thelonious Monk, Misterioso.

Entre 1995 e 1996 volta a traballar por primeira vez en moitos anos cun piano. En concreto con Joachim Kühn (en Colors: Live from Leipzig, 1996) e con Geri Allen (nos álbums xemelos de Sound Museum: Hidden Man e Sound Museun: Three Women, 1996).

Tras un descanso de varios anos Ornette Coleman volveu aos escenarios e aos estudos de gravación, publicando en 2006 o disco Sound Grammar con novo material gravado ao vivo na Alemaña cunha formación que incluía a Denardo na batería e Greg Cohen e Tony Falanga no baixo. O disco foi premiado cun premio Pulitzer en 2007.

O 13 de novembro de 2007 Ornette Coleman deu un concerto en Galiza, en concreto no Pazo da Ópera da Coruña no marco dos concertos que a Fundación Pedro Barrié de la Maza organizou para a celebración do seu 40 aniversario.

Legado[editar | editar a fonte]

Ornette Coleman aparece nos nosos días como unha das figuras máis importantes non só do jazz, senón da música norteamericana do século XX en xeral, aunando cualidades na improvisación e na composición. A súa influencia na música contemporánea foi dunha grande importancia ao permitir a muitos músicos achegarse ao fenómeno musical con outros ollos creando, de camiño, unha das máis extensas familias musicais. Moitas das súas composicións, como "Lonely Woman", "Peace", "Turnaround", "When Will the Blues Leave?", "The Blessing", "Law Years", "What Reason Could I Give" ou "I've Waited All My Life", chegáronse a converter en standards do jazz e mesmo foron reinterpretadas nos máis diversos contextos: pianistas como Paul Bley ou Paul Plimley adaptáronas ao seus presupostos de jazz de vagarda, John Zorn homenaxeouno cun disco enteiro de versións en estilo hardcore-trash titulado Spy vs Spy (1989), Richard Greene levounas ao terreo da country music etc.

Ademais Ornette Coleman tamén deixou unha impronta a nivel compositivo co desenvolvemento da Teoría Harmólodica, no que foi un esforzo de toda a súa vida por achegarse á música cunha completa liberdade, nun sistema que fose capaz de unificar ritmo, melodía e harmonía. Como el mesmo chegou a afirmar, a súa música ten un carácter de unicidade que fai que debamos entender as súas composición como un conxunto que conforma un todo.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Something Else!!!! (1958)
  • Coleman Classics Vol. 1 (1958)
  • Tomorrow Is the Question! (1959)
  • The Shape of Jazz to Come (1959)
  • Change of the Century (1959)
  • This Is Our Music (1960)
  • Free Jazz (1960)
  • Ornette! (1961)
  • Ornette on Tenor (1961)
  • The Art of the Improvisers (1961)
  • Twins (1961)
  • Beauty Is a Rare Thing (1961)
  • Town Hall (1962)
  • Chappaqua Suite (1965)
  • An Evening with Ornette Coleman (1965)
  • Who's Crazy Vol. 1 & 2 (1965)
  • The Paris Concert (1965)
  • Live at the Tivoli (1965)
  • At the "Golden Circle" Vol. 1 & 2 (1965)
  • Ornette Coleman: The Empty Foxhole (1966)
  • The Music of Ornette Coleman - Forms & Sounds (1967)
  • The Unprecedented Music of Ornette Coleman (1968)
  • Live in Milano (1968)
  • New York Is Now (1968)
  • Love Call (1968)
  • Ornette at 12 (1968)
  • Crisis (1969)
  • Man on the Moon/Growing Up (1969)
  • Broken Shadows (1969)
  • Friends and Neighbors (1970)
  • Science Fiction (1971)
  • European Concert (1971)
  • The Belgrade Concert (1971)
  • Skies of America (1972)
  • J for Jazz Presents O.C. Broadcasts (1972)
  • To Whom Who Keeps a Record (1975)
  • Dancing in Your Head (1976)
  • Body Meta (1976)
  • Soapsuds, Soapsuds (1977)
  • Of Human Feelings (1979)
  • Opening the Caravan of Dreams (1983)
  • Prime Time/Time Design (1983)
  • Song X (1985)
  • In All Languages (1987)
  • Live at Jazzbuehne Berlin (1988)
  • Virgin Beauty (1988)
  • Naked Lunch (1991)
  • Tone Dialing (1995)
  • Sound Museum - Hidden Man & Three Women (1996)
  • Colors: Live from Leipzig (1997)
  • Sound Grammar (2006)

Citas[editar | editar a fonte]

  • Toco pura emoción (I play pure emotion. Recollida por Gene Grove, New York Post, novembro de 1960).
  • Toca o que sintas - algo. Toca o pensamento, a idea na túa mente... Racha coa convención e o inmobilismo - foxe! (Blow what you feel - anything. Play the thought, the idea in your mind... Break away from the convention and stagnation - escape! Recollida por Paul Adams, The Michigan Chronicle, 19 de outubro de 1960)
  • Hai unha continuidade de expresión, certas ramaxes de pensamento en continua evolución que conectan todas as miñas composicións. Talvez sexa como as pinturas de Jackson Pollock. (There is a continuaty of expression, certain continually evolving strands of thought that link all my compositions together. Maybe it's like the paintings of Jackson Pollock. Das notas interiores do propio Coleman para o disco Change of the Century)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Spellman, A. B. (1985 orixinalmente en 1966). Four Lives in the Bebop Business. Limelight, 98-101. ISBN 0-87910-042-7.
  2. Huey, Steve. The Shape of Jazz to Come en allmusic.com Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
  3. "Biografía de Ornette Coleman en Europe Jazz Network". Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2010. Consultado o 23 de xullo de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Escolma de libros e artigos:

  • Coleman, Ornette. Entrevista con Andy Hamilton. A Question of Scale The Wire, xullo de 2005.
  • Entrevista con Eldridge, Roy. Esquire, marzo de 1961.
  • Jost, Ekkehard Free Jazz (Studies in Jazz Research 4). Universal Edition, 1975.
  • pellman, A. B. Four Lives in the Bebop Business Limelight (1985, orixinalmente 1966)ISBN 0-87910-042-7
  • Litweiler, John. Ornette Coleman: A Harmolodic Life, Londres: Quartet Books (1992), ISBN 0-7043-2516-0
  • Mandel, Howard. Miles, Ornette, Cecil: Jazz Beyond Jazz. Routledge (2007). ISBN 0-415-96714-7.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]