Ingmar Bergman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Ingmar Bergman
Ingmar Bergman Smultronstallet.jpg
Ingmar Bergman durante a produción de Amorodos salvaxes (1957)
Nacemento 14 de xullo de 1918
Uppsala Suecia Suecia
Falecemento 30 de xullo de 2007
Fårö Suecia Suecia
Profesión Director de cine
Ficha na IMDb

Ingmar Bergman, nado en Uppsala o 14 de xullo de 1918 e finado en Fårö o 30 de xullo de 2007, foi un recoñecido director e dramaturgo sueco. É considerado unha das personalidades máis eminentes da cinematografía mundial.

Bergman, fillo dun pastor luterano, Erik, e de Karin Akerblom, viviu a súa infancia seguindo os desprazamentos do seu pai, por quen foi educado consonte os conceptos luteranos de "pecado, confesión, castigo, perdón e graza", temas que logo serán recorrentes nos seus filmes.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e primeiras experiencias[editar | editar a fonte]

Nado en Uppsala nun convento protestante, o seu pai, Erik, era un pastor luterano duro e severo de fortísima personalidade, que lle impartiu unha educación que o marcou con pegadas que se atopan con frecuencia nas súas películas: a figura do pai aparecerá en tres filmes: Fanny e Alexander (1982), Den goda viljan (1992) e Enskilda samtal (1996). Novo aínda, contra a vontade dos proxenitores, que querían que fose sacerdote, marchou para Estocolmo en 1936.

Logo de realizar os estudos superiores e o servizo militar, inscribiuse na Universidade de Estocolmo, onde frecuentou un curso de Historia da Literatura (a súa tese versará sobre o dramaturgo Johan August Strindberg), iniciándose ao tempo no teatro estudiantil e escribindo textos para algúns dramas. Como axudante de director, comeza tamén a traballar no Teatro da Ópera.

Os primeiros filmes e o teatro[editar | editar a fonte]

No 1943 Bergman casou con Else Fischer, bailarina e coreógrafa (con quen terá unha filla, a futura escritora Lena). É nesta época cando un seu manuscrito, Hets (Tormento, 1944) foi adquirido por Filmindustri e pasado a filme, so a dirección de Alf Sjoberg, con Bergman como asistente de dirección.

Poucos meses despois desta primeira experiencia cinematográfica, foille proposto dirixir un filme sobre a comedia Moderhjertet ("A besta mai") de Leck Fischer. A pesar de que a película, lanzada despois co título Kris (1946), non tivera éxito, o produtor independente Lorens Marmsted ofreceríalle unha nova oportunidade; en 1946 xorde así Det regnar på vår kärlek. Nese mesmo ano decide trasladarse a Goteborg, onde é nomeado director xefe do teatro da cidade. Debuta con "Calígula" de Albert Camus e pon en escena moitos dos seus dramas.

Grazas a confianza de Marmsted, Bergman puido realizar outros dous filmes: Skepp till Indialand e Musik i mörker (1947). A atención suscitada por este último traballo, anima a Svensk Filmindustri a encargarlle unha posta en escena ("A furia do pecado e Eva", dirixida por Gustaf Molander) e un filme (Hamnstad (1948)), mais o fracaso que recolle a película leva a un novo corte dos fondos.

Foi de novo mercé á axuda de Lorens Marmstedt que Bergman realizará Fängelse (1949), primeira obra importante na súa carreira. Entre mentres sepárase da súa muller Else, casando con Ellen Lundstrom; en 1951 inicia relacións coa xornalista Gun Hagberg que acabará por ser a nova esposa e que lle dará unha filla.

Os primeiros éxitos[editar | editar a fonte]

No 1950 Bergman acada o éxito con Sommarlek, que continúa en 1952 con Kvinnors väntan. No 1953 Sommaren med Monika provoca un escándalo , a causa da atrevida sensualidade da actriz Harriet Andersson, naquela altura unha moza de vinte anos, e coa cal Bergman mantivo relacións. Tornarase con nove filmes unha das actrices preferidas de Bergman despois de Bibi Andersson (once filmes). Logo realiza as películas Gycklarnas afton, (1953), e En lektion i kärlek, (1954), dúas comedias sobre situacións sentimentais e humanas, con a Andersson como protagonista.

