Fight Club

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fight Club
Fight Club logo1.png
Ficha técnica
Título orixinal Fight Club
Director David Fincher
Produtor Art Linson
Ceán Chaffin
Ross Grayson Bell
Guión Jim Uhls
Baseado en Fight Club de Chuck Palahniuk
Intérpretes Brad Pitt
Edward Norton
Helena Bonham Carter
Meat Loaf Aday
Jared Leto
Música Dust Brothers
Fotografía Jeff Cronenweth
Montaxe James Haygood
Estudio Fox 2000 Pictures
Regency Enterprises
Linson Films
Distribuidora 20th Century Fox
Estrea 1999
Duración 139 minutos
Orixe Estados Unidos de América Estados Unidos
Orzamento 63 000 000 $[1]
Recadación 100 900 000 $[1]

Fight Club é un filme estadounidense de 1999 baseado na novela homónima de 1996 escrita por Chuck Palahniuk, dirixido por David Fincher con Brad Pitt, Edward Norton e Helena Bonham Carter coma protagonistas. Norton representa o protagonista sen nome, ó que se fai referencia como Narrador, un home insatisfeito co seu traballo de oficina e con problemas de insomnio que forma un "club da loita" co fabricante de xabón Tyler Durden, representado por Pitt, ó que se unen outros homes que queren loitar entre eles por diversión. O Narrador vese envolto nunha complicada relación con Durden e con Marla Singer, representada por Bonham Carter, mentres que o club evoluciona cara a unha organización anticapitalista que leva a cabo un ataque terrorista.

A produtora de 20th Century Fox Laura Ziskin obtivo os dereitos da novela de Palahniuk e contratou a Jim Uhls para escribir a adaptación cinematográfica. Fincher foi un dos directores que os produtores consideraron para ó filme, sendo finalmente o seleccionado polo entusiasmo que amosou en facer a película. Fincher desenvolveu o guión xunto a Uhls e procurou consello para o mesmo no propio elenco de actores e outros membros da industria do cinema. A súa intención era que a violencia de Fight Club servise como metáfora para o conflito entre unha xeración de xente nova e o sistema de valores da publicidade, ademais de copiar as alusións homoeróticas da novela de Palahniuk para incomodar a audiencia e previr que anticipase o xiro argumental da fin do filme.

Ós executivos dos estudios de produción non lles gustou o filme e reestruturaron a campaña de publicidade planeada por Fincher para tentar reducir as perdas que anticipaban. Fight Club non conseguiu acadar as expectacións de recadación nos cinemas das produtoras e tivo unha recepción polarizada por parte da crítica, que eloxiou a actuación, dirección, temática e mensaxe do filme pero criticou a violencia explícita e a ambigüidade moral do mesmo. O filme citouse como un dos máis controvertidos e falados de 1999, obtendo o éxito comercial e de crítica posteriormente trala súa publicación en formato DVD e pasando a estar considerado coma un filme de culto.

Argumento[editar | editar a fonte]

O Narrador sen nome (Edward Norton) é un viaxante especialista en devolucións de automóbiles que sufre de insomnio. Tras unha visita ó médico, o doutor suxírelle que debería asistir a unha reunión dun grupo de terapia para enfermos de cancro testicular para darse conta de que o seu sufrimento é relativamente pouco en comparación. O grupo asume que el tamén está afectado coma o resto de asistentes, e tras abrazarse con Robert Paulson (Meat Loaf) comeza a chorar de forma espontánea, sentíndose libre grazas a esta catarse que lle libera do seu insomnio. Tras isto decide participar tamén noutros grupos de terapia de diversa índole, sempre deixando que o grupo asuma que sufre a mesma condición que eles. Tras varias reunións comeza a decatarse de que hai outra impostora nestes grupos, Marla Singer (Helena Bonham Carter), e a súa presenza recórdalle que está asistindo ós grupos de forma deshonesta, facendo que xa non goce das reunións. Os dous negocian entre eles para repartirse os grupos evitando coincidir nos mesmos, e antes de marchar Marla dálle o seu número de teléfono.

Durante un voo de volta a súa casa tras unha viaxe de negocios, o Narrador coñece a Tyler Durden (Brad Pitt), un fabricante de xabón co que comeza a conversar tras decatarse de que os dous teñen un maletín idéntico. Tralo voo o Narrador volve ó seu fogar e atópase con que o seu apartamento quedou destruído por mor dunha explosión. Sen ninguén máis a quen contactar, chama a Tyler e reúnese con el nun bar. Tras unha conversa sobre o consumismo, os dous saen do bar e Tyler reprende o Narrador por non atreverse a dicirlle que precisa un sitio no que quedarse. Tyler pídelle ó Narrador que lle golpee, o que da lugar a unha pelexa entre ambos. O Narrador múdase á casa de Tyler, unha vella casa nunha zona industrial da cidade. En noites seguintes continúan pelexándose fóra do mesmo bar, e comezan a atraer a unha cada vez maior multitude de xente. As loitas trasládanse eventualmente ó soto do bar onde forman un club ("Fight Club", o "club da loita") no que se reúnen de forma rutineira para loitar entre eles por diversión.

Pola súa banda Marla sufre unha sobredose de pastillas e chama por teléfono ó Narrador para pedirlle axuda. El acaba por ignorala, deixando o teléfono descolgado. Tyler recolle o teléfono e tras falar con Marla vai ata o seu apartamento e sálvaa, levándoa ata a súa casa. Tyler e Marla comezan unha relación sexual, e Tyler advírtelle ó Narrador que non lle fale nunca del a Marla. Eventualmente fórmanse máis clubs da loita por todo o país, que baixo o liderado de Tyler e sen que o Narrador saiba nada convértense nunha organización antimaterialista e anticapitalista chamada Project Mayhem, con moitos dos membros do club da loita local trasladándose a vivir na vella casa.

O Narrador discute con Tyler por quedar excluído da nova manifestación da organización que crearan, e ó pouco tempo Tyler marcha da casa sen avisar. Posteriormente Robert Paulson, membro de Project Mayhem, morre a causa dun disparo dun policía tras unha operación de sabotaxe que sae mal, e o Narrador tenta botarlle o peche ó proxecto. Na procura de Tyler segue as probas de varias das súas viaxes por todo o país. Nunha cidade un membro de Project Mayhem saúda o Narrador referíndose a el coma Tyler Durden. O Narrador chama a Marla dende a súa habitación de hotel e descobre que Marla tamén cre que el é Tyler. Tyler aparece de súpeto na súa habitación de hotel, revelándolle que os dous son personalidades disociadas no mesmo corpo: mentres que o Narrador cría estar durmido, Tyler controlaba o seu corpo realizando viaxes a distintos lugares.

O Narrador esvaécese trala conversa, e ó espertar descobre o plan de Tyler para eliminar a débeda económica destruíndo os edificios que conteñen os rexistros das compañías de tarxetas de crédito. O Narrador tenta avisar a policía pero os oficiais cos que fala resultan ser membros da organización. Tras unha pelexa cos policías consegue escapar e tenta desactivar os explosivos colocados nun dos edificios, pero Tyler consegue reducilo e lévao ata o piso máis alto. Mentres que Tyler está apuntándolle cunha pistola, o Narrador cae na conta de que ó compartir o mesmo corpo con Tyler, é el mesmo o que ten o control e ten a pistola de Tyler na súa propia man. O Narrador pégase un tiro na boca, e o disparo sae pola súa meixela sen matalo. Tyler cae o chan cunha ferida de saída de bala na caluga, e o Narrador deixa de proxectalo mentalmente. Tras isto os membros de Project Mayhem levan a Marla canda el crendo que é Tyler e déixanos sós. Agarrándose da man, o Narrador e Marla presencian a detonación dos explosivos e como se derruban varios edificios ó seu arredor.

Temática e interpretacións[editar | editar a fonte]

Estamos deseñados para ser cazadores e estamos nunha sociedade de compras. Xa non hai nada que matar, non hai nada co que loitar, nada que superar, nada que explorar. Nesa enmasculación social créase este home calquera [o Narrador].
——David Fincher (Tradución do orixinal)[2]

Fincher declarou que Fight Club era un filme de transición á madurez adulta, coma o filme de 1967 O graduado pero para persoas nos seus 30. Describiu o Narrador coma un "home calquera" sen nome.[2][a] Segundo o propio Fincher, o Narrador tenta encaixar no mundo converténdose en algo que non é. Sen poder conseguir a felicidade, viaxa por un camiño de iluminación no que debe "matar" os seus pais, o seu deus e o seu mentor. Ó comezo do filme tiña matado os seus pais. Xunto a Tyler Durden mata o seu deus facendo cousas que se supón non deben facer, e para completar o proceso de madurez ten que matar o seu mentor, o propio Tyler Durden.[4]

O protagonista é unha inversa dos anos 1990 do arquetipo d'O Graduado: "un home que non ten un mundo de posibilidades fronte a el, non ten posibilidades, literalmente non pode imaxinar unha forma de cambiar a súa vida".[2] O Narrador está confundido e anoxado, polo que responde a súa contorna creando na súa mente a Tyler Durden, un Übermensch de Nietzsche. Malia que Tyler representa o que o Narrador quere ser, non é empático con el e non lle axuda a afrontar as decisións complicadas e con implicacións morais e éticas da súa vida.[2] Fincher explicou: "[Tyler] pode tratar cos conceptos das nosas vidas dunha forma idealista, pero non ten que ver cos compromisos da vida real como a coñece o home moderno. Que ven sendo: Non es realmente necesario para moitas das cousas que están a suceder."[2] Mentres que os executivos do estudio amosáronse preocupados por que Fight Club fose a ser un filme "sinistro e sedicioso", Fincher procurou facelo "divertido e sedicioso" incorporando elementos de humor.[5]

