Coripe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCoripe
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 36°58′13″N 5°26′29″O / 36.970277777778, -5.4413888888889Coordenadas: 36°58′13″N 5°26′29″O / 36.970277777778, -5.4413888888889
EstadoEspaña
Comunidade autónomaAndalucía
ProvinciaProvincia de Sevilla Editar o valor em Wikidata
CapitalCoripe Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación1.215 (2023) Editar o valor em Wikidata (23,61 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie51,46 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude325 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor em WikidataSusana López Martín (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal41780 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Código INE41035 Editar o valor em Wikidata

Coripe é un municipio español da provincia de Sevilla, na comunidade autónoma de Andalucía. No ano 2016 contaba con 1 337 habitantes.[1] A súa extensión superficial é de 52 km² e ten unha densidade de 28,29 hab/km². As súas coordenadas xeográficas son 36º 58' N, 5º 26' O. Atópase situada a unha altitude de 325 metros e a 77 quilómetros da capital de provincia, Sevilla.

Historia[editar | editar a fonte]

Coripe é unha vila de 1 337 habitantes. Está situado na Serra Sur da provincia de Sevilla (Piedemonte Subbético) e forma parte dunha paisaxe natural de gran beleza, ademais é testemuña de diversos episodios históricos moi relevantes.

Arroupado entre oliveirais de montaña e bosques naturais, foi testemuña de numerosos acontecementos históricos moi significativos ao longo do tempo. O lugar onde se sitúa presenta unha abundante variedade arbórea e arbustiva froito dun suficiente abastecemento de auga que a regula. Isto, xunto co seu agradable clima tépedo mediterráneo proporciona un ecosistema único propicio que deu lugar desde tempos moi remotos a infinidade de asentamentos humanos que datan desde o Paleolítico inferior.

A diversidade de achados prehistóricos é moi notable en toda a súa contorna. Case todos corresponden desde o Paleolítico inferior até a Idade dos Metais. Entre eles atópanse varios utensilios de caza, como machadas de pedra, e anacos de vasillas de barro, así como algúns restos humanos atopados baixo monólitos e próximos a lugares onde hai auga. Estes asentamentos tamén indican que podía haber abundante caza dunha fauna moi variada.

Pero Coripe non sempre estivo situado no lugar que agora. A súa orixe remóntase cara ao século VI a.C., a uns dous quilómetros da súa localización actual, nunha zona denominada "Navalahiguera". Este asentamento supuxo a construción de numerosas vivendas (só se conservan escasos cimentos hoxe cubertos por terra de labor) e posterior permanencia durante varios séculos, creando unha cultura urbana e unha agricultura evolucionada baseada principalmente no cultivo da vide. Tiñan o seu propio alfabeto (herdanza tartesa) e traballaban os metais como o ouro, prata, cobre e estaño que comerciaban, xa que o propio lugar era un punto de confluencia entre comerciantes fenicios e gregos. Estes negociaban as súas mercadorías cos produtos turdetanos, de gran calidade artesanal, creando un desenvolvemento comercial a través do Mediterráneo.

Polos restos de vasillas e contedores de barro e cerámica achados suponse que tamén eran produtores en boa cantidade de viños. A economía turdetana debeu de ser bastante próspera xa que se utilizaban moedas de diversos metais e iso fai pensar que tamén se recadaban impostos.

A necrópole turdetana estaba situada a uns 1 500 metros do complexo urbano, e polo gran número de restos humanos localizados en diversos puntos da zona, debeu de abarcar unha ampla extensión de terreo. Este pobo sentía un gran respecto polos seus defuntos e isto reflíctese nos gravados dos anacos de lápidas de mármore atopados, tanto polo esmero da talla como pola calidade da pedra.

Máis tarde, a expansión cartaxinesa deteriorou notablemente a economía e abastecemento dos turdetanos ao quedaren estes sometidos baixo o seu dominio, controlando tamén as vías comerciais.

No século III a.C. os romanos acabaron co dominio cartaxinés, ocuparon e organizaron o territorio, desenvolveron de novo a agricultura e o comercio e implantaron o seu dereito e administración. Atopáronse restos arqueolóxicos que confirman estes datos, como algúns anacos de columnas romanas, moedas, vasillas e cerámicas da época de Traxano e de Claudio I.

