Música aleatoria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A partir de 1950 introdúcese a música aleatoria (ou música de azar), que está baseada en elementos non regulados por pautas establecidas e na que adquire un papel preponderante a improvisación a partir das secuencias non estruturadas. Tales trazos poden fixarse na creación do autor ou no desenvolvemento da propia interpretación. É frecuente, en consecuencia, a composición musical de obras aleatorias nas que o executante determina a estrutura final da obra, mediante a reordenación de cada unha das seccións da mesma, ou mesmo mediante a interpretación simultánea de varias delas.

O azar é un trazo definitorio desta técnica compositiva que alcanzaría unha notable difusión a partir dos anos cincuenta. Aínda que a música aleatoria xa non está en primeira liña, as súas técnicas son aínda moi utilizadas polos compositores.

As correntes aleatorias tiveron algunhas das súas máis significativas representacións nas creacións do estadounidense John Cage -Music of Changes (1951 ou 4'33; Música de cambios)-, o alemán Karlheinz Stockhausen -Hymnen (1967; Himnos)-, os italianos Bruno Maderna e Franco Donatoni, o español Luís de Pablo, os arxentinos Alberto Ginastera e Mauricio Kagel, o peruano Leopoldo La Rosa e o francés Pierre Boulez.

O grao de aleatoriedade pode ser unha variable máis da música, o que permite falar dunha aleatoriedade controlada que manipula o azar como un elemento compositivo, como sucede nos Xogos venecianos (1961) do polaco Witold Lutoslawski.

As máis destacadas modalidades nas que se expón a creación aleatoria na música contemporánea son a forma móbil, que impón diversas solucións interpretativas de rango equiparable; a forma variable, na que predomina a improvisación; e o chamado work in progress, que constitúe o máximo grao de azar na execución da peza. En todas elas adoitan incorporarse instrumentos clásicos, con especial atención ao piano, e medios de execución electrónicos tales como sintetizadores, distorsionadores e cintas gravadas.