No 1953 comeza a traballar no Stadsteater (Teatro cidadán) de Malmö, no que coñece un grupo de actores que acadarán presenza fixa nos seus filmes: Gunnel Lindblom, Max von Sydow, Ingrid Thulin, e Bibi Andersson. No 1955 realiza Kvinnodröm, unha comedia mediocre, e Sommarnattens leende, o seu primeiro éxito de alcance europeo, que resultará premiado no Festival di Cannes.

O éxito internacional[editar | editar a fonte]

En 1956 Bergman termina O sétimo selo que obtén varios galardóns, entre outros o premio especial do Festival de Cannes; logo o Oso de Ouro no Festival de Berlín e o premio da crítica no Festival de Venecia por Amorodos salvaxes. Logo Nära livet e Ansiktet reciben o premio como mellor dirección en Cannes e Venecia, mentres en 1960 Jungfrukällan válelle obter o seu primeiro Oscar.

No 1959 casa por cuarta vez, coa pianista Kabi Laretei. Nestes anos traballo tamén na neonata televisión sueca, realizando: Venetianskan, (1958), Rabies (1959), e Ovader (1960). En 1961 é director do teatro dramático de Estocolmo e realiza Como nun espello, primeiro capítulo dunha discutida triloxía relixiosa: o filme recibe un Oscar como mellor película en lingua non inglesa.

Sigue con Nattvardsgästerna (1962), que é premiado en Berlín e Viena; Ett Dromspel (1963), telefilme, e Tystnaden (1963), un dos seus traballos que provocaron máis escándalo. No 1964, afectado por unha grave depresion, escribe Persona e inicia relacións coa actriz norueguesa Liv Ullmann, coa que ten a Linn (1966).

No 1965 realizará a miniserie televisiva Don Juan, e outras rodaxes para TV, mais pouco exitosas porque son profundamente dramáticas, tal "Daniel", episodio do telefilme Stimulantia (1967).

A un ritmo dun filme por ano, serán realizados Vargtimmen (1966), case un filme de terror; o telefilm Riten (1967); a película de guerra Skammen (1968), e o grotesco En passion (1969).

Terminado o amor por Liv Ullmann, en 1974, casa de novo con Ingrid von Rosen no 1975, coa que formou matrimonio ata a morte dela en 1995: terán un fillo, Daniel, que seguirá os seus pasos facendo carreira artística como director, como os seus sete medio irmáns (moitos dos cales son actores).

Os anos 1970[editar | editar a fonte]

No 1971 realiza Beröringen, que resulta un fiasco clamoroso, póndoo en dificultades económicas, que se resolverán mercé o inesperado éxito mundial de Viskningar och rop (1972), obra que gaña numerosos premios. No ano seguinte roda Scener ur ett äktenskap, nado como teleserie e transformado despois nun filme de case tres horas. Grava logo o telefilme Misántropos (1974), inspirado na obra de Molière; o dramma psicolóxico Cara a cara (1976) e a película de terror Das Schlangenei (1977).

Nese mesmo ano sofre unha crise por problemas con Facenda e ten que ser internado nun hospital psiquiátrico. Retírase á illa de Faro, onde permanecerá moitos anos. Dedícase con exclusividade ao cine, realizando Höstsonaten (1978), con Ingrid Bergman. Para a televisión alemá produce Aus dem Leben der Marionetten (1980).

Os últimos anos[editar | editar a fonte]

No 2000 rodou para TV Bildmakarna ("O realizador de imaxes"), que recolle a historia de Victor Sjöström, o gran mestre sueco, ambientada en 1921, cando debe rodar un dos seus filmes máis famosos Körkarlen.

Proseguiu a súa actividade teatral, con Trollflöjten, adaptación da ópera mozartiana Die Zauberflöte, obra única na súa filmografía, cunha forte óptica fascinante.

En 2002, publica o volume "Imaxes", con fotografías da súa infancia.

En 2003 rodou Saraband, continuación de cener ur ett äktenskap, financiada por catro televisións europeas e gravada en formato dixital. Dela Bergman comentou: "Este é o meu derradeiro filme".

Escribiu na súa autobiografía, titulada " A lanterna magica": "En realidade, eu vivo sempre nos meus soños, e de cando en vez fago unha visita ao mundo real".

O 20 de xaneiro de 2005 Bergman recibiu o Premio Federico Fellini pola súa saliencia cinematográfica.

Filmografía[editar | editar a fonte]