Especie tipo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na nomenclatura zoolóxica, unha especie tipo (species typica) é o nome da especie co cal está taxonomicamente asociada de forma permanente o nome dun xénero ou subxénero, é dicir, a especie que contén o(s) espécime(s) tipo.[1] Utilízase un concepto similar para grupos supraxenéricos denominado xénero tipo.

Na nomenclatura botánica, estes termos non teñen consideración formal baixo o actual código de nomenclatura, pero utilízase ás veces imitando o uso que se fai na nomenclatura zoolóxica. En botánica, o tipo dun xénero é un espécime (ou, raramente, unha ilustración); os rangos de xénero e familia e as súas subdivisións, así como algúns nomes de rango superior baseados nos nomes dos xéneros, teñen ditos tipos.[2]

En bacterioloxía, asígnase unha especie tipo a cada xénero.[3]

Cada xénero ou subxénero nomeado en zooloxía, tanto se actualmente está recoñecido como válido coma se non, está teoricamente asociado cunha especie tipo. Porén, na práctica hai acumulados moitos nomes pendentes de tipificar por un atraso ou lentitude na tipificación, que foron definidos en publicacións antigas cando non se requiría especificar un tipo.

Uso en zooloxía[editar | editar a fonte]

Representación diagramática de diferentes interpretacións da nomenclatura dunha especie. Cada taxónomo ten unha diferente visión sobre a atribución do xénero, mais a referencia a unha especie tipo consérvase, e iso asegura unha comunicación precisa.

A especie tipo é á vez un concepto e un sistema práctico usado na clasificación e nomenclatura dos animais. O valor dunha "especie tipo" débese a que "ancora" un determinado nome de xénero. Sempre que un taxon contén moitas especies e debe dividirse en máis dun xénero; a especie tipo asigna o nome do taxon orixinal a un dos novos taxons resultantes, que é aquel que inclúe a especie tipo.

O termo "especie tipo" está regulado na nomenclatura zoolóxica polo artigo 42.3 do Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, que define unha especie tipo como un "tipo que porta o nome" do nome dun xénero ou subxénero (un "nome do grupo xénero"). No Glosario, a especie tipo defínese como:

"A especie nominal que é a especie que porta o nome dun xénero ou subxénero nominal".[4]

A especie tipo asocia permanentemente a un xénero o seu nome formal (o seu nome xenérico) ao proporcionar só unha especie dese xénero á cal o xénero está permanentemente ligado (é dicir, o xénero debe incluír esa especie se é esta a que porta o nome). O nome da especie á súa vez está fixado, en teoría, a un espécime tipo.

Por exemplo, a especie tipo dos caracois terrestres do xénero Monacha é Monacha cartusiana. Ese xénero está actualmente situado na familia Hygromiidae. O xénero tipo para esa familia é o xénero Hygromia.

O concepto de especie tipo en zooloxía foi introducido por Pierre André Latreille.[5]

Cita obrigatoria[editar | editar a fonte]

O Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica establece que o nome orixinal (binomen) dunha especie tipo debería citarse sempre. Dá un exemplo disto no artigo 67.1. Astacus marinus Fabricius, 1775 foi posteriormente designado como a especie tipo do xénero Homarus, polo que se lle deu o nome de Homarus marinus (Fabricius, 1775). Porén, a especie tipo de Homarus debería citarse sempre usando o seu nome orixinal, é dicir, Astacus marinus Fabricius, 1775.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]