Nacionalismo valenciano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reial senyera coronada, a Bandeira do País Valencià reivindicada polo nacionalismo valenciano dende a Renaixença.[1]
Estrelada empregada por vez primeira por Acció Nacionalista Valenciana[2] na década de 1930.

O nacionalismo valenciano é unha corrente social estruturada tanto cultural como politicamente que preserva e promove o recoñecemento da personalidade política, lingüística e cultural do País Valencià ou Nación Valenciana.[3] Como ideoloxía, formou parte da sociedade valenciana durante máis de cen anos, cunha incidencia electoral e social variable, contribuíndo á concepción política do antigo Reino de Valencia e sendo un actor decisivo na reivindicación e consolidación do autogoberno da actual Comunidade Valenciana.[4] Baixo a accepción de nacionalismo valenciano a miúdo inclúense grupos que politicamente deberían ser cualificados de "nacionalistas cataláns" ou sinxelamente como catalanistas,[5] xa que entenden que a nación dos valencianos son os Países Cataláns.[6]

Historicamente, o valencianismo orixínase no século XIX como un movemento cultural durante a Renaixença valenciana nunha época na que se intentaba recuperar o prestixio social do valenciano e da cultura valenciana despois de séculos de diglosia e da desaparición do reino de Valencia baixo o absolutismo borbónico con iniciativas como a restauración dos Xogos Florais por Lo Rat Penat. Sería no século XX, e como escisións de Lo Rat Penat que xurdirían as primeiras asociacións valencianistas.[4] Un dos seus primeiros fitos sería a Declaración valencianista de 1918, se ben non sería até a Segunda República Española que o nacionalismo valenciano acadaría certa presenza política e un clima favorable á consecución dun estatuto de autonomía.[4] A ditadura franquista acabou coas aspiracións valencianistas, e diluíu a súa tradición.[4] Durante a década de 1960, Joan Fuster i Ortells propuxo un novo valencianismo de tipo catalanista. Estes supostos provocaron a reacción dun sector do valencianismo encabezado por Aldert i Casp que vía nas propostas de Fuster non o tradicional irmandamento con Cataluña, senón un sometemento. A división interna do valencianismo viu aparellada coa intervención do nacionalismo español que atopou nas teorías do pancatalanismo un argumentario idéneo para atacar o catalanismo e ó mesmo tempo debilitar o valencianismo dende dentro na súa reivindicación de nacionalidade histórica durante o proceso estatutario e de recuperación nacional; os episodios máis virulentos deste conflito foron coñecidos co nome de Batalla de Valencia.

Durante a década de 1980 xurdiu o movemento rexionalista chamado blaverismo, caracterizado polo españolismo e o anticatalanismo,[7] que se agrupou politicamente arredor do partido Unió Valenciana. Na década de 1990, os dirixentes deste partido integráronse maioritariamente no Partido Popular e Unió Valenciana practicamente desapareceu sen volver ter representación política nas Corts Valencianes. A comezos do século XXI, Juan García Sentandreu intentou resucitar o blaverismo formando o partido Coalició Valenciana, incidindo coma no pasado no españolismo e no anticatalanismo, pero estas teorías fracasaron na sociedade valenciana actual, o partido non obtivo xamais representación parlamentaria, e acabou por disolverse no 2011.[8]

Hoxe en día, os académicos valencianos da Acadèmia Valenciana de la Llengua normalizaron o valenciano deixando claro que «valenciano» e «catalán» son dúas denominacións sinónimas e equivalentes para «un mesmo sistema lingüístico»,[9] sentenza filolóxica que foi ratificada legalmente por diversas sentencies xudiciais do Tribunal Supremo.[10][11] O valencianismo político estivo representado nas Cortes Valencianas por Coalició Compromís. Segundo os estatutos aprovados polo principal partido da coalición, o Bloc Nacionalista Valencià, en 2009, un dos seus obxectivos é "A consecución da plena soberanía nacional do pobo valenciano", se ben contempla a posibilidade de asociarse cos territorios cos que Valencia comparte "unha mesma lingua, cultura ou historia".[12]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Faustí Barberà.

Os historiadores sinalan ó doutor Faustí Barberà como pai do valencianismo político, e a lectura en 1902 do seu discurso De regionalisme i valentinicultura como unha simbólica data de nacemento para o nacionalismo valenciano,[13][14][15][16] cun texto onde se pedía a autonomía para Valencia, rachando coa liña apolítica da Renaixença cultural valenciana.[17][18] A Renaixença que precedeu a aparición do valencianismo non destacou por ter implicacións políticas ó ser protagonizada por personaxes como Teodor Llorente que o atoparon innecesario.[19][20] Malia isto, xa dende aquela xorden algúns grupos valencianistas, a miúdo arredor de Lo Rat Penat, entidade, porén, coa que estivo enfrontada durante boa parte do nacemento do valencianismo por mor dos seus tépedos e elitistas posicionamentos.[21][22][23]