Uhls cualificou o filme de comedia romántica, explicando: "Ten que ver coas actitudes dos personaxes cara a unha relación saudable, que é moito comportamento que semella pouco saudable e duro entre eles, pero de feito funciónalles, xa que os personaxes están psicoloxicamente no límite".[6] O Narrador procura intimidade, pero evítaa con Marla Singer, véndose reflectido nela.[7] Mentres que Marla representa unha expectativa sedutora e negativista para o Narrador, este acepta a novidade e excitación que representa a súa amizade con Tyler Durden. O Narrador séntese cómodo conectando de forma persoal con Tyler, pero sente envexa cando este comeza unha relación sexual con Marla. Cando o Narrador discute con Tyler sobre a súa amizade, Tyler dille que ser amigos é algo secundario en comparación con perseguir a filosofía que levan explorado.[8] Tyler suxírelle tamén que faga algo con Marla, implicando que ela supón un risco que debe eliminar, e o Narrador decátase de que os seus desexos terían que estar enfocados en Marla e comeza a separarse do camiño xunto a Tyler.[7]

O Narrador non cae na conta nun primeiro momento de que Tyler Durden é unha proxección mental súa.[9] Ademais disto fai unha promoción enganada do club da loita coma unha forma de sentirse poderoso,[10] malia que a súa condición física empeora mentres que mellora a aparencia de Tyler. Mentres que Tyler procura "experiencias reais" de pelexas ó igual que o Narrador nun primeiro momento,[11] manifesta unha actitude nihilista de rexeitamento e destrución das institucións e sistemas de valores.[12] A súa natureza impulsiva, que representa o id,[7] transmite unha actitude sedutora e liberadora para o Narrador e para os membros de Project Mayhem. Os métodos e iniciativas de Tyler pasan a ser deshumanizadoras,[12] dándolle ordes ós membros de Project Mayhem cun megáfono evocando a un director de campo de reeducación chinés.[7] O Narrador termina separándose de Tyler e ó final acada un punto medio entre as súas dúas metades en conflito.[8]

Decidimos dende o comezo que eu comezaría a pasar fame segundo avanzaba o filme, mentres que [Brad Pitt] faría exercicio e tomaba sesións de bronceado; el pasaría a estar máis e máis idealizado mentres que eu consumiríame.
—Edward Norton (Tradución do orixinal)[13]

Norton afirmou: "Sinto que Fight Club realmente, en certa forma ... sondou na desesperación e parálise que sente a xente ó enfrontarse a ter herdado este sistema de valores saído da publicidade".[11] Pola súa parte Pitt declarou: "Fight Club é unha metáfora da necesidade de atravesar as paredes que nos poñemos ó noso redor e simplemente ir a por iso, de forma que podemos experimentar a dor por vez primeira".[14] Fight Club presenta tamén un paralelismo co filme de 1955 Rebelde Sen Causa, xa que ámbolos dous tratan sobre as frustracións das persoas que viven dentro do sistema.[11] Os personaxes, tras sufrir unha enmasculinización social, quedan reducidos a "unha xeración de espectadores".[15] A cultura da publicidade define no filme o significado da felicidade, provocando unha procura innecesaria de bens materiais que substitúe a procura da felicidade espiritual.[16] O filme inclúe referencias a Gucci, Calvin Klein e ó Volkswagen New Beetle, do que Norton dixo que "[no filme] esmagámolo ... xa que semellaba o exemplo clásico dun plan publicitario por parte dunha xeración de Baby Boomers vendéndonos a súa cultura de novo."[16] Nunha escena o seu personaxe camiña polo seu apartamento mentres que varios efectos visuais identifican as súas posesións de IKEA, descrita por Fincher coma "a idea de vivir nesta idea fraudulenta de felicidade".[17] Pitt explicou a disonancia da seguinte forma: "Coido que hai un mecanismo de autodefensa que mantén afastado á miña xeración de ter calquera conexión real e honesta ou compromiso cos nosos verdadeiros sentimentos. Apoiamos a equipos deportivos, pero non nos metemos aí a xogar. Estamos tan preocupados co fracaso e co éxito, coma se estas dúas cousas fosen todo o que nos definen ó final".[14]

A violencia do club da loita non ten a intención de promover ou glorificar o combate físico, senón que lle serve ós participantes para experimentar sentimentos nunha sociedade na que doutra forma sentiríanse insensibles.[18] As pelexas representan de forma tanxible a resistencia contra o impulso de quedar refuxiados na sociedade.[15] Norton considerou que as loitas entre os homes eliminan o "medo á dor" e a "dependencia nos significados materiais do seu valor propio", provocando que experimenten algo de valor.[11] Cando as loitas evolucionan cara a unha violencia revolucionaria, o filme só acepta en parte a dialéctica revolucionaria de Tyler Durden, xa que o Narrador recúa e rexeita as súas ideas.[8] Fight Club ofrece unha mensaxe ambigua a propósito, deixando a interpretación aberta para a audiencia.[12] Fincher declarou sobre isto último: "Amo esta idea de que podes ter un fascismo sen ofrecer ningunha dirección ou solución. Non é o punto do fascismo dicir, 'Esta é a forma na que deberiamos ir'? Porén, este filme non podía ir máis aló de ser unha oferta de calquera tipo de solución."[5]

Clasificacións de xénero[editar | editar a fonte]

Retro-noir[editar | editar a fonte]

Segundo Jans B. Wager, Fight Club posúe varias características do film noir. O protagonista é un varón branco que fornece unha narración subxectiva, involucrado nun "triángulo erótico" cun "obxecto de desexo feminino" (Marla Singer) e un antagonista masculino (Tyler Durden), todos eles brancos. A masculinidade branca no filme diferénciase doutros filmes de cine negro centrándose na clase media alta no lugar da clase media baixa ou da clase traballadora. Os outros dous personaxes séntense atraídos por el ó mesmo tempo que son perigosos para el, e o argumento desenvólvese nunha "contorna urbana, derruída e criminal".[19] Na súa opinión, con estas características Fight Club faise pasar por un filme neo-noir.[19] Porén, Wagner considera que se clasifica mellor coma retro-noir, xa que a súa presentación dos papeis de xénero é diametralmente oposta á dos filmes neo-noir, que ademais presentan un "emparellamento heterosexual máis orgánico" que Fight Club.[20]

Wager indicou que a personaxe feminina preséntase como unha femme fatale, levando vestido, sombreiro e lentes de sol, fumando un pito e cuns beizos vermellos "voluptuosos". Afirmou que a súa presenza ten o propósito de amosar que "ela é a fonte de tódolos problemas do narrador", e a súa aparencia inicial de femme fatale substitúese por a dunha heroin chic durante o resto do filme.[21] Opinou tamén que o antagonista masculino aparece como resposta directa á "intrusión" deste obxecto feminino de desexo, recordando a como nalgúns filmes de cine negro a aparición da femme fatale é a catálise da entrada do home corrente no "perigoso mundo criminal,[22] aínda que neste filme a personaxe feminina preséntase coma "necesaria pero periférica", xa que ela nunca se decata por completo do que esta a suceder.[23]

Trauma de suburbio[editar | editar a fonte]

Keith Gandal definiu Fight Club como un "trauma de suburbio", no sentido de que se atopa entre os xéneros do drama sentimental de suburbios e o cine sobre traumas.[24] Indicou que os dramas sentimentais evitan "o sórdido" e as "interaccións sociais e ambientais", con "heroes completos",[25][26] e contrapartidas con "caras e corpos xoves e fermosos" que non sofren feridas ou recupéranse con rapidez das mesmas.[27] Como exemplos deste tipo de filmes Gandal indicou Titanic, Shakespeare in Love e Forrest Gump.[25] Como contraste, Gandal indicou que os filmes sobre traumas teñen "unha inclinación pola desfiguración e a enfermidade",[25] exhibindo un nihilismo co que os personaxes quedan paralizados co trauma e traumatizan a outros.[28] Como exemplos deste tipo de filmes sinalou a Gummo, Kids e Welcome to the Dollhouse.[26][29]

Malia que na súa opinión Fight Club expresa nocións radicais por medio de liñas como "Só cando perdiches todo es libre de facer calquera cousa",[24] Gandal indicou que o filme é hostil cara ó sentimentalismo.[30] A maiores escribiu que o personaxe de Tyler Durden avoga por métodos de "autoactualización e autodescobremento", radicais en comparación cos dos "heroes completos".[25] Mentres que os dramas de suburbios adoitan evitar os personaxes con condicións físicas degradadas, Fight Club adopta estas condicións dunha forma que Gandal afirma que "mistifica e romantiza o sórdido",[26] Tamén afirmou que por medio dos clubs da loita "o corpo profanado é unha imaxe central do trauma de suburbio", sendo as lesións un fetiche do xénero.[31] Os obxectos amorosos quedan degradados nos filmes de traumas, pero en Fight Club a degradación non dura ata a conclusión do filme.[32] Gandal resalta esta separación: "O abusivo (e autoabusivo) home e a degradada (e autoabusiva) muller acaban xuntos ó final—algo aparentemente impensable nun filme sobre traumas".[33] Da mesma forma que os heroes "completos", o narrador sen nome ascende dende as "profundidades bohemias", pero non queda sen recibir feridas físicas no proceso.[34] Malia que o protagonista e o obxecto do seu amor rematan xuntos ó final do filme, Gandal considera que se mantén hostil cara ó sentimentalismo por medio das imaxes da ferida de disparo do narrador e do fotograma dun pene, un dos actos de hostilidade de Tyler Durden durante o propio filme.[35]

