Oxiúro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Enterobius»)
Oxiúro

ICD 127.4


Enterobius vermicularis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Nematoda
Clase: Secernentea
Subclase: Spiruria
Orde: Oxyurida
Familia: Oxyuridae
Xénero: Enterobius
Especies
  • Enterobius vermicularis (Linnaeus, 1758)[1]
  • Enterobius anthropopitheci (Gedoelst, 1916)[1]
  • Enterobius gregorii (Hugot, 1983) (discutida)[2][3][4]

Os oxiúros[5] son vermes nematodos parasitos intestinais de humanos e outros primates pertencentes ao xénero Enterobius, especialmente á especie Enterobius vermicularis.[6] A infestación por estes vermes denomínase oxiuríase ou enterobíase.[7][8]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Os oxiúros (xénero Enterobius) son un tipo de nematodo do cal se identificaron tres especies.[9] A única especie que parasita aos humanos é a Enterobius vermicularis (que anteriormente se chamaba Oxyuris vermicularis).[10] Os chimpancés hospedan ao Enterobius anthropopitheci, que é distinguible morfoloxicamente do oxiúro humano.[3] Hugot (1983) considera que hai outra especie que afecta aos humanos chamada Enterobius gregorii, que se supón que é unha especie irmá de E. vermicularis, e ten unha espícula (órgano sexual) lixeiramente máis pequena.[11] A existencia desta última especie é controvertida; así, Totkova et al. (2003) consideran que non hai suficientes probas para aceptala,[4] e Hasegawa et al. (2006) opinan que E. gregorii é un estadio máis inmaturo de E. vermicularis.[2][3] Independetemente do seu status como especie ou non, E. gregorii considérase clinicamente idéntica a E. vermicularis.[10]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Dúas femias de oxiúros preto dunha regra milimetrada.

A femia adulta ten un extremo posterior con forma de punta aguda (de onde vén o nome de oxiúro = cola aguda), ten unha lonxitude de 8 a 13 milímetros, e 0,.5 milímetros de grosor.[12] O macho adulto é considerablemente menor, de 2 a 5 mm de longo e 0,2 de grosor, e ten un extremo posterior curvado.[12] Os ovos son translúcidos[12] e teñen unha superficie que se adhire doadamente aos obxectos do seu ambiente.[13] Os ovos son algo ovoides e miden de 50 a 60 micrómetros por 20 a 30 micrómetros, e teñen unha grosa cuberta que está aplanada por un lado.[12] O pequeno tamaño e a falta de cor dos ovos fan que sexan invisibles a simple vista, agás que se trate dun grupo de miles de ovos. Os ovos poden conter un embrión en desenvolvemento ou unha larva de oxiúro completamente formada.[12] A larva medra ata os 140–150 micrómetros de longo.[13]

Distribución[editar | editar a fonte]

Os oxiúros están distribuídos por todo o mundo,[14] e causan as infestacións por vermes parasitos máis comúns en Europa Occidental, Estados Unidos e Australia.[15][16][16] Os oxiúiros son especialmente comúns en nenos, cunha prevalencia neste grupo de idade do 61% na India, 50% en Inglaterra, 39% en Tailandia, 37% en Suecia, e 29% en Dinamarca, por exemplo.[16] O hábito de chuchar os dedos de moitos nenos incrementa a incidencia e a reaparición da infestación,[16] e comer as uñas ten un efecto similar.[17] Como se transmite de hóspede a hóspede por contaminación, os oxiúros son comúns entre as persoas que viven en estreito contacto, e tende a aparecer en todas as persoas que viven na mesma casa.[14] A prevalencia dos oxiúros non está asociada co sexo,[14] nin coa clase social, raza ou cultura.[16] En realidade, os oxiúros son unha excepción ao principio xeral de que os parasitos intrestinais son pouco comúns en comunidades prósperas e desenvolvidas.[16] O exemplo máis antigo coñecido da presenza de oxiúros son ovos destes animais atopados en coprólitos (feces fosilizadas), datados no ano 7837 aC atopadas no oeste de Utah.[13]

Ciclo de vida[editar | editar a fonte]

Ciclo de vida dos oxiúros.

