Pórtico do Paraíso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non confundir coa Fachada do Paraíso da catedral de Santiago de Compostela.
Pórtico do Paraíso
Ourense, catedral, portico Paraíso 03-01.JPG
Arco central.
Presentación
Localización Catedral de Ourense
Coordenadas 42°20′11″N 7°51′46″O / 42.33639, -7.86278Coordenadas: 42°20′11″N 7°51′46″O / 42.33639, -7.86278
Estilo gótico
Construción
Data da construción século XIII

O Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense é o conxunto escultórico que dá acceso, pola portada principal ó templo. Foi construído na primeira metade do século XIII, en tempos do bispo Lourenzo (1218-1248), que foi quen rematou as obras da catedral, e en calquera caso despois de 1230. Cómpre destacar a policromía que conserva, do século XVIII, e que foi restaurada en 2013, pero hai que advertir que a contraportada carece de cor.

Ignórase quen foi o autor ou autores do pórtico. Ángel del Castillo atribúeo a un mestre chamado Juan Evangelista:

Trala fachada principal... existe o chamado Pórtico do Paraíso, de principios do século XIII, e obra, ó parecer, do mestre Juan Evangelista, segundo inscrición de certa figura dun anxo achado hai uns anos.[1][2]

En realidade, esta inscrición, "Juan Evangelista fecit", figura nun anxo trompeteiro hoxe conservado no museo da catedral e que nada ten que ver co pórtico,[3] tal como acreditan expertos como Serafín Moralejo, Ramón Yzquierdo Perrín, Xosé Carlos Valle Pérez e Eduardo Carrero Santamaría, polo que xa ninguén apoia esa atribución.

Conde Cid supón a participación de dous grupos de escultores no proceso de construción do tímpano. Fundamentalmente, un primeiro taller, ata 1230, que sería quen comezaría as obras e esculpiu a parte inferior (bases, columnas e os profetas e apóstolos); e un segundo taller desde 1230, responsable da parte dos arcos. Dentro dese primeiro taller distingue catro mans diferentes, a xulgar polo traballo dos pregues dos vestidos e a sensación de movemento que se consegue: unha esculpiría os profetas Oseas e Malaquías e os tres apóstolos descoñecidos; outro escultor sería o autor das estatuas de Ezequiel, Habacuc, Xonás e Isaías e, probablemente, dos apóstolos Xoán e André; un terceiro esculpiría os profetas Daniel e Xeremías e os apóstolos Santiago e Mateo; e un último escultor sería o responsable das figuras do profeta descoñecido e dos apóstolos Pedro e Paulo.[4]

Os especialistas concordan en que é moi probable que estes escultores pertenceran ó taller do Mestre Mateo ou, polo menos, estaban influídos por el, pois reproduciron a disposición de apóstolos e profetas que este dispuxo en Compostela e a técnica utilizada nas estatuas-columna e na ornamentación do arco menor é tamén similar, pero aínda así e a pesar do feito de que o pórtico de Ourense sexa posterior ó de Santiago, a realidade é que o estilo do Pórtico do Paraíso é máis románico có da Gloria.

Outros autores ven, tamén, a influencia dos talleres de Amiens e París, que chegaron ata aquí a través da catedral de Burgos.

Construción[editar | editar a fonte]

Tódolos expertos coinciden en que reproduce a estrutura do Pórtico da Gloria na catedral compostelá, aínda que dunha forma máis simple, menos elaborada; aínda así, non cabe interpretalo como unha réplica desafortunada daquel.[5] Como acontece co de Santiago, tampouco o de Ourense se construiría cunha funcionalidade de acceso ó templo, senón que máis ben se trataría dun nártice miradoiro. De feito non tivo acceso directo desde o exterior ata ben entrado o século XX.

Tamén lembra a catedral de Santiago o feito de que o terreo sobre o que se levantou a de Ourense tiña, como aquela, un acusado desnivel cara ao oeste, o que obrigou a reforzar a cimentación na área correspondente ós pés da igrexa, na fachada oeste. Por algunha razón, o cabido do século XVI debía sospeitar do mal estado dos alicerces porque cando lle encargou a Rodrigo Gil as obras de reforma da catedral fixo incluír no contrato a necesidade de comprobalos e reforzalos antes de obrar na fachada, para non poñer en perigo o pórtico:[6]

ansy hedificare e fixer non benga en ruyna ningunha cousa de toda a obra que na dita ygrexa esta feita nin do Parayso da dita ygrexa e se for necesario facer calas para saber sy os piares torales estan sobre o firme e ben fundados e sobre macizo.