O primeiro grupo organizado, València Nova, convocou e celebrou en 1907 a Primeira Assemblea Regionalista Valenciana,[16][24] tratando de acadar un pacto solidario valenciano, inspirado na Solidaritat Catalana. València Nova converteuse máis tarde no Centre Regionalista Valencià que acolleu á "Joventut Valencianista" relacionada coa Joventut Nacionalista de Castelló e coa Joventut Valencianista de Catalunya. De influencia soviética naceu a Joventut Nacionalista Obrera en 1921, organización de esquerdas que propuña abertamente o Estado valenciano.[25]

A primeira xeración de valencianistas publicaron diversas revistas, sendo Pàtria Nova unha das máis importants pola súa transcendencia.[15] Malia que o fenómeno apareceu na cidade de Valencia, co tempo apareceron grupos valencianistas noutras localidades do país, especialmente nas comarcas centrais e nas comarcas do norte.

Un dos feitos máis destacados daquel incipiente nacionalismo valenciano foi a promulgación da Declaración Valencianista de 1918, patrocinada principalmente pola mesma Joventut Valencianista. Naquela declaración recollíanse algúns dos posicionamentos básicos do movemento nacionalista valenciano da época.[4]

O pensamento valencianista primixenio xa era heteroxéneo, pero en boa medida partidario da construción nacional estritamente valenciana, da potenciación do uso do valenciano e do establecemento de relacións especiais entre os territorios do seu dominio lingüístico,[26] iso si, nun escenario non exento da confusión propia dun baixo grao de desenvolvemento das ciencias sociais e da filoloxía.[27] Se ben o recoñecemento das ligazóns culturais co resto do dominio lingüístico era evidente nas manifestacións dos valencianistas de preguerra, tampouco se declaraba de xeito explícito.[28] A influencia de Cataluña tamén se vería nalgúns intentos de crear no País Valencià estruturas semellantes ás que se estaban a conseguir nese territorio, como o intento de crear unha Mancomunidade Valenciana, ou a candidatura electoral da Solidaritat Valenciana.[29]

Integrantes de Pàtria Nova no primeiro Encontro del Puig, 1915.

No tocante ás ideas pancatalanistas propostas por unha parte do nacionalismo de Cataluña, había no valencianismo de preguerra propostas políticas de eido territorial máis amplas que o estritamente valenciano.[26] Se ben a catalanofilia era habitual, no caso de Eduard Martínez i Ferrando, autor do texto Síntesi del criteri valencianista,[30] que propuña ir máis lonxe na concepción dun espazo común con cataláns e baleares.[31] Malia isto, a entidade que puxo o pancatalanismo enriba da mesa do debate valencianista foi Acció Cultural Valenciana, asociación de carácter transversal e orixe universitaria que non recoñecía a Cataluña ou o País Valencià como nacións separadas, senón unidas.[32] Na súa publicación, Acció Valenciana, hai textos a prol dunha nacionalidade catalá integrada polos estados federais de Cataluña, Valencia e Mallorca,[33] considerando que o pobo valenciano constituía unha forte personalidade dentro deste conxunto, e que esta forte personalidade dáballe dereito a constituír un estado soberano diferenciado do de Cataluña, chamado Estado Valenciano.[34]

Porén, as propostas políticas que, dende o valencianismo daban as a posibles territorios máis amplos expresábanse en termos máis ou menos abstractos,[35] ou de colaboración entre territorios irmáns,[36] onde o País ou Nación valenciana eran o marco político de soberanía. Tampouco eran propostas que racharan coa integridade territorial do Estado español, xa que non eran propostas de carácter independentista.[37]

