Umbrete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Umbrete é unha localidade da provincia de Sevilla, en Andalucía (España).

Xeografía[editar | editar a fonte]

No ano 2005 contaba con 5.797 habitantes. A súa extensión é de 12 km² e ten unha densidade de 483,1 hab/km². As súas coordenadas xeográficas son 37º 22' N, 6º 09' W. Atópase situada a unha altitude de 121 metros e a 15 quilómetros da capital de provincia, Sevilla.

A súa principal actividade económica é o agro, principalmente a oliva, aínda que tamén ten loxicamente peso a construción e o sector servizos.

Historia[editar | editar a fonte]

Aínda que hai quen a remonta a época turdetana, o primeiro testemuño histórico da existencia dun lugar habitado é baixo o reino árabe. Cando o rei castelán Fernando III quería tomar a veciña Sevilla, debeu controlar antes estes territorios, que serían repoboados posteriormente baixo o mandato do seu fillo Afonso X.

En 1261 este monarca dóalle Umbrete ao cabido eclesiástico e ao arcebispo de Sevilla por 3.000 marabedís; a doazón non prospera ata ao ano 1262, cando Umbrete pasa a ser un dominio exclusivo do arcebispado. Os conflitos das zonas fronteirizas obrigan unha nova carta de repoboación en 1313.

A chegada ao arcebispado en 1722 de Luis Salcedo Azcona, quen viña de ser arcebispo de Compostela, produciu importantes mudanzas: Salcedo mandou construír a igrexa da Consolación, e mais reformar o pazo arcebispal, que se converteu na residencia de verán do prelado. Tras a desamortización, o arcebispo perdeu o dominio sobre Umbrete, se ben conservou a titularidade sobre o edificio do pazo.