Guadalcanal, España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Guadalcanal é unha localidade da provincia de Sevilla.

Xeografía[editar | editar a fonte]

No ano 2006 contaba con 2.970 habitantes. A súa extensión superficial é de 275 km² e ten unha densidade de 10,6 hab/km². As súas coordenadas xeográficas son 38º 05' N, 5º 49' Ou. Atópase situada a unha altitude de 662 metros, encaixada nun val entre as Serras da auga e do vento, na comarca da Sierra Norte, e a 110 quilómetros da capital de provincia, Sevilla; depende do partido xudicial de Cazalla de la Sierra.

Topónimo[editar | editar a fonte]

Topónimo procedente do árabe Wad al-Qanal (وادي القنال), "río da canle" anteriores nomes da Vila foron Tereses ou Tereja ou Canani cos iberos. Á súa vez, deu nome á illa de Guadalcanal, nas Illas Salomón, bautizada por Pedro de Ortega Valencia, nacido nesta vila. Ao redor desta illa desenvolveuse unha das batallas máis decisivas da Segunda Guerra Mundial, a batalla de Guadalcanal.

Historia[editar | editar a fonte]

Arrebatada pola Orde de Santiago en 1241 do dominio árabe, queda baixo a xurisdición da mesma, adscrita á Provincia de León (que abarcaba así mesmo grandes extensións en Estremadura); e no eclesiástico, á vigairía de Santa María de Tentudía (da que se desliga durante o século XIV), dependente á súa vez do Priorado de San Marcos de León.

Fortificada "desde antigo" pola súa situación xeográfica, as súas defensas foron mandadas derruir pola súa participación na revolta dos Comuneiros. Hoxe en día, a pesar da anterior abundancia de castelos no seu termo, apenas quedan restos do de la Ventosilla.

A mediados do século XVI, actívase a extracción de prata das minas da rexión, traballo encargado aos Fugger, banqueiros alemáns. Os filóns esgotáronse o século pasado.

O pobo sufriu unha forte crise no século XIX que acabou coas súas catro comunidades de relixiosas e enfrontouse, como a maioría das comunidades rurais, ao éxodo masivo dos seus habitantes á cidade ocorrido no século XX.

Monumentos[editar | editar a fonte]

Os seus monumentos sufriron unha forte decadencia nos últimos tempos, pero se está levando a cabo unha restauración en varios deles. Así, aparte do Concello e a Igrexa de Santa María da Asunción (gótico-mudéxar), principal da vila, atopamos que a igrexa de San Vicente (Século XVIII) é agora sede dunha peña futbolística, que a da Concepción (s. XVIII) estivo en deplorables condicións e que a de Santa Ana, Monumento Histórico Artístico Nacional, foi restaurada recentemente.

La Almona é o monumento civil máis antigo da rexión e data de 1307. Tamén se conserva o Convento do Espírito Santo, que fixo as veces de escola noutro tempo, e o Mercado de Abastos atópase na que foi Igrexa de San Sebastián. Existen ermidas nos arredores como as de San Benito e Nuestra Señora de Guaditoca, patroa do pobo. Quedan algúns restos das vellas murallas e castelo, derrubados na guerra dos comuneiros.

Economía[editar | editar a fonte]

Conta con varias cooperativas olivareras, e posúe un importante mercado de fabricación de mobles, así como de ladrillos refractarios.