Saltar ao contido

Medo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medo
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
 Aspecto de
 Parcialmente coincidente con
 Oposto a
 Causa de
 Causado por
Códigos e identificadores
Freebase/m/02xrl Editar o valor en Wikidata
MeSHD005239 Editar o valor en Wikidata
CIE-111096385425 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata C:Commons

O medo[1] é unha emoción caracterizada por un intenso sentimento, habitualmente desagradable, provocado pola percepción dun perigo, real ou imaxinario, presente ou futuro. É unha emoción primaria que se deriva da aversión natural ó risco ou á ameaza, e maniféstase tanto nos animais como no ser humano. O presente artigo trata fundamentalmente do medo en humanos.

Enfoques sobre o medo

[editar | editar a fonte]
Detalle de Xinete sen cabeza perseguindo a Ichabod Crane
de John Quidor (1858). Smithsonian American Art Museum.

Dende o punto de vista biolóxico, o medo é un esquema adaptativo, e constitúe un mecanismo de supervivencia xurdido para permitir ao individuo responder ante situacións adversas con rapidez e eficacia. Nese sentido, é normal e beneficioso para o individuo e para a súa especie.

Dende o punto de vista neurolóxico é unha forma común de organización do cerebro primario dos seres vivos, e esencialmente consiste na activación da amígdala cerebral, situada no lobo temporal.

Dende o punto de vista psicolóxico, social e cultural, o medo pode formar parte do carácter da persoa ou da organización social. Pódese, por tanto, aprender a temer obxectos ou contextos, e tamén se pode aprender a non temelos. Relaciónase de maneira complexa con outros sentimentos (medo ao medo, medo ao amor, medo á morte) e garda unha estreita relación cos distintos elementos da cultura.