Cultura do consumismo[editar | editar a fonte]

Os críticos culturais Henry Giroux e Imre Szeman describiron Fight Club como unha crítica fallada que se centra na cultura do consumismo e como esta dá forma á identidade masculina e ignora como o capitalismo neoliberal domina e explota a sociedade: "Fight Club non ten nada substancial que dicir sobre a violencia estrutural do desemprego, inseguridade laboral, recortes nos gastos públicos, e a destrución das institucións capaces de defender as axudas públicas e o ben público".[36] Para eles o filme é "perigosamente sedutor" xa que ofrece por medio de Project Mayhem "unha posible visión dunha resposta colectiva... sen importar o inquietante que poida ser esa resposta", que se presenta como a única alternativa posible de derrotar o capitalismo contemporáneo.[37] Na súa opinión Fight Club é un filme que "revela de forma poderosa os abraiantes límites da nosa imaxinación política", centrándose na masculinidade e nunha narrativa "á moda e estilisticamente violenta".[38]

Os dous críticos sinalaron que o filme asume que o capitalismo e o consumismo son "impenetrables", e que non pode ter lugar unha resistencia ou loita contra eles,[39] ademais de que a violencia do filme é cómplice no sistema de mercantilismo que denuncia xa que emparéllase coa gratificación instantánea, a competitividade e o desexo de dominar e gañar nas pelexas.[40] Tamén comentaron que Fight Club adscríbese a un mundo baixo a filosofía de Thomas Hobbes no que o cinismo substitúe a esperanza: "A supervivencia do máis forte convertese na chamada de atención para lexitimar formas deshumanizadoras de violencia como fonte de pracer e relacións sociais".[40] Como resumo indicaron: "Fight Club semella non entender a súa propia articulación con tódalas forzas do capitalismo que parece estar atacando. Isto e máis evidente na súa ligazón da violencia, masculinidade e xénero. Noutras palabras, a visión de Fight Club sobre a liberación e a política depende de xerarquías sexistas e de xénero que flúen directamente da cultura de consumo que afirma estar a criticar".[40]

Fascismo e masculinidade[editar | editar a fonte]

Robert von Dassanowsky identificou a Fight Club xunto a The Talented Mr. Ripley e Hannibal como un dos filmes estadounidenses publicados durante o cambio do século XX ó XXI que examina o fascismo europeo a través da metáfora cinemática e explora as políticas sexuais e culturais do mesmo.[41] Para Dassanowsky a súa representación da organización paramilitar Project Mayhem representa unha resposta á feminización dos Estados Unidos, con reminiscencias da creación do Nazismo en resposta á decadencia da República de Weimar, e no filme a contrapartida ó home feminizado é un modelo de home "sen identidade, violento e nihilisticamente destrutivo que intenta disciplinar a un mundo que se fixo demasiado tolerante".[42] Tamén indicou que o procesamento da graxa humana procedente de liposuccións en xabón de deseño é unha referencia ó holocausto, sobrepasando a premisa de Soylent Green de procesar a persoas en comida: "Non só é posible e comercializable no mundo real, senón que o simple concepto deste elitismo posmoderno de mellora persoal deriva da inhumanidade máis horrible na historia da humanidade".[43]

Dassanowsky debate sobre como filme encarna a crise de masculinidade no ex-culturista Robert Paulson, representado por Meat Loaf. Como resultado do abuso de esteroides, Paulson perde os seus testículos, desenvólvesellen os peitos e sepárase da súa familia. O seu corpo e espírito quedan incapacitados polos fallos da tecnoloxía e ciencia moderna, e representa como o patriarcado tradicional está a perderse e como a súa xeración teme a feminización:[44]

"Sen os seus testículos e con peitos de muller Bob convertese na metáfora extrema do pánico liderado polos homes de clase media na era posmoderna, un contexto que inclúe unha redistribución dos mesmos factores da angustia da Alemaña de entreguerras: a deshumanización por medio da (pos)modernidade e a súa tecnoloxía, a inestabilidade económica e xeopolítica internacional, e unha falta de confianza nos conceptos políticos e sociais e/ou a identidade e papel nacionais."
Tradución do orixinal

Outro dos membros de Project Mayhem, Angel Face (representado por Jared Leto), queda desfigurado a mans do narrador no que Dassanowsky cualifica dunha "destrución sádica do normal ou ideal como acto sexual". O propio Narrador é incapaz de recoñecer as súas accións como Tyler Durden, tentando librarse de el, para Dassanowsky unha metáfora "do trauma de posguerra para tratar coa destrución fascista".[44] Da conclusión do filme Dassanowsky escribiu: "O éxtase dun comezo de cero do que non se pode dar marcha atrás... cando se collen das mans o Narrador e Marla Singer mentres que se afunden os edificios, é unha satisfacción dos desexos tan potencial como calquera promesa hipertiroide que Hitler puido ter feito a unha nación esgotada e ferida en 1933".[44]

Giroux e Szeman identifican a Tyler Durden como unha icona fallada da revolución cuxo atractivo público débese máis á súa personalidade que a calquera "fortaleza dunha noción democrática e articulada de reforma política". Durden actúa no lugar de pensar e polo tanto non pode concibir movementos democráticos, describíndoo coma "un remanente do fascismo de comezos do século XX". Para eles, mentres que o narrador representa a crise do capitalismo coma unha crise de masculinidade, Tyler Durden representa a "redención da masculinidade empaquetada como promesa de violencia no interese da anarquía política e social".[45]

Produción[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Antes da publicación en 1996 da novela Fight Club de Chuck Palahniuk, un empregado da 20th Century Fox envioulle unha mostra do mesmo ó executivo Kevin McCormick, quen asignou un lector do estudio para revisar a mostra e avaliar o libro como candidato para unha adaptación ó cine, cuestión que o lector non recomendou. McCormick pasoulle a mostra ós produtores Lawrence Bender e Art Linson, que tamén a rexeitaron. Os tamén produtores Josh Donen e Ross Bell consideraron que tiña potencial e expresaron o seu interese na adaptación, organizando lecturas de guión non pagadas con varios actores para determinar a lonxitude do posible guión, que inicialmente acadou as seis horas. Os produtores eliminaron varias seccións para reducir a duración e gravaron os diálogos do guión máis curto resultante. Bell envioulle esta gravación a Laura Ziskin, xefa da división Fox 2000, que tras escoitar a cinta adquiriu os dereitos da novela de Palahniuk por uns 10 000 $.[46]

Nun primeiro momento Ziskin pensou en contratar a Buck Henry para escribir a adaptación, considerando Fight Club semellante ó filme de 1967 O graduado, que fora adaptado por Henry. Porén, Jim Uhls contactou a Donen e Bell interesado no traballo e foi finalmente o que contrataron. Bell púxose en contacto con catro directores para o filme. Consideraba a Peter Jackson a mellor elección, pero este estaba ocupado na rodaxe do filme The Frighteners en Nova Zelandia. Bryan Singer recibiu o libro pero non chegou a lelo, e Danny Boyle reuniuse con Bell e leu o libro, pero decantouse finalmente por outro filme. David Fincher, que lera a novela e tratara de adquirir os dereitos da súa adaptación el mesmo, conversou con Ziskin sobre a posibilidade de dirixir o filme.[46] Finalmente en agosto de 1997, 20th Century Fox anunciou de forma oficial que Fincher sería o director da adaptación cinematográfica de Fight Club.[47]

Elenco de actores[editar | editar a fonte]

Principais actores
Pitt, BradBrad Pitt coma Durden, TylerTyler Durden
Norton, EdwardEdward Norton coma Narrador, OO Narrador[a]
Carter, Helena BonhamHelena Bonham Carter coma Singer, MarlaMarla Singer
Meat Loaf, Meat Loaf coma Paulson, RobertRobert Paulson
Leto, JaredJared Leto coma Angel Face, Angel Face
De esquerda a dereita, Norton, Pitt e Bonham Carter

O produtor Ross Bell reuniuse co actor Russell Crowe para debater a posibilidade de que representase o papel de Tyler Durden. Art Linson, produtor en xefe que se uniu máis tarde ó proxecto, reuniuse pola súa parte con Brad Pitt para o mesmo papel, sendo este finalmente o escollido.[46] Naquel momento Pitt procuraba un papel nun novo filme tralo fracaso comercial nos Estados Unidos do seu filme de 1998 Meet Joe Black, e o estudio considerou que Fight Club tería un maior éxito comercial con Pitt, ó que contrataron cun salario de 17,5 millóns de dólares.[48]

