Maracuxá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maracuxá

Variedade púrpura madura de Australia e corte transversal
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Anxiospermas
(sen clasif.): Eudicots
(sen clasif.): Rosids
Orde: Malpighiales
Familia: Passifloraceae
Xénero: 'Passiflora'
Especie: ''P. edulis''
Nome binomial
'Passiflora edulis'
Sims, 1818

O maracuxá[1] (do tupí mara kuya, "froito que se serve" ou "alimento na 'cuia' (cabaza que serve de cunca") é o froito e a planta coñecida cientificamente coma Passiflora edulis da familia Passifloraceae. Ás veces denomínase maracuxá a todas as pasifloras en xeral.

Esta planta rubideira tamén é coñecida como maracuxaceiro[Cómpre referencia] (do portugués maracujazeiro). O froito tamén se coñece coma froita da paixón[1].

É espontáneo nas zonas tropicais e subtropicais das Américas.

É cultivada tamén como planta ornamental pola súa flor (tal como as outras especies do mesmo xénero). Ademais a Passiflora edulis é cultivada con fins comerciais, debido ao froito, no Caribe, no sur da Florida e no Brasil, que é o maior produtor - e tamén consumidor - mundial de maracuxá. O maracuxá de uso comercial é redondo ou ovoide, amarelo ou púrpura escuro cando está maduro, e ten unha gran cantidade de sementes no seu interior.

O froito utilízase especialmente para producir zumes ou polpa de maracuxá, ás veces mesturada con zumes doutros froitos, como a laranxa. Crese que o froito posúe proriedades calmantes.

Á súa flor chámanlle 'flor da paixón' por mor da semellanza das súas formas botánicas cos signos da paixón de Xesús Cristo: coroa de espiños, cinco chagas e mesmo os tres cravos cos que foi crucificado.

A flor do maracuxá é polinizada principalmente por abesouros.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome maracuxá —introducido ao galego e ás demais linguas europeas a través do portugués— (maracujá) é unha corrupción do guaraní mburucuyá; etimoloxicamente mberu kuja, "viveiro de moscas", pola dozura do néctar que resulta atractivo para a desova dos insectos ou máis ben porque o contido dos seus froitos lembra un grupo de moscas.

Descrición[editar | editar a fonte]

O maracuxá é unha planta rubideira que pode acadar os 9 metros de lonxitude en condicións climáticas favorábeis, aínda que o seu período de vida non supera polo xeral a década. O talo é rexo e lígneo; presenta follas alternas de gran tamaño, perennes, lisas e de cor verde escura. Unha mesma planta pode presentar follas non lobuladas cando comeza a se desenvolver, e despois follas trilobuladas, polo fenómeno de heterofilia foliar. As raíces, como é habitual nas gateadoras, son superficiais.

A flor preséntase individualmente; pode acadar os cinco centímetros de diámetro nas variedades bravas, e até o dobre nas seleccionadas polo seu valor ornamental. Adoita ser abrancazada, con pigmentacións rosáceas ou avermelladas, en P. edulis; noutras especies semellantes presentan cores que van dende o encarnado intenso até o azul pálido.

Flor e follas do maracuxá.

Foron os colonizadores españois os que a denominaron o froito da paixón; a súa estrutura pentarradial recibiu unha interpretación teolóxica, cos cinco pétalos e cinco sépalos simbolizando os dez apóstolos (doce, menos Xudas Iscariote e Pedro), mentres que os cinco estames representarían os cinco estigmas. Finalmente, os tres pistilos corresponderían aos cravos da cruz.

A froita do maracuxá é unha baga oval ou arredondada, de entre 4 e 10 cm de diámetro, carnosa e zumarenta, recuberta dunha pela grosa, cerosa, delicada e incomestíbel. A polpa contén numerosas sementes miúdas. A cor presenta grandes diferenzas entre variedades; a máis frecuente nos países de orixe é amarela, obtida da variedade P. edulis f. flavicarpa porén, polo seu superior atractivo visual, adoita exportarse aos mercados europeos e de América do Norte o froito de P. edulis f. edulis, de cor vermella, laranxa intenso ou púrpura. Esta variedade é coñecida coma gulupa en Colombia.

Valor nutritivo[editar | editar a fonte]

O froito é fonte de vitaminas A, C e do complexo B. Alén diso, presenta boa cantidade de sales minerais (ferro, sodio, calcio e fósforo)

Coidados[editar | editar a fonte]

As doenzas e as pragas que atacan a planta do maracuxá provocan prexuízos económicos importantes e provocan un maior uso de agroquicos, alén de seren a principal ameaza á expansión e á produtividade do cultivo de maracuxá acedo e maracuxá doce. Nalgunhas rexións do Brasil, doenzas como a bacteriose,[2] murcha de fusarium (Fusarium oxysporum f. sp. passiflorae), virose do endurecemento do froito (Passion fruit Woodiness Virus – PWV ou Cowpea aphid-borne mosaic virus - CABMV) e a antracnose (Colletotrichum gloeosporioides) foron importantes limitadores da produción. Estas doenzas vense favorecidas por condicións edafoclimáticas favorábeis.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 153. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
  2. Xanthomonas axonopodis pv. passiflorae
  3. "FORMAÇÃO DE MUDAS DE MARACUJAZEIRO POR ENXERTIA EM ESPÉCIES SILVESTRES E EM HÍBRIDOS INTER E INTRAESPECÍFICOS ("en portugués")" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de decembro de 2022. Consultado o 14 de decembro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]