Saltar ao contido

Modo musical

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Modo (música)»)

Na teoría da música occidental, un modo é un tipo de escala musical unido a un conxunto de comportamentos melódicos e harmónicos característicos. Os modos musicais formaron parte do pensamento musical occidental desde a Idade Media e inspiráronse na teoría da música grega antiga. O nome modo deriva da palabra latina modus, "medida, estándar, xeito, tamaño, límite de cantidade, método".[1][2]

Modos e escalas

[editar | editar a fonte]

Unha escala musical é unha serie ordenada de sons —a partir dunha primeira e última nota do mesmo nome, que dan nome á escala— entre os que se manteñen uns determinados intervalos musicais, que dan nome ao tipo de escala.

O termo modo fai referencia ás escalas e regras compositivas da melodía usadas nos sistemas musicais antigos, especialmente aos «modos medievais» utilizados nos cantos chans (como o canto gregoriano). Tamén pode utilizarse para designar aos «modos gregos», escalas descendentes do sistema musical da antiga Grecia. Nun sentido máis amplo engloba tamén as ordenacións de alturas utilizadas na música folclórica, étnica e a proveniente de culturas non europeas.[3][4] O uso dun modo nunha peza ou fragmento musical coñécese como «modalidade». Cando se utiliza máis dun modo simultaneamente fálase de polimodalidade, por exemplo a polimodalidade cromática.

Transposición de modos

[editar | editar a fonte]

No sistema tonal, os dous tipos de escalas (maior e menor) son soamente relativos e pódense aplicar a unha escala baseada en calquera altura (por iso dise do maior, do menor, re maior, re menor, etc.). En cambio no sistema modal cada tipo de escala ten unha altura correspondente. Naturalmente un compositor moderno, ao usar un modo antigo, pode transpoñelo a calquera altura.

Corda mutabilis

[editar | editar a fonte]

Incluso os compositores medievais descubriron ese recurso, ao tratar de evitar a aparición do "diabólico" intervalo de cuarta aumentada fa-si, pero usárono dunha maneira máis limitada, chamada corda mutabilis (a deformación dalgúns modos mediante o uso do fa sostido e do si bemol).

Debido a unha confusión histórica na transcrición utilízanse os mesmos nomes dos modos do sistema modal grego (dórico, frixio, lidio, mixolidio...) para designar os modos usados durante a Idade Media no sistema modal eclesiástico, que son moi diferentes entre si. Como regra mnemotécnica, os modos auténticos gregos créanse descendentemente partindo das notas mi, re, do, si. Os modos auténticos medievais fórmanse ascendentemente a partir das notas re, mi, fa, sol.

Modos gregos

[editar | editar a fonte]

Na teoría musical da antiga Grecia é máis apropiado empregar os termos harmonia ou tons (en plural harmoniai ou tonoi), xa que a palabra «modo» é un termo latino posterior.[5] Os modos gregos antigos ou escalas gregas segundo a tradición de Aristoxeno de Tarento eran os seguintes:[6][7][8]

  • Modo dórico: hypate meson–nete diezeugmenon (re′–re″)
  • Modo locrio (común) ou modo hipodórico: mese–nete hyperbolaion ou proslambnomenos–mese (si′–si″ ou la–la′)
  • Modo frixio: lichanos hypaton–paranete diezeugmenon (mi′–mi″)
  • Modo hipofrixio: lichanos meson–paranete hyperbolaion (sol′–sol″)
  • Modo lidio: parhypate hypaton–trite diezeugmenon (fa′–fa″)
  • Modo hipolidio: parhypate meson–trite hyperbolaion (fa′–fa″)
  • Modo mixolidio: hypate hypaton–paramese (sol–sol′)