Trala caída do Imperio romano entran na Península Ibérica os vándalos e os visigodos. A uns 6 km de Coripe ten lugar unha das batallas máis importantes da historia de España que supoñería o fin do reino visigodo: A batalla de Guadalete (no 711). As forzas invasoras musulmás de Musa ibn Nusayr e o exército do rei Rodrigo (Roderico, duque da Bética) estableceron un combate no que a deserción de parte do exército visigodo, mandado polos irmáns de Vitiza, facilitou o triunfo islámico e a súa posterior conquista de Hispania. A zona onde tivo lugar a famosa batalla atópase preto do cruzamento dos ríos Guadalete e Guadalporcún máis coñecido como "os Mortos". Alí foron enterrados os corpos dos soldados caídos mentres que os restos do rei foron trasladados a unha vila de Portugal. Atopáronse numerosas armaduras e complementos de guerra como lanzas e espadas que hoxe se atopan nunha propiedade privada do Castelo das Gardas.

Pouco se sabe do antigo Coripe durante os séculos posteriores pero por algunha razón a poboación dispersouse e o pobo quedou sumido no máis solitario abandono. Algunhas familias trasladáronse ao lugar actual, aínda que os motivos dese traslado ignóranse. Sería cara aos séculos X-XI cando comezase outra etapa histórica nun novo lugar.

Da época musulmá só se conservan algúns restos dos cimentos dunha fortaleza árabe na Serra de Coripe, pero son moi escasos. Esta fortaleza constituía un punto determinado que emitía e recibía información mediante sinais luminosas (case sempre nocturnas) a outras fortalezas próximas (castelo de Cote, castelo de Morón etc.). A estratexia e defensa militar estaban sempre vixentes dado que os árabes carecían de tradición na organización política, polo que posteriormente constituirían numerosos pequenos reinos divididos.

No ano 1248 Fernando III o Santo tomou Sevilla e o val do Guadalquivir, pero a arte islámica xa formaba parte da cultura desta zona quedando vestixios na provincia de numerosas construcións.

Coripe foi zona fronteiriza entre os reinos cristiáns e o de Granada. Máis tarde formaría parte de Morón de la Frontera. En 1894 conseguiu o recoñecemento de vila e independizouse do concello de Morón. E a partir de entón xa se constituiría como municipio independente na provincia de Sevilla.

Foi no primeiro cuarto do século XX cando Coripe sería partícipe dun proxecto histórico relevante: o trazado dunha vía ferroviaria que comunicaría Almargen con Xerez da Fronteira. Este feito ía supor un gran desenvolvemento económico para o municipio e saldaría o déficit laboral dos seus habitantes. Pero as obras non chegarían a concluír definitivamente e daría lugar a un total abandono do proxecto. Isto seguiría así ata que o programa da Vía Verde da Serra considerase de utilidade o trazado. Fomentar o turismo rural respectando o medio natural é o principal motivo e xorde deste xeito unha empresa prometedora que amplía os coñecementos culturais e sociais do pequeno municipio e dos seus visitantes.

Todo comeza en agosto de 1901, cando se funda unha compañía privada denominada "Sociedade de Estudos do Ferrocarril de Xerez a Villamartín e Setenil". Presidida polo marqués de Bonanza, contaba con 774 investidores que dispoñen dun cuantioso capital e pon en marcha o primeiro intento de iniciativa comercial e industrial. Esta empresa privada inclínase pola construción dun trazado ferroviario de ancho normal e fracasa ao estar vixente unha lei que dá prioridade ás vías estreitas, xunto con outros requisitos técnicos e financeiros establecidos.

En 1918, o ministro de Fomento Francesc Cambó toma a iniciativa do trazado acollendo a prioridade dun ancho ferroviario normal por todo o país. Desta forma, na ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera apróbase por fin o proxecto do ferrocarril Xerez-Almargen de acordo cun plan elaborado polo ministro de Fomento, o conde de Guadalhorce.

O xeneral Mayandía propuña a idea "dunha mellor defensa do país e facilidade nos transportes, indispensables para desenvolver toda clase de industria" mediante a construción desta liña ferroviaria. E a súa proposta sería levada a cabo. A estratexia militar e o desenvolvemento industrial presidirían finalmente o proxecto.

Restaurada estación de Coripe.

O día 9 de xaneiro de 1927 darían inicio as obras do ferrocarril Xerez-Almargen sendo inauguradas polo xeneral Miguel Primo de Rivera e o seu ministro de obras públicas na cidade de Arcos de la Frontera.

En marzo dese mesmo ano unha Real orde adxudica á empresa "Valentín Vallhonrat" as obras de explanación do tramo Arcos-Olvera e as edificacións do traxecto Xerez-Arcos. Pero sería o Estado o que levase as rendas de todo o proxecto.

