Xeografía de Europa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe de satélite de Europa.

Europa é un continente do planeta Terra, situado no Hemisferio Norte. Está unido a Asia, configurando unha enorme península dentro de Eurasia. Porén, adoita ser considerado un continente de seu non só polos elementos físicos, senón tamén por factores históricos e humanos.

É o segundo continente máis pequeno tras Oceanía, cunha extensión de 10.530.751 km², o 7 % das terras emerxidas. A súa distancia máxima de norte a sur é de 4.300 km, e de leste a oeste de 5.600 km. Sitúase no Hemisferio Norte. Limita ao norte co océano Ártico, ao sur co mar Mediterráneo e ao oeste co océano Atlántico, o que lle dá un marcado carácter oceánico que configura o seu clima. Conta con case 38.000 km de costas, tendo numerosas illas (8 % da superficie) e penínsulas (27 %). Cara ao leste o límite é continental, aceptándose a súa delimitación nos montes Urais cara ao mar de Mármara.

Europa como concepto xeográfico[editar | editar a fonte]

Grecia, berce da civilización europea.

O concepto xeográfico de Europa tivo moitos diversos significados ao longo da historia, sendo debatidas as súas fronteiras físicas e o seu concepto político e cultural. A área estivo dividida e disputada durante 2500 anos, pero a pesar das diferenzas intentouse establecer obxectivos precisos para a entidade co propósito de acadar certa homoxeneidade dentro da diversidade do continente.

Coa expansión do Imperio romano naceu a idea de civilización romana que unía Europa; máis tarde o cristianismo tomou grande importancia como elemento formativo da conciencia europea. Xa noséculo XVI o renacemento proporcionou o optimismo necesario para a formación dun modelo moderno de Europa a escala mundial.

A primeira referencia ao topónimo Europa dáa Heródoto, que no século V a.C. fai unha división do mundo coñecido en tres partes: «Asia», «Libia» e «Europa». Esta primeira referencia é xa unha visión eurocéntrica do mundo, ao ser dada desde o propio continente.

Os avances da historia da cartografía permiten delimitar mellor as fronteiras cara aos séculos XVIII e XIX. Nesa época, en que a xeografía comezou a darse como disciplina científica, Europa era xa ben coñecida e consolidada, pero iniciouse un proceso de europeización, asociando a idea de Europa co progreso.

Historia xeolóxica[editar | editar a fonte]

Foto de satélite dos Alpes, formados no cenozoico ou terciario.

No precámbrico ou era arcaica (4500 – 570 m.a.) apareceron os primeiros núcleos emerxidos. Os materiais máis representativos eran rochas cristalinas formadas esencialmente por rochas ígneas e metamórficas.

No paleozoico ou era primaria (570 - 230/215 m.a.) houbo dúas fases de oroxénese: a caledoniana e a herciniana ou varisca. Os tipos de rocha son graníticas e gneis, amais de cuarcitas e, en menor proporción, areíscas e calcarias. Son os materiais do zócolo antigo.

O mesozoico ou era secundaria (230/215 - 70/60 m.a.) foi unha era de calma tectónica, con grande acumulación de sedimentos, tanto nas depresións de relevos de oroxénese como consecuencia da súa erosión, como nas foxas oceánicas. Estes sedimentos transformaranse noutro tipo de rocha, polo que as máis importantes son as calcarias (consecuencia dos sedimentos mariños) e as margas, arxilas e areíscas (consecuencia da erosión das existentes).

No cenozoico ou terciario (70/60 – 3 m.a.) ten lugar a oroxénese alpina, responsable da última configuración das cordilleiras actuais. Esta tectónica alpina posibilitou a existencia de relevos novos como resultado do pregamento dos materiais depositados no mesozoico. A súa forza de oroxénese chega tamén a influír nos materiais pregados e a transformar as oroxéneses anteriores.

