Millo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Maínzo")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Millo
Mazarocas de millo
Mazarocas de millo
Clasificación científica
Reino: Plantae
Clase: Liliopsida
Subclase: Commelinidae
Orde: Poales
Familia: Poaceae
Subfamilia: Panicoideae
Tribo: Andropogoneae
Subtribo: Tripsacinae
Xénero: Zea
Nome binomial
Zea mays
L., Sp. Pl., 2: 971, 1753 [1]
Subespecies
Millo "amorodo", orixinal de Norteamérica.
Millo "Oaxacan Green" orixinal de Norteamérica.
Millo "Ottofile giallo Tortonese"

O millo ou maínzo[1] (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara abaixo. As mazarocas están cubertas por filas de grans.

A especie forma parte do xénero Zea, que non ten conxéneres achegados. As flores masculinas e femininas aparecen en inflorescencias separadas pero dentro do mesmo pé. Esta característica permite a obtención do millo híbrido, hoxe en día tan estendido. É tal a variabilidade do gran verbo da forma e cor, na mazaroca ou na mesma planta, que aínda non se acadou a clasificación científica de tódalas súas variedades. Ademais da híbrida, as variedades máis importantes son "dente marelo", "Krug" e "dentalla marela de Reid" [Cómpre referencia].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo millo procede do latín vulgar millium, -ii, probabelmente influenciado por mil, debido á cantidade de grans que tiña a espiga, inda que este nun principio era o nome do paínzo.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Produción mundial de millo en 2001; fai un clic para ampliar

Todo parece indicar que o cultivo do millo comezou onde hoxe se localizan México e América Central hai millares de anos. O seu nome, de orixe indíxena caribeña, significa “sustento da vida”. Alimentación básica de varias civilizacións importantes ao longo dos séculos, os Maias, Aztecas e Incas reverenciaban o cereal na arte e relixión. Gran parte de súas actividades diarias estaban ligadas ao seu cultivo.

O millo era plantado por indios americanos nos montes, usando un sistema complexo que variaba a especie plantada de acordo co seu uso. Ese método foi substituído por plantacións dunha única especie.

Coas grandes navegacións do século XVI e o inicio do proceso de colonización de América, o cultivo do millo expandiuse cara outras partes do mundo. Foi traída a Europa por Cristóbal Colón en 1492 e a primeira referencia do seu cultivo en Galiza data de 1610, na zona do Barbanza. O novo millo veu substituír ao antigo, que hoxe recibe o nome de millo miúdo ou paínzo, e que se viña cultivando e secando en hórreos e celeiros en Europa dende a antigüidade.

O seu cultivo é fundamental na zona setentrional dos Balcáns, no sur de Rusia e en Suráfrica. En España é o cultivo típico da zona húmida e en América os maiores focos sitúanse en Estados Unidos (no chamado Corn belt, o cinto do millo) e Arxentina. Hoxe é cultivado e consumido en todos os continentes e a súa produción é maior que a de trigo e a do arroz: segundo datos da FAO-OMS, a produción mundial en 2012 foi de 873 millóns de toneladas de millo, 671 millóns de trigo e 738 de arroz.

O cultivo de millo na forma ancestral continúa a practicarse en América do Sur, especialmente en rexións pouco desenvolvidas, no sistema coñecido no Brasil como de rozas.

Grans[editar | editar a fonte]

Debuxo da planta

O gran componse de embrión ou xermolo (onde se concentra a graxa) e endospermo con amidón (órgano de reserva que forma o corpo da semente). Xunta cada gran de amidón esténdese unha rede de proteínas, substancia que tamén aparece na capa de aleurona que rodea a superficie do endospermo. Este gran pode moerse separando primeiro a cuberta (o xermolo do endospermo) ou enteiro, como no trigo. A súa fariña constitúe unha das principais fontes de amidón e o xermolo fornece aceite. Ademais o millo serve coma un extraordinario instrumento de investigación xenética.

Cultivo[editar | editar a fonte]

A sementeira faise en sucos ou foxiños con 3-4 grans e o seu período vexetativo oscila entre 4 e 5 meses. Durante o mesmo non precisa de excesivos coidados, aínda que algo si no comezo. Despois da fecundación procédese á poda.

A planta medra en medios tan diferentes que se podería dicir que non existe ningunha enfermidade de carácter universal para ela. As máis comúns son o tizón (Ustilago maydis), que pode producir formacións tumorosas en calquera parte da planta, e a podremia de raíz, talo e mazaroca, que agosta as partes mencionadas. Para combatelas aconséllase o emprego de variedades resistentes. Canto ás pragas, destaca o barreno (Diatraea saccharalis), combatido eliminando os individuos hibernantes.

