Saltar ao contido

Catedral de Tui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catedral de Santa María de Tui
Catedral, na parte alta de Tui.
Datos xerais
PaísEspaña
TipoCatedral
AdvocaciónVirxe María
LocalizaciónTui
Coordenadas42°02′46″N 8°38′39″O / 42.04616555, -8.64430368
CatalogaciónBen de Interese Cultural
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseDiocese de Tui-Vigo
Arquitectura
Construcións.XII (1142-1225) cabeceira do XV (Antigo Reino de Galiza )
EstiloRománico e gótico
Páxina webhttp://www.catedraldetui.com/
Catedral de Tui en Galicia
Catedral de Tui
Catedral de Tui
Localización da Catedral de Tui.
editar datos en Wikidata ]

A catedral de Santa María de Tui é un templo católico situado na cidade de Tui, próxima á beira do río Miño. É sé da diocese de Tui-Vigo, convertida en sé episcopal durante o reino suevo. O edificio actual foi iniciado cara a 1120 en estilo románico, e foi finalizado cara a 1225 coa fachada xa de estilo gótico, ano no que foi consagrada polo bispo Esteban Egea[1]. En 1931 foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC)[2][3].

Fachada occidental gótica.

Dáse por feito a existencia dun templo anterior que estaría situado no mesmo sitio que a actual sé. Dunha banda, hai datos fiables da existencia da diocese tudense como tal desde o século VI, cos bispos Anila (que figura como participante no Segundo Concilio de Braga) e Neufila. Doutra banda, consérvase algún rastro do vello edificio, por exemplo, aos pés da imaxe de Santo Epitacio, na porta norte.

A construción da actual puido iniciarse cando a diocese se viu libre das invasións normandas e sarracenas, en tempos de estabilidade e paz.

Edificio principal e claustro

[editar | editar a fonte]

A construción comezou no ano 1120, en estilo románico. Románica é a planta de cruz latina e a portada norte e tamén da época debe ser a primitiva sala capitular do século XII, que hoxe dá ao claustro. O edificio principal rematouse en estilo gótico (ou románico tardío), no que se fixeron as bóvedas e a porta principal.

Este salto de estilos e a diferenza entre os muros de carga románicos e os remates góticos, moito máis altos do que nun principio estarían pensados motivou, a longo prazo problemas estruturais que tiveron que ser compensados coa colocación dos tirantes tan característicos desta catedral. Os primeiros tirantes colocáronse xa no século XV e os últimos, onde están os órganos, a primeiros do século XVIII. Hai que facer notar que, ademais dos tirantes da nave central, que son os máis visibles, bos parte dos arcos das naves laterais teñen tamén un reforzo que crea o curioso efecto de arcos "tortos".

Xa en pleno estilo gótico cisterciense construíuse o claustro, peza case única nas catedrais de España. Ao longo do tempo sufriu diversas reformas:

  • No século XV, para reforzar o sistema defensivo, engadiuse a Torre dos Soutomaiores.
  • No século XVI, aproveitando o paso de ronda superior do claustro, construíuse o pazo e dependencias episcopais.
  • No século XX, nos anos 50, coincidindo co traslado da sé episcopal a Vigo, derrubáronse estas dependencias (excepto o lado leste), e volveron quedar visibles as construcións defensivas (ameas e torre).

Capelas e outros engadidos

[editar | editar a fonte]

No século XIV construíuse a capela de Santa Catarina, actual museo catedralicio, reformada entre finais do século XVII e principios do XVIII.

Entre 1419 e 1464 o bispo Xoán Fernández de Soutomaior mandou construír a capela do Sacramento, que exteriormente é unha torre defensiva.

En 1530, o bispo Diego de Avellaneda mandou refacer o ciborio, en estilo renacentista.

A capela de san Telmo foi construída en dúas fases. O bispo Diego de Torquemada mandou construír a primeira parte en 1578, onde está o seu sartego. En 1732 mandouse construír a segunda parte, en estilo barroco e rematada por unha cúpula.

Retablos e decoración

[editar | editar a fonte]

Do século XVI é o antigo retablo maior da catedral, do que só se conservan algúns fragmentos.

A época que domina na decoración interior é o barroco, séculos XVII e XVIII:

  • O coro, e o mobiliario da sancristía, de 1699.
  • O retablo da Expectación, de 1722, pero coa imaxe principal do 1600.
  • De 1755, é o retablo chamado do Monumento.
  • O curioso e orixinal retablo-relicario de San Telmo é tamén de mediados do século XVIII.
  • O retablo das Ánimas da Capela de San Pedro, de 1713.
  • Os órganos, tal como se conservan, de 1714.
  • En 1766, o retablo rococó da capela do Sacramento.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

A catedral é o máximo expoñente do patrimonio artístico de Tui. Sitúase na parte máis alta da localidade, na croa do antigo castro Tide que debeu existir antes do inicio da nosa era. Ten planta de cruz latina, máis os engadidos, e tres naves.