No cuaternario (3 m.a. - actualidade) teñen lugar as glaciacións, instálase a rede fluvial e hai pequenos movementos tectónicos.

Relevo[editar | editar a fonte]

Topografía de Europa.

Europa é o continente máis plano, e conta cunha altura media de 230 metros. A máxima expresión destas planicies é a gran chaira do Norte, que se estende 2.000 km desde as costas atlánticas francesas até os montes Urais, abríndose cara ao leste. Os puntos máis altos son o monte Elbrus (5.642 m) e o monte Shkhara (5.204 m, os dous no Cáucaso) e o Mont Blanc (4.807 m, nos Alpes).

Entre os golfos de Europa destacan o Golfo de Biscaia e o Golfo de Botnia. Os estreitos máis importantes son o paso de Calais, o Estreito de Xibraltar, o paso de Dardanelos, o Bósforo, o estreito de Messina ou o estreito de Oresund.

As penínsulas principais son a Escandinava, Ibérica, Itálica e a Balcánica, amais das de Kola (Rusia), Xutlandia (Dinamarca), Bretaña (Francia) e Crimea (Ucraína).

As principais illas son Gran Bretaña, Islandia, Irlanda, Sicilia, Sardeña, Córsega, Creta, Selandia, Eubea, Mallorca e Fionia.

Clima[editar | editar a fonte]

Rexións bioxeográficas de Europa.

O continente europeo é unha zona temperada na súa maior parte, situándose aproximadamente entre os 35º e os 85º do hemisferio norte. O seu clima non só varía de norte a sur, senón tamén de oeste a leste por mor das correntes de aire polar mariño e polar continental, e en menor medida por mor das correntes de aire tropical mariño e tropical continental.

Distínguense os seguintes climas:

  • Clima mediterráneo: entre os 30º e os 45º de latitude. Destaca a aridez producida en verán provocada polo subtropical, e a humidade do inverno debida á fronte polar.
  • Clima oceánico: dáse cara ao oeste, ás beiras do océano Atlántico desde Noruega até a costa norte de Portugal. Hai humidade constante e temperaturas moderadas sen grandes oscilacións. Cara ao interior do continente vaise convertendo en clima continental.
  • Clima continental: caracterízase polo contraste entre as precipitacións, con frío seco no inverno e altas temperaturas en verán que provocan unha forte evaporación da auga e o seu regreso en forma de chaparradas.
  • Clima de tundra: dáse entre os 60 e os 80 graos de latitude, en Rusia e ao norte de Escandinavia. Caracterízase por escasas precipitacións (arredor de 250 mm de media) e un frío constante, con máximas de 10 °C durante todo o ano.
  • Clima de montaña: a temperatura redúcese entre 0,5 e 1 °C por cada 100 metros de altura, o que aumenta a humidade relativa do aire e provoca precipitacións, frecuentemente en forma de neve.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Principais ríos e cuncas fluviais de Europa.
Xeografía europea desde Fisterra até os montes Urais.

Malia ser unha área pequena, o seu relevo pouco elevado crea ríos de grandes lonxitude, destacando especialmente o Rin, Danubio, Volga e o Don e mais os ríos da chaira rusa. Cara ao occidente destacan o río Douro, Texo, Ebro, Támese, Loira e Garona. Cara ao centro destacan, amais dos xa mencionados Rin e Danubio, o Vístula e o Sena.

Europa está rodeada por auga de diferentes formas:

Océanos e mares: o océano Atlántico ten maior volume, e as súas constantes ondas e mareas moldean as costas do noroeste do continente. Arredor de Europa están os mares de Noruega, Branco, de Barents, Báltico, de Irlanda, do Norte, a Canle da Mancha, o Cantábrico e o Mediterráneo. A súa, vez, este inclúe mares menores como o Tirreno, o Adriático, o Xónico e o Exeo. Tamén destacan o mar Caspio e o mar Negro, sen contacto cos océanos. Algúns mares europeos están comunicados entre si por estreitos, como o de Xibraltar, o de Dardanelos (que une o mar de Mármara co Negro) ou o de Kerch (que une o mar Negro co Azov).