Para o papel do Narrador sen nome o estudio quería un "nome de cartel máis atractivo" coma Matt Damon ou Sean Penn para aumentar a proxección de ingresos do filme. Porén, Fincher considerou a Edward Norton coma o candidato para o papel, baseándose na súa actuación no filme de 1996 The People vs. Larry Flynt.[49] Outros estudios estaban en conversas con Norton para outros papeis principais en filmes en desenvolvemento coma The Talented Mr. Ripley e Man on the Moon. 20th Century Fox ofreceulle a Norton un contrato por uns 2,5 millóns de dólares, pero este non puido aceptar a oferta de forma inmediata xa que aínda estaba contractualmente obrigado con Paramount Pictures para un novo filme, obriga que satisfaría posteriormente co seu papel no filme de 2003 The Italian Job.[48]

En xaneiro de 1998 20th Century Fox anunciou de forma oficial que Pitt e Norton formarían parte do elenco de actores do filme.[50] Os actores preparáronse para os seus papeis asistindo a clases de boxeo, taekwondo, loita,[51] e fabricación de xabón.[52] Pitt visitou de forma voluntaria a un dentista para que lle rachase os incisivos para que o seu personaxe non tivese os dentes perfectos, pezas que restaurou trala rodaxe do filme.[53]

A primeira elección de Fincher para o papel de Marla Singer era Janeane Garofalo, quen finalmente rexeitou participar no filme por mor do contido sexual,[54] mentres que os produtores consideraron a Courtney Love e Winona Ryder como candidatas.[55] O estudio pola súa banda quería contratar a Reese Witherspoon, pero Fincher opúxose por considerala demasiado nova para o papel.[48] Finalmente seleccionou a Bonham Carter baseándose na súa actuación no filme de 1997 The Wings of the Dove.[56]

Guión[editar | editar a fonte]

Uhls comezou a traballar nun primeiro bosquexo do guión adaptado, que excluía a voz en off. Cando se uniu Fincher o proxecto, considerou que a película debería ter unha narración en off, considerando que o humor do filme proviña da voz do Narrador,[48] chegando a describir o filme sen a voz en off coma "triste e patético".[57] Fincher e Uhls revisaron o guión durante seis ou sete meses e cara a 1997 produciron un terceiro bosquexo que reordenaba a historia e eliminaba varios elementos principais. Trala elección de Pitt para o filme, este considerou que o seu personaxe era demasiado unidimensional, polo que Fincher procurou o consello do guionista e director Cameron Crowe, quen suxeriu darlle máis ambigüidade ó personaxe. Fincher contratou tamén ó guionista Andrew Kevin Walker, e invitou a Pitt e a Norton ó proceso de revisión do guión, producindo en grupo un total de cinco revisións no transcurso dun ano.[48]

Palahniuk eloxiou a adaptación cinematográfica fidedigna da súa novela, louvando que o guión do filme estivese máis simplificado que o do libro, e Fincher foi un propoñente da inclusión do xiro argumental do final.[58] A novela de Palahniuk contén alusións homoeróticas, que o director incluíu no filme para provocar a incomodidade da audiencia e acentuar a sorpresa dos xiros argumentais.[7][59][60] O Narrador atopa a redención ó final do filme ó rexeitar a dialéctica de Tyler Durden, un camiño que difire do final da novela no que o Narrador queda internado nun manicomio.[5] Norton comparou esta redención coa d'O graduado, indicando que os protagonistas de ámbolos dous filmes atopan un punto medio entre dúas divisións de si mesmos.[8] Fincher considerou que a novela obsesionábase demasiado co personaxe de Tyler Durden e cambiou o final para distanciarse del: "Quixen que a xente amase a Tyler, pero tamén quixen que estivesen de acordo coa súa desaparición".[5]

Rodaxe[editar | editar a fonte]

O orzamento inicial planeado para o filme foi de 23 millóns de dólares,[46] orzamento que se incrementou ata os 50 millóns tralo comezo da produción. A metade deste orzamento proviña de New Regency. Durante a rodaxe as proxeccións escalaron o orzamento planeado ata uns 67 millóns de dólares, e o produtor executivo de New Regency Arnon Milchan pediulle a Fincher que reducise os custos do filme. O director negouse a isto e Milchan ameazou con que New Regency retiraría o seu financiamento. O produtor Bill Mechanic procurou evitar isto enviándolle a Milchan gravacións diarias da rodaxe de Fight Club para manter a súa confianza, e tras unhas tres semanas Milchan reafirmou o apoio financeiro de New Regency.[61] O orzamento final da produción foi de 63 millóns de dólares.[1]

As escenas das pelexas tiveron unha extensa coreografía,[14] e a maquilladora Julie Pearce, que xa traballara con Fincher no filme The Game de 1997, estudou combates de artes marciais mixtas e boxeo en pago por visión para retratar os loitadores con exactitude. Deseñou unha orella extra simulando que lle faltaba un anaco de cartilaxe, citando como inspiración o combate de boxeo no que Mike Tyson lle arrancara parte da orella a Evander Holyfield.[62] O equipo de maquillaxe optou por dous métodos para simular a suor, un deles consistindo en espallar auga mineral sobre unha capa de vaselina e outro usando a auga sen adulterar para simular a "suor húmida". Meat Loaf, que representa a un membro do club da loita que sofre de xinecomastia, levou un arnés duns 40 kg de graxa para simular os peitos do personaxe,[51] ademais duns zapatos con alzas de 20 cm nas escenas xunto a Norton para quedar máis alto ca el.[7]

A rodaxe durou uns 138 días,[63] cun total de máis de 1500 rolos de película.[51] As localizacións foron nos Ánxeles e nos arredores, incluíndo algunhas notables coma The Promenade Towers, Melrose Avenue, St. Brendan's Catholic Church, e a escultura de Michael Heizer "North, South East, West",[63] a maiores dos máis de 70 escenarios construídos en Century City polo deseñador de produción Alex McDowell.[51] O exterior da casa de Tyler Durden construíuse en Wilmington, California,[64] mentres que as escenas do interior da casa graváronse nun dos escenarios do propio estudio de rodaxe, ó que lle deron unha aparencia decadente coa intención de ilustrar o mundo deconstruído dos personaxes.[63] Pola súa banda, o apartamento de Marla Singer baseouse en fotografías de apartamentos do centro dos Ánxeles.[9] No seu conxunto, a produción involucrou 300 escenarios, 200 localizacións e diversos efectos especiais.[65]

Cinematografía[editar | editar a fonte]

Un dos vestiarios de Tyler Durden no filme, nunha exhibición no London Film Museum

Fincher usou o formato Super 35 para rodar Fight Club xa que lle proporcionaba unha gran flexibilidade para compoñer as escenas, e contratou a Jeff Cronenweth coma cinematógrafo. Fincher explorou os estilos visuais dos seus filmes anteriores Seven e The Game, e xunto con Cronenweth seleccionaron elementos destes estilos para Fight Club.[63] Aplicáronlle un estilo estridente ó filme,[9] mentres que para o vestiario, o maquillaxe e a dirección artística decantáronse por cores fortemente desaturadas.[63] A aparencia das escenas do Narrador sen Tyler Durden tiñan un estilo insulso e realista, mentres que as escenas nas que aparece Tyler foron segundo o propio Fincher "máis hiperrealistas nun sentido deconstruído".[63] A Bonham Carter aplicáronlle unha maquillaxe opalescente para representar a súa personaxe romántica e nihilística.[9] O estilo visual do filme estivo influenciado polo filme de 1973 American Graffiti, cunha aparencia mundana aplicada ós exteriores nocturnos ó mesmo tempo que incluía unha variedade de cores.[9]

O equipo de gravación aproveitou tanto a luz natural coma luces prácticas nas localizacións do filme. As configuracións de iluminación empregadas foron diversas, utilizando iluminación fluorescente en determinadas localizacións para manter un elemento de realidade e iluminar as próteses das feridas dos personaxes.[63] Fincher tentou asegurarse tamén que as escenas non tivesen unha iluminación demasiado forte como para que os ollos dos actores quedasen menos visibles, citando a técnica do cinematógrafo Gordon Willis como influencia disto.[7] Fight Club rodouse principalmente de noite, e Fincher escolleu localizacións sombrías para as tomas diúrnas. Nas primeiras escenas de pelexas no soto a cámara situouse nun lugar fixo, mentres que en escenas posteriores Fincher desprazou a cámara dende o punto de vista dun observador ata o dos propios loitadores.[63]

As escenas con Tyler Durden deseñáronse para non revelar que o personaxe era unha proxección mental do Narrador. Durden non aparece en ningunha escena xunto ó Narrador cando hai máis persoas en pantalla, nin tampouco en escenas sobre o ombreiro cando lle da ideas ó Narrador para manipulalo. Nas escenas anteriores a que o Narrador coñece a Tyler, inseriron fotogramas individuais del para crear un efecto subliminal,[9] nas que Tyler aparece no fondo e sen enfocar.[7] Fincher comentou sobre estes fotogramas subliminais: "O noso heroe está creando a Tyler Durden na súa propia mente, polo que nese momento só existe na periferia da conciencia do Narrador".[66]