Da época do románico consérvase a planta, a portada norte e a iconografía dos capiteis. Tamén contén elementos de estilo gótico na última parte construída, na fachada principal, datada aproximadamente no ano 1225. Este dato ten importancia, xa que foi a primeira construción de estilo gótico de toda a Península Ibérica.

A súa situación, nun punto elevado da fronteira con Portugal, determina o seu uso. Ademais das propias dun templo católico, a catedral desempeñaba un papel central como fortaleza na defensa da cidade, como proban a torre da homenaxe ou dos Soutomaior e as ameas que arrodean o claustro. Esta dobre función tamén aparece en edificios como a catedral de Almería.

Portada norte

[editar | editar a fonte]
Porta norte.

De estilo románico, cun engadido superior gótico. A porta, de arco de medio punto ten arquivoltas con decoracións xeométricas (a última con axadrezado) e un tímpano liso sostido por canzorros de cabezas animais, que semellan un carneiro e un lobo. Sobre a porta está a imaxe de Santo Epitacio, segundo a tradición, primeiro bispo de Tui.

Pórtico Real

[editar | editar a fonte]
Portada gótica, coas figuras das columnas e o tímpano en dous niveis.

Situado na fachada oeste, con iconografía de mediados do século XIII. Ten oito pares de columnas con estatuas que representan, de esquerda a dereita, Moisés, Isaías, san Pedro e san Xoán Bautista, do outro lado, o profeta Daniel, Xeremías e Berenguela ou Orraca de Portugal e Afonso IX ou Fernando II, reis e raíñas que favoreceron a construción da catedral.

No tímpano desta fachada, dividido en dous niveis, aparecen as seguintes escenas:

  • Escena da Natividade, no plano inferior: coa anunciación aos pastores á esquerda, a Virxe co Neno no centro, nunha cama con dosel, ao seu carón, un algo apartado, San Xosé, e á dereita o que podería ser o anuncio á profetisa Ana. Resulta moi orixinal a escena central da Virxe: dunha banda, aparece nunha cama con dosel, o que estaría moi lonxe do relato evanxélico, porén, tras ela está o Neno Xesús nun berce ou presebe e asomando as cabezas, a mula e mailo boi, tal como o relatan os evanxeos apócrifos.
  • Escenas dos Magos: á esquerda, os Magos visitan a Herodes, no centro, Adoración ao Neno Xesús. Como na escena anterior, á dereita, en segundo plano está san Xosé. Sobre as escenas, unha representación da Xerusalén celeste. Na pedra do fondo, aínda se poden ver restos da policromía orixinal.

As arquivoltas, de arco apuntado, que pechan o conxunto da porta, están decoradas con motivos florais.

Tirantes e un dos órganos.

A catedral, con planta de cruz latina, está dividida en tres naves. Da súa arquitectura destacan os tirantes que van de columna a columna e que axudan a manter firme a estrutura da fábrica e os reforzos, non tan visibles, que teñen algúns dos arcos das naves laterais.

Os tirantes son necesarios posto que a estrutura da catedral está lixeiramente inclinada e afundiría sen eses reforzos. A causa deste problema estrutural está en problemas de alicerces que a catedral ten desde a súa construción, aínda que a lenda popular os xustifica no terremoto de Lisboa de 1755 (40 anos posterior á construción dos devanditos tirantes).

No interior destaca:

  • Retablo da expectación. Popularmente coñecido como ‘’Altar da preñada’’. É un retablo barroco, situado no brazo sur do cruceiro da catedral, cuxa figura central á a Virxe preñada de Xesús, todo o resto do retablo, no que destacan as figuras de Adán e Eva, fai un repaso das promesas mesiánicas contidas no Antigo Testamento. Desde o punto de vista artístico, é a peza máis salientable de todo a catedral. Ademais é centro dunha vizosa piedade popular.
  • Retablo do Monumento. Situado sobre a porta do cruceiro norte. É un curioso retablo que conta cunha escaleira monumental desmontable que se garda dentro do propio retablo. Durante o ano a escaleira queda desmontada e o retablo está presidido por unha imaxe procesional de san Telmo. Para a Semana Santa, retírase a imaxe e móntase a escaleira para usar o retablo como “Monumento” na celebración do Xoves Santo.
  • Coro e órganos: o coro foi realizado en 1699 polo leonés Castro Canseco, excepto a cadeira prelacial (no centro do nivel superior, policromada) coa imaxe de San Telmo e baldaquino, que é obra do, talvez, tudense Xoán Davila. Conta con cadeiras en dous niveis, orixinalmente o superior estaba reservado aos cóengos do Cabido e o inferior quedaba para os beneficiados, membros do Cabido de rango menor. Destacan a decoración dos respaldos das cadeiras, con relevos de imaxes de santos e unha franxa central con escenas tamén en relevo da vida de San Telmo, patrón da cidade.

Orixinalmente e como sucedía en tódalas catedrais –aínda pode verse nalgunhas como Lugo ou Toledo– o coro, en forma de U, ocupaba o centro da nave central, co lado aberto apuntando á porta principal e pechado por un retablo. Despois da reforma litúrxica do Concilio Vaticano II trasladouse ao altar maior, excepto unhas poucas cadeiras que quedaron no sitio, baixo os órganos.