Réximes hídricos: foron determinados a partir das condicións da posición lonxitudinal de Europa, das diversas formas do relevo e das variacións nas condicións climáticas e xeolóxicas do continente. Hai tres variedades:

Os que desembocan no mar Mediterráneo están condicionados polo estreito das súas cuncas e a súa curta lonxitude. Nacen en terreos altos con fortes pendentes, sendo moi caudalosos polas condicións abruptas do relevo e as condicións fortes do clima en inverno. Arrastran grandes cantidades de sedimentos e son pouco navegables. Entre eles están o Ebro, Po, Ródano, Maritza ou o Tíber.

Os que desaugan no océano Atlántico teñen cuncas moi extensas e grandes lonxitudes debido a que flúen por terreos planos. Orixinan estuarios nas súas desembocaduras, o que facilita a construción de portos e a súa navegabilidade. Amais dos ríos galegos e doutros xa mencionados anteriormente, outros exemplos son o Moza, Oder, Sena, Fornea, Weser, Guadalquivir, Umea ou o Glomma.

Os da Planicie Oriental atravesan grandes planicies da Europa Oriental, xeralmente xa en Rusia. Presentan percorridos largos e caudais variables. Adoitan conxelarse no inverno e ser navegables en verán. Pertencen a este réxime os ríos Volga, Danubio, Ural, Dniéper, Don, Dniester, Pechora ou o Nieven.

Lagos de Europa: ocupan unha extensión de 77.000 km². A maioría foron formados na época das glaciacións e o tectonismo. Segundo a súa localización, poden agruparse do seguinte xeito::

Os lagos setentrionais teñen orixe glacial, formados polo retroceso e a sobreescavación das linguas glaciais. Destacan os lagos de Finlandia e os de Rusia, como o Ladoga, Onega, Saimaa ou o Peipus.

Os lagos alpinos son de orixe glacial e tectónica. Sitúanse ao longo da cadea alpina, destacando os lagos suízos, o Balatrón (Hungría) e o Maior e o lago de Garda (Italia).

Os lagos mediterráneos son de menor tamaño pero moi profundos. Destaca o lago formado pola Albufera de Valencia e o mar Menor, os lagos do Rosellón e os deltas dos ríos Ródano, Po e Danubio, que nas súas desembocaduras forman corpos de auga pechados e interconectados co mar.

Vexetación[editar | editar a fonte]

A maior zona de vexetación de Europa, que divide a metade do continente desde o Atlántico até os Montes Urais, é un cinto de árbores de folla caduca e coníferas: carballos, pradairos e olmos mesturados con piñeiros e abetos. As rexións árticas da Europa setentrional e as vertentes superiores das súas montañas caracterízanse por unha vexetación de tundra, constituída fundamentalmente por liques, arbustos e flores salvaxes.

Boa parte do centro de Europa padece choiva ácida po mor do alto grao de industrialización da zona. En 2005 entrou en vigor a norma europea para limitar a contaminación atmosférica: as cidades de máis de 250.000 habitantes da Unión Europea non deben superar os 50 microgramos (0,05 mg) de partículas por metro cúbico de aire ambiental, que debe ser o límite máximo para 35 días ao ano, e o valor medio anual non debe superar os 40 microgramos.

A contaminación marítima tamén é un problema, xerada polo turismo, a vertedura de substancias contaminantes ao mar, como metais pesados (cromo, chumbo...), pesticidas, augas fecais, fertilizantes a base de nitratos e fosfatos que favorecen a proliferación de algas ou accidentes de petroleiros. Calcúlase que os barcos pesqueiros tiran ao mar anualmente preto de 150.000 toneladas de sedela, redes de plástico e outros residuos, que ao non ser facilmente degradables, danan a fauna mariña que se enreda neles ou intenta comelos.

