Clementina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Clementina
Clementina
Clementina
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Sapindales
Familia: Rutaceae
Xénero: Citrus
Especie: C. clementina
Nome binomial
Citrus x clementina
Tanaka, 1961

A clementina[1] (Citrus x clementina) é un froito cítrico híbrido, proveniente da hibridación entre o mandarineiro e a laranxeira amarga, de onde provén ese característico sabor agre, pero á vez tamén doce. A clementina é coma unha mandarina de forma arredondada coa tona de cor laranxa escura, unha polpa zumarenta, xeralmente sen pebidas e de sabor doce[2].

Historia[editar | editar a fonte]

Disque a orixe das clementinas foi unha hibridación accidental descuberta polo padre Clément Rodier a finais do século XIX. No xardín de laranxeiras amargas do seu orfanato en Misserghin, preto de OránAlxeria[3] atopou un pé diferente a todos os demais que botaba un máis doce, do que gustaban moito os rapaces do orfanato. Na honra do freire, púxoselle o nome ao froito. O nome Clemente, á súa vez viría do latín clemens, -ntis, ‘clemente’, cognome romano, habitual na época cristiá, e empregado por dezasete papas e varios santos[4].

Con todo, hai outros autores que opinan que se orixinou na China moito antes. James Saunt comenta "Algunhas autoridades cren que é virtualmente idéntica á variedade coñecida como Mandarina do Cantón cumpridamente cultivada nas provincias chinesas de Guangxi e Cantón."[5]

Outras clasificacións establecen as clementinas como mandarinas sen pebidas ou sementes, debido ao feito de seren froita híbrida.

Características[editar | editar a fonte]

O froito das clementinas é un hesperidio. O froito é oval e pequeno, cunha monda delgada, lisa e brillante de cor laranxa intenso. Estónase doadamente e unha vez feito, pódese separar facilmente en zumentos cuarteiróns en número de oito a catorce. O froito non contén normalmente sementes (pebidas), o cal é unha característica moi apreciada.

Nalgúns países non se diferencian as clementinas das mandarinas: en alemán denomínaselle normalmente "Mandarine". Con todo non debe ser confundido con froitas semellantes como a popular satsuma, que é outro nome da xaponesa mikan.

Este tipo de cítrico introduciuse en California para o seu cultivo en 1914, aínda que xa se cultivou experimentalmente desde 1909 no Citrus Research Center da Universidade de California, Riverside. As clementinas cultiváronse tradicionalmente en Marrocos e España, estando no comercio de Europa dende hai moitos anos. Nos Estados Unidos creouse un mercado para este tipo de froita, cando o frío inverno de 1997 en Florida arrasou as plantacións de laranxa, incrementando o prezo destas e diminuíndo a súa dispoñibilidade. As clementinas de California están no mercado desde mediados de novembro até finais de xaneiro, por iso en certas zonas coñécense como "laranxas de Nadal".

As clementinas perden a súa característica de ser froitos sen sementes cando as abellas fertilizan as súas flores con pole doutras especies de cítricos achegadas. Por iso é frecuente que haxa disputas entre cultivadores de clementinas e apicultores que teñen as súas abellas nas inmediacións das leiras.

Antioxidantes[editar | editar a fonte]

Como en todos os cítricos, o limoneno é un dos principais compoñentes dos óleos das clementinas. Outros constituíntes son: linalol, α-terpineol, α-pineno, β-pineno e mirceno.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome galego en Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega/Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  3. "clementine" (HTML). 
  4. Artigo en Portal das Palabras
  5. Citrun Varieties of the World (Second edition). Sinclair International Business Resources. ISBN 978-1872960012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]