Raíz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Árbore arrincada polo furacán Gordon en Bastavales, Brión.

A raíz é un órgano das plantas, carente de follas, que serve para fixar a planta ó chan, de onde absorbe as materias nutritivas para o seu crecemento. Amais de absorber auga e sales minerais, ten outras dúas funcións: fixar firmemente a planta ao solo e almacenar substancias de reservas.

É común pensar que ás árbores, en especial as grandes, teñen unhas raíces moi profundas; mais é falso. As raíces teñen un crecemento en dirección inversa ás das pólas. Se estas medran en vertical, as raíces fano en horizontal. As raíces dunha árbore de sesenta metros non profundan na terra máis de tres metros; en cambio, esténdense horizontalmente por un terreo semellante a un campo de fútbol.

A pesar de estaren normalmente as raíces soterradas, estas necesitan osíxeno (o que hai na terra) para sobrevivir. De aí que sexa moi pouco frecuente que haxa árbores que poidan vivir en terreos anegados (os mangles tropicais), pois a auga impide a presenza de osíxeno no solo. As árbores que son quen de medrar en terreos pantanosos teñen dous tipos de raíces:

  • Unhas que descenden en arco desde o tronco e ancoran a árbore na lama.
  • Outras, denominadas pneumatophoros ou raíces respiratorias, expostas ó aire para captar osíxeno.

No outono, nas zonas temperadas do planeta, dáse a caída da folla e, tamén, a morte de tódolos pelos das raíces.

Estrutura interna[editar | editar a fonte]

A estrutura interna da raíz dunha planta está formada por varias capas concéntricas.

  • A epiderme é a capa que cobre a superficie das raíces novas, absorbe a auga e os sales minerais do solo e protexe os tecidos internos.
  • O córtex ocupa a meirande parte da raíz e está formado por:
    • O parénquima cortical contén células parenquimáticas con moitos espazos intercelulares entre elas que permiten a circulación de gases.
    • O endoderma é a capa mái interna do parénquima cortical, formada por un único estrato de células sen espazos intercelulares entre elas. As súas células presentan un engrosamento de suberina, imperméabel á auga, nas súas paredes radial e transversal, denominada banda de Caspary. A existencia desta banda condiciona o paso da auga e dos sales disolvidos, que para atresar as células endodérmicas débeno facer a través da membrana plasmática[1].
  • O periciclo atópase por dentro do endoderma, é unha capa única de células que dá orixe ás raíces laterais.
  • O cilindro vascular está formado polos tecidos condutores: o floema e o xilema. O primeiro deles está constituído polos vasos liberianos, mentres que o segundo o compoñen os vasos leñosos.

Tipos de raíces[editar | editar a fonte]

  • Tuberosas
  • Napiformes
  • Aéreas
  • Raíces zancos
  • Espiñentas
  • Respiratorias
  • Escaladoras

Notas[editar | editar a fonte]

  1. J. E., Malamy (28 de xaneiro de 2005). "Intrinsic and environmental response pathways that regulate root system architecture". Plant Cell Environ (28): 67–77. PMID 16021787. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre botánica é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.