O mar Adriático, como consecuencia das verteduras procedentes da conca do río Po, ten un nivel de fosfatos dez veces superior á media. O mar Mediterráneo o do Norte e o Báltico tamén presentan altos graos de contaminación.

Demografía[editar | editar a fonte]

Mapa demográfico de Europa.

En 2009 Europa tiña 731.000.000 habitantes (497.198.740 pertencentes á Unión Europea), un 12 % da poboación do planeta. Con todo, posúe unha demografía que perde peso, cun crecemento natural escaso ou mesmo negativo.

Posúe un elevado grao de urbanización, consolidado trala Idade Moderna, cunha poboación urbana de entre o 75 e o 85 %, destacando en países como Alemaña, Dinamarca ou o Reino Unido. Ten un débil dinamismo natural, xa que a mortalidade (12 %) supera a natalidade (11 %). A taxa de fecundidade, do 1,5 %, é das máis baixas do mundo.

Con todo, o actual crecemento da poboación está protagonizado por unha crecente presión da inmigración, con vagas de diferente procedencia. Esta chegada de man de obra procedente de países en vías de desenvolvemento ou subdesenvolvidos viuse freada coa crise económica de 2008-2010.

Existe unha alta esperanza de vida, de entre 75 e 80 anos en Europa Occidental e de 60 -65 en Europa Oriental. Como consecuencia desta alta esperanza de vida e do crecemento negativo, hai un envellecemento demográfico, superando os 65 anos o 16 % da poboación.

Evolución dos movementos migratorios[editar | editar a fonte]

Rúa de Londres en 1837, época na que se reduciu considerablemente a mortalidade, a consecuencia do cal houbo superpoboación en Gran Bretaña.

Durante a era moderna e parte da contemporánea os fluxos migratorios de Europa enfocábanse cara a América e en menor medida cara a Oceanía, en forma de emigrantes na procura dunha vida mellor, pois en zonas como Gran Bretaña existía unha superpoboación importante, aliviada coa emigración das clases máis pobres cara ao exterior. Isto cambiou entrado xa o século XX, ao tempo que o saldo natural sufriu unha clara inversión, de forma que Europa pasou a ser un destino que non pararía de absorber poboación.

Desde o punto de vista evolutivo, a poboación estúdase a partir do modelo de transición demográfico. Neste sentido, os territorios europeos son os lugares onde comezan a darse os procesos de modernización e que serve para concretar os modelos de transición tan importantes. Este modelo, extrapolado ao resto do mundo, ten as seguintes características:

  • A partir do século XVIII redúcese considerablemente a mortalidade ordinaria.
  • Cara a 1850 comeza a minguar a taxa de fecundidade.
  • Desde o primeiro cuarto do século XIX diminúe o crecemento de forma máis drástica, comezando o progresivo envellecemento da poboación.

Tamén existen diferenzas rexionais en tres áreas europeas:

Distribución da poboación[editar | editar a fonte]

Estúdase mediante a densidade de poboación, que indica o número de habitantes nunha cantidade de espazo. Existen contrastes entre o eixe que atravesa Europa de noroeste a sueste (de Gran Bretaña á Península Itálica, coa densidade máis alta) e cara ao oeste e o leste deste eixe. Por outra banda, cómpre sinalar a reducida densidade na península Escandinava e na parte oriental das ex-repúblicas soviéticas.

Dinámica xeográfica[editar | editar a fonte]

Familia polaca. Nos países de Europa do leste a natalidade é maior ca en Europa occidental.

Estuda o comportamento da poboación en canto ao seu crecemento ou decrecemento, podendo ser natural ou migratoria. Para a dinámica actual de Europa tómase as taxas de natalidade e mortalidade, que están en niveis moi próximos, estancados e mesmo en declive nalgunhas zonas. Cada ano morren entre 7,5 e 8 millóns de persoas en Europa.