Até avanzado o século XX, os labregos galegos distinguían entre o millo do monte e o millo da leira. Tratándose da mesma especie, aquel sementábase en claros abertos nos bosques mediante lumes e pagábase o dobre que estoutro [Cómpre referencia].

Procesado[editar | editar a fonte]

Cultívase moito nas zonas costeiras, onde se sementa nos meses de abril e maio, e colléitase entre setembro e outubro. Posteriormente esfóllase e gárdase no hórreo ou en sitio seco, para dedicalo ó consumo animal ou humano. En Galiza adóitase facer pan con el (normalmente mesturándoo con centeo), filloas e empanadas.

A variedade botánica chamada popularmente millo pego ou millo corvo foi fondamente estudada pola Misión Biolóxica de Galicia para a súa mellora xenética.

Hibridación[editar | editar a fonte]

As variedades híbridas conséguense fecundando artificialmente as variedades orixinais de polinización directa durante cinco xeracións seguidas. Con catro castas A, B, C e D, as dúas primeiras seméntanse en sucos alternos nun campo illado doutro coas dúas segundas. Dentro de cada leira procúrase escoller posteriormente como proxenitor masculino a casta que destaque pola abundancia de pole nas flores masculinas; a outra raza será o proxenitor feminino pola súa boa formación de gran. Tanto nunha coma noutra leira, as flores masculinas novas arríncanse da parte superior da casta feminina consonte queren florecer. Así, todo o pole que transporte o ar ata a ringleira feminina será orixinario da masculina e tódalas plantas da ringleira feminina darán semente híbrida, AB nunha leira e CD na outra parcela.

No ano seguinte, estes millos híbridos seméntanse xuntos en aliñamentos alternativos e a maior escala. Repítese a operación de separar as flores masculinas dunha delas e a semente resultante será híbrida das catro liñas. As variedades híbridas así conseguidas non se reproducirán a si mesmas [Cómpre referencia], polo que hai que facerse con sementes tódolos anos.

Usos[editar | editar a fonte]

Tamales mexicanos

O millo utilízase basicamente na alimentación, sexa en forma directa (consumo humano directo), ou indirecta (na alimentación de animais).

No mapa inferior móstrase a taxa de consumo de millo per cápita a nivel mundial; como se ve no mapa México, Guatemala, El Salvador, e os países do Sur de África, encabezan a lista dos principais consumidores de millo.[3]

Taxa de consumo de millo per cápita: ██ máis de 100 kg/ano ██ de 50 a 99 kg/ano ██ de 19 a 49 kg/ano ██ de 6 a 18 kg/ano ██ 5 ou menos kg/ano

Uso na alimentación humana directa[editar | editar a fonte]

Nos Estados Unidos, o uso do millo na alimentación humana directa é relativamente pequeno -aínda que haxa gran produción de cereais para o almorzo (flocos de cereais ou corn flakes) e xarope de millo, utilizado como adozante. En México o seu uso é moi importante, sendo a base da alimentación da poboación (é o ingrediente principal das tortitas, e outros pratos da gastronomía mexicana).

Véxase tamén artigo millo doce.

Usos alternativos[editar | editar a fonte]

O principal uso do millo nos Estados Unidos e Canadá é como ingrediente da alimentación dos animais. En Brasil a situación é parecida: o 65% do millo é utilizado na alimentación animal, e 11% é consumido pola industria, para diversos fins.

O seu uso industrial non se restrinxe á industria alimentaria. É amplamente utilizado na produción de elementos espesantes e colantes (para diversos fins) e na produción de aceites e de etanol. O etanol é utilizado como aditivo na gasolina, para aumentar a octanaxe.

Algunhas formas da planta son ocasionalmente cultivadas en xardinaría. Para este propósito, úsanse especies con follas de cores e formas variadas, así como especies con espigas de cores vivas.

Investigacións xenéticas[editar | editar a fonte]

O millo é a especie vexetal máis utilizada para investigacións xenéticas. En 1940, Barbara McClintock gañou o Premio Nobel de Medicina polo seu descubrimento de transposóns, mentres estudaba o millo.

A produción de millo é unha das máis difundidas entre as de alimentos transxénicos, en parte porque o seu consumo é basicamente para pensos animais, onde a resistencia do consumidor é menor.