A solución que se deu consistiu na construción dun amplo baseamento ó redor dos pés da igrexa, con contrafortes macizados uns ou con bóvedas de canón outros, unidos por arcos de medio punto.[7] Aínda así, o bispado de Ourense recoñece que "A pesar de tantos desvelos o Pórtico sufriu serios quebrantos e mutilacións".[6]

Baseamento do piar esquerdo.

Entre estes quebrantos e mutilacións pódense citar os seguintes: eliminouse o tímpano e substituíuse a bóveda por outra estrelada. Tamén se retallaron os baseamentos dos piares, que reproducían figuras zoomórficas, como en Santiago, por considerarse infernais e desapareceron as estatuas-columna que había na contraportada. A construción das torres da fachada obrigou a eliminar as columnas laterais do pórtico e reduciu lixeiramente a anchura do nártice.

Descrición[editar | editar a fonte]

O Pórtico do Paraíso disponse, como o de Compostela, nun grande arco central e dous arcos laterais, que se corresponden coas tres naves do templo, maior e laterais. Os arcos están separados por dous fortes piares sobre os que se tallaron cadanseu grupo de estatuas-columna: os profetas no lado do Evanxeo, á esquerda do espectador, e os apóstolos no lado da Epístola, á dereita.[8] Aqueles portan longas cartelas co seu nome e estes portan libros (excepto dous). A identificación é dubidosa nalgúns casos (así, Isaías parece ser Moisés, ó portar as táboas da lei) e mesmo descoñecida noutros.

Apóstolo Santiago, no parteluz.

Arco central[editar | editar a fonte]

O arco central está dividido por un parteluz formado por seis finas columnas contiguas, talladas nun bloque monolítico. Contigua á base, cara á saída, hai unha escultura sedente de Santiago Apóstolo, datada no primeiro terzo do século XIII pero colocada nesta situación en 1857; parece ser que orixinalmente estaba colocada na capela maior. Santiago sostén coa man esquerda un libro aberto, apoiado nos xeonllos, e unha espada na man dereita, en referencia á milagrosa intervención do apóstolo na lendaria batalla de Clavijo. A figura, tamén policromada, viste túnica con numeroso pregues que deixan ver a anatomía subxacente e mostra un rostro sereno, co pelo e barbas rizados; apoia os pés sobre unha figura zoomorfa de difícil identificación. A figura érguese sobre unha peaña con cunchas de vieira, que está sobre un alto zócolo.

Na parte superior do parteluz tamén se colocou, modernamente, a imaxe da Virxe do Consolo. Trala limpeza do pórtico realizada en 2013 comprobouse que foi tallada por Cornielles de Holanda, o autor do retablo da capela maior.[9]

Tímpano[editar | editar a fonte]

O tímpano actual consiste nunha filigrana calada de liñas curvas en círculos entrelazados. No centro ábrese unha fornela na que se colocou unha pequena imaxe, moderna, de san Martiño ecuestre compartindo a súa capa co mendigo. Esta imaxe colocouse no pórtico na reforma do século XVI. Baixo esta imaxe ábrese un medallón co busto de Deus Pai.

O único que se conserva do tímpano orixinal é a arquivolta coas figuras dos 24 anciáns da Apocalipse[10] tanguendo distintos instrumentos musicais da época (frautas, cítaras, violas, arpas); tamén á similitude do Pórtico da Gloria, os dous anciáns centrais están tocando o organistro. Adoptan unha posición sedente, visten túnicas con escasos adornos e, algúns, capa romana abrochada sobre o ombreiro, ostentan coroas (sinxelas e todas diferentes) e xiran a cabeza uns cara a outros coma se estivesen dialogando entre si.

Algúns dos 24 anciáns. 
Os dous anciáns da clave, co organistro. 
Detalle da estatua do apóstolo. 

Arcos menores[editar | editar a fonte]

Arco meridional, do Xuízo Final.

O arco lateral do lado do Evanxeo (á esquerda) podería representar o Paraíso. Posúe dúas arquivoltas con decoración simple de motivos vexetais e un tímpano que non ten decoración ningunha. O arco da Epístola (á dereita) representa o Xuízo Final: tamén ten dúas arquivoltas pero moito máis decoradas, coa mesma iconografía do Pórtico da Gloria. Aparecen, no semiarco dereito, figuras de almas condenadas ó inferno e torturadas por monstros e demos (homes aforcados, monstros que devoran os condenados, mulleres con serpes que traban e penduran dos seus seos, imaxes que adoitan reflectir os tormentos dos infernos na iconografía medieval); e, no esquerdo, almas elixidas, pequenas figuras núas, que soben ó ceo transportadas por anxos; un terceiro arco externo, máis estreito, reproduce as mesmas imaxes. Na clave da arquivolta externa, o busto de Deus xuíz; e, na interna, a do arcanxo san Miguel. O tímpano deste arco está perforado por un óculo e pintado groseiramente a base de puntos escuros.

