Boletín Oficial del Estado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Boletín Oficial del Estado (ou, na forma abreviada, BOE) é o diario oficial do Estado Español do que se encarga a Axencia Estatal do Boletín Oficial del Estado, dependente do Ministerio da Presidencia, e no que se publican as normas xurídicas e outras disposicións e actos de inserción pública obrigatoria.

O seu obxectivo é poñer a disposición de tódolos administrados os textos legais de obrigado cumprimento, sendo esta publicación o requisito imprescindible para a entrada en vixencia desas normas. Por tal motivo é unha publicación de referencia para todo xurista e persoa relacionada coa Administración central, aínda que afecte a tódolos cidadáns.

Funcións da Axencia Estatal[editar | editar a fonte]

  • Impresión, distribución e venda do Boletín Oficial del Estado.
  • Impresión, distribución e venda do Boletín Oficial del Registro Mercantil.
  • Publicación de repertorios, compilacións, textos legais e separatas de disposicións de especial interese.
  • Publicación de estudos científicos ou técnicos dos distintos órganos da Administración central ou de entidades públicas ou privadas coas que existan convenios.
  • Creación de bases de datos lexislativas a partir do BOE ou doutras publicacións lexislativas.
  • Distribución e comercialización das súas propias publicacións ou das editadas por outras Administracións e organismos oficiais.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1661 naceu a Gazeta, o primeiro periódico de información xeral que se publica en España. En 1697 pasou a chamarse a Gaceta de Madrid, co mesmo ámbito xeralista, pero o rei Carlos III, en 1762, asume a publicación e convérteo no medio de información oficial que reflicte a política e as decisións do Goberno. Co tempo, entre 1808 e 1814, aparecen diferentes Gacetas nalgunhas outras localidades, que coexisten coa Gaceta real.

Por fin, en 1836 establécese o principio legal de que os Decretos, Ordes e Instrucións que dite o Goberno só serán de aplicación a partir da súa publicación na Gaceta, converténdose así no actual órgano de expresión lexislativa e regulamentaria. En 1886 modifícase a estrutura da Gaceta, que perde a súa condición xeralista, e pasa a publicar exclusivamente documentos de índole legal e administrativa, regulándose os distintos tipos de normas (Lei, Real decreto, Real orde, Resolución, etc.) e a súa prioridade lexislativa.

Trala sublevación de 1936, o Goberno de Francisco Franco creou a denominación de Boletín Oficial del Estado, mentres que o Goberno republicano seguía publicando a Gaceta, e mantivo este nome ata 1961, cando pasou a denominarse Boletín Oficial del Estado-Gaceta de Madrid. En 1986 recuperou o nome definitivo de Boletín Oficial del Estado.

En 1997, apróbase a publicación do BOE nas linguas cooficiais, aparecendo en 1998 en catalán e en galego, e no 2000 en valenciano.

O 31 de decembro de 2008 publicouse por última vez en formato papel, pasando a ser accesible só por Internet e con carácter gratuíto, mantendo os mesmos efectos administrativos e coa mesma consideración de oficial e auténtico. Aínda así manterase unha edición impresa limitada á Biblioteca Nacional e ó Ministerio da Presidencia, como copias de seguridade e de recordo, garantindo así a continuidade como parte do patrimonio documental da Administración Xeral do Estado.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]