Malia que Cronenweth tratou e expuxo a película de forma normal en Fight Club, aplicáronlle outras técnicas para mudar a aparencia do filme. Empregaron técnicas de flashing para gran parte da fotografía exterior nocturna, ampliaron o contraste a propósito, axustaron a impresión para que quedase subexposta, empregaron a técnica ENR silver retention de Technicolor nun determinado número de impresións para incrementar a densidade dos negros do filme e escolleron impresións de alto contraste para crear unha aparencia cunha pátina sucia.[9]

Efectos visuais[editar | editar a fonte]

Fincher contratou o supervisor de efectos visuais Kevin Tod Haug para crear os efectos especiais en Fight Club. Haug asignou ós artistas e expertos en efectos visuais a varias instalacións nas que trataron con diversos tipos de efectos: modelaxe, animación, composición e escaneado. Fincher usou tamén previsualizacións das escenas complexas con efectos visuais para evitar os posibles erros durante a propia rodaxe.[66]

A secuencia do título é unha composición de efectos visuais de 90 segundos de duración que representa o interior do cerebro do Narrador a un nivel microscópico; a cámara afástase cara ó exterior, comezando no seu centro neurálxico do medo e seguindo o proceso mental iniciado polo seu impulso de medo.[67] A secuencia, deseñada en parte polo propio Fincher, tiña un orzamento planeado separado do resto do filme nun primeiro momento, que o estudio concedeu en xaneiro de 1999.[66] Fincher contratou a Digital Domain e o seu supervisor de efectos visuais Kevin Mack, que gañara un Oscar ós mellores efectos visuais co filme What Dreams May Come de 1998. A compañía usou un sistema L para xerar o mapa do cerebro,[68] e a secuencia incluíu a representación de neuronas, impulsos nerviosos e un folículo piloso. Haug explicou a licenza artística de Fincher nesta escena: "Aínda que quería manter o pasaxe do cerebro semellante a unha fotografía de microscopio electrónico, tiña que emparellar esa aparencia cunha sensación húmida, inquietante e cun campo de visión moi baixo".[66]

Outros efectos visuais incluíron unha escena na que a cámara desprázase rapidamente entre as rúas da cidade para amosar o equipo de destrución de Project Mayhem situado en aparcadoiros subterráneos, unha composición tridimensional de case 100 fotografías dos Ánxeles e Century City levada a cabo polo fotógrafo Michael Douglas Middleton. Pola súa banda, a escena final da demolición dos edificios de oficinas foi deseñada por Richard Baily de Image Savant, que traballou na escena durante máis de catorce meses.[66] A metade de camiño do filme Tyler Durden racha a cuarta parede e sinálalle a marca de aviso—alcumada "queimadura de pito" no propio filme—á audiencia. Esta escena representa un punto de cambio que precede a inversión da realidade subxectiva existente ata ese momento no filme. Segundo Fincher: "De súpeto é coma se o proxeccionista se esquecese de cambiar o rolo, e os espectadores teñen que comezar a observar o filme dunha forma completamente nova".[66]

Música[editar | editar a fonte]

Fincher estaba preocupado por que un grupo con experiencia na composición de bandas sonoras non sería capaz de unir as temáticas do filme, polo que para a súa composición procurou un grupo que nunca compuxera música para o cinema. Inicialmente tentou contratar a Radiohead,[7] pero finalmente escolleu o dúo Dust Brothers, que crearon unha banda sonora posmoderna incluíndo loops de batería, scratches electrónicos e samples xerados por ordenador. Un dos membros de Dust Brothers, Michael Simpson comentou: "Fincher quería rachar moldes con todo sobre o filme, e unha banda sonora non tradicional axudou a conseguilo".[69] Para o final e os créditos o filme contou co tema "Where Is My Mind?" do grupo de rock alternativo Pixies.[70]

Publicidade[editar | editar a fonte]

Xabóns publicitarios do filme

A rodaxe rematou en decembro de 1998, e Fincher editou a gravación a comezos de 1999 para preparar unha emisión de Fight Club para os executivos en xefe, que non recibiron o filme de forma positiva preocupados de que non existiría unha audiencia para a película.[71] O produtor executivo Art Linson, que apoiou o filme, comentou sobre isto: "Tantas incidencias de Fight Club eran alarmantes que ningún grupo de executivos podía determinalas".[72] A estrea de Fight Club estaba planeada orixinalmente para xullo de 1999,[73] pero pospúxose finalmente ó 6 de agosto de 1999. O estudio pospuxo de novo o seu lanzamento ata o outono, argumentando que a programación de verán estaba xa moi concorrida e que se apresurara demasiado o proceso de posprodución.[74] Fontes externas ó filme chegaron a atribuír a causa destes atrasos ó masacre de Columbine que tivera lugar ese mesmo ano.[75]

Os executivos de 20th Century Fox tiveron dificultades para facer publicidade de Fight Club, chegando incluso a considerar a súa promoción coma un filme artístico. Consideraban que a película estaba destinada principalmente a unha audiencia masculina por mor da súa violencia e crían que nin sequera a participación de Brad Pitt podería atraer a audiencia feminina. Tras varias probas de investigación determinaron tamén que o filme atraería principalmente a adolescentes.[71] Fincher rexeitou a idea de que os avances e pósters do filme se centrasen en Pitt e procurou que o estudio contratase a empresa de publicidade Wieden+Kennedy para deseñar o plan de mercadotecnia. A empresa propuxo unha barra de xabón rosa co título "Fight Club" gravado nela como a principal imaxe de marca do filme, algo que os executivos de Fox consideraron "un mal chiste".[71] Fincher publicou dous avances en forma de anuncios de servizo público falsos presentados por Pitt e Norton, que o estudio non considerou axeitados para a publicidade do filme. No seu lugar o estudio outorgou un financiamento de 20 millóns de dólares para unha campaña a grande escala incluíndo viaxes pagados á prensa, pósters, carteis e avances na televisión nos que destacaban as escenas de pelexas. O estudio tamén fixo unha promoción de Fight Club na televisión por cable durante emisións da World Wrestling Entertainment, algo ó que Fincher obxectou, crendo que crearía un falso contexto para o filme.[71] Pola súa banda Linson afirmou que a campaña de publicidade "unidimensional e mal deseñada" por parte de Robert Harper contribuíu en gran medida a relativamente baixa recadación de Fight Club nos cinemas dos Estados Unidos.[76]

Estrea[editar | editar a fonte]

Emisión nos cinemas[editar | editar a fonte]

A presentación mundial de Fight Club tivo lugar na 56ª edición do Festival Internacional de Cine de Venecia o 10 de setembro de 1999.[77][78] Para a súa estrea nos Estados Unidos o estudio contratou o National Research Group para realizar probas de emisión, obtendo unha predición de ingresos de entre 13 e 15 millóns de dólares na súa primeira semana en cartel.[79] Fight Club estreouse comercialmente nos Estados Unidos e no Canadá o 15 de outubro de 1999, obtendo un total de 11 035 485 $ en 1963 cinemas na súa semana inicial.[1] O filme acadou o primeiro posto en número de espectadores nesa fin de semana, superando a Double Jeopardy e The Story of Us.[80] A composición da audiencia de Fight Club nos Estados Unidos foi dun 61% de homes e un 39% de mulleres, cun 58% de espectadores menores de 21 anos. Malia todo isto, os seus ingresos na súa primeira semana de emisión non acadaron as expectacións do estudio.[81] Durante a súa semana de emisión nos cinemas Fight Club tivo unha baixada dun 42,6% de ingresos, acadando os 6 335 870 $.[82] En comparación co seu orzamento de produción de 63 millóns de dólares, o filme recadou uns 37 millóns de dólares nos cinemas dos Estados Unidos e do Canadá e uns 100,9 millóns de dólares nos cinemas do resto do mundo.[1] A recadación comercial do filme por baixo das expectativas estragou a relación do executivo da 20th Century Fox Bill Mechanic con Rupert Murdoch, contribuíndo a dimisión de Mechanic en xuño de 2000.[83]

A British Board of Film Classification (BBFC) revisou Fight Club antes da súa estrea o 12 de novembro de 1999 no Reino Unido, eliminando dúas escenas por mor da "indulxencia na excitación de mallar a cara dun home (indefenso) ata desfacela", e asignoulle un certificado de "18", limitando o filme ós adultos no país.[84][b] A BBFC non censurou máis partes do filme, non facendo caso de afirmacións externas que indicaban que Fight Club contiña "información instrutiva perigosa" e podería "animar un comportamento antisocial".[84]

Edicións domésticas[editar | editar a fonte]

Fincher supervisou a composición do empaquetado da edición en DVD, que tivo dúas edicións, feito polo que se lle considera un dos primeiros directores en tomar parte neste proceso.[86] Unha edición dun único disco incluíu unha pista de comentarios,[87] mentres que a edición especial de dous discos incluíu a pista de comentarios, escenas tralas cámaras, avances, anuncios de servizo público falsos, o vídeo musical promocional "This is Your Life", anuncios publicados en Internet, galerías de imaxes, biografías do elenco de actores, storyboards e outros materiais publicitarios.[88] O estudio desenvolveu o empaquetado durante dous meses, e Fincher traballou na edición do DVD como forma de finalizar a súa visión para o filme.[89] Julie Markell, vicepresidenta de desenvolvemento creativo de 20th Century Fox, afirmou que o empaquetado do DVD complementaba a visión do director: "O filme está pensado para facerche cuestionar. O paquete, por extensión, tenta reflectir unha experiencia que debes ter por ti mesmo. Canto máis o miras, máis sacarás del"[89] A edición especial en dous discos DVD empaquetouse de forma que semellaba estar cuberta cun envoltorio de cartón marrón. O título "Fight Club" etiquetouse de forma diagonal na fronte, e o empaquetado simulaba ir atado cunha corda.[89]