Estatuas-columnas[editar | editar a fonte]

Como se dixo, os tres arcos están separados por fortes piares, formados por sete columnas de fuste liso, tres a cada lado e unha axial, rematadas en cimacios adornados con motivos vexetais. Sobre estes descansan as estatuas-columna de apóstolos e profetas, aínda que a columna central de cada grupo, axial, se continúa con outra columna lisa que divide as estatuas en grupos de tres. Sobre as estatuas hai capiteis e novos cimacios nos que apoian as arquivoltas ou grupos de anxos amparando as almas dos benaventurados, representadas por pequenas figuras infantís. Por fin, sobre estes anxos corre unha imposta na que apoian os nervios da bóveda.

A distribución dos nove profetas e outros tantos apóstolos é a seguinte, ordenados de esquerda a dereita do espectador:

Profetas Xonás, Daniel, Xeremías e Isaías. 
Apóstolos Mateo, André e descoñecido C. 
Apóstolos Pedro, Paulo, Santiago e Xoán. 
Apóstolos descoñecidos A e B en 2010, antes da restauración. Nótese o po sobre as figuras. 

Tanto uns como outros son figuras ríxidas, de rostro inexpresivo (excepto Daniel, co mesmo sorriso que mostra no Pórtico da Gloria), e a roupa cáelles en pregos paralelos, características todas da escultura románica.

Os profetas portan todos unha cartela co seu nome ou un texto que os caracteriza, agás o profeta descoñecido, que a leva sen ningunha inscrición, e Isaías, que leva o que lembra máis ás Táboas da Lei de Moisés, quizais por estar representado así este segundo profeta no Pórtico da Gloria, na mesma posición que ocupa Isaías no Pórtico do Paraíso, na xamba esquerda do arco central.

Apoio do profeta descoñecido.

O chamado profeta descoñecido, ademais de carecer de calquera texto identificativo na cartela que suxeita, reúne certas características que o fan peculiar. Como Daniel, é moi novo, carece de barba e o seu pelo é rizo; é o único que carece de nimbo; viste diferente dos demais, cunha toga distinta da túnica dos outros profetas; e, sobre todo, é o único que apoia os pés sobre unha figura humana (a cabeza dunha muller desesperada mesándose dos cabelos), mentres que tódolos demais o fan sobre un pedestal de formas vexetais. Para este profeta descoñecido propóñense tres posibles identificacións: o profeta Amós, que tamén era moi novo e nin se consideraba profeta, de aí a ausencia do nimbo; o patriarca Xosé (un dos doce fillos de Xacob), pola semellanza desta estatua coa da catedral de Chartres; ou o profeta Zacarías, identificado ás veces cun longo rolo que voa, símbolo da maldición.

Pola súa banda, os apóstolos portan nas súas mans un libro, excepto Pedro, que leva as chaves que o caracterizan; Santiago, ademais de portar o seu libro, apóiase no seu bastón en tau. O libro, que simboliza a palabra de Deus que os apóstolos expandiron polo mundo adiante, está aberto no caso de Paulo, Xoán e Mateo, e pechado no caso de André e os tres apóstolos descoñecidos. Unhas veces suxeitan o libro coas mans veladas pola túnica pero noutros casos fano directamente coa man. Todos os apóstolos son barbados a excepción de Mateo e o apóstolo descoñecido B, para destacar a súa xuventude.

Pita Andrade basea a identificación dos dous apóstolos descoñecidos A e B como Bertomeu e Tomé por ocupar a mesma posición que ocupan estes dous no pórtico de Santiago.

A decoración dos capiteis é moi variada e digna de mención. Predominan as figuras zoomórficas con seres mitolóxicos (harpías, grifóns, centauros,[14] sereas, dragóns), propios dos bestiarios medievais que foron fonte de inspiración frecuente no románico; tamén hai figuras humanas e animais non fantásticos. Aqueles adoitan estar enfrontados e tamén figuran loitar uns con outros.

