Endometrio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Útero e trompas de Falopio co endometrio no centro.
Sección vertical do endometrio humano.

O endometrio é o tecido que reviste a parte interna do útero dos mamíferos. Nas mulleres sofre cambios durante o ciclo menstrual e despréndese e sangra durante a menstruación. No endometrio implántase o embrión.

Funcións[editar | editar a fonte]

O endometrio é a capa máis interna, glandular, da parede do útero e funciona como o revestimento interno uterino que impide a adhesión entre as paredes opostas do miometrio, mantendo aberta a cavidade uterina. Durante o ciclo menstrual ou o ciclo estral, o endometrio crece engrosándose e formando un tecido glandular con moitos vasos sanguíneos. Isto crea un ambiente óptimo para a implantación do blastocisto (fases iniciais do embrión) que chega ao útero. O endometrio ten un grosor medio de 6,7 mm e é detectable con aparellos de ultrasóns.

Durante o embarazo, as glándulas e vasos sanguíneos do endometrio aumentan en tamaño e número. Os espazos vasculares fusiónanse e interconéctanse, formando a placenta, que fornecerá osíxeno e nutrientes ao embrión e feto.

Ciclo[editar | editar a fonte]

O endometrio descámase e rexenérase ciclicamente. Nos humanos e nos grandes simios existe un ciclo menstrual, e noutros mamíferos un ciclo estral. En ambos os casos, o endometrio prolifera inicialmente baixo a influencia dos estróxenos. Porén, unha vez que ten lugar a ovulación, ademais dos estróxenos, o ovario empeza a producir proxesterona. Isto cambia o patrón proliferativo do endometrio transformándoo nun tecido secretor. Finalmente, o endometrio secretror proporciona un ambiente axeitado para a implantación do blastocisto. Se o blastocisto se implanta, entón o endometrio permanece como decidua. A decidua pasa a formar parte da placenta, á que proporciona soporte e protección para a xestación.

Se a estimulación do endometrio é inadecuada debido á falta de hormonas, o endometrio permanece fino e inactivo. Nas mulleres isto ten como resultado a amenorrea. Despois da menopausa, o endometrio é a miúdo descrito como atrófico. Polo contrario, cando o endometrio esta cronicamente exposto aos estróxenos, pero non á proxesterona, pode facerse hiperplásico. O uso por longos períodos de contraceptivos orais con proxesterona potente pode inducir a atrofia do endometrio. [1][2]

Nas mulleres o ciclo de descamamento menstrual e reconstrución do endometrio dura como media uns 28 días. O endometrio desenvólvese en diferentes graos nos distintos mamíferos. A súa formación vese ás veces afectada polas estacións, climas, estrés e outros factores. O endometrio produce certas prostaglandinas en diferentes puntos do ciclo (e relaxina na decidua), que afectan a outras partes do aparato reprodutor feminino.

Histoloxía[editar | editar a fonte]

Micrografía a gran aumento do endometrio decidualizado debido á proxesterona exóxena (procedente das pilulas anticonceptivas) tinguido con hematoxilina-eosina.
Micrografía a poucos aumentos do endometrio decidualizado tinguido con hematoxilina-eosina.
Vasos sanguíneos da parede uterina. No endometrio as arterias teñen unha disposición en espiral.
Adenocarcinoma endometrioide tinguido con hematoxilina-eosina.

O endometrio consiste nunha capa simple de epitelio columnar que descansa sobre un estroma, que é unha capa de tecido conectivo que varía en grosor segundo a influencia hormonal. Hai glándulas uterinas tubulares simpes que van da base do estroma á superficie. O estroma está tamén moi vascularizado con arterias espirais. Nunha muller en idade reprodutiva, poden distinguirse dúas capas no endometrio, que son:[3]

  • A capa funcional, que é a máis externa e limita coa cavidade uterina. Esta capa fórmase despois do final da menstruación durante a primeira parte do ciclo menstrual. A proliferación é inducida polos estróxenos (na fase folicular do ciclo menstrual), e as transformacións finais nesta capa son inducidas pola proxesterona do corpo lúteo (na fase lútea). Está adaptada a proporcionar un ambiente óptimo para a implantación e crecemento do embrión. Esta é a capa que se desprende completamente durante a menstruación.
  • A capa basal, que está debaixo da anterior e limita co miometrio, e que non se desprende durante a menstruación, e a partir da que se rexenera a capa funcional.