A base da antiga teoría grega era o tetracordo, sucesión conxunta de catro notas en sentido descendente comprendidas no ámbito dunha cuarta xusta. O dórico ou dorio era o tetracordo básico de cuxas notas xurdían outras tres. A unión de dous tetracordos iguais constituía o modo. O nome dos tetracordos e os seus nomes son: Dórico -simétrico, Frixio -simétrico, Lidio -simétrico, Mixolidio -asimétrico

Cada modo tiña unha nota fundamental, (tónica, a primeira nota da escala), e unha nota dominante (a quinta nota dunha escala). A fundamental e a dominante eran as mesmas notas no modo auténtico e no seu correspondente hipo- ou plagal. A diferenza era que a escala hipo- empezaba e terminaba coa fundamental e no modo auténtico empezaba e terminaba coa dominante. Soamente as notas la', sol, fa e mi podían ser fundamentais e mi, re, do e si eran dominantes. O modo dórico era o máis importante do sistema.

Este oito modos clasificábanse en dous tipos:[9]

  • Modos auténticos: dórico, frixio, lidio e mixolidio, que se construían descendentemente a partir da nota tónica do modo mediante dous tetracordos idénticos separados por un ton enteiro.
  • Modos plagales: hipodórico, hipofrixio, hipolidio e hipomixolidio, que se obtiñan desprazando unha quinta cara a abaixo os anteriores e por iso desígnanse con igual nome que os modos auténticos pero co prefixo hipo que significa «debaixo», «baixo de».

A teoría musical grega distinguía tres xéneros de escalas:[7][10]

  • No xénero diatónico a interválica descendente de cada tetracordo é ton-ton-semitón.
  • No xénero cromático a interválica descendente de cada tetracordo é terceira menor-semitón-semitón.
  • No xénero enharmónico a interválica descendente de cada tetracordo é terceira maior-cuarto de ton-cuarto de ton.
Os oito modos gregos, a letra «D» indica a dominante e a «F» indica a fundamental.
Modos auténticos Ámbito Dominante Fundamental Modos plagales Ámbito Dominante Fundamental
Modo dórico mi a mi mi la Modo hipodórico la a la mi la
Modo frixio re a re re sol Modo hipofrixio sol a sol re sol
Modo lidio do a do do fa Modo hipolidio fa a fa do fa
Modo mixolidio si a si si mi Modo hipomixolidio mi a mi si mi

Modos medievais

[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Media levouse a cabo unha reorganización do sistema modal, de tal maneira que os modos pasaron a ser ascendentes. Chámaselles tamén modos eclesiásticos ou gregorianos por ser utilizados no canto chan litúrxico. Os sons que conforman cada un dos oito modos son o resultado de tocar só as teclas brancas do piano, comezando nunha determinada tecla branca cada vez e subindo tecla por tecla. A sucesión de tons e semitóns en cada un dos modos é o que lles dá o seu carácter especial. Así, o modo en que está escrita unha melodía caracterízase pola súa nota final (a nota na que termina) e o seu ámbito (desde a nota máis grave á máis aguda).

Estes modos medievais son unha copia dos oito tons bizantinos e tomaron as súas denominacións dos modos gregos. A igrexa bizantina desenvolveu nas súas orixes un sistema de oito modos musicais (o oktōēchos), que serviu como modelo para que os teóricos do canto chan medieval europeo desenvolvesen o seu propio sistema de clasificación modal a partir do século IX.[11] O éxito da síntese occidental deste sistema con elementos do cuarto libro da serie De institutione musica de Boecio, creou a falsa impresión de que o oktōēchos bizantino era herdanza directa da antiga Grecia.[12] O termo foi usado orixinalmente para designar a unha das harmoniai tradicionais da teoría musical grega e tiña varios significados, entre os que se incluía o sentido dunha oitava formada por oito sons. Este nome foi tomado polo teórico Ptolomeo do século II xunto con outros seis para designar os seus sete tonoi ou tonalidades de transposición. Catro séculos máis tarde, Boecio interpretou a Ptolomeo en latín, aínda co sentido de tonalidades de transposición en lugar de escalas. Cando a teoría do canto chan estaba a ser formulada por primeira vez no século IX, estes sete nomes máis un oitavo, hipermixolidio (máis tarde substituído por hipomixolidio), foron novamente reasignados no tratado anónimo Alia Musica. Un dos comentarios sobre ese tratado denominado Nova expositio, deulles por primeira vez o sentido de especies de oitavas diatónicas ou escalas.[13]

