Escandinavismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Póster do século XIX con soldados de Noruega, Dinamarca e Suecia

O escandinavismo (tamén chamado pan-escandinavianismo)[1] e o nordismo son movementos literarios e políticos que apoian varios graos de cooperación entre os países escandinavos ou nórdicos. Escandinavismo e nordismo son termos intercambiables para o movemento literario, lingüístico e cultural que se centra en promocionar un pasado común nórdico, unha mesma herdanza cultural, mitoloxía común e unhas linguas con raíces no antigo nórdico, e que levou á formación de publicacións períodicas conxuntas e sociedades en apoio da literatura e lingüaxe escandinavas. Porén, o escandinavismo e o nordismo político son dous movementos pannacionalistas distintos que apareceron en épocas distintas.

Escandinavismo político[editar | editar a fonte]

O escandinavismo político é paralelo aos movementos de unificación de Alemaña e Italia do século XIX.[2] En oposición a estes, o proxecto de construción do estado escandinavo non foi exitoso e non se continuou. Tivo o seu apoxeo a mediados dese século e apoiou a idea de Escandinavia como unha rexión unificada ou un único país, baseado nunha etnia común, e a herdanza lingüística, política e cultural de Dinamarca, Noruega e Suecia.

O movemento foi creado por estudantes universitarios daneses e suecos na década de 1840, con base en Escania. Nos seus inicios os gobernantes de ámbolos dous países sospeitaban do movemento. A policía de Dinamarca polo tanto mantivo aos defensores do escandinavismo baixo unha estrita vixilancia.

Hans Christian Andersen uniuse ao escandinavismo tras unha visita a Suecia en 1837, e comprometeuse a escribir un poema sobre a relación dos suecos, daneses e noruegueses.[3] Foi en xullo de 1839, durante unha visita á illa de Funen, cando Andersen comezou a esribir o texto do poema, "Jeg er en Skandinav" (Son un escandinavo"). Andersen compúxoo para capturar "a beleza do espírito nórdico, a forma na que as tres nacións irmás medraron xuntas", como parte dun himno nacional escandinavo. O compositor Otto Lindblad púxolle música, e a composición publicouse en xaneiro de 1840. A súa popularidade medrou ata 1845, e a partir dese momento rara vez foi catada.[3]

Cando Óscar I converteuse en rei de Suecia e Noruega en 1844, as relacións con Dinamarca melloraron e o movemento comezou a gañar apoio entre os xornais liberais, como o Fædrelandet e o Aftonbladet, que o viron como un xeito de contrarrestar os poderes conservadores que estaban medrando por toda Europa. Durante a guerra entre Dinamarca e Prusia de 1848, Suecia (entón unida con Noruega) ofreceu apoio na forma dunha forza expecicionaria sueco-norueguesa, aínda que a mesma nunca chegou a combater. O movemento nunca se recuperaría completamente tras a segunda guerra danesa-xermana sobre Schleswig, cando o goberno sueco negouse a unirse a unha alianza contra o poder crecente de Alemaña no continente.

En 1872 o pobo de Dannevirke en Nova Zelandia foi fundado por colonos suecos, daneses e noruegueses. Estes elixiron como nome do lugar a extensa liña de fortificación da era viquinga que tivo un papel simbólico emotivo para os daneses no século XIX, e que caeu en mans dos alemáns en 1864, e por cuxa defensa non se puido formar unha alianza pan-escandinava.

Nordismo político[editar | editar a fonte]

O nordismo político foi introducido coa Asociación Nórdica que comezou a través das iniciativas suecas en 1919. O movemento tamén inclúe a Finlandia, Islandia e aos territorios daneses de Groenlandia e as Illas Feroe, e ten base ideolóxica na cooperación económica nórdica e na integración apoiadas polo Consello Nórdico. O movemento foi descrito como "nacionalismo colaborativo".[4] A importancia do Consello Nórdico comezou a decrecer despois de que Dinamarca se unise á Comunidade Económica Europea en 1973. E despois de que Suecia e Finlandia se unisen á Unión Europea en 1995, a asociación perdeu a meirande parte da súa antiga importancia. Aínda que Noruega elixiu por referendos en 1973 e 1995 non unirse á UE, ten varios acordos con esta e forma parte do acordo de Schengen.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Encyclopædia Britannica (ed.). "Pan-Scandinavianism". Consultado o 4 de febreiro de 2016. 
  2. Ministerio de asuntos exteriores noruegués (ed.). "Nordic cooperation". Archived from the original on 12 de marzo de 2005. Consultado o 4 de febreiro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Hans Christian Andersen and Music (ed.). "I am a Scandinavian". Consultado o 4 de febreiro de 2016. 
  4. Wæver, Olle (1992). "Nordic Nostalgia: Northern Europe after the Cold War". International Affairs 68 (1): 77–102.