O ciclo de vida completo de ovo a adulto destes animais ten lugar no tracto gastrointestinal dun só hóspede humano.[12][13] Cook et al. (2009) e Burkhart & Burkhart (2005) non están de acordo sobre a duración do proceso, que para Cook et al. é de dúas a catro semanas,[18] e para Burkhart & Burkhart de catro a oito semanas.[16]

O ciclo empeza cando unha persoa inxire os ovos.[13] Os ovos eclosionan no duodeno.[19] As larvas de oxiúro emerxentes medran rapidamente ata un tamaño de 140 a 150 micrómetros,[18] e migran ao longo do intestino delgado cara ao colon.[13] Durante esta migración mudan a pel dúas veces e fanse adultos.[13][16] As femias viven de 5 a 13 semanas, e os machos unhas 7 semanas.[13] O apareamento entre machos e femias ten lugar no íleo,[13] e despois os oxiúros xeralmente morren,[19] e son evacuados coas feces.[20] A femia grávida establécese no íleo, cego, apéndice vermiforme e colon ascendente,[13] onde se adhiren á mucosa intestinal[16] e inxiren os contidos do colon.[14] Case todo o corpo dunha femia grávida está cheo de ovos,[19] e estímase que poden chegar a conter de 11.000[13] a 16.000 ovos.[16] O proceso de posta dos ovos empeza aproximadamente cinco semanas despois da inxestión inicial dos ovos polo hóspede humano.[13] As femias grávidas migran polo colon cara ao recto a unha velocidade de 12 a 14 centímetros por hora.[13] Emerxen do ano, e mentres se moven sobre a pel da área que rodea ao ano van depositando os ovos nos pregamentos perianais de tres formas posibles: (1) contraéndose e expulsando os ovos, (2) morrendo e desintegrándose liberándoos, ou (3) por rotura do corpo debido a que o hóspede rasca esa rexión para aliviar o proído.[19] Despois de deposiitar os ovos, a femia faise opaca e morre.[20] A razón de que a femia emerxa polo ano é para obter o oxíxeno necesario para a maduración dos ovos.[20]

Transmisión[editar | editar a fonte]

Os oxiúros transmítense de humano a humano, ao inxerirse os ovos ou por inserción anal.[16][19] Os ovos son resistentes e poden permanecer viables nun ambiente húmido ata tres semanas.[16][20] Non toleran ben a calor, pero poden sobrevivir a baixa temperatura: 2/3 dos ovos son aínda viables despois de 18 horas a −8 °C.[20]

Unha vez que os ovos foron inicialmente depositados preto do ano, son rapidamente transmitidos a outras superficies por contaminación.[19] A superficie dos ovos é pegañenta cando os depositan,[13][20] e os ovos son rapidamente transmitidos desde o seu depósito inicial preto do ano ás uñas dos dedos, mans, roupas de durmir e sabas da cama.[18] Desde alí, os ovos poden transmitirse á comida, auga, mobles, xoguetes, pezas do cuarto de baño e outros obxectos.[13][16][19] Os animais mascotas poden con frecuencia levar ovos na súa pelaxe, aínda que eles non están infectados.[21] O po das casas que contén ovos pode ser levado polo vento, o que axuda a dispersar os ovos, por exemplo ao sacudir roupa de cama.[16][20][21] En consecuencia, os ovos poden entrar na boca e o nariz por inhalación, e despois son tragados.[16][18][19][20] Aínda que xeralmente os oxiúros non se multiplican estritamente falando dentro de corpo humano (só se aparean),[18] algunhas poucas larvas poden eclosionar na mucosa anal, e migraren polo intestino arriba do seu hóspede orixinal.[16][18] Este proceso chámase retroinfección.[16][20] Segundo Burkhart (2005), cando ocorre unha retroinfección, causa unha carga parasítica maior e iso asegura a continuidade da infestación polo oxiúro.[16] Esta opinión é contraria á que mantén Caldwelli (1982), que afirma que a retroinfección é rara e non é clinicamente significativa.[20] Malia a limitada duración da vida dos oxiúros, de poucas semanas,[13] a autoinfección (é dicir, a infección do hóspede orixinal a el mesmo), pola ruta ano-boca ou por retroinfección, fai que os oxiúros poidan habitar no mesmo hóspede indefinidamente.[16]

Patoloxía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Oxiuríase.

Nos humanos, o E. vermicularis causa a enterobíase ou oxiuríase, cuxo principal síntoma é un proído anal.[22] Normalmente permanece no intestino e non pasa ao sangue nin a outros órganos. Os produtos principalmente usados para o tratamento son Albendazole ou Mebendazole; outra alternativa é o Payrantel Pamoate.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]