Variedade lingüística

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha variedade ou variante lingüística é unha forma neutral de referirse ás diferenzas lingüísticas entre os falantes dun mesmo idioma.

Co uso do termo variedade preténdese evitar a ambigüidade e falta de univocidade de termos como lingua ou dialecto, xa que non existen criterios unívocos para decidir cando dúas variedades deben ser consideradas como a mesma lingua ou dialecto, ou como linguas ou dialectos diferentes.

Tipoloxía de variedades lingüísticas[editar | editar a fonte]

Variedades xeográficas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Variedades diatópicas.

As mudanzas deste tipo pertencen á variación diatópica e consisten en que existen variantes na forma de falar unha mesma lingua debidas á distancia xeográfica que separa aos falantes. Así, por exemplo, no bloque galego occidental dise pantalóns mentres que no central dise pantalós e no oriental pantalois.

A estes cambios de tipo xeográfico chámaselles dialectos e, ao seu estudo, dialectoloxía. Cómpre aclarar que este termo non ten ningún sentido negativo, pois, erróneamente, foi común chamar dialecto a linguas que supostamente son "sinxelas" ou "primitivas". Hai que ter presente, ante todo, que todas as linguas do mundo, dende o punto de vista gramatical, atópanse en igualdade de condicións e ningunha é máis evolucionada cá outra. Por iso, é ilóxico afirmar que unha lingua é mellor cá outra.

Os dialectos son, daquela, formas senlleiras coas que as diferentes comunidades falan unha determinada lingua. Dende este punto de vista adóitase falar do inglés británico, do inglés australiano, etc. Con todo, hai que ter presente que os dialectos non presentan límites xeográficos precisos, senón que, ao contrario, estes son borrosos e graduais. Por iso é polo que se considera que os dialectos que constitúen unha lingua forman un continuum sen límites precisos. Moitos adoitan dicir que unha lingua é un conxunto de dialectos cuxos falantes poden entenderse entre si. Con todo, isto non parece selo para o alemán, xa que hai dialectos desta lingua que son inintelixibles entre si. Doutra banda, está o caso das linguas escandinavas, linguas consideradas independentes, mais comprensibles entre sí.

Variedades sociais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Variedades diastráticas.

A este tipo de variacións chámaselles tamén diastráticas e comprenden tódalas mudanzas da linguaxe producidas polo ambiente no que se desenvolve o falante. Dentro deste eido, interesa sobre todo o estudo dos sociolectos, os cales débense a factores como a clase social, a educación, a profesión, a idade, a procedencia étnica, etc. En certos países onde existe unha xerarquía social moi clara, o sociolecto da persoa é o que define a que clase social pertence. Iso supón, por suposto, unha barreira para a integración social.

Variedades situacionais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Variedades diafásicas.

Coñecidas tamén como variacións diafásicas, este tipo de variantes involucra cambios na linguaxe a partir da situación na que se atopa o falante. Como se sabe, non se fala igual nunha festa de amigos que nunha actividade relixiosa. Dende este punto de vista, o que provoca o cambio é o grao de formalidade das circunstancias. O grao de formalidade enténdese como a estrita observancia das regras, normas e costumes na comunicación lingüística.

Tomando en consideración este factor, os especialistas falan da existencia de diversos rexistros ou estilos. Deste xeito, no intre de expresarse, os falantes deben elixir un rexistro axeitado á circunstancia na que se atopa.

Non existe acordo en canto a cantos e cales tipos de rexistros existen. Polo xeral, distínguense os seguintes: solemne, culto ou formal, estándar, profesional, coloquial, frío, vulgar e xergal.

As variedades poden ser distinguidas, ademais de polo seu vocabulario, por diferenzas na súa gramática, fonoloxía e prosodia. Por exemplo, a adaptación das palabras estranxeiras. Cronolecto: fai referencia á idade, (cativo, adolecente, adulto, vello) Sociolecto: fai referencia á clase social á que o falante pertence (alta, media, baixa). Dialecto: fai referencia segun o país ou a rexion á cal pertence. Os vulgarismos e idiotismos son ás veces considerados como formas de estilo, ao estar limitados a variacións de léxico, mentres que os argots poden ser incluídos tanto no concepto de variedade como de estilo.

As variacións lingüísticas no galego[editar | editar a fonte]

Áreas lingüísticas do galego
Artigo principal: Áreas lingüísticas do galego.

Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.

Outras variedades lingüísticas[editar | editar a fonte]

Na sociolingüística emprégase ademais, e entre outros, os seguintes termos, para designar, dentro de variedade lingüística, formas da fala que non son compartidas polo conxunto dos falantes dun idioma ou dialecto:

  • Cronolecto, variedade dun idioma ou dun dialecto xeográfico empregada por un grupo etario, os cronolectos (especialmente entre os adolescentes) adoitan ter características argotais. Os cronolectos máis estudados son a linguaxe infantil e maila xuvenil. En situacións de cambio lingüístico, os cronolectos de diferentes grupos de idade poden diferir bastante en trazos que están en proceso de cambio.
  • Ecolecto, variedade dun idioma ou dialecto empregada por un número moi reducido de persoas (por exemplo, os membros dunha familia, dun grupo de amigos).
  • Etnolecto, variedade falada polos membros dunha etnia, termo moi pouco empregado, xa que, polo xeral, trátase dun dialecto xeográfico.
  • Idiolecto, variedade da lingua falada por unha persoa, é dicir, o termo refírese ao conxunto de peculiaridades que unha persoa usa sistemáticamente e na que difiere do uso dos membros da súa comunidade lingüística.
  • Lingua sagrada, algunhas etnias como os dogóns, pobo establecido en Malí e Burkina Faso (África), teñen dúas linguas, unha de uso cotián e outra, secreta, para as cerimonias relixiosas.
  • Sexolecto, conxunto de particularidades do fala, propias dos homes ou das mulleres.
  • Tecnolecto, conxunto de palabras e locucións propias da linguaxe profesional.

Véase ademais[editar | editar a fonte]