Fala de Estremadura
Fala de Estremadura 'Fala' | ||
---|---|---|
Falado en: | España | |
Rexións: | Val de Xálima (As Ellas, San Martiño de Trebello e Valverde do Fresno) | |
Total de falantes: | 4.540 no Val de Xálima (2007) 8.000 aprox. en total | |
Familia: | Indoeuropea Itálica Románica Italo-occidental Occidental Galo-ibérica Ibero-románica Ibero-occidental Galaico-portugués Fala de Estremadura | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | fax
| |
ISO 639-2: | --- | |
ISO 639-3: | fax
| |
SIL: | FAX
| |
Mapa | ||
Status | ||
A fala de Estremadura, tamén coñecida como fala de Xálima, fala dos tres lugares ou valego, galego estremeño ou galego do Val do Ellas polos partidarios da teoría sobre a relación entre a fala e a lingua galega, é unha variedade lingüística galego-portuguesa[1] falada nos concellos de San Martiño de Trebello, Valverde do Fresno e As Ellas, no Val de Xálima, no noroeste da provincia de Cáceres, en Estremadura. Aínda que non se pode considerar galego en sentido estrito [2], a maior parte dos lingüistas galegos trátana como unha variedade histórica do galego por consideraren que ten moito máis que ver coas falas galegas que co portugués estándar e pola súa orixe, pero non todos pensan da mesma forma, algúns pensan que é unha lingua diferenciada do galego pero o galego é a máis próxima.[3][4][5][6] O Ethnologue recólleo como unha lingua[7] e dálle o seu propio código ISO 639-3, fax, non obstante a maioría dos investigadores evitaron darlle a denominación de lingua.
Tradicionalmente non hai un nome propio que abranga as tres modalidades que se falan en cada un dos tres concellos do val:
- Mañego (mañegu), en San Martiño de Trebello.
- Valverdeiro (valverdeiru), en Valverde do Fresno.
- Lagarteiro (lagarteiru), nas Ellas.
Falantes
[editar | editar a fonte]No Val hai uns 5.000 falantes destas tres falas, ademais como consecuencia da emigración hai uns 3.000 nados no val que viven fóra e que manteñen un uso familiar da fala reforzado por pasaren o período estival no val moitos deles. A fala é a lingua habitual da poboación, coa excepción dos funcionarios, Garda Civil e outra xente nada fóra do Val. Non hai perda lingüística entre as xeracións máis novas, aínda que Valverde amósase como o concello máis castelanizado. A partir de 1960 o número de castelanismos da lingua falada aumentou progresivamente debido á escola, ao servizo militar e aos medios de comunicación.
Estudos e filiación
[editar | editar a fonte]As primeiras referencias filolóxicas coñecidas sobre a fala realizáronas Fritz Krüger (1925) e Otto Fink (1929) ao estudar o castelán dialectal da zona, José Leite de Vasconcelos fixo unha investigación máis polo miúdo (1929 e 1933), aínda mostrando fenómenos que nunca se volveron a rexistrar nos sucesivos estudos e que o achegaban ao portugués, e a opinión era unánime en canto referirse a el como un portugués dialectal. O primeiro investigador en referirse a esta fala como de orixe galega, comparándoa cos foros de Castelo-Rodrigo (1209) e relacionándoo coa posible chegada de poboadores galegos á zona nos séculos século XII e XIII foi Lindley Cintra en 1959: O falar fundamentalmente galego, mas com leonesismos, de Castelo Rodrigo e Riba-Coa no séc. XIII, o falar também essencialmente galego da região de Xalma, outra coisa não são, segundo creio, do que falares destes núcleos de repovoadores galegos tão frequentemente recordados pela toponímia. Clarinda de Azevedo tamén se refire a esta repoboación pero desbota a galeguidade da fala afirmando a súa pertenza a un galego-portugués arcaico e polo tanto máis próximo ao galego actual có portugués. José Luis Martín Galindo cre que as falas son anteriores a unha posible repoboación galega, pero esta tese non conta con outros partidarios.
Xosé-Henrique Costas González, nos seus estudos, afirma a galeguidade destas falas. Estabelece a súa orixe na repoboación por galegas e galegos nos séculos XII e XIII e a interferencia de leonesismos como consecuencia dun longo contacto co leonés. Do mesmo xeito, a existencia de palabras galegas na Serra de Gata e no suroeste de Salamanca podería indicar que a extensión da fala na Idade Media fora maior. Frías Conde tamén se mostra partidario da galeguidade destas falas. José Enrique Gargallo Gil fala dun galego-portugués fronteirizo e arcaizante, e admite unha maior vinculación co galego que co portugués. Juan Manuel Carrasco González clasifica a fala como a terceira variedade do galego-portugués.
No ano 1999 celebrouse un Congreso sobre a Fala coa intervención dos principais investigadores sobre a fala.
