Farthing británico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Farthing británico
Ana (1702-1714) [1]
A/: Busto drapeado de Ana cara á esquerda.

Lendas: ANNA DEI GRATIA.

R/: Britannia sedente cara á esquerda. Tridente na man esquerda e póla de oliveira na dereita. Escudo coa Union Jack apoiado. Data no exergo.

Lendas: BRITANNIA / 1714

O farthing británico (palabra derivada do inglés antigo feorthing: "cuarta parte")[2][3] foi unha moeda británica que valía un cuarto de penique antigo (1/960 de libra esterlina).[4] Deixou de cuñarse a partir de 1956 e foi desmonetizada o 1 de xaneiro de 1961.

O farthing británico é unha continuación do farthing inglés, cuñado polos monarcas ingleses antes da Lei da Unión de 1707, que unificou as coroas de Inglaterra e Escocia no Reino de Gran Bretaña. Baixo o reinado da raíña Ana (1702-1714) só se cuñaron farthings como modelo, a modo de proba, xa que había un exceso de farthings ingleses en circulación correspondentes a reinados anteriores. A moeda cuñouse de xeito intermitente baixo os períodos de Xurxo I (1714-1727) e Xurxo II (1727-1760), pero no reinado de Xurxo III (1760-1820) as falsificacións chegaran a ser tan frecuentes que a Royal Mint deixou de cuñar moedas de cobre a partir de 1775. Os seguintes farthings foron os primeiros cuñados con prensas a vapor, en 1799, por Matthew Boulton na súa Ceca do Soho baixo licenza. Boulton cuñou máis farthings en 1806, e a Royal Mint retomou a produción en 1821. O cuarto de penique cuñouse con bastante regularidade baixo Xurxo IV (1820-1830) e Guillerme IV (1830-1837), nesta época co mesmo deseño que o penique e que o medio penique, aínda que cun tamaño inferior, tónica que se mantivo ata despois de 1936.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Farthing medieval inglés de prata (ca. 1200-1250).[5]

O farthing británico é unha continuación da serie do farthing medieval de prata iniciada no século XIII baixo o rei inglés Henrique III (1216-1272). No século XVI, a falta de moeda miúda motivaba que os particulares emitisen moedas privadas de metal común para facilitar o cambio nas relacións comerciais cotiás,[6][7] e en 1613, Xacobe I (1603-1625) concedeulle a John Harington, primeiro barón Harington de Exton, o monopolio para fabricar moedas reais de cobre co nome do rei.[8]

En 1672, Carlos II (1660-1685) autorizou esta ceca para producir as primeiras moedas de cobre,[9] en cuxos reversos aparecía por primeira vez a figura alegórica nacional da Britannia.[10][11]

Ana (1702-1714)[editar | editar a fonte]

A emisión de farthings non fora necesaria durante a maior parte do reinado da raíña Ana, por mor do excedente dos vellos farthings ingleses que continuaban en circulación. Así e todo, a partir de 1713 comezou a darse unha escaseza de moedas de cobre (o medio penique e o cuarto de penique), polo que a Royal Mint considerou a emisión de farthings en 1714, mais o falecemento da raíña ese mesmo ano frustrou o proxecto. Chegou a producirse unha curtísima tiraxe desta moeda con data de 1714, cun diámetro de entre 21 e 22 milímetros,[12] aínda que só a modo de proba. Estes espécimes contiñan aproximadamente o valor dun cuarto de penique de cobre, xa que o daquela mestre de ceca da Royal Mint, Isaac Newton, consideraba que as moedas debían conter o seu valor en metal. Algúns exemplares desta emisión en proba do farthings de 1714 a nome de Ana acabaron entrando en circulación.[13]

Este primeiro modelo do farthing amosa no anverso o busto da raíña cara á esquerda rodeado pola lenda ANNA DEI GRATIA, entanto que o reverso está caracterizado pola presenza dunha Britannia sedente, que sostén un tridente na man esquerda e unha póla de oliveira na man dereita elevada. Apoiado na base está un escudo coa bandeira do Reino Unido.[1] Habitualmente considérase que esta Britannia ten un gran parecido coa raíña Ana e, segundo o escritor numismático Kerry Rodgers: "foi neste momento cando a mestura da personificación feminina de Gran Bretaña coa imaxe da raíña reinante se afianzou firmemente".[14]

Newton era un firme defensor da boa calidade da cuñaxe, o que se ve reflectido nesta proba do farthing de Ana, que amosa diversos avances, como unha maior consistencia na cuñaxe, con respecto ao anterior do rei inglés Guillerme III (1689-1702).[15]

Xurxo I (1714-1727)[editar | editar a fonte]

Xurxo I (1714-1727) [16]
A/: Busto drapeado de Xurxo I cara á dereita.