Sumando a migración, este decrecemento invértese, cumpríndose mellor a regra a maior peso demográfico, sendo exemplos Rusia, Alemaña, Francia, o Reino Unido, Italia ou Ucraína. Pola contra, os estados con maior natalidade son Albania, Islandia, Chipre e Macedonia do Norte.

En función dos saldos migratorios existe un saldo positivo iniciado na década de 1980 como consecuencia dos fluxos de retornados e con novas correntes migratorias que rompen a dinámica migratoria tradicional, procedentes do Magreb, África Subsahariana e Oriente Próximo. A partir da década de 1990 chegan vagas procedentes de Latinoamérica cara a España, Italia, Alemaña e Francia, amais de migracións do leste de Europa.

Como consecuencia, hai unha estrutura da poboación condicionada pola baixada da fecundidade o o crecemento da esperanza de vida, confluíndo nun envellecemento demográfico cada vez máis significativo que posibilita unha inversión na estrutura demográfica por idades. Isto indica se unha poboación é nova, madura ou anciá. A estrutura da poboación europea é envellecida ou tendente ao envellecemento, existindo cinco modelos de estrutura:

  • Poboación con estrutura moi nova: teñen máis do 25 % de poboación nova e menos do 10% anciá. Isto correspóndese cos países do sur e leste, destacando Albania, Macedonia e Moldavia.
  • Poboación con estrutura nova: rexións cunha poboación nova superior á media europea (19-20 %) e unha poboación anciá inferior á media europea (14-15%). Destacan países como Rusia, Polonia, as Repúblicas Bálticas, Irlanda e Islandia.
  • Tendentes á madurez: a poboación nova está entre o 18 e 20 %. Recoñécense dúas rexións diferenciadas: a dos países occidentais nos que teñen importancia os procesos de inmigración, e a dos países do centro e leste de Europa nos que comeza a ter lugar a redución de taxas de fecundidade. Destacan países como Francia, Finlandia ou Hungría.
  • Países maduros: a caída da natalidade dá lugar a un déficit de poboación nova. Destacan países como Alemaña, Bélxica, España, Italia ou Grecia.
  • Maduros con predomino de inmigración: teñen unha poboación adulta e unha forte inmigración que chega a alternar as estruturas pasadas do país. Dáse en países pequenos como Andorra, San Marino ou Liechtenstein.

Estrutura demográfica por actividades[editar | editar a fonte]

Plantación en Alemaña. Nos países europeos máis industrializados a agricultura converteuse nun sector moi minoritario.

Polo xeral en Europa está a vivirse un proceso xeral de terciarización das economías, pero distínguense cinco modelos:

  • Países con predominio de actividades terciarias: a poboación do sector terciario supera o 65 % e a poboación activa do sector primario é menor do 5 %. Dáse no Reino Unido, Francia e Dinamarca.
  • Países con tendencia á terciarización: porcentaxes de ocupación en torno ao 65 % no sector terciario e cara ao 10 % no primario. Dáse en España e Austria.
  • Países co sector terciario pouco desenvolvido: 50 % ou menos no sector terciario, e un sector primario importante, entre o 10 e o 20 %. Dáse nas Repúblicas Bálticas, Belarús, Grecia e Portugal.
  • Países con moita ocupación no sector secundario: un 33 % da poboación ocupada no sector secundario. Dáse en países da Europa Central e do leste. Este modelo ten a súa orixe no comunismo, destacando Rusia, República Checa, Eslovaquia e a zona balcánica.
  • Países con elevada proporción no sector primario: 20 % da poboación ocupada no sector primario, e porcentaxes elevadas de industria. Dáse en países de Europa do Leste como Bulgaria, Romanía ou Moldavia.

Albania, cunha ocupación superior ao 50 % en produción agrícola, non encaixa en ningún dos modelos anteriores.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]