Coñecemento da fala en Galicia
[editar | editar a fonte]A fala comezou a se coñecer en Galicia en 1991 cando Antón Reixa entrevista en Sitio Distinto, un programa da Televisión de Galicia, a Tomás Fernández Vázquez, un camioneiro de Valverde que fala na súa modalidade, o que esperta o interese do filólogo galego Francisco Fernández Rei, quen llo comenta a Xosé-Henrique Costas e este vai ó val para facer unha primeira enquisa lingüística. En abril de 1992 Costas fala na Radio Galega sobre a situación da fala e en maio, na presentación dos Premios da Crítica de Galicia, Costas refírese á existencia da fala, o que ten como consecuencia que xornais como El Correo Gallego, Diario 16 de Galicia ou A Nosa Terra recollan esa existencia sen moitas máis explicacións. En setembro de 1992, Costas publica o primeiro artigo sobre a fala en Galicia e en galego na revista A Trabe de Ouro e organiza unha excursión de estudantes da Universidade de Vigo, que fundan a Asociación Cultural Alén do Val, para realizar un traballo de campo lingüístico que en xaneiro de 1993 obtén un premio nun certame de investigadores novos. Os cartos dese premio posibilitan a realización de dúas viaxes máis para un traballo de campo máis detallado (outubro de 1993 e xaneiro de 1994) e publican o Primeiro Calendario do galego do Val das Ellas.
O 13 de marzo de 1994, o programa Informes TVG dedícalle unha ampla reportaxe á fala, facendo posible o seu coñecemento fóra dos ambientes culturais.
Literatura
[editar | editar a fonte]O primeiro escrito coñecido na fala é un conto en mañego, Cuadro de Costumbres publicado por José López Vidal na Revista de Extremadura no ano 1910. Isabel López Lajas escribiu sainetes en valvedeiro nos anos 30 e 50, recoñecía a súa fala como galega ("como temus esta fala galega").
Domingo Frades, mañego e membro da Real Academia Galega e autor de Versos de un verán (1977), As Ellas y o sei castelu (1980), Algu sobre a nossa fala 1 e 2 (1975) Vamus a falal (1994).
Severino López das Ellas publicou o primeiro libro en lagarteiro en 1994: Topónimus d'As Ellas y rimas en Lagarteiru.
Ambrosio López (irmán de Severino) das Ellas escribiu poesía inédita, incluíndo o himno oficial das Ellas.
Outros autores son Antonio Corredera de Valverde, Fernando López Noche das Ellas, Juan Carlos Márquez Durán das Ellas, David Carrasco, valverdeiro, que escribiu un diario inédito.
Usos sociais
[editar | editar a fonte]Os letreiros das rúas están en lagarteiro nas Ellas e en castelán e mañego en San Martín. Existiu unha emisora de radio, Radio Valverde, que emitía media hora en valverdeiro e a revista A Nosa Fala (que foi o voceiro de Fala i Cultura). O trimestral Anduriña, en lagarteiro, edítano Fala i Cultura e Amigus d'As Ellas i du sei castelu. Nas Ellas existen as asociacións culturais U Lagartu Verdi e A Nosa Fala (ACANF).
Nos seus estatutos fundacionais da Asociación Fala i Cultura do Val do Ríu Ellas, constituída o 3 de agosto de 1991, figura a catalogación da súa lingua como galego de Estremadura. Celebra todos os anos o Día da Fala. Tamén ese 3 de agosto os alcaldes dos tres concellos subscribiron un documento coñecido como o Manifesto dos alcaldes no que se demandaba ás autoridades provinciais e autonómicas a adopcións de medidas para a conservación da fala.
É habitual que os carteis e programas das festas estean na fala, así como representacións de teatro infantil, e existen cursos para funcionarios locais da variedade de cada concello.
Filiación
[editar | editar a fonte]Debátese entre os lingüistas se é a terceira póla do galego-portugués ou unha variedade derivada do galego antigo (como o portugués). Existen outras posturas minoritarias, ben como fala autóctona ben como variedade do leonés meridional.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ José Enrique Gargallo Gil Gallego-portugués, iberorromance. La fala en su contexto peninsular. Limite. Vol. 1, 2007, páxina 32. O único autor que discrepa é José Martín Durán, para quen a fala entra no dominio astur-leonés: A fala. Un dialecto leonés en tierras de Extremadura (1999)
- ↑ Xosé-Henrique Costas González Tipoloxía das falas do Val do río Ellas en Actas do XV Encontro Nacional da Associação Portuguesa de Linguística , Universidade de Faro, 1999, pp 98-111
- ↑ Francisco Fernández Rei As falas de Xálima e a súa relación coa lingua galega en Actas del I Congreso sobre A Fala. Mérida: Editora Regional Extremeña, 2000, pp. 107-140.
- ↑ Xosé-Henrique Costas González Valverdeiro, lagarteiro e mañego: O “galego” do Val do Río Ellas (Cáceres), in Fernández Rei, F. / Santamarina, A. (eds.): Estudios de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas. Santiago de Compostela: Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, 1999, páxina 88.
- ↑ José Enrique Gargallo Gil, op. cit., páxina 34
- ↑ Juan Carrasco González Las hablas de Jálama entre los dialectos extremeños fronterizos en Actas del I Congreso sobre A Fala, 2000, páxina 151
- ↑ Ficha do Ethnologue para a Fala
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Costas González, Xosé-Henrique (2013). O Valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres - Estremadura). Xerais. ISBN 978-84-9914-557-0.
- Rei, Maxi (2005). "A fala de Extremadura" (PDF). A Xanela. Revista cultural das Mariñas (Betanzos) (20): 24.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Blog en Valverdeiro
- Páxina persoal en valverdeiro Arquivado 24 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.
- Artigo de Fernández Rei
- Alén do Val
- Polémica sobre a fala en abril 06 na APLEX Arquivado 13 de xuño de 2006 en Wayback Machine.
- Foro San Martín de Trebello
- Voces especiais do galego do val do río Ellas
- Vídeo sobre a fala
- Vídeo sobre a fala en La Sexta (en castelán).