Lendas: GEORGIVS REX.

R/: Similar ao anterior

Lendas: BRITANNIA / Data

A necesidade dunha moeda de cobre non diminuíu tras a chegada do rei Xurxo I, mais os medios peniques e os cuartos de penique cuñados a nome de Ana, fabricados con metal preparado na Royal Mint, non superaran as probas de pureza. Cumpriu, xa que logo, esperar ata 1717 para que Newton intentase cuñar novamente esas dúas moedas, nesta ocasión a partir de tiras de cobre adquiridas externamente a un contratista.[17] O prezo do metal subira, polo que os novos farthings tiveron que ser máis lixeiros de peso que os emitidos por Ana, entre 4,5 e 5,3 gramos. Os farthings cuñados en 1717 eran máis pequenos e grosos que os de 1714, cun diámetro de 20 a 21 milímetros. Os farthings de 1719 a 1724 son lixeiramente meirandes, con entre 22 e 23 milímetros, aínda que teñen o mesmo peso. As moedas cuñáronse en alto relevo, polo que a Royal Mint tivo problemas para transferir o deseño aos discos na cuñaxe, o que provocou innumerables defectos. [18]

No anverso figura a cabeza do rei Xurxo cara á dereita e a inscrición GEORGIVS REX, e no reverso un deseño idéntico ao dos farthings de Ana: a representación de Britannia coa inscrición BRITANNIA e a data no exergo. Os deseños foron obra de John Croker, posiblemente asistido por Johann Rudolph Ochs, e cuñáronse todos os anos entre 1717 e 1724.[19] Como a Casa da Moeda contratara a subministración de cobre durante sete anos, cando finalizou o contrato, a cuñaxe cesou.[20]

Estes farthings distribuíanse nos locais da Royal Mint na Torre de Londres en paquetes por valor nominal de cinco e de dez xilins; o Tesouro negárase a asignar fondos para a súa distribución territorial.[18]

Xurxo II (1727-1760)[editar | editar a fonte]

Xurxo II (1727-1760) [21]
A/: Busto laureado e acoirazado de Xurxo II cara á esquerda.

Lendas: GEORGIVS II REX.

R/: Similar ao anterior

Lendas: BRITANNIA / Data

Xurxo I finou en 1727 —o mesmo ano que Isaac Newton — e o seu fillo, Xurxo II, sucedeuno no trono e reinou ata 1760. John Croker gravou o busto do novo rei para a súa emisión de farthings, e o deseño de Britannia no reverso non se modificou.[12] Este deseño de Croker utilizouse para as cuñaxes de 1730 a 1737 e 1739. Nas emisións posteriores —1741, 1744, 1746, 1749, 1750 e 1754— creouse un novo busto do monarca que representaba a súa maior idade, obra de John Sigismund Tanner. Todos os farthings de Xurxo II pesaban entre 4,5 e 5,3 gramos e tiñan un diámetro de entre 22 e 23 milímetros. Ambos os anversos —o de Croker e o de Tanner— amosaban o busto de Xurxo II ollando cara á esquerda e coa inscrición GEORGIVS II REX, e no reverso continuaba a Britannia coa inscrición BRITANNIA e a data no exergo.[21][15] Este farthing produciuse nunha cantidade relativamente pequena en comparación co medio penique —cuñado cada ano desde 1730 ata 1754—; en ningún ano se cuñaron nin sequera a metade de farthings, e na maioría dos anos, moitos menos.[22]

