Museo Catedralicio de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lápida de Baños de Molgas (século VI).

O Museo Catedralicio de Ourense, situado no interior da Catedral, contén unha completa mostra de arte sacra. A súa orixe hai que atrasala ata 1944 cando se decidiu acometer as obras necesarias que permitisen a exhibición das pezas que conservaba a Catedral. As obras foron levadas a cabo polos arquitectos Luis Menéndez Pidal e Francisco Pons Sorolla, sendo inaugurado en 1954.

O Museo está situado no ángulo formado pola nave maior e o brazo sur do transepto e ocupa as dependencias que se construíron do inacabado claustro gótico (a Claustra Nova). Accédese desde a nave da Epístola, a través dunha porta con arco conopial cara á nave e románica cara o interior; esta segunda mostra no seu tímpano un Agnus Dei con dous anxos turiferarios [1]. Así, as dúas salas do Museo posúen unha serie moi interesante de capiteis e ménsulas con escenas de caza, animais mitolóxicos, figuras humanas e motivos vexetais. En 1992 foi reestruturado e ampliado, e existe o proxecto dunha nova ampliación que ocuparía a anexa capela de San Xoán, a antiga escola da Catedral e un patio para expoñer as obras epigráficas.

Colección[editar | editar a fonte]

Entre as pezas expostas destaca o chamado tesouro de San Rosendo, composto polo báculo do Santo, en marfil, unha ara portátil de pórfido e prata, un cáliz,[2] unha mitra e outras pezas, todas do século XII. Tamén o anel do Santo, datado de antes do século X.

Pero hai outras moitas pezas de interese: un conxunto de placas de esmalte dun frontal dun relicario, de Limoges, datadas no século XII; unha custodia procesional do XVII (de Enrique de Arfe), unha cruz de acibeche, o relicario dos santos Rosendo e Torcuato, a arqueta de Santa Susana, o busto de Santa Constanza, a lauda cristiá máis antiga de Galicia, do século VI, procedente de Baños de Molgas etc. Tamén hai diversos cálices e ornamentos relixiosos, esculturas en pedra ou madeira dos séculos XVI ó XVIII de artistas como o Mestre de Sobrado, Cornielles de Holanda, Francisco de Moure ou Mateo de Prado; tamén hai algunhas táboas do coro da Catedral.

Xoias bibliográficas[editar | editar a fonte]

Finalmente, cómpre destacar dentro do arquivo catedralicio o Misal Auriense, o Breviario Auriense e as Constitucións Sinodais do impresor Tanco. O citado Misal Auriense foi o primeiro libro que se imprentou en Galicia, en 1494, no taller de Rodriguez de la Passera, de Monterrei [3] só 40 anos despois da aparición da Biblia de Gutenberg. Consérvanse só dous exemplares: este da Catedral de Ourense, impreso en pergameo, e outro na Biblioteca Nacional, impreso en papel. Existe un facsímile editado en 1994 pola Xunta de Galicia a partir do exemplar de Ourense, pero incompleto (só reproduce algúns folios de cada sección).

As Constitucións Sinodais son outro incunable escrito polo bispo Manrique de Lara en 1544. O libro establecía as normas de comportamento dos fieis ante os feitos da vida cotiá. O Breviario Auriense, do XV, detalla as oracións que debían rezar os cregos da diocese.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Chámanse así os anxos que portan o incensario nas cerimonias relixiosas.
  2. De prata sobredourada parcialmente, na unión do pé e a copa hai un nó con decoración de grifóns entre vexetación. Procede de Celanova.
  3. Imprentáronse uns 800 exemplares para as parroquias da diocese pero desapareceron todos menos estes dous. Miguel Ángel González, delegado de patrimonio da diocese, recuperou tamén algunha folla solta doutros exemplares. Da importancia deste Misal Auriense dá idea o feito de que formara parte, co Códice Calixtino e outros dez manuscritos e incunables medievais dos séculos X ó XV, da exposición "Códices. Joyas de las catedrales gallegas en la Edad Media", organizada na Cidade da Cultura en 2012 co gallo da recuperación do Códice, roubado un ano antes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]