Fight Club gañou os premios da Online Film Critics Society ó Mellor DVD, Mellores Comentarios en DVD e Mellores Contidos Especiais en DVD,[90] e Entertainment Weekly situou a edición especial de dous discos no primeiro posto da súa lista de 2001 "The 50 Essential DVDs".[91] Tras esgotarse a primeira tirada, no 2004 o estudio publicou unha nova tirada desta edición a petición dos afeccionados.[92] O filme vendeu máis de 6 millóns de copias e DVD e vídeo nos primeiros dez anos,[93] converténdose nun dos obxectos de entretemento doméstico máis vendidos na historia do estudio,[76] ademais de conseguir uns ingresos de máis de 55 millóns de dólares en alugueiro de vídeo e DVD.[94] No cómputo global Fight Club xerou uns 10 millóns de dólares de beneficios para o estudio.[76]

A edición do filme en LaserDisc só se publicou no Xapón, o 26 de maio de 2000,[95] e a edición en VHS publicouse o 31 de outubro de 2000 como parte da liña "Premiere Series" de 20th Century Fox.[96] Fight Club publicouse tamén en formato Blu-ray Disc nos Estados Unidos o 17 de novembro de 2009.[97] Fox Creative contratou a compañía Neuron Syndicate para deseñar o empaquetado deste formato. Neuron Syndicate comisionou 30 obras de arte a cinco artistas do graffiti, fusionando a estética urbana da Costa Este e da Costa Oeste con influencias da arte urbana europea.[98] A edición en Blu-ray comeza cunha pantalla de menú falso proveniente da comedia romántica Never Been Kissed con Drew Barrymore coma protagonista, pasando despois á pantalla real do menú de Fight Club.[99]

Recepción da crítica[editar | editar a fonte]

Trala presentación de Fight Club no Festival de Venecia produciuse un forte debate entre a crítica. Algúns críticos expresaron a súa preocupación de que o filme podería incitar un comportamento de imitación, semellante ó que tivo lugar trala estrea de A Clockwork Orange no Reino Unido tres décadas antes.[100] Trala estrea do filme nos cinemas The Times informou sobre as reaccións: "Tocou un nervio na psique masculina que se debateu nos xornais de todo o mundo".[101] Escribindo para o xornal Australian, Christopher Goodwin afirmou: "Fight Club está tornándose na meditación sobre a violencia máis contendida do mainstream de Hollywood dende A Clockwork Orange de Stanley Kubrick".[102]

Janet Maslin nunha recensión para o The New York Times eloxiou a dirección de Fincher e a edición do filme: "Fight Club levou consigo unha mensaxe de madurez contemporánea, e iso, se non se observa de cerca, o filme podería deconstruírse incorrectamente como unha aprobación da violencia e do nihilismo".[103] Roger Ebert, nunha crítica para o Chicago Sun-Times, cualificou a Fight Club de "visceral e contundente", pero tamén "unha atracción facéndose pasar por filosofía",[104] e posteriormente declarou que o filme era "apreciado por moitos, non por min".[105] Posteriormente pedíronlle que fixese unha análise escena a escena de Fight Club na Conference on World Affairs, trala que afirmou "véndoa no transcurso dunha semana, admirei a súa habilidade aínda máis, e o seu pensamento aínda menos".[106] Jay Carr de The Boston Globe opinou que o filme comeza cunha "axitación estimulantemente nerviosa e imaxinativa", pero que pasa a ser eventualmente "explosivamente parva".[107] David Ansen de Newsweek describiu Fight Club coma "unha extravagante mestura de técnica brillante, filosofía pueril, sátira mordaz e sobrecarga sensorial".[108] Richard Schickel de Time eloxiou as actuacións de Brad Pitt e Edward Norton, pero criticou o desenvolvemento "convencionalmente efectista" do filme e o fracaso á hora de facer interesante a personaxe de Helena Bonham Carter.[109]

Gary Crowdus da revista Cineaste revisou a recepción da crítica en retrospectiva: "Moitos críticos eloxiaron a Fight Club, proclamándoo coma un dos filmes máis excitantes, orixinais e provocadores do ano".[110] Sobre as opinións negativas escribiu: "Malia que Fight Club tivo numerosos campións de crítica, os seus atacantes foron moito máis vocais, un coro negativo que pasou a estar histérico polas escenas de pelexas que sentiron eran excesivas ... Consideraron que este tipo de escenas só servían para resaltar sen sentido a brutalidade, unha representación moralmente irresponsable, con medo de que animasen a mozos varóns a comezar os seus propios clubs de loita para baterse entre eles ata perder o sentido".[110]

En Rotten Tomatoes, Fight Club mantén unha valoración de 79%, baseada en 162 revisións, cunha valoración media de 7,3 sobre 10. O consenso nesta web indica: "Unha sólida actuación, unha incrible dirección e un elaborado deseño de produción fan de Fight Club unha viaxe salvaxe".[111] En Metacritic o filme acadou unha puntuación de 66 sobre 100, baseada en 35 valoracións, indicando que recibiu "críticas xeralmente favorables".[112]

Impacto cultural[editar | editar a fonte]

Fight Club foi un dos filmes dos anos 1990 máis controvertidos e dos que máis se ten falado nos medios.[14][113] Da mesma forma que outras películas publicadas ese mesmo ano, incluíndo Magnolia, Being John Malkovich e Three Kings, Fight Club quedou recoñecida como un filme innovador na forma e estilo do cinema xa que aproveitou novos desenvolvementos na tecnoloxía cinematográfica.[114] Trala súa estrea nos cinemas tornouse máis popular grazas ó boca a boca,[115] e a recepción positiva que tivo a súa edición en DVD a película estableceuse coma un filme de culto.[116][117] O seu éxito tamén axudou a elevar o perfil de Chuck Palahniuk ata acadar unha fama global.[118] Fight Club estivo nomeada para o premio Oscar á mellor edición de son no 2000, que finalmente gañaría a película Matrix.[119] Helena Bonham Carter gañou o Premio Empire á Mellor Actriz Británica no ano 2000,[120] e a Online Film Critics Society nomeou a Fight Club ós premios de Mellor Filme, Mellor Director, Mellor Actor (Edward Norton), Mellor Edición e Mellor Guión Adaptado (Uhls).[121] Malia que finalmente o filme non gañou ningún destes premios, a organización listouno coma un dos dez mellores filmes de 1999.[122] A súa banda sonora foi nomeada a un Premio BRIT tamén no ano 2000, que finalmente gañou Notting Hill.[123]

Trala estrea de Fight Club os medios informaron da creación de varios "clubs de loita" nos Estados Unidos. Un deles, denominado "Gentleman's Fight Club" creouse en Menlo Park, California, no ano 2000, formado por membros na súa maioría pertencentes á industria das tecnoloxías.[124] Varios grupos de mozos e adolescentes en Texas, Nova Jersey, Washington e Alasca comezaron tamén clubs publicando vídeos das súas pelexas en Internet, o que levou a que as autoridades locais a terminar eses clubs. No ano 2006 un participante dun destes clubs proveniente dun instituto local en Arlington resultou ferido nunha pelexa e seis adolescentes foron arrestados.[125] Na Universidade de Princeton xurdiu tamén un club que organizou pelexas dentro do propio campus.[126] O filme tamén se atribuíu coma unha posible influencia para Luke Helder, un estudante que colocou varias bombas en caixas do correo no ano 2002, co obxectivo de crear un padrón en forma de smiley no mapa dos Estados Unidos, de forma semellante a unha escena do filme.[127]

O 16 de xullo de 2009 un mozo de 17 anos de idade que formara o seu propio club en Manhattan foi acusado de detonar unha bomba caseira as portas dunha cafetaría de Starbucks no Upper East Side, e o Departamento de Policía de Nova York informou que o sospeitoso estaba tentando emular a "Project Mayhem".[128] En setembro de 2015 dous empregados de Lightbridge Academy, unha gardaría de Nova Jersey, foron acusados de instigar pelexas de estilo "Fight Club" entre nenos de catro a seis anos de idade, pelexas que foron gravadas e subidas a Snapchat e que segundo o informe involucraron a aproximadamente unha ducia de nenos e nenas e facían alusións o filme.[129][130]

No 2004 Vivendi publicou unha adaptación do filme a un videoxogo, titulado Fight Club e lanzado para a PlayStation 2, Xbox e móbiles. O xogo resultou ser un fracaso comercial e recibiu duras críticas de publicacións coma GameSpot, Game Informer e IGN.[131][132][133]