Algunhas variedades exóticas de millo son cultivadas soamente para adicionar diversidade xenética durante procesos de selección de novas sementes para uso doméstico -inclusive millo transxénico-.

Variedades especiais[editar | editar a fonte]

Millo branco[editar | editar a fonte]

Unha das variedades máis difundidas é o millo branco. Ten como principais finalidades a produción de grans e forraxe.

A planta ten unha altura aproximada de 2,20 metros, e a espiga nace a 1,10 metros do solo. A espiga é grande, cilíndrica e presenta alta compensación. Os grans son brancos, profundos, pesados e de textura media. A raíz ten boa fixación.

A planta é especialmente resistente ás principais doenzas foliares do millo, en diferentes altitudes e épocas de plantación. Poden ser collidas até dúas colleitas de millo branco por ano.

Nos Estados Unidos, a produción de millo branco en 2004 correspondía ao 3% do total. Aínda que sexa minoritario, o millo branco gañou espazo no mercado nos últimos anos, e a área plantada ten reflectido o aumento na demanda. Un dos motivos é que o mercado recoñece que aínda non existen variedades transxénicas de millo branco, o que automaticamente aumenta o seu valor de mercado.

Millo transxénico[editar | editar a fonte]

A variedade transxénica máis coñecida [Cómpre referencia] é a desenvolvida por Monsanto, e coñecida como RR GA21 (tolerante ao herbicida glifosato). Esta variedade é utilizada extensivamente nos Estados Unidos.

Variedades de millo

Outras empresas que tamén realizan millo trasxénico son Syngenta e DuPont. En 1999, Novartis foi a primeira empresa en recibir autorización do goberno brasileiro para realizar probas no país co millo transxénico BT, resistente a insectos.

Segundo os produtores de sementes, o millo transxénico trae un aumento medio do 8% na produtividade. Nos EUA, máis de 70% do millo plantado é transxénico [Cómpre referencia]. A produción de variedades transxénicas en Arxentina e Brasil é crecente, aínda que non sempre a práctica do cultivo desas variedades sexa legal.

Hai tamén presenza de millo transxénico en Honduras, onde variedades transxénicas "contaminaron" as variedades locais. En México, o millo transxénico tamén se enfronta a unha seria oposición gobernamental: en 1998, foi prohibida a experimentación, o cultivo e a importación de millo transxénico.

O millo é un exemplo da manipulación de especies polo ser humano, sendo utilizado tanto polos defensores canto polos opositores dos transxénicos. O millo cultivado polos indios mal lembra o millo actual: as espigas eran pequenas e boa parte da produción perdíase por enfermidades e pragas. A través da mellora xenética, o millo atinxiu a súa forma actual.

Os defensores dos transxénicos utilizan este exemplo para dicir que a manipulación das características xenéticas de vexetais non é novidade, e que xa foi feita anteriormente, con moito menos control que actualmente. Os opositores dos transxénicos utilizan o mesmo exemplo para defender que hai alternativas á manipulación directa dos xens de especies vexetais, técnica á cal se opoñen.

Non sempre as remesas de millo importado dos Estados Unidos chegan aos países da América Latina cunha etiqueta que indique aos consumidores se é transxénico ou non [Cómpre referencia]. A pesar diso, investigacións mexicanas indican que a contaminación do millo nativo pode estar causada pola polinización accidental, o que talvez ocorrese tamén noutros países. Así ten acontecido mesmo en Europa, pois o pole do millo transxénico é transportado a grandes distancias polo vento.

En relatorio recentemente divulgado [cando?], notificouse que determinado tipo de millo transxénico (o MON 863) causou problemas en ratos (alteracións no sangue e riles) [Cómpre referencia].

Nomes vernáculos[editar | editar a fonte]

  • Catalán: blat d'indi, blat de moro, moresc, panís, millot, mainzo;
  • Español: maíz, boroña, danza, mijo, millo, panizo, zara, choclo, mazorca, jojoto;
  • Éuscaro: arto, mileka, panizu;
  • Francés: maïs, blé d'Inde, gaude;
  • Galego: millo, maínzo, milleiro, millo graúdo, millo americano;
  • Portugués: milho, milhão, milho de Turquía, milho-grosso, milho-maês, milhao;
  • Guaraní: Abatí;
  • Quechua: Sara;

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A planta tamén se pode denominar milleiro pero nunca os grans. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para millo.
  2. Portal das palabras. "Millo". Consultado o 16 de agosto de 2015. 
  3. According to 2000 CIMMYT World Maize Facts and Trends. (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Millo Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]