A paralización de 1754 debeuse a un exceso de moedas de cobre en circulación e fíxose pola petición urxente dos comerciantes. Xa daquela xurdira outro problema: a falsificación. Desde 1725 víranse falsificacións dos medios peniques e dos cuartos de penique —os peniques eran entón de prata—, e nas décadas seguintes a circulación de falsificacións xeneralizouse. As leis da época tipificaban como delito leve a falsificación de moedas de cobre, que se castigaba cunha multa ou cunha breve pena de cadea, en tanto que a falsificación de moedas de ouro e prata se castigaba con severidade. As falsificacións eran especialmente frecuentes nas zonas rurais, onde rara vez se vían emisións reais, ao non haber un plan organizado de distribución. Non se cuñou ningún farthing datado despois de 1754, aínda que si que se coñece que se produciron cuñaxes posteriores coa data inmobilizada de 1754, o que puido deberse a que a Royal Mint esgotara as existencias de cobre. Para que a falsificación non resultase rendible, en 1755 o Consello da Casa da Moeda propuxo reducir o valor do farthing dun cuarto a un sexto de penique, mais esta medida non acadou a aprobación do Goberno.[23][24]

Xurxo III (1760-1820)[editar | editar a fonte]

Xurxo III (1760-1820) [25]
A/: Busto laureado e drapeado de Xurxo III cara á esquerda.

Lendas: GEORGIUS III D. G. REX / Data.

R/: Similar ao anterior

Lendas: BRITANNIA

Os primeiros medios peniques e farthings co busto do neto e sucesor de Xurxo II, o rei Xurxo III, cuñáronse en 1771, ano en que o Parlamento tipificou como delito a falsificación de moedas de cobre. Esta medida tivo pouco efecto; os falsificadores fundiron grandes cantidades de moeda de cobre para obteren imitacións de peso máis lixeiro, aínda que o farthing foi menos falsificado que o medio penique.[26]

A primeira serie de farthings de Xurxo III, cuñados en 1771 e 1773-1775, tiña un peso de entre 4,3 e 5,3 gramos, cun diámetro de entre 23 e 24 milímetros. O anverso representa un busto do rei ollando cara á dereita, coa inscrición GEORGIVS III REX, en tanto que o reverso non sufriu cambios significativos.[25][27]

A Royal Mint deixou de cuñar moedas de cobre en 1775, cando a maioría das que había en circulación eran falsas. Ante esta situación, os comerciantes acabaron reaccionando e encheron o baleiro de moeda legal con fichas privadas (tokens) a partir de 1787. A cuñaxe do farthing na Casa da Moeda de Londres non se retomaría ata 1821,[27] xa que as emisións a nome de Xurxo III de 1799 e de 1806-1807 se produciron nunha entidade privada.[25]

A Ceca de Soho[editar | editar a fonte]

Así as cousas, en 1775 o Tesouro adxudicou un contrato a Matthew Boulton para cuñar moedas oficiais de cobre en 1797. Na súa Ceca de Soho, preto de Birmingham, Boulton fabricou as coñecidas moedas dun penique e de dous peniques de Cartwheel (“rodas de carro”), chamadas así polo seu aspecto, as primeiras moedas oficiais británicas cuñadas a vapor. Aínda que o contrato non incluía a produción de farthings ou cuartos de penique, Boulton chegou a preparar varios modelos. En 1799, Boulton si que acadou unha licenza para producir non só medios peniques, senón tamén farthings. Mentres tanto, o prezo do cobre subira e cuñouse unha moeda máis convencional.[27]

O farthing de 1799 foi pioneiro en dous aspectos: por unha banda, no exergo do seu reverso figuraba a inscrición I FARTHING, a primeira vez que aparecía expresado o valor nominal nunha moeda inglesa ou británica; e por outra, tamén foi a primeira moeda británica en ter a data na mesma face que o busto do monarca. A inscrición do anverso pasou a ser GEORGIUS III DEI GRATIA REX, e o reverso amosa unha Britannia redeseñada, sentada cara á esquerda, que sostén un ramo e unha lanza, coa inscrición BRITANNIA por riba. En 1806 e 1807, Boulton cuñou outras 23 toneladas de cobre, mais como consecuencia dunha nova suba do prezo deste metal, o seu peso foi inferior ao da emisión de 1799. Os farthings da emisión de 1799 pesan entre 5,8 e 6,6 gramos, cun diámetro de arredor de 23 milímetros, en tanto que os da emisión posterior de Boulton pesan de 4,7 a 4,8 gramos, cun diámetro de entre 21 e 22 milímetros. Para as emisións de 1806-1807, suprimiuse a expresión do valor facial da moeda, a inscrición DEI GRATIA abreviouse como D. G. e a imaxe de Britannia modificouse lixeiramente.[25][27]

Os farthings e os medios peniques de cobre anteriores a 1797 foron reclamados para a súa refundición mediante unha orde