Emperador, emperatriz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Imperator»)

Emperador é un título político orixinado no Imperio Romano. Malia que con frecuencia se chame emperadores aos líderes de certos grandes imperios, por asociación con estes, o certo é que os comunmente chamados Emperadores da China ou do Xapón non o son no sentido estrito, porque o título se asocia cun certo continuísmo (ás veces moi de lonxe) coa cultura latina da que emana.

Historia[editar | editar a fonte]

Título latino[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Emperador romano.

Orixinariamente o imperator era o xefe do exército romano. O ano 27 a.C., Octavio Augusto unificou o mundo romano e estableceu o Imperio Romano, pero non se atreveu a asumir poderes absolutos e quebrar desta maneira o sistema político da República Romana, debido ao exemplo que representaba o asasinato de Xulio César o ano 44 a.C., precisamente acusado polos senadores de querer acabar coas liberdades civís republicanas. Desta maneira creou o Principado, un réxime político no cal se mantiñan todos os cargos e formas republicanas, pero todos os grandes cargos públicos eran asumidos por Octavio. Malia que este aceptou para si tan só o título de princeps civium (isto é, o primeiro dos cidadáns), na práctica o título máis importante que tiña era o de Imperator ou xefe do exército, porque era este o último garante da paz romana despois das cruentas guerras civís libradas no último século. Desta maneira, co paso do tempo foise identificando o título de Emperador co de amo e señor absoluto dun imperio.

A caída de Roma[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Imperio Bizantino e Imperio Carolinxio.

Unha vez derrubado o Imperio Romano de Occidente, o Imperio Bizantino considerouse continuador da tradición romana, malia que abandonou a cultura latina pola antiga cultura helénica que dear orixe a aquela. Os emperadores bizantinos fixéronse chamar co termo grego basileus, que significa rei. Non obstante, no ámbito oriental comezou a cobrar forza tamén o título de Tsar, derivado do nome latino César, e que se aplicou despois ao Tsar de Bulgaria, para ser tomado no seu momento polos Tsares do Imperio Ruso, unha vez caída Constantinopla en mans dos otománs.

En Occidente non houbo Emperadores desde o ano 476, pero a Igrexa católica se consideraba continuadora do Imperio, no campo espiritual. Inicialmente os papas romanos recoñeceron aos emperadores bizantinos como continuadores da tradición imperial romana, pero as crecentes desavinzas entre ambos (fundamentalmente porque os papas tiveron moitas veces que se defenderen coas súas propias armas de invasores estranxeiros, sen recibiren axuda dos bizantinos que supostamente debían protexelos) fixeron que o Papa volvese a mirada cara ao crecente poder político dos francos. Desta maneira os Papas chamaron a Pipino o Breve na súa axuda, entronizándoo como rei dos francos en recompensa. O seu fillo Carlomagno foi coroado Emperador de Occidente o ano 800 en Roma, nun xesto do Papa León III; oficialmente sostense que por agradecemento ante a súa intervención durante unha revolta en Roma, pero é posíbel que fora motivado polo crecente acercamento entre Carlomagno e Irene, daquela emperatriz de Bizancio, o que ía en contra dos seus intereses. No ano 812, o emperador bizantino Miguel I Rangabé recoñeceu a Carlomagno como emperador de Occidente a través dun tratado firmado en Aquisgrán, malia que esta aceptación foi feble, xa que Bizancio consideraba que a nova realeza xermana non tiña lazo xurídico ningún co Imperio Romano, mentres que o Imperio Bizantino si que era (no papel, polo menos) sucesor legal deste, en Oriente.

Despois de que os netos de Carlomagno se repartiron o seu imperio no Tratado de Verdún (843), houbo varios reis que con maior ou menor fortuna intentaron facerse recoñecer como Emperadores, tratando de forzar ao Papa mediante o envío de expedicións militares a Italia. Finalmente o ano 962 o rei xermano Odón o Grande conseguiu ser coroado lexítimo Emperador de Occidente, o que o proclamaba como herdeiro de Carlomagno, fundándose así o Sacro Imperio Romano Xermánico. Os seus sucesores conservarían o título ata o ano 1806, malia que o propio Sacro Imperio Romano Xermánico foi practicamente desmantelado en 1648, despois do Tratado de Westfalia.