Canto ás representacións de figuras humanas, destaca o capitel do parteluz, dedicado ás tres tentacións de Cristo, asociando aquelas con figuras híbridas. Este tema das tentacións de Cristo non é usual nas igrexas do Camiño de Santiago.

Outros elementos[editar | editar a fonte]

Nos catro ángulos do nártice hai catro anxos trompeteiros, que chamarían polo Xuízo Final se atendemos ó Evanxeo de san Xoán.

Na parede norte, esquerda, do nártice hai un mural dedicado a san Cristovo e, baixo el, o altar do mártir ourensán san Francisco Blanco; na parede sur, dereita, outro mural dedicado a santo Ildefonso e outro altar, á Virxe de Belén. Ámbolos dous murais son barrocos, do século XVIII.

Restauración do mural de san Cristovo.
Vandalismo.

Restauración[editar | editar a fonte]

Durante os anos 2013 e 2014 realizáronse distintas obras de restauración na catedral de Ourense (na cabeceira, na torre das Campás, na capela de San Xoán) e no mesmo pórtico. Nesta última área, a pintura estaba ben conservada, salvo algún desprendemento, así como o soporte de pedra das estatuas, pero todo estaba escurecido polo po depositado durante séculos, o fume das candeas e as humidades, así como o depósito de sales, especialmente na parte norte (as filtracións da torre das Campás foron un problema que a catedral arrastrou durante séculos). Grazas a este relativamente bo estado de conservación do soporte e da pintura, os traballos de recuperación da pintura, non a orixinal, por suposto, senón a que tiña no século XVIII, última ocasión na que se repintou,[15] non foron especialmente dificultosos. A directora da restauración, Vania López Arias, insistía no respecto con que se fixo, limitándose a facer unha limpeza física, primeiro, e química, despois, con disolventes e xabóns suaves que non afectasen á policromía orixinal. Finalmente, reparouse e pintouse só alí onde había algunha falta, e a pintura empregada foi a base de produtos reversibles, polo que nun futuro se podería retirar se fose necesario. En realidade, só o feito de limpar a superficie e eliminar a capa de sucidade permitiu en boa parte a recuperación das cores orixinais.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tradución do orixinal en castelán.
  2. Castillo 1987.
  3. Fotografía do anxo trompeteiro
  4. Conde Cid 2012, p. 100-101.
  5. Tradución do orixinal en castelán: "De non ser polo Pórtico da Gloria … esta obra sería considerada como un dos conxuntos máis importantes da época na que se vai avanzando cara a consolidación do primeiro gótico". Torralba Venegas 1997, p. 8
  6. 6,0 6,1 Diocese-Catedral-Visita virtual. Pórtico do Paraíso Bispado de Ourense.
  7. Obsérvense nas fotografías (F1, F2, F3 ) os recios contrafortes que percorren a fachada occidental.
  8. Todo semella que esta distribución de profetas e apóstolos a esquerda e dereita copiouse do Pórtico da Gloria.
  9. Otero Ricart, José Ángel (8/11/2013). "Un equipo de restauración devuelve el color a las figuras pétreas del Pórtico del Paraíso de la catedral ourensana, un referente del arte medieval gallego". Faro de Vigo (en español). 
  10. 2 Axiña caín en arroubo. E velaquí un trono posto no ceo e un sentado no trono. 3 A fasquía do que estaba sentado era coma a pedra de xaspe e de sardónica e cunha aureola arredor do trono, semellante ó aspecto da esmeralda. 4 Arredor do trono vin vinte e catro tronos e, sentados nos tronos, vinte e catro anciáns, vestidos de roupas brancas e coroas de ouro nas súas cabezas (Apocalipse 4:2-4).
  11. Dando por certa a identificación de dous dos apóstolos descoñecidos como Bertomeu e Tomé, os apóstolos non representados no pórtico son Filipe, Xudas Tadeo, Simón e Santiago o Menor, se ben un destes catro ten que ser o apóstolo descoñecido C.
  12. Designado polos especialistas como descoñecido C.
  13. Designados como descoñecidos A e B.
  14. Frecuentemente erguen unha espada coa que atacan unha serea. Sobre a cabeza do profeta Oseas hai un que agarra cunha man unha serea e coa outra levanta a espada.
  15. Existe outra teoría segundo a cal o Pórtico de Ourense non se pintou ata o século XVIII, o que explicaría o bo estado da pintura. Faro de Vigo, 6/11/2014.
  16. "El Pórtico do Paraíso vuelve a la luz, pero sigue la humedad". La Región (en español). 13/9/2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]