Eurípides

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de Eurípides no Louvre.

Eurípides (en grego, Εὐριπίδης) (Salamina, 480 - Pella, 406 a. C.), é un dos tres grandes poetas tráxicos gregos da antigüidade, xunto a Esquilo e Sófocles.

Biografía[editar | editar a fonte]

A súa nai chamábase Klitonis ou Clito e o seu pai Mnesarco ou Mnesárquides. Durante a súa infancia tivo lugar a Segunda Guerra Médica, decisiva para os gregos e o mundo occidental. Parece ser que de raparigo foi copeiro dun grupo de danzantes, con clara significación relixiosa, polo que se supón que a súa educación foi a convencional da súa época. En 466 a. C. cumpriu dous anos de servizo militar. Odiaba a política e era amante do estudo, para o que posuía a súa propia biblioteca privada. Durante un tempo estivo interesado pola pintura, coincidindo co apoxeo do pintor Polignoto en Atenas. Tivo dúas esposas, chamadas Melito e Quérile ou Quérine. Foi amigo de Sócrates, o cal, segundo a tradición, só asistía ao teatro cando se representaban obras de Eurípides. En 408 a. C., decepcionado polos acontecementos da súa patria, implicada na interminable Guerra do Peloponeso, retirouse á corte de Arquelao I de Macedonia, morrendo dous anos despois en Pella.

Obra[editar | editar a fonte]

Pénsase que escribiu 92 traxedias, coñecidas polos títulos ou por fragmentos, pero consérvanse só 19 delas, das que unha, Reso, se considera apócrifa. A súa concepción tráxica está moi afastada da de Esquilo e Sófocles. As súas obras tratan de lendas e eventos da mitoloxía dun tempo afastado, moi anterior ao século V a. C. de Atenas, pero aplicables ao tempo en que escribiu, sobre todo ás crueldades da guerra. Os trazos diferenciais da súa obra son os seguintes:

• Innovación no tratamento dos mitos.
• Complexidade das situacións e personaxes.
• Humanización dos personaxes, que se mostran como homes e mulleres de carne e óso, con paixóns e defectos que nalgúns casos se achegan á traxicomedia.
• Especial influencia dos problemas e polémicas do momento, que dan un aire de realismo.
• Crítica da divindade tradicional desde un punto de vista tradicionalista.
• Diminución do papel do coro.

Eurípides é coñecido principalmente por reformar a estrutura formal da traxedia ática tradicional, mostrando caracteres mulleres fortes e escravos intelixentes, e por satirizar moitos heroes da mitoloxía grega. As súas obras parecen modernas en comparación cos dos seus contemporáneos, centrándose na vida interna e as motivacións dos seus personaxes dunha forma antes descoñecida para o público grego. A relación das súas obras conservadas é:

1. Alcestis (438 a. C.) (segundo posto)
2. Medea (431 a. C.) (terceiro posto)
3. Os Heráclidas (c. 430 a. C.)
4. Hipólito (428 a. C.) (primeiro posto)
5. Andrómaca (c. 425 a. C.)
6. Hécuba (c. 424 a. C.)
7. Suplicantes (c. 423 a. C.)
8. Electra (c. 420 a. C.)
9. Heracles (c. 416 a. C.)
10. Troianas (415 a. C.) (segundo posto)
11. Ifixenia entre os Tauros (c. 414 a. C.)
12. Ion (c. 414 a. C.)
13. Helena (412 a. C.)
14. Fenicias (c. 410 a. C.)
15. Orestes (408 a. C.)
16. As Bacantes (406 a. C., póstuma.)
17. Ifixenia en Áulide (406 a. C., póstuma, primeiro posto.)
18. O Ciclope, sen datar. É o seu único drama satírico conservado.

Pensamento[editar | editar a fonte]

A sociedade ateniense da época debatíase entre dúas opcións: a estabilidade dos valores conservadores, representada por Esquilo e Aristófanes, e o revisionismo racionalista, representado por Eurípides, Sócrates e os sofistas. A longa Guerra do Peloponeso contribuíu á derrota da primeira opción, ao comprobar que as vellas receitas de outrora non servían xa para o futuro[1]. É notoria a animadversión de Aristófanes contra Eurípides, ao que ataca nas súas comedias, especialmente en As ras, As Tesmoforias, e As asembleístas, con chistes e alusións de intención malévola, como a presunta baixa extracción social da nai de Eurípides, á que cualifica como verduleira, cando a realidade era que pertencía a unha familia acomodada, segundo indican fontes serias como Filócoro[2]. As razóns desta teima persecutoria poderían ser dúas:

  • Antagonismo ideolóxico co pensamento avanzado de Eurípides.
  • A pintura que fai Eurípides das mulleres nas súas traxedias, que as aparta do modelo tradicional moi estereotipado da Comedia Antiga[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alberto Medina González e Juan A.López Férez, Eurípides, Tragedias I, Introducción a Eurípides, Editorial Gredos, 1990, ISBN 84-249-3484-9, páx. 41
  2. Ídem, Introdución a Eurípides, páxs. 11-14
  3. Íbidem, Introdución a Eurípides, páx. 12

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Eurípides