No 2003 Men's Journal incluíu a Fight Club na súa lista de "50 Mellores Filmes de Homes de Tódolos Tempos".[134] En 2006 e 2008 o filme acadou a oitava e décima posición respectivamente na lista de mellores filmes de tódolos tempos da revista Empire, baseándose nas votacións dos seus lectores.[135][136] Total Film declarou a Fight Club o "Mellor Filme da nosa Vida" no 2007 coincidindo co décimo aniversario da revista,[137] e ese mesmo ano a revista Premiere seleccionou a liña de diálogo de Tyler Durden "A primeira regra do club da loita é que non se fala do club da loita", como a 27ª mellor liña de tódolos tempos.[138] No 2008 os lectores de Empire escolleron a Tyler Durden no primeiro posto dunha lista dos "100 Mellores Personaxes do Cine",[139] e na mesma publicación identificouse a Fight Club coma a décima mellor película de tódolos tempos.[140] Pola súa banda, o American Film Institute nomeou o filme nas súas categorías AFI's 100 Years...100 Movie Quotes[141] e AFI's 100 Years...100 Movies (10th Anniversary Edition).[142]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 O personaxe idéntificase no guión como "Jack", pero mantívose sen nome no filme.[3]
  2. As dúas escenas foron recuperadas nunha edición de dous discos DVD publicada no Reino Unido en marzo de 2007.[85]
Referencias
Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Fight Club (1999)". Box Office Mojo. Consultado o 29 de outubro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Smith 1999, p. 64
  3. "100 DVDs You Must Own". Empire: 31. 2003. 
  4. Smith 1999, p. 60
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Wise, Damon (1999). "Menace II Society". Empire. 
  6. Sragow, Michael (14 de outubro de 1999). "Testosterama". Salon. Consultado o 2 de decembro de 2007. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 7,8 David Fincher, Brad Pitt, Edward Norton, Helena Bonham Carter (2000). Comentarios. Fight Club (DVD) (20th Century Fox). 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Teasdall, Barbara (1999). "Edward Norton Fights His Way to the Top". Reel (Movie Gallery). Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2007. Consultado o 24 de marzo de 2007. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 Smith 1999, p. 65
  10. O'Connor, Robby (8 de outubro de 1999). "Interview with Edward Norton". Yale Herald. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Schaefer, Stephen (1999). "Brad Pitt & Edward Norton". MrShowbiz (ABC News). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2001. Consultado o 26 de marzo de 2007. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Fuller, Graham; Eidelman, D.; Thomson, J.G. (1999). "Fighting Talk". Interview 24 (5): 1071–1077. 
  13. Said, S.F. (19 de abril de 2003). "It's the thought that counts". The Daily Telegraph. Consultado o 30 de abril de 2008. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 "'Club' fighting for a respectful place in life". Post-Tribune. 15 de marzo 2001. 
  15. 15,0 15,1 Hobson, Louis B. (10 de outubro de 1999). "Get ready to rumble". Calgary Sun. 
  16. 16,0 16,1 Slotek, Jim (10 de outubro de 1999). "Cruisin' for a bruisin'". Toronto Sun. 
  17. Smith 1999, p. 67
  18. Moses, Michael (1999). "Fighting Words: An interview with Fight Club director David Fincher". DrDrew. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2007. Consultado o 13 de maio de 2009. 
  19. 19,0 19,1 Wager 2005, p. 102
  20. Wager 2005, p. 114
  21. Wager 2005, p. 103
  22. Wager 2005, p. 104
  23. Wager 2005, p. 105
  24. 24,0 24,1 Gandal 2007, p. 155
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Gandal 2007, p. 156
  26. 26,0 26,1 26,2 Gandal 2007, p. 158
  27. Gandal 2007, pp. 164–165
  28. Gandal 2007, p. 157
  29. Gandal 2007, p. 161
  30. Gandal 2007, pp. 157–158
  31. Gandal 2007, p. 164
  32. Gandal 2007, pp. 165–166
  33. Gandal 2007, p. 166
  34. Gandal 2007, pp. 166–167
  35. Gandal 2007, p. 167
  36. Giroux & Szeman 2001, p. 96
  37. Giroux & Szeman 2001, p. 97
  38. Giroux & Szeman 2001, p. 98
  39. Giroux & Szeman 2001, p. 101
  40. 40,0 40,1 40,2 Giroux & Szeman 2001, p. 102
  41. Dassanowsky 2007, p. 19
  42. Dassanowsky 2007, p. 21
  43. Dassanowsky 2007, pp. 21–22
  44. 44,0 44,1 44,2 Dassanowsky 2007, p. 22
  45. Giroux & Szeman 2001, p. 99
  46. 46,0 46,1 46,2 46,3 Waxman 2005, pp. 137–151
  47. Fleming, Michael (19 de agosto de 1997). "Thornton holds reins of 'Horses'". Variety. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 48,4 Waxman 2005, pp. 175–184
  49. Biskind, Peter (1999). "Extreme Norton". Vanity Fair. 
  50. Petrikin, Chris (7 de xaneiro de 1998). "Studio Report Card: Fox". Variety. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  51. 51,0 51,1 51,2 51,3 Garrett, Stephen (1999). "Freeze Frame". Details. 
  52. Schneller, Johanna (1999). "Brad Pitt and Edward Norton make 'Fight Club'". Premiere. 
  53. Nashawaty, Chris (16 de xullo de 1998). "Brad Pitt loses his teeth for a "Fight"". Entertainment Weekly. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  54. "The Story Behind Fight Club". Total Film. 20 de novembro de 2009. Consultado o 11 de maio de 2010. 
  55. "Palahniuk: Marketing 'Fight Club' is 'the ultimate absurd joke'". CNN. 29 de outubro de 1999. Consultado o 26 de marzo de 2007. 
  56. Johnson, Richard (1999). "Boxing Helena". Los Angeles Magazine. 
  57. Smith 1999, p. 61
  58. Kleinman, Geoffrey. "Interview With Fight Club Author Chuck Palahniuk". DVD Talk. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  59. Hobson, Louis B. (10 de outubro de 1999). "Fiction for real". Calgary Sun. 
  60. Schaefer, Stephen (13 de outubro de 1999). "Fight Club's Controversial Cut". MrShowbiz. ABC News Internet Ventures. Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2001. Consultado o 2 de decembro de 2007. 
  61. Waxman 2005, pp. 199–202
  62. "It Bruiser: Julie Pearce". Entertainment Weekly. 25 de xullo de 1999. 
  63. 63,0 63,1 63,2 63,3 63,4 63,5 63,6 63,7 Probst, Christopher (1999). "Anarchy in the U.S.A". American Cinematographer 80 (11): 42–44. Consultado o 19 de xullo de 2009. 
  64. Wayne, Gary J. (2013). "Filming Locations of Fight Club (Part 1)". Seeing Stars in Hollywood. Consultado o 13 de xuño de 2013. 
  65. Covert, Colin (29 de marzo de 2002). "Fear factor is Fincher's forte". Star Tribune. 
  66. 66,0 66,1 66,2 66,3 66,4 66,5 Martin, Kevin H. (2000). "A World of Hurt". Cinefex. Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2004. 
  67. Smith 1999, pp. 61–62
  68. Frauenfelder, Mark (1999). "Hollywood's Head Case". Wired. 
  69. Schurr, Amanda (19 de novembro de 1999). "Score one for musicians turned film composers". Sarasota Herald-Tribune. 
  70. Spitz, Marc (2004). "Life to the Pixies". Spin: 77. 
  71. 71,0 71,1 71,2 71,3 Waxman 2005, pp. 253–273
  72. Linson 2002, p. 152
  73. Svetkey, Benjamin (15 de outubro de 1999). "Blood, Sweat, and Fears". Entertainment Weekly. Consultado o 30 de abril de 2008. 
  74. Klady, Leonard (17 de xuño de 1999). "Fox holds the 'Fight' to fall". Variety. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  75. Goodwin, Christopher (19 de setembro 1999). "The malaise of the American male". The Sunday Times. 
  76. 76,0 76,1 76,2 Linson 2002, p. 155
  77. "'Fight Club' gets Venice premiere". Lubbock Avalanche-Journal. AP. 11 de setembro de 1999. Consultado o 16 de febreiro de 2015. 
  78. Gristwood, Sarah (14 de setembro de 1999). "Fury of fists". The Guardian. Consultado o 15 de xullo de 2009. 
  79. Orwall, Bruce (25 de outubro de 1999). "L.A. Confidential: Studios Move to Put A Halt on Issuing Box-Office Estimates". Wall Street Journal. 
  80. "Weekend Box Office Results for October 15–17, 1999". Box Office Mojo. Consultado o 14 de novembro de 2006. 
  81. Hayes, Dade (18 de outubro 1999). "'Jeopardy' just barely". Variety. Consultado o 23 de marzo 2007. 
  82. "Weekend Box Office Results for October 22–24, 1999". Box Office Mojo. Consultado o 14 de novembro de 2006. 
  83. Lyman, Rick (26 de xuño de 2000). "Media Talk; Changes at Fox Studio End Pax Hollywood". The New York Times. Consultado o 24 de febreiro de 2007. 
  84. 84,0 84,1 Dawtrey, Adam (9 de novembro de 1999). "UK to cut 'Club'". Variety. Consultado o 23 de marzo 2007. 