Son en total oito modos construídos ascendentemente mediante dous tetracordos. A partir dos catro modos auténticos fórmanse os catro modos plagales desprazando o tetracordo superior por baixo da primeira nota do modo auténtico. Cada modo ten dúas notas básicas: o tenor (principal nota sobre a que se apoia o canto, que adoita actuar a modo de polo ou corda de recitación), e a finalis que é a nota final coa que conclúe o canto.

Os oito modos medievais, a letra «F» indica a finalis e a «T» o tenor.[14]
Modos auténticos Ámbito Finalis Tenor Modos plagales Ámbito Finalis Tenor
Modo I / dórico / protus authenticus re a re re la Modo II / hipodórico / protus plagalis la a la re fa
Modo III / frixio / deuterus authenticus mi a mi mi do Modo IV / hipofrixio / deuterus plagalis si a si mi la
Modo V / lidio / tritus authenticus fa a fa fa do Modo VI / hipolidio / tritus plagalis do a do fa la
Modo VII / mixolidio / tetrardus authenticus sol a sol sol re Modo VIII / hipomixolidio / tetrardus plagalis re a re sol do

Os modos utilizábanse en diferentes cantos chans (como o canto gregoriano). Utilízanse tamén en composicións modernas.

  1. Powers (2001), Introduction
  2. Oxford English Dictionary
  3. Powers, Harold S. & Wiering, Frans: «Mode» en New Grove Dictionary of Music and Musicians ed. Stanley Sadie. Londres: MacMillan, 2001 [1980].
  4. Winnington-Ingram, Reginald P.: Mode in Ancient Greek Music. Cambridge University Press, 1936, pp. 2–3.
  5. Michels, Ulrich: Atlas de música. Madrid: Alianza, 2009 [1982], pp. 176-177.
  6. Barbera, André: «Octave Species» en The Journal of Musicology, 3 (3):229–241, 1984, p. 240. (JSTOR)
  7. 7,0 7,1 Mathiesen, Thomas J.: «Greece, §I: Ancient: 6. Music Theory: (iii) Aristoxenian Tradition: (d) Scales» en New Grove Dictionary of Music and Musicians ed. Stanley Sadie. Londres: MacMillan, 2001 [1980], 10:339.
  8. «Mode;Ancient-Greek-modes» en Encyclopædia Britannica, (consultado o 21-04-2013).
  9. Pérez Gutiérrez, Mariano: Diccionario de la música y los músicos. Barcelona: Akal, 1985, vol. 2 p. 343.
  10. Barker, Andrew: Greek Musical Writings. Cambridge University Press, 2004, vol 2 pp. 12-13.
  11. Powers, Harold S.: «Mode, §II: Medieval modal theory, 2: Carolingian synthesis, 9th–10th centuries» en New Grove Dictionary of Music and Musicians ed. Stanley Sadie. Londres: MacMillan, 2001 [1980].
  12. Jeffery, Peter: «Oktōēchos» en New Grove Dictionary of Music and Musicians ed. Stanley Sadie. Londres: MacMillan, 2001 [1980].
  13. Powers, Harold S.: «Dorian» en New Grove Dictionary of Music and Musicians ed. Stanley Sadie. Londres: MacMillan, 2001 [1980].
  14. Curtis, Liane: «Mode» en Companion to Medieval and Renaissance Music, ed. Tess Knighton & David Fallows. University of California Press, 1992, p. 255.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]