Saltar ao contido

Gabinete Numismático de Viena

Para outros artigos de entidades numismáticas coa palabra "gabinete", véxanse as páxinas de homónimos Gabinete, Gabinete numismático e Münzkabinett.
Gabinete Numismático de Viena
––Münzkabinett Wien––
Unha das salas do
Gabinete Numismático de Viena
Coordenadas
PaísAustria Austria
Cidade Viena
DirectorKlaus Vondrovec.
InauguraciónS. XVI: inicio da colección.
S. XVII: creación do gabinete.
1909: configuración actual.
editar datos en Wikidata ]

O Gabinete Numismático de Viena (en alemán: Münzkabinett Wien), formalmente Gabinete de Moedas do Museo de Historia da Arte de Viena (Münzkabinett des Kunsthistorischen Museums Wien), é unha institución pública vinculada ao Museo de Historia da Arte de Viena que alberga a colección numismática máis ampla de Austria. Trátase do quinto gabinete numismático máis grande do mundo, logo dos de Londres, París, Berlín e San Petersburgo.[1]

O seu director é Klaus Vondrovec.[2]

A orixe desta gran colección de moedas de Viena remóntase aos Habsburgo como emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico, sinaladamente ao afán coleccionista de Maximiliano I (1459-1519) e do seu neto Fernando I (1503-1564), e tamén do fillo deste, o arquiduque Fernando II (1529-1595), príncipe do Tirol. En 1547, baixo Fernando I, está datado o primeiro inventario da colección imperial, que daquela constaba de 1.567 moedas, case todas elas romanas.[3][4]

O emperador Rodolfo II (1552-1612), importante mecenas na corte de Praga, ampliou a colección e promoveu a arte da medalla, e Carlos VI (1685-1740) foi o primeiro en nomear un "inspector de medallas e antigüidades", o erudito sueco Carl Gustav Heraeus, en 1712, a quen se lle encomendou a creación dun gabinete imperial que unificase diversas coleccións existentes en diferentes lugares.[3][4]

Valentin Jamerai Duval (1695-1775), organizador do gabinete numismático de Francisco I (1708-1765), portando unha bandexa de medallas.

Pola súa banda, Francisco Estevo de Lorena (1708-1765) chamou a Viena outro erudito, Valentin Jamerai Duval (1695-1775) para organizar a colección e ampliala á moeda moderna doutras partes do mundo.[3] En 1748, Francisco Estevo tomou a transcendente decisión de unificar o denominado Numophylacium Carolino-Austriacum e o Numophylacium imperatoris Francisci I nun único gabinete.[5] O inventario xeral preparado co gallo desta fusión compúñase de 50.000 elementos, entre eles 21.000 moedas antigas.[4]

Aínda baixo a supervisión xeral de Duval, en 1774 nomeouse a Joseph Hilarius Eckhel (1737-1798) como director da colección de moedas e antigüidades, quen abriu ao público a colección e, en certo modo, estableceu as bases científicas da numismática coa súa obra en oito volumes Doctrina numorum veterum ("Coñecemento das moedas antigas"), que clasificaba as moedas segundo criterios xeográficos e cronolóxicos.[3][4]

Durante o século XIX, as achegas doutras disciplinas históricas transformaron aínda máis o campo da numismática, que dunha perspectiva unicamente descritiva pasou a amosar interese pola historia do diñeiro e da circulación monetaria, o que ampliou o abano de actividades do gabinete.[4] En 1891 produciuse a unificación da colección no Kunsthistorisches Museum (inaugurado ese mesmo ano), que ata entón estaba dividida en varias sedes na contorna de Viena, e en 1900 o Gabinete de Moedas e Antigüidades separouse en dúas coleccións diferentes. Finalmente, en 1909 o Gabinete numismático de Viena quedou definitivamente albergado, con identidade propia, no segundo andar do edificio do museo.[3][4]

Colección e exposición

[editar | editar a fonte]
Expositores nunha sala do Gabinete Numismático de Viena.

A colección actual do Gabinete Numismático de Viena está composta por preto de 700.000 obxectos relacionados coa numismática, entre moedas, medallas, billetes, condecoracións, tarxetas de crédito etc. Xunto co Gabinete de Medallas de París, o Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, o Münzkabinett de Berlín, a colección numismática do Hermitage, en San Petersburgo, e a colección da American Numismatic Society, en Nova York, o gabinete vienés sitúase entre os máis completos e importantes no seu ámbito.[1][3]

A exposición permanente do gabinete componse de arredor de 2.000 obxectos, distribuídos en dúas salas. Na primeira delas ofrécese unha visión xeral do desenvolvemento da medalla desde as súas orixes na Italia de principios do século XV ata os nosos días, xunto con insignias e condecoracións. Na segunda sala faise un percorrido pola historia do diñeiro, desde as formas de pagamento premonetarias e as primeiras moedas xurdidas na costa de Lidia, na Asia Menor, no século VII a. de C., ata as moedas e os billetes actuais.[1]

Hai unha terceira sala, que se reserva para as exposicións especiais e de carácter temporal.[1]

Directores

[editar | editar a fonte]

Logo da xubilación en 1899 de Friedrich von Kenner na dirección da colección de medallas e moedas, esta dividiuse transitoriamente en 1905 en dous departamentos, un de "moeda antiga, bizantina e oriental" e outro de "moeda medieval e moderna". Estes foron os directores da institución a partir da súa configuración dentro do Kunsthistorisches Museums:[6][7]

Karl Domanig
Sabine Haag.

Departamento de moeda antiga, bizantina e oriental

Departamento de moeda medieval e moderna

Gabinete unificado

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Coin Collection". Kunsthistorisches Museum Wien.
  2. "Curatorial Staff". Kunsthistorisches Museum Wien.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "The History of the Vienna Numismatic Collection". Kunsthistorisches Museum Wien.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "History of the collection". Kunsthistorisches Museum Wien.
  5. Hassmann, E.; Winter, H. (2016).
  6. Koch, B. (1982).
  7. Hauser, P. (1984). "Zum 150. Geburtstag des numismatikers Dr. Friedrich Kenner". En Jahrbuch des Oberösterreichischen Musealvereines. Vol.129a. Páxina 207.
  8. Holzmair, E. (1972).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]