Portal:Cine

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cine, cinema, abreviaturas de cinematógrafo ou de cinematografía (do grego κινή kinē ou κίνημα kinēma, "movemento", e γράφω graphō "escribir", "gravar") é unha arte, un espectáculo e unha industria que apareceu a finais do século XIX froito dos avances tecnolóxicos que se desenvolveron no mundo da óptica ao longo do mesmo. Foi presentado ao público o 28 de decembro de 1895 en París polo cinematógrafo dos irmáns Lumière, un dispositivo que nos seus comezos servía de cámara para o rexistro de imaxes e de proxector para unha audiencia colectiva. Ao longo de 1896 difundiuse polas cidades europeas e norteamericanas. Anos antes no laboratorio de Edison nos Estados Unidos, Edison e W. K. L. Dickson (un empregado seu) desenvolveran o quinetoscopio e o kinetógrafo, un proxector individual e unha cámara respectivamente.

En esencia o cinema consiste na filmación dunha serie de imaxes fixas -fotogramas- que ao proxectarse reproducen a sensación de movemento. No cine mudo o número de fotogramas oscilaba entre 15 e 18 por segundo, e no cine sonoro pasaron a ser 24. Durante moito tempo afirmouse que iso se debía á persistencia retiniana, unha característica do ollo que fai que a imaxe permaneza na retina durante unha fracción de segundo, pero agora sospéitase que o proceso é moito máis complexo. Un dos fenómenos fisiolóxicos que o explicarían sería o chamado efecto phi, segundo o cal é o cerebro, e non a retina, quen reconstrúe o movemento a partir de imaxes en movemento.

A característica principal do cine no seu nacemento foi a súa capacidade para captar e reproducir a imaxe en movemento. Isto producirá grande impacto nos primeiros espectadores, que se sorprenden e se asustan coa proxección da chegada do tren que se achega cara a eles nunha das primeiras películas dos irmáns Lumière (aínda que esta anécdota parece ser máis unha lenda que unha realidade).

Artigo destacado

editar

Dredd é un filme de ciencia ficción e cine de acción estreado no 2012, dirixido por Pete Travis e escrito e producido por Alex Garland. Baseouse no protagonista da serie de banda deseñada Judge Dredd da publicación 2000 AD, creado por John Wagner e Carlos Ezquerra. Karl Urban é o protagonista do filme no papel de Judge Dredd, un axente da lei coas capacidades de xuíz, xurado e verdugo, nunha gran metrópole distópica chamada Mega-City One situada nun ermo postapocalíptico.

Garland comezou a escribir o guión do filme no 2006, aínda que o desenvolvemento desta nova adaptación de Judge Dredd, sen relación co filme homónimo de 1995, non se fixo público ata decembro do 2008. Producida polo estudio británico DNA Films, a rodaxe comezou en novembro do 2010, facendo uso extensivo de cámaras 3D. As localizacións desta rodaxe foron en Cidade do Cabo e Xohanesburgo.

Dredd estreouse o 7 de setembro do 2012 no Reino Unido e o 21 de setembro do mesmo ano no resto do mundo. As críticas do filme foron positivas en relación os efectos visuais, o elenco de actores e a acción. Porén, o filme recibiu algunhas críticas negativas enfocadas principalmente na percepción dunha falta de elementos satíricos propios da banda deseñada homónima e no exceso de violencia. A baixa recadación nos cines fixo que unha secuela fose improbable, pero o bo número de vendas das edicións domésticas e os esforzos dos afeccionados apoiados pola editorial de 2000 AD, Rebellion, mantiveron viva a posibilidade dun segundo filme.

Imaxe destacada
Categorías
Biografía destacada

editar

Sir Charles Spencer "Charlie" Chaplin, nado en Walworth (Londres, Inglaterra) o 16 de abril de 1889 e finado en Corsier-sur-Vevey (Suíza) o 25 de decembro de 1977, foi un actor, director de cine e compositor inglés que acadou a fama na era do cine mudo. Converteuse nunha icona mundial a través da súa personaxe "Charlot" (The Tramp en inglés, "O vagabundo"), e é considerado unha das figuras máis importantes da historia da industria do cine. A súa carreira abrangue máis de 75 anos, dende a súa nenez na época vitoriana ata un ano antes da súa morte ós 88 anos.

A súa primeira longametraxe foi The Kid ("O neno", 1921). Rexeitou adaptarse ó cine sonoro durante a década dos anos 1930, producindo filmes sen diálogo. A década de 1940 estivo marcada polas controversias e a súa popularidade decaeu rapidamente. Foi acusado de ter simpatías comunistas e de casar con mulleres moito máis novas ca el, ó tempo que sufriu un escándalo de paternidade. O FBI abriulle unha investigación, e Chaplin foi forzado a deixar os Estados Unidos e asentarse en Suíza.

Chaplin escribiu, dirixiu, produciu, editou, protagonizou e mais compuxo a música de moitos dos seus filmes. Os seus primeiros filmes caracterízanse polo estilo slapstick combinado co pathos, tipificados nas andainas de Charlot contra a adversidade. Así mesmo, nos seus filmes trataba temas políticos, sociais e autobiográficos. En 1972, como parte dunha renovada apreciación do seu traballo, recibiu un "Oscar honorífico" polo "incalculable efecto na arte de facer filmes durante este século".

Sabías que...?

editar


Artigos de calidade e bos


Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario