Nacionalismo andaluz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de Blas Infante en Sevilla, recoñecido como Pai da patria andaluza polo Estatuto de autonomía.[1] É o máximo representante e intelectual do nacionalismo andaluz.

O nacionalismo andaluz é un movemento político e social que defende o recoñecemento de Andalucía como unha nación dentro de Europa.[2] Abrangue un amplo espectro de obxectivos, dende os partidarios do federalismo ou o confederalismo español, até posturas abertamente independentistas.

No pasado, o principal partido político que representaba o nacionalismo andaluz era o Partido Andalucista (PA),[3] mais o partido disolveuse no ano 2015. Outras organizacións políticas, sen representación no Parlamento de Andalucía, como Nación Andaluza (NA) e Asemblea Nacional de Andalucía (ANA) teñen unha ideoloxía independentista.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe do andalucismo data arredor de 1870[4] cando un grupo de intelectuais comezou a interesarse polo folclore andaluz, frutificando na fundación do Ateneo de Sevilla, na aparición dalgunhas revistas e a primeira historia de Andalucía, publicada por Joaquín Guichot.

Bandeira de Andalucía recoñecida oficialmente na Asemblea de Ronda.

A publicación do ensaio de Blas Infante, considerado polos andalucistas o pai da patria andaluza, Ideal andaluz en 1915 supuxo a saída do pensamento andalucista dun reducido núcleo de intelectuais[5], en 1918 convocouse a Asemblea de Ronda, que serviu para crear a bandeira e o escudo de Andalucía.

Na Segunda República Española o nacionalismo andaluz, da man de Blas Infante, consegue redactar un estatuto de autonomía para Andalucía, pero non chegaría a aprobarse debido ó estalido da guerra civil trala sublevación militar de 1936. Durante a guerra e o franquismo, moitos andalucistas foron fusilados (como Blas Infante) ou marcharon ó exilio.

Non sería ata 1973 cando rexurdiría o nacionalismo andaluz en Andalucía Occidental da man de Alejandro Rojas Marcos, fundador do Partido Socialista de Andalucía, que máis tarde pasará a denominarse Partido Andalucista.

O 4 de decembro de 1977, un millón e medio de persoas saen á rúa por toda Andalucía (e tamén en Barcelona) pedindo a autonomía,[6] convocados por tódolos partidos políticos agás a Unión de Centro Democrático. Tras un referendo, o Estatuto de Autonomía de Andalucía aprobouse o 12 de febreiro de 1981.[7]

Símbolos do nacionalismo andaluz[editar | editar a fonte]

A Arbonaida é o nome da bandeira de Andalucía, que quere dicir en árabe castelanizado 'Branca e Verde[8]'. A estrela vermella de cinco puntas é o símbolo do socialismo.[9] Esta bandeira é a usada polo nacionalismo de esquerda en Andalucía.

O nacionalismo andaluz ten como estandarte máis característico a bandeira nacionalista andaluza, tamén coñecida como "arbonaida nacionalista",[10] que se creou na década de 1980, unha vez que Andalucía xa conseguira a autonomía política e os nacionalistas andaluces comezaron a pedir a definición de Andalucía como nación.

Antiga bandeira do Partido Andalucista, posteriormente empregada polas Juventudes Andalucistas.

A primeira bandeira de corte nacionalista que se creou en Andalucía foi a imitación da bandeira de Cuba. Creouna o Partido Socialista de Andalucía, o posterior Partido Andalucista, empregada posteriormente polas Juventudes Andalucistas. Consiste nunha bandeira de Andalucía á que se lle engadiu un triángulo vermello e no centro deste unha estrela branca de cinco puntas.[11]

Posteriormente, xa case na década de 1990, creouse a bandeira independentista con máis difusión no presete, que conta cunha estrela vermella de cinco puntas no centro da bandeira orixinal sen o escudo.[11] Nos últimos anos comezouse a difundir unha nova bandeira nacionalista que sustitúe a estrela vermella de cinco puntas por outra de oito (á que denominan estrela tartesa). Esta bandeira creouse para tentar engadir símbolos máis andaluces á bandeira, como é a estrela de oito puntas, da que se afirma ten orixe tartesa e polo seu uso durante Al-Ándalus, mais non ten case difusión entre os nacionalistas andaluces.[12]

Os nacionalistas andaluces modifican o lema do escudo oficializado no Estatuto de Autonomía, empregando o lema nacionalista creado por Blas Infante "Andalucía por sí, los Pueblos y la Humanidad". Do mesmo xeito acontece con parte da letra do himno, que os nacionalistas andaluces modifican da seguinte manera: "Sea por Andalucía libre, los pueblos y la Humanidad".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Preámbulo del Estatuto de autonomía: "En los últimos 25 años, Andalucía ha vivido el proceso de cambio más intenso de nuestra historia y se ha acercado al ideal de Andalucía libre y solidaria por la que luchara incansablemente Blas Infante, a quien el Parlamento de Andalucía, en un acto de justicia histórica, reconoce como Padre de la Patria Andaluza en abril de 1983".". 
  2. "Preámbulo del Estatuto de autonomía: "Hoy, la Constitución, en su artículo 2, reconoce a Andalucía como una nacionalidad en el marco de la unidad indisoluble de la nación española".". 
  3. O Partido Andalucista era coñecido orixinalmente como Partido Socialista de Andalucía (non confundir co Partido Socialista Obrero Español de Andalucía, coñecido como PSOE-A). Naceu a partir da Asemblea Socialista de Andalucía pero máis tarde abandonou a denominación de socialista e virou cara ao centro político.
  4. Rafael Sánchez Mantero Historia breve de Andalucía. Sílex Ediciones, 2001, páxina 148
  5. Eduardo Sevilla Guzmán Aproximación sociológica al andalucismo histórico. Ayuntamiento de Córdoba, 1990, páxina 21
  6. "El PA pide un busto de García Caparrós y corregir el error en una placa. SUR.es". www.diariosur.es. Consultado o 4 de decembro de 2017. 
  7. "Día de Andalucía 28F". www.juntadeandalucia.es (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2018. 
  8. "La arbonaida, la bandera nacional de Andalucía". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2019. Consultado o 19 de xullo de 2019. 
  9. "Estrella roja". 
  10. "La verdad oculta en la tricolor". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2012. Consultado o 22 de xuño de 2021. arbonaida (bandera del pueblo andaluz) 
  11. 11,0 11,1 "Historia de la Bandera Andaluza". Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2015. Consultado o 2 de xuño de 2008. 
  12. "Otros símbolos nacionales". Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2009. Consultado o 2 de xuño de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]