Nacionalismo escocés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A pintura de Walter Thomas Monnington chamada Unión parlamentaria de Inglaterra e Escocia de 1707 colga no Palacio de Westminster.
Localización de Escocia no Reino Unido

O nacionalismo escocés é un movemento político escocés xurdido en 1707 que avoga pola secesión de Escocia do Reino Unido e a súa transformación nun estado independente.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

As demandas pola independencia escocesa baséanse na idea de que Escocia, como unha nación cunha cultura e identidade diferentes á inglesa, pode separase do Reino Unido e volver ó estado de independencia perdido en 1707.

O movemento pola independencia é moi diverso e abarca dende ós que queren un avance gradual cara a independencia a través dunha devolución progresiva de Goberno, aos que desexan converterse en seguida nun estado independente. Un Parlamento Escocés foi creado en 1999, devolvendo algúns poderes lexislativos. Xunto á lexislatura de Holyrood, o establecemento do executivo escocés trouxo unha maior volta de poderes administrativos. Os independentistas seguen a dicir que o Parlamento Escocés e o executivo representan tan só un estado intermedio na transición cara a unha nación-estado separada.

O movemento independentista é moi variado e abrangue moitos campos da esfera política. Aínda que predominan os republicanos, non é así no Partido Nacional Escocés. O PNE tenta presentarse como unha institución variada, que subordina as diferentes opcións ideolóxicas ó principio independentista. No Parlamento Escocés hai moitos partidos pequenos con posicións políticas variadas pero nos que predomina fortemente o independentismo; nas eleccións do 2003 o aumento do Partido Verde Escocés e o Partido Socialista Escocés levou ó aumento de membros do Parlamento Escocés favorábeis á independencia. O Partido Socialista Escocés ergueu protestas republicanas contra o Xuramento á Raíña.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

A Historia de Escocia dende 1072 inclúe unha serie de conflitos sobre fronteiras, e disputas en canto a se a coroa de Inglaterra estaba por enriba dos gobernantes escoceses, que tiñan maioritariamente ascendencia normanda. Durante as Guerras de independencia de Escocia (aproximadamente 1290 - 1363), diversas invasións puxeron en mans dos ingleses diversos territorios de Escocia, pero a independencia de Escocia permaneceu.

En 1603 Xaime VI de Escocia tamén se converteu en Xaime I de Inglaterra, pero a unión das coroas mantivo os parlamentos separados. Escocia retivo o seu goberno baixo o superior de Gran Bretaña, pero as loitas entre os países volvéronse económicas.

Os parlamentos escocés e inglés asinaron a Acta de Unión de 1707, e ambos foron disoltos, e tódolos seus poderes foron transferidos a un novo parlamento en Londres que converteuse no Parlamento de Gran Bretaña. Algúns aspectos significativos como a lexislación e a educación permaneceron separados do sistema inglés, e o linguaxe e cultura escoceses conservaron certa forza. A pesar de que houbo un novo sentimento de identidade británico levado con diversos graos de entusiasmo, (a identidade nacional escocesa permaneceu moi forte.

O xacobitismo, orixinariamente baseado nos dereitos dos monarcas sobre os do parlamento, converteuse nun modo de disidencia e foi asociado co nacionalismo escocés (e co irlandés). Despois de que os levantamentos xacobitas foron finalmente esmagados, o xacobitismo volveuse máis asociado coa imaxe que se podía atopar nas novelas de Walter Scott e foi asimilado pola conciencia británica.

Autogoberno[editar | editar a fonte]

Dende mediados do século XIX apareceu un movemento polo autogoberno que buscaba a devolución do control sobre os asuntos escoceses a Escocia, pero o apoio á independencia non chegará até os anos vinte do século XX. A demanda da creación dunha Asemblea Escocesa foi iniciada en 1853 por unha organismo próximo ó Partido Conservador e pronto recibiu tamén o apoio do Partido Liberal, pero non foi considerado algo prioritario, e cando a proposta de autogoberno escocesa foi presentada ó Parlamento de Westminster en 1913 o seu progreso foi interrompido pola primeira guerra mundial. O novo Partido Laborista compartiu a postura do Partido Liberal respecto ó autogoberno, pero tiñan outras prioridades e cambiou a súa política nas Eleccións Xerais do Reino Unido de 1945. En 1974 a política laborista volveu a apoiar o autogoberno escocés, suxeito a un referendo.

O nacionalismo escocés[editar | editar a fonte]

A Liga Nacional Escocesa formada en 1921 foi un corpo inicialmente establecido en Londres que loitaba pola independencia de Escocia, altamente influenciado polo Sinn Féin. Eles crearon o xornal Independente Escocés en 1926 e en 1928 eles axudaron á Asociación Nacionalista Escocesa da Universidade de Glasgow a crear o Partido Nacional de Escocia, favorable a un estado independente escocés. Un dos fundadores foi Hugh MacDiarmid, un poeta que comezara a promover a literatura escocesa, xunto a outros relacionados co Partido Laborista.

Eles cooperaron co Partido Escocés, unha organización autonomista formada en 1932 por antigos membros do Partido Conservador, e en 1934 xuntáronse para formar o Partido Nacional Escocés que inicialmente era autonomista, e que logo pasou a apoiar a independencia. Eles sufriron un descenso de apoio nos anos 30 cando a palabra nacionalismo comezou a estar asociado co do nacionalsocialismo alemán, pero conseguiron o seu primeiro membro do parlamento nas eleccións de 1945 aínda que o perderon nas eleccións xerais tres meses despois. O Partido Nacionalista Escocés tivo un notable éxito electoral nos anos sesenta, e cando foi atopado petróleo no Mar do Norte en 1970 protestaron sobre os concertos económicos do mesmo dicindo "é petróleo de Escocia". Non obstante, pese ás súas protestas Escocia recibiu poucos beneficios de dito petróleo en comparación con outras partes do Reino Unido (como Inglaterra).

O renacemento dos anos 70[editar | editar a fonte]

Nas eleccións xerais do Reino Unido de febreiro de 1974, os votantes escoceses elixiron sete membros do Partido Nacionalista Escocés, que aumentaron a once nas Elección xerais do Reino Unido de outubro de 1974. Isto deu poder ó movemento independentista con propostas máis avanzadas na Cámara dos comúns onde o Partido Laborista que formou un goberno en coalición co Partido Liberal.

Como prometeran, os laborista fixeron propostas por un Parlamento Escocés como unha asemblea escocesa semiautónoma para controlar algúns aspectos de política interna, pero mentres isto tiña o apoio do Partido Laborista Escocés, algúns membros (maioritariamente ingleses) opuxéronse a un cambio constitucional sen un mandato claro e o parlamento decidiu celebrar un referendo, requirindo un 40% ou máis do electorado a favor no canto de requirir unha simple maioría destes votos no referendo. Na celebración un 33% votou a favor e un 31% en contra, cunha abstención do 36%, polo tanto a proposta non veu a luz. Os progresos cara a independencia víronse freados cando o Partido Nacional Escocés apoiou unha moción de censura contra o goberno e forzou unhas eleccións xerais en 1979 que deron a vitoria á grande opoñente da independencia, Margaret Thatcher.

Devolución[editar | editar a fonte]

Os partidarios da independencia escocesa continúan tendo opinións mesturadas sobre a autonomía, movemento que incluíu a moitos partidarios de seguir coa unión que desexaron a descentralización no marco do Reino Unido. Algúns vírono como freo ó independentismo, mentres que outros desexaron ir dereitos para a separación.

Nos anos do goberno conservador tivo lugar a Campaña por unha Asemblea Escocesa dirixida dende 1989 á Convención Constitucional Escocesa acadando o consenso nunhas bases creadas por varios partidos para a devolución de poder político a Escocia, a pesar de que o Partido Conservador rexeitou cooperar e o Partido Nacional Escocés retirouse do debate cando se viu claro que a convención non estaba disposta a negociar a independencia de Escocia como unha opción constitucional. O Partido Laborista gañou en 1997 as eleccións xerais e Donald Dewar, como Secretario de Estado para Escocia fixo cumprir as promesas do seu partido coas propostas convidas para un Parlamento Escocés, convocando un referendo en setembro dese ano que rematou cun 75% dos votantes a favor da devolución de poder. O parlamento entón aprobou a Lei de Escocia para crear un Parlamento escocés elixido con poder sobre a maioría da política autóctona. En maio de 1999 Escocia tivo as súas primeiras eleccións para o parlamento devolto e en xullo o Parlamento escocés celebrou a súa primeira sesión por vez primeira dende que o parlamento previo fora suspendido en 1707. O parlamento escocés tiña cento vinte e nove membros elixidos por un sistema de representación proporcional. Donald Dewar converteuse no Primeiro Ministro de Escocia co goberno da coalición do Partido Laborista Escocés e o Partido Liberal Demócrata, mentres que o Partido Nacional Escocés se converteu no primeiro partido da oposición.