O percorrido sería de 129 km, pero só se explanaron 110. Construíronse 19 túneles (o de maior lonxitude é o da Serra de Coripe, de 1 200 m), varios viadutos, de entre os cales catro atópanse moi próximos a Coripe, e varias estacións ferroviarias. Entre os viadutos de maior lonxitude está o da Serra de Coripe con 247 m. O de maior altitude, dentro da contorna coripeña, é sen dúbida o de "Gillete", cunhas vistas impresionantes e belísimas da paisaxe que o envolve.

Estes viadutos presentan unha estrutura con carácter soamente funcional, pero hai que destacar os fortes alicerces que os sosteñen e a excelente calidade dos seus materiais. Para a construción, tanto dos túneles como das pontes, fixo falta abundante man de obra, que necesariamente tivo que vir de diversos puntos de España e de Portugal dada a pouca poboación que había na contorna. Os traballos eran duros pero ben pagados e aínda que se sumaba o risco, o soldo dun obreiro era máis alto que o dun agricultor.

Moitos obreiros acabarían establecéndose no lugar e creando unha familia, polo que o crecemento urbano de Coripe aumentou notoriamente. Para o transporte dos materiais utilizáronse vagonetas e animais de tiro. A maquinaria naquela época non era moi numerosa pero dado o ritmo dos traballos e a urxencia do proxecto tratáronse varias do modelo “Marion nº 25”, deseñadas especialmente para traballos duros en terreos escarpados.

A intensidade dos traballos requiría a colaboración de moitos obreiros, capataces e axudantes que traballarían duramente durante varios anos. Coripe viviu unha época de esplendor económico en comparación a períodos anteriores. A vida rural fíxose máis factible e evolucionou considerablemente o desenvolvemento económico. Moitos obreiros tiveron a oportunidade de acollerse ao réxime do "Retiro Obreiro", creado por entón, pagando unha cota de 10 céntimos. Na "Casa Social" (hoxe unha casa particular) xestionábanse os trámites dos traballadores, que máis tarde pasaría a ser un muíño de aceite.

Pero debido ás crecentes desavinzas na política da Ditadura e a falta de apoio dos seus propios compañeiros de armas, o xeneral Miguel Primo de Rivera presentou a súa dimisión o 28 de xaneiro de 1930 ante o rei Afonso XIII. Tras de si quedaba unha España en franca decadencia, e un debilitado sistema monárquico. O posterior exilio do xeneral en Francia e máis tarde a súa morte supuxo o final da ditadura e o abandono da monarquía. Isto motivou a paralización das obras do proxecto ferroviario. Anunciábase un novo réxime político.

Viaduto da vía férrea.

Durante a II República declárase esta liña de interese local e son os lugares interesados os que teñen que saldar o custo das obras ferroviarias. Máis tarde fanse rectificacións (1934) e renóvanse, aínda que non por moito tempo.

O asasinato de José Calvo Sotelo dá lugar ao adiantamento do golpe militar (18 de xullo) encabezado polo xeneral Franco, que desencadea a guerra civil española (1936-39). As diferenzas entre partidarios republicanos orixinan un sistema político que se diversifica e debilita, e será o precedente do novo réxime franquista. Ante estes feitos quedan paralizadas novamente as obras do ferrocarril.

Coripe nunca vería realizado o proxecto ferroviario. E a través das súas diversas parénteses quedaría aos poucos silenciado no esquecemento.

Durante a guerra civil española o pequeno municipio sofre as consecuencias do drama. Do mesmo xeito que noutras partes, a miseria e a fame arrasan o lugar e os seus habitantes máis novos vense obrigados a participar na guerra. A decadencia dunha España sumida no máis irracional dos conflitos vaise abrindo paso a paso, dando lugar a unha represión posterior que ten como fin a implantación dunha ditadura e o sometemento da poboación.

Foron uns anos moi duros e tinguidos de sangue que nunca lograrían borrarse da memoria de España. A escaseza de alimentos xunto coa falta de traballo e o medo motivarían a moitos españois a refuxiarse noutros países.

Despois da guerra a vida rural faise moi difícil. A pobreza acentúase e só queda como solución saír do país en busca de traballo. Comeza a etapa do "emigrante" na que un gran número de persoas teñen que abandonar os seus fogares para poder subsistir. Coripe padece esta situación e vese inmerso nun novo episodio de descenso de poboación. A falta de recursos fai que se acelere o nivel de mortalidade, sobre todo infantil.

Tiveron que pasar moitos anos para que esta aldeíña lograse recuperarse a nivel económico. Os soldos eran moi baixos e as familias apenas podían paliar as súas necesidades.