Sacro Imperio Romano Xermánico[editar | editar a fonte]

Durante séculos admitiuse en Occidente que o Papa, como lexítimo custodio da tradición romana, era o único capaz de designar Emperadores. Supostamente, na concepción medieval, o mundo estaba baixo a tutela temporal do Emperador, e a espiritual do Papa, como señores conxuntos do mundo cristián (e do mundo, en definitiva, por canto o Papa se consideraba Vicario de Cristo para toda a Humanidade). Desta maneira só podía haber un único Emperador, con xurisdición sobre todos os reis cristiáns. No entanto, este soño estivo lonxe de cumprirse, xa que nunca o Emperador de Occidente conseguiu impoñerse a todos os reis cristiáns; quen levou máis lonxe este soño universalista foi o Emperador Carlos I de España, precisamente nunha época (o Século XVI) na que o universalismo medieval estaba desaparecendo en beneficio do nacionalismo moderno. Porén, malia que os reis medievais se trenzaran en múltiples guerras, e incluso moitos deles combateran polas armas ao Emperador, xamais intentaron tomar para si o título por non contar coas bases legais para iso.

Imperio Napoleónico[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Primeiro Imperio Francés.

A chegada de Napoleón Bonaparte cambiaría as cousas. Durante o Século XVIII producírase un forte renacemento do clasicismo romano (Neoclasicismo), que vinculara á idea de que a Razón había superar o escurantismo que se identificaba coa Idade Media. No político (e tamén no artístico), Napoleón tratou xustamente de regresar ao modelo imperial romano, polo que se transformou en cabeza dun goberno directorial á maneira romana: o Consulado. Napoleón finalmente mandou chamar mediante presións e ameazas ao Papa Pío VII para coroarse Emperador na Catedral Notre Dame de París, o ano 1804. Non obstante, no momento decisivo e nun xesto de orgullo, Napoleón arrebatou ao Papa a coroa imperial, e cinguiuna el mesmo, como un xesto segundo o cal el mesmo se facía o home máis poderoso da Terra. Con todo, aínda seguía existindo o Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, daquela Francisco II, quen optou por renunciar ao seu título en 1806 e adoptar o de Emperador de Austria co nome de Francisco I.

O xesto de Napoleón non só foi cualificado como unha usurpación por parte dun recentemente chegado sen títulos legais nin xurídicos para a súa acción, senón que ademais abriu a espita para outros que a seguir se proclamaron Emperadores nos máis curiosos lugares da terra. Desta maneira, en Haití reinaron os Emperadores Xacobo I de Haití (1804-1806) e Faustino I (1847-1859). En México, o xeneral Agustín de Iturbide proclamouse como Emperador Agustín I en 1821, malia que sería derrocado ao ano seguinte; en 1864 asumiría Maximiliano I en México, entronizado polos exércitos de Napoleón III, e duraría en funcións ata ser fusilado en 1867. Ao ano seguinte que Agustín Iturbide, en 1822, proclamouse o Imperio do Brasil, con Pedro I do Brasil como Emperador; este duraría ata a proclamación da República en 1888. En 1871 o Rei Guillerme de Prusia, despois da Guerra franco-prusiana, e considerándose lexítimo herdeiro do Sacro Imperio Romano Xermánico (que seguía existindo xuridicamente baixo a forma de Imperio Austrohúngaro, ao cal os propios prusianos derrotaran militarmente en 1866), proclamouse Emperador de Alemaña. E en 1976 o xeneral africano Jean-Bédel Bokassa (admirador de Napoleón Bonaparte) transformou a República Centroafricana en Imperio Centroafricano, e el mesmo proclamouse Bokassa I nunha desmesurada cerimonia; este ditador duraría ata 1979, ano en que foi derrocado por unha sublevación popular.

Na actualidade, o único gobernante do mundo que conserva o título de Emperador é o do Xapón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]