  85. French, Philip (4 de marzo de 2007). "Fight Club". The Observer. Consultado o 30 de marzo de 2007. 
  86. Kirsner, Scott (23 de abril de 2007). "How DVDs became a success". Variety. Consultado o 28 de abril de 2007. 
  87. "Fight Club". foxstore.com. 20th Century Fox. Arquivado dende o orixinal o 7 de decembro de 2008. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  88. "Fight Club Special Edition". foxstore.com. 20th Century Fox. Arquivado dende o orixinal o 7 de decembro de 2008. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  89. 89,0 89,1 89,2 Misek, Marla (2001). "For Fight Club and Seven, package makes perfect". EMedia Magazine 14 (11): 27–28. 
  90. "The OFCS 2000 Year End Awards". Online Film Critics Society. Rotten Tomatoes. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  91. "The 50 Essential DVDs". Entertainment Weekly. 19 de xaneiro de 2001. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  92. Cole, Ron (14 de febreiro de 2004). "Don't let Kurt Russell classic escape you". Battle Creek Enquirer (Gannett Company). 
  93. Lim, Dennis (6 de novembro de 2009). "'Fight Club' Fight Goes On". The New York Times. Consultado o 1 de abril de 2013. 
  94. Bing, Jonathan (11 de abril de 2001). "'Fight Club' author books pair of deals". Variety. Consultado o 1 de maio de 2007. 
  95. "Fight Club [PILF-2835]". LaserDisc Database. Consultado o 29 de agosto de 2013. 
  96. Fincher, David (director) (2000). Fight Club (VHS). Beverly Hills, California: Twentieth Century Fox Home Entertainment. OCLC 45259209. 
  97. Ault, Susanne (18 de setembro de 2009). "PHYSICAL: Fox packaging reflects film's anti-establishment themes". Video Business. Consultado o 11 de outubro de 2009. 
  98. Bradner, Liesl (12 de setembro de 2009). "'Fight Club' hits the streets again, 10 years after the first punch". Los Angeles Times. Consultado o 15 de outubro de 2009. 
  99. Villarreal, Phil (18 de novembro de 2009). "Fight Club Blu-ray Messes With Viewers". The Consumerist. Consultado o 19 de novembro de 2009. 
  100. Gritten, David (14 de setembro de 1999). "Premiere of Fight Club leaves critics slugging it out in Venice". The Ottawa Citizen. 
  101. Christopher, James (13 de setembro de 2001). "How was it for you?". The Times. 
  102. Goodwin, Christopher (24 de setembro de 1999). "The beaten generation". The Australian. 
  103. Maslin, Janet (15 de outubro de 1999). "Film Review; Such a Very Long Way From Duvets to Danger". The New York Times. Consultado o 30 de abril de 2008. 
  104. Ebert, Roger (15 de outubro de 1999). "Fight Club". Chicago Sun-Times. Consultado o 23 de marzo de 2007. 
  105. Ebert, Roger (24 de agosto de 2007). "Zodiac". Chicago Sun-Times. Consultado o 30 de abril de 2008. 
  106. Ebert, Roger (2003). The Great Movies. Broadway Books. p. xvi. ISBN 978-0767910385. Consultado o 6 de xaneiro de 2016. 
  107. Carr, Jay (15 de outubro de 1999). "'Fight Club' packs a punch but lacks stamina". Boston Globe. 
  108. Ansen, David (18 de outubro de 1999). "A Fistful of Darkness". Newsweek. 
  109. Schickel, Richard (11 de outubro de 1999). "Conditional Knockout". Time. Consultado o 7 de xaneiro de 2008. 
  110. 110,0 110,1 Crowdus, Gary (2000). "Getting Exercised Over Fight Club". Cineaste 25 (4): 46–48. 
  111. "Fight Club review". Rotten Tomatoes. Consultado o 31 de xullo de 2016. 
  112. "Fight Club Reviews". Metacritic. Consultado o 31 de xullo de 2016. 
  113. "'Fight Club' author Palahniuk to participate in academic conference at Edinboro University". Erie Times-News. 26 de marzo 2001. 
  114. Pulver, Andrew (27 de novembro de 2004). "Personality crisis: David Fincher's Fight Club (1999)". The Guardian. Consultado o 23 de xuño de 2008. 
  115. Wise, Damon (2 de novembro de 2000). "Now you see it". The Guardian. Consultado o 30 de abril de 2008. 
  116. Nunziata, Nick (23 de marzo de 2004). "The personality of cult". CNN. Consultado o 1 de abril de 2007. 
  117. Ansen, David (11 de xullo de 2005). "Is Anybody Making Movies We'll Actually Watch In 50 Years?". Newsweek. 
  118. Flynn, Bob (29 de marzo de 2007). "Fighting talk". The Independent. 
  119. Hawker, Philippa (28 de marzo de 2000). "Oscar 2000 – Shocking? Not!". The Age (Australia). 
  120. "Sony Ericsson Empire Awards – 2000 Winners". Empire. Consultado o 23 de marzo 2007. 
  121. "1999 Year-End Award Nominees". Online Film Critics Society. Rotten Tomatoes. Consultado o 28 de abril de 2007. 
  122. "The OFCS 1999 Year End Awards". Online Film Critics Society. Rotten Tomatoes. Consultado o 28 de abril de 2007. 
  123. "Brits 2000: The winners". BBC News. 3 de marzo de 2000. Consultado o 16 de abril de 2007. 
  124. "Fight club draws techies for bloody underground beatdowns". USA Today. AP. 29 de maio de 2006. Consultado o 28 de abril de 2007. 
  125. Rosenstein, Bruce (1 de agosto de 2006). "Illegal, violent teen fight clubs face police crackdown". USA Today. Consultado o 28 de abril de 2007. 
  126. "At Princeton, no punches pulled". The Philadelphia Inquirer. 6 de xuño de 2001. 
  127. Rossi, C. T. (10 de xuño de 2002). "Father Absence Key to Male Masculinity Crisis". Insight on the News (News World Communications). 
  128. "Starbucks bombing blamed on 'Fight Club' fancy". The Washington Times. AP. 16 de xullo de 2009. Consultado o 18 de xullo de 2009. 
  129. DeGregory, Priscilla (1 de setembro de 2015). "Day care workers charged with running toddler 'Fight Club'". New York Post. Consultado o 2 de setembro de 2015. 
  130. Bolton, Doug (2 de setembro de 2015). "Two women arrested over alleged child 'fight club' at a New Jersey nursery". The Independent. Arquivado dende o orixinal o 5 de setembro de 2015. Consultado o 3 de setembro de 2015. 
  131. Kasavin, Greg (11 November 2004). "Fight Club Review (PS2, Xbox)". GameSpot. Consultado o 6 de agosto de 2016. 
  132. Ryckert, Dan (2011). "Top Ten Fighting Games We'd Like to Forget". Game Informer (216). 
  133. Perry, Douglass C. (15 de novembro de 2004). "Fight Club (PS2, Xbox)". IGN. Consultado o 6 de agosto de 2016. 
  134. Dirks, Tim. "50 Best Guy Movies of All Time". Filmsite. AMC. Consultado o 27 de abril de 2009. 
  135. "The 100 Greatest Movies Of All Time". Empire: 96. 30 de xaneiro de 2004. 
  136. "The 201 Greatest Movies Of All Time". Empire: 98. 2006. 
  137. "Ten Greatest Films of the Past Decade". Total Film: 98. 2007. 
  138. "The 100 Greatest Movie Lines". Premiere. Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2007. Consultado o 13 de maio de 2009. 
  139. "The 100 Greatest Movie Characters – 1. Tyler Durden". Empire. Consultado o 1 de decembro de 2008. 
  140. "Empire's 500 Greatest Movies of All Time". Empire. Consultado o 3 de xaneiro de 2014. 
  141. "AFI's 100 Years...100 Movie Quotes Nominees" (PDF). American Film Institute. Consultado o 31 de xullo de 2016. 
  142. "AFI's 100 Years...100 Movies (10th Anniversary Edition) Ballot" (PDF). American Film Institute. Consultado o 31 de xullo de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dassanowsky, Robert von (2007). "Catch Hannibal at Mr. Ripley's Fight Club if you can: From Eurodecadent cinema to American nationalist allegory". Film International (en inglés) 5 (3): 19–22. doi:10.1386/fiin.5.3.14. 
  • Gandal, Keith (2007). "The Cult Film Fight Club". Class Representation in Modern Fiction and Film (en inglés). Palgrave Macmillan. ISBN 1-4039-7792-5. 
  • Giroux, Henry; Szeman, Imre (2001). "Ikea Boy Fights Back: Fight Club, Consumerism, and the Political Limits of Nineties Cinema". En Lewis, Jon. The End of Cinema As We Know It: American Film in the Nineties (en inglés). New York University Press. ISBN 0-8147-5161-X. 
  • Linson, Art (2002). "Fight Clubbed". What Just Happened? Bitter Hollywood Tales from the Front Line (en inglés). Bloomsbury USA. ISBN 978-1-58234-240-5. 
  • Smith, Gavin (1999). "Inside Out: Gavin Smith Goes One-on-One with David Fincher". Film Comment (en inglés) 35 (5): 58–62, 65, 67–68. ISSN 0015-119X. 
  • Wager, Jans B. (2005). "Fight Club (1999): Retro-noir masquerades as neo-noir". Dames in the Driver's Seat: Rereading Film Noir (en inglés). University of Texas Press. ISBN 0-292-70966-8. 
  • Waxman, Sharon (2005). Rebels on the Backlot: Six Maverick Directors and How They Conquered the Hollywood Studio System (en inglés). HarperEntertainment. ISBN 978-0-06-054017-3.