Os órganos son do século XVIII e foron restaurados e postos en funcionamento nos anos 90 do século XX.

  • Sala capitular: agora integrada no arquivo histórico diocesano, conserva frescos do século XV.

Circulando desde a dereita do pórtico principal, conta coas seguintes capelas:

  • Capela de Santa Catarina, hoxe Museo Catedralicio. Cunha gran colección de arte sacra entre a que destacan unha Virxe co Neno do século XIV e unha imaxe da Virxe Preñada, ou pezas como:
  • Capela de San Telmo ou das reliquias, no lado sur da cabeceira. Foi construída no século XVI e ampliada no XVIII, e conserva no seu interior os sepulcros de diversos bispos ademais do relicario coa cabeza de San Telmo
  • Capela de San Pedro, reedificada polo bispo Pedro Beltrán a finais do XV.
  • Capela Maior, que acolle o Coro da Catedral, do século XVIII e trasladado aquí en 1954.
  • Capela de Santiago Apóstolo.
  • Capela do Sacramento ou de Santo André.
Nocturna. En primeiro plano, menos iluminado, as ameas do claustro e a torre dos Soutomaior.

O claustro é o único gótico conservado orixinalmente en todas as catedrais de Galicia. Construído no século XIV en estilo gótico cisterciense con arcadas oxivais sostida por duplas columnas e bóveda de cruzaría. O espazo ofrece unha interesante mostra de pezas arqueolóxicas atopadas na zona do Baixo Miño: sartegos visigodos, escudos nobiliarios, restos castrexos...

Dentro do claustro consérvanse tamén:

  • Torre dos Soutomaior, tamén chamada torre da homenaxe: consonte coa súa dupla función relixioso-defensiva, o claustro ten, no seu piso superior, un camiño de ronda, protexido por ameas que, na súa esquina sur, conta cunha torre de homenaxe propia dun castelo. Unha escaleira une claustro, paso de ronda e alto da torre dos Soutomaiores. Co escudo da familia no alto da parte exterior.
  • No lado que dá ao Miño atopamos, defendida por dous leóns de pedra, a entrada ao antigo palacio episcopal, ao que se accede por unha escalinata de pedra. É unha construción sinxela, con reformas e engadidos de distintas épocas. Destaca a galería coas vistas sobre a cidade vella, o Miño, Valença e o val do río Louro.
  • Ao seu carón e nun plano máis baixo que o claustro, está a vella sala capitular, do século XII, con arcos de medio punto e banco corrido.
Tirantes. Apréciase que son de distintos estilo e épocas.

Lendas relacionadas coa catedral

[editar | editar a fonte]

A catedral de Tui ten as súas propias lendas que, dunha forma ou doutra, axudan a situala no seu contexto histórico e sociolóxico.

A orixe dos tirantes

[editar | editar a fonte]

Os tirantes da catedral foron colocados entre os séculos XV e XVIII debido aos problemas estruturais da fábrica do edificio, seguramente causados pola diferenza de altura entre a prevista fábrica románica, máis baixa, e a gótica que efectivamente se realizou.

Pero é fama en Tui que os problemas da catedral veñen do Terremoto de Lisboa de 1755, que afectou a toda a fachada atlántica da Península Ibérica e que, certamente, foi unhas das catástrofes naturais máis destrutivas das que se ten constancia. E que foi este terremoto o que obrigou a colocar os tirantes. Aínda máis, afirma a lenda que primeiro e por indicacións dos expertos, colocáronse uns poucos. Pero, como continuaran os problemas e o edificio seguía torcendo, estes mesmos expertos ditaminaron que a catedral non tiña remedio e estaba condenada á ruína. Remata a lenda dicindo que o pobo non aceptou esta situación e que foron os canteiros de Tui os que, en contra dos expertos, e con só o seu bo oficio reforzaron o edificio con máis tirantes e así salvaron a catedral.

Igrexa do convento de Ganfei, onde chegaría o suposto túnel.

O certo é que os tirantes se construíron xa desde o século XV e que o último data de 1715, mentres que o terremoto de Lisboa aconteceu tempo despois, en 1755.

Outra lenda fala da existencia dun túnel que sae do claustro da catedral e que, en caso de asedio ou calquera perigo, permitiría a bispo e cóengos fuxir con seguridade. A partir de aquí, a lenda ten dúas versións. Segundo a máis modesta, o túnel chegaría ata a a beira do Miño, para alí coller un barco co que ir a lugar seguro. A segunda versión, máis afoutada, afirma que o túnel atravesaría baixo o río Miño e desembocaría en Portugal, concretamente na abadía de Ganfei, na veciña Valença[4].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Páxina web da Diocese de Tui-Vigo". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2014. Consultado o 11 de xaneiro de 2015. 
  2. Catedral de la Asunción. Tuysic Catálogo BIC do Ministerio de Educación (en castelán).
  3. Relación de Bens de Interese Cultural de Galicia a 1 de outubro de 2012 na web da Xunta de Galicia.
  4. "A lenda do túnel baixo o Miño" Tudensia.blogspot, 8/4/2012.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]