Un caso significativo no tocante ás relacións entre Valencia e Cataluña é o que protagonizou Josep Maria Bayarri,[28] autor dunha normativa propia para o valenciano diferenciada do catalán, ou do libro El perill català. Aínda que polo xeral sexa visto como un dos precursores anticatalanistas valencianos, é preciso ter en conta que o texto de Bayarri está escrito dende o aprecio cara ó pobo catalán, e que malia o título rechamante, o seu libro é en realidade un text contrario ó pancatalanismo,[38] como resposta a algunhas propostas de signo contrario que chegaban dende Cataluña.[39][40] Paradoxicamante, o anticatalanismo era unha das pezas chave do discurs republicano blasquista que acotío instrumentalizaba en contra do mesmo valencianismo[28] ós que acusaba de cómplices da burguesía catalá contemporánea.[41]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Archilés Cardona, Ferran (2007). Europa, Espanya, País Valencià. Nacionalisme i democràcia: passat i futur. Universitat de València. p. 156. ISBN 978-84-370-6906-7. 
  2. Temps d'acció, páxina 145, Editorial Denes
  3. Bodoque 2011, p. 20.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 O valencianismo político do século XX e o País Valencià do século XXI, Vicent Flor i Moreno en DDAA (2009). 90 anys de la declaració valencianista (PDF). Valencia: ACV Tirant lo Blanc. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de decembro de 2012. Consultado o 31 de xullo de 2015. 
  5. Iborra, Josep (1995). La trinxera literària, 1974-1990: estudis sobre literatura catalana al País Valencià. Universitat de València. p. 200. ISBN 8478266267. 
  6. Bodoque 2011, p. 54.
  7. Flor i Moreno 2011.
  8. Levante-EMV, ed. (26/5/2011). "Coalició Valenciana suspende su actividad como partido político tras el chasco electoral" (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2013. 
  9. Acadèmia Valenciana de la Llengua, ed. (9/2/2005). "Acord de l'Acadèmia Valenciana de la Llengua (AVL), adoptat en la reunió plenària del 9 de febrer del 2005, pel qual s'aprova el dictamen sobre els principis i criteris per a la defensa de la denominació i l'entitat del valencià" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23/09/2015. Consultado o 9/2/2005. 
  10. El Mundo, ed. (5/4/2006). "El Supremo afirma en una sentencia que el valenciano y el catalán son la misma lengua" (en castelán). 
  11. ACPV, ed. (7/3/2013). "Acció Cultural guanya una nova sentència front al govern valencià a favor del reconeixement del títol de filologia catalana i de la unitat de la llengua". 
  12. Bloc Nacionalista Valencià (ed.). "Estatuts del Bloc Nacionalista Valencià" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04/11/2011. Consultado o 6/4/2013. 
  13. Cucó Giner, Alfons. El siglo de los nacionalismos (PDF) (en castelán). pp. 2–9. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xuño de 2012. 
  14. Bonells, Jordi; Frau, Manuel (2001). Les Nationalismes espagnols (1876-1978) (en francés). Éditions du Temps. pp. 121–122. ISBN 978-2-84274-182-2. 
  15. 15,0 15,1 Sanchis Guarner & 2009 (1933), p. 330.
  16. 16,0 16,1 Cassasas 2012, p. 106
  17. Ferrando Francés & Amorós 2011, p. 354
  18. Cucó 1965, p. 27
  19. Flor i Moreno 2010, p. 122.
  20. Joan Fuster i Ortells, Antologia de la poesia valenciana, Barcelona, 1956
  21. Sanchis Guarner & 2009 (1933), p. 324.
  22. Sanchis Guarner 1982, p. 46-47
  23. Cucó 1971, p. 57
  24. "Valencianisme". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 
  25. "Joventut Nacionalista Obrera". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 
  26. 26,0 26,1 Archilés Cardona, Ferran. Vicent Flor i Moreno, ed. La identitat valenciana a l'època contemporània: una perspectiva històrica. Nació i identitats, pensar el país valencià (en valenciano). pp. 32–33. ISBN 978-84-92542-80-2. 
  27. Franch i Ferrer, Vicent (1980). El Nacionalisme Agrarista Valencià (1918-1923). Volum I. Prometeo. ISBN 84-7199-138-1. "Així doncs, no ens ha d'estranyar que per a referir-se al conjunt de terres valencianes s'utilitzen en aquell moment diversos noms; utilització que demostra el desig de trobar-ne un d'adient. Noms com "Regne de València", "Antic Regne de València", "Reialme de València", "Pàtria Valenciana", "Regió valenciana", "Nació valenciana" o "Nacionalitat valenciana", utilitzats alhora i sense cap mena de jerarquia serien la prova d'un procés de recerca del mot precís, de la denominació que pogués quallar per sempre més." 
  28. 28,0 28,1 28,2 Franch i Ferrer 1980, p. 142.
  29. Rico 2013, p. 69-70
  30. Martínez Ferrando, Eduard (1918). Síntesi del criteri valencianista (PDF). Joventut valencianista. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de xaneiro de 2016. Consultado o 01 de agosto de 2015. 
  31. Martí Monterde & Rosell Nicolàs 2012, p. 28-29.
  32. Rico 2013, p. 71
  33. Pérez Moragón, Francesc (1983). "El valencianisme i el fet dels Països Catalans (1930-1936)" (PDF). L'Espill (en catalán) (19): 57–82. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04/03/2016. Consultado o 7/4/2013. 
  34. Declaració Nacional Valenciana extret de la revista "Acció Valenciana", 1930-1931.
  35. Franch i Ferrer 1980, p. 145.
  36. Franch i Ferrer 1980, p. 154.
  37. Rico 2013, p. 70
  38. Flor i Moreno 2010, p. 67.
  39. Francesc, Viadel (2009). No mos fareu catalans. Història inacabada del blaverisme. Universitat de València. pp. 49–52. ISBN 978-84-370-7414-6. 
  40. El Perill Català Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. Pódese ler o libro neste pdf publicado per Antiblavers.org
  41. Flor i Moreno 2010, p. 66.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]