Coa aprobación de tódolos partidos, a canción A Man's A Man for A' That foi cantada pola activista Sheena Wellington na inauguración do parlamento escocés. A canción de Robert Burns provocou bágoas nos ollos dos presentes. [1] Foi adoptada como o himno non oficial moderno do Movemento independentista escocés.

Dun xeito similar a inauguración da Raíña Isabel II do novo edificio do parlamento escocés foi acompañada da canción de Aaron Copland Fanfare for the Common Man.

A Scotland Act foi emendada en varias ocasións, a última no ano 2016, para lle conferir novos poderes ao Parlamento e ao goberno escoceses. Polo cal podemos falar da Devolution coma un proceso descentralizador que semella que aínda non rematou.

Aínda que os escoceses conseguiron a devolución e conseguiron poder sobre a maioría dos seus asuntos, os nacionalistas continúan a reclamar a independencia total.

Independencia en Europa[editar | editar a fonte]

Un dos medos de moitos escoceses non convencidos polos argumentos independentistas é que unha Escocia independente sería económica e politicamente feble. En resposta a isto, os independentistas citan asiduamente o éxito doutros pequenos países do norte de Europa como Irlanda, Noruega, Dinamarca, Islandia, Suecia, Finlandia e os Países Baixos. Coa chegada do novo milenio, o partido (abandonando a súa posición anterior contraria á integración europea) ten empregado o slogan "Independencia en Europa" suxerindo que a Unión Europea é o contorno ideal para o florecemento das pequenas nacións sen estado.

Partidos políticos[editar | editar a fonte]

A independencia de Escocia é apoiada actualmente polo Partido Nacional Escocés, o Partido Verde Escocés, e o Partido Socialista Escocés; así como por Margo MacDonald e outros membros do parlamento independentes. O número de escanos no Parlamento Escocés favorábeis a independencia é 42, aproximadamente un terzo do total.

Hai tamén un número de partidos independentistas recentemente creados, que non teñen representación electoral: Partido Independentista Escocés, Partido da Escocia Libre e o Partido da Liberdade Escocesa.

Oposición á independencia[editar | editar a fonte]

A verba unionista emprégase frecuentemente no debate político escocés, en parte porque suxire paralelismos coa situación de Irlanda do Norte. Porén, hai un corpo forte da opinión oposto á independencia e a favor da continuación da unión con Inglaterra. Isto nunca ten sido un movemento homoxéneo, pero representa un consenso favorable ó Reino Unido presente en todas as ramas escocesas de partidos políticos británicos baseados en Londres. É un movemento que se estende dende os que apoian un Reino Unido como estado unitario gobernado desde Westminster, aos que apoian diversos graos de descentralización da enerxía ou concentración da responsabilidade administrativa de Londres a Escocia.

Os argumentos contra a independencia acostuman basearse a miúdo en cuestións subxectivas da lealdade e da identidade. Eles din que un escocés pode sentirse máis británico que escocés, ou que pode sentirse tanto escocés como británico.

Os argumentos económicos en contra da independencia son complexos e rebatidos. Algúns opositores á independencia adoptan o punto de vista de que Escocia é forte economicamente dentro do Reino Unido, como que un país de 5 millóns de persoas nunca sería tan forte económica, militar ou politicamente como un país de 60 millóns de persoas, mantendo que os dous países van igual de ben. Outros din que, como parte dun estado británico unitario, os escoceses teñen máis influencia en asuntos internacionais: unha Escocia independente non tería asento permanente no Consello de Seguridade da ONU, por exemplo. Algúns escoceses europeístas din que non é necesaria a independencia nunha Europa que tende cara a unificación, aínda que a crecida do Euroescepticismo en Gran Bretaña dende os 90 fai que estes argumentos teñan menos forza.

Ligazóns a partidos políticos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Partidos con representación electoral.

Outros partidos nacionalistas

Ligazóns externas a partidos[editar | editar a fonte]

Outras ligazóns externas[editar | editar a fonte]