Grazas á entrada do turismo na década dos anos 60 España lograría reporse no sector económico-social e comezarían obras de infraestrutura e trazados de estradas que darían emprego a gran parte da poboación. Pero sería a iniciativa hostaleira a que resolvería o problema laboral de moitos andaluces. Coripe foi un deses pobos que tivo a oportunidade de refacer a súa economía por medio da hostalaría. Moitos veciños da localidade emigraban cada verán a diversos puntos das costas españolas e Illas Baleares. Deste xeito, a maioría dos negocios e establecementos do lugar responden ao esforzo e traballo dos seus donos fóra da provincia durante moitos anos.

Actualmente, á parte da hostalaría, o campo supón tamén un medio de subsistencia aínda que en menor grao. A oliveira de montaña e o cultivo de cereais abarcan case toda a contorna. Tamén o bosque forestal é en gran medida promotor de emprego rural.

Pero hai algúns anos, daría comezo un labor que transformaría o curso habitual de Coripe dándolle un novo xiro económico e ambiental: o antigo proxecto ferroviario emerxería do esquecemento para un fin de desenvolvemento turístico rural. A nova empresa Vía Verde da Serra propón a vantaxosa ocasión de poder valorar gran parte do traxecto como unha paisaxe singular que merece a pena visitar respectando sempre as normativas do medio ambiente. Grazas ás obras realizadas para a mellora do trazado, este pode ser percorrido tanto a pé como en vehículos sen motor.

A antiga estación de ferrocarril tamén foi reformada como hotel-restaurante para que o visitante poida gozar de aloxamento e comidas. Outra antiga estación ferroviaria, máis afastada do pobo (Estación do Peñón), foi reconstruída como Observatorio Ornitolóxico para o estudo dunha gran variedade de aves e paxaros que habitan no lugar. Alí sobrevive unha especie de voitre que ata hai pouco estaba en fase de extinción (voitre leonado) e que hoxe se recupera grazas a ser esta unha zona protexida.

Estas reformas leváronse a cabo coa intención de promover, ademais do turismo rural, un desenvolvemento cultural e unha maior conciencia polo respecto da natureza. O traxecto conta cun sistema de vixilancia apropiado que se efectúa diariamente non só para a conservación da contorna, senón tamén para o benestar dos visitantes turísticos.

Situación xeográfica[editar | editar a fonte]

Viaduto sobre o río Guadalporcún xunto á estación de Coripe.

En plena Serra de Algodonales, na confluencia do arroio Guadalporcún co río Guadalete. Atópase no límite das provincias de Sevilla e Cádiz ao sueste da provincia de Sevilla, a 77 quilómetros da capital. O termo municipal ten unha extensión de 52 km cadrados e unha altitude de 325 metros sobre o nivel do mar.

Monumentos[editar | editar a fonte]

A igrexa de San Pedro Apóstolo de Coripe é o único templo da localidade, defínese pola súa estrutura moderna, a cal se impuxo desde o século XIX sobre a pequena capela do Sagrario.

Esta igrexa foi construída en 1859, sobre o soar doutro templo do que só se conserva a capela sacramental. Consta dunha soa nave de planta rectangular. Exteriormente presenta unha portada de estilo moi sinxelo que se sitúa aos pés da nave. A nave sostense con arcos transversais e a capela do Sagrario está cuberta por unha cúpula sobre pendentes de finais do século XVIII a cal é o único que resta da edificación anterior. A capela primitiva contén un retablo pequeno que albergaba un Sacro Corazón que, actualmente, se atopa na Casa de Irmandade da confraría do Gran Poder. O devandito retablo encerra a Virxe de Fátima desde os anos 70 en que se trasladou en romaría ao templo. A capela cóbrese cunha bóveda de canón e cúpula con lanterna abríndose con arco apuntado de estilo gótico. A única nave da igrexa ten na súa cabeceira un fornelo cunha imaxe de San Pedro que substituíu a outra antiga de composición sedente. Á beira áchase un Crucificado chamado o Cristo da Boa Morte. Tamén se atopan a Virxe das Dores e o noso Pai Xesús Nazareno.

A nave, nos seus pés, ábrese cunha arcada de tres arcos góticos oxivais recentes. Á súa dereita, o Sacro Corazón de Xesús e á súa esquerda, a nosa Señora Inmaculada.

Natureza[editar | editar a fonte]

Chaparro de la Vega.

Parte do termo municipal de Coripe forma parte da Vía Verde da Serra de Cádiz. En concreto, a estación de Coripe.

Tamén destaca o monumento natural do Chaparro de la Vega, que foi declarado monumento natural pola Xunta de Andalucía o 23 de novembro de 2001.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]