En ausencia de proxesterona, as arterias que subministran sangue á capa funcional sofren constrición, polo que as células que irrigaban quedan en isquemia e morren, o que produce a menstruación[4].

É posible identificar a fase do ciclo menstrual observando as diferenzas histolóxicas que experimenta o endometrio. As principais son:

Fase Días Grosor Epitelio
fase menstrual 1-4 delgado ausente
fase folicular ou proliferativa 4-14 intermedio columnar
fase secrertora 15-28 groso columnar. Tamén son visibles as ramas helicoidais das arterias uterinas

O tecido coriónico procedente do corion placentario pode dar lugar a marcados cambios no endometrio, coñecidos como reacción de Arias-Stella, que teñen unha aparencia similar ao cáncer. [5]

Patoloxía[editar | editar a fonte]

A adenomiose é o crecemento do endometrio na capa muscular do útero, o miometrio.

A endometriose é o crecemento do tecido endometrial fóra do útero.

O cáncer endometrial é o cáncer máis común do tracto xenital feminino.

A síndrome de Asherman, tamén chamada adherencias intrauterinas ocorre cando a capa basal do endometrio sofre danos con instrumental médico (por exemplo, na dilatación e legrado ou curetaxe) ou infección (por exemplo, tuberculose endometrial) orixinando unha esclerose endometrial e formación de adherencias que entupen parcialmente ou completamente a cavidade uterina.

A condición denominada endometrio delgado pode ser definida como un adelgazamento endometrial ata un grosor de menos de 8 mm. Aparece xeralmente despois da menopausa. Entre os tratamentos que poden mellorar o grosor endometrial están o uso de vitamina E, L-arxinina e sildenafilo citrato (Viagra).[6]

Pode utilizarse o perfil da expresión xénica usando a técnica do ADNc microarray para a diagnose dos trastornos endometriais.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Effects of hormone therapy on the endometrium, http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/8426860
  2. William's Gynecology, McGraw 2008, Chapter 8, Abnormal Uterine Bleeding
  3. Blue Histology - Female Reproductive System. School of Anatomy and Human Biology - The University of Western Australia http://www.lab.anhb.uwa.edu.au/mb140/CorePages/FemaleRepro/FemaleRepro.htm Accessed 20061228 20:35
  4. Universités de Fribourg, Lausanne et Berne (Suisse). Role and functional anatomy of the endometrium. (en inglés) Último acceso 25 de febreiro de 2012.
  5. Arias-Stella, J. (Jan 2002). "The Arias-Stella reaction: facts and fancies four decades after.". Adv Anat Pathol 9 (1): 12–23. PMID 11756756.
  6. Takasaki A, Tamura H, Miwa I, Taketani T, Shimamura K, Sugino N (April 2010). "Endometrial growth and uterine blood flow: a pilot study for improving endometrial thickness in the patients with a thin endometrium". Fertil. Steril. 93 (6): 1851–8. DOI:10.1016/j.fertnstert.2008.12.062. PMID 19200982.
  7. Tseng, L.; Chen, I.; Chen, M.; Yan, H.; Wang, C.; Lee, C. (2010). "Genome-based expression profiling as a single standardized microarray platform for the diagnosis of endometrial disorder: an array of 126-gene model". Fertility and sterility 94 (1): 114–119. doi:10.1016/j.fertnstert.2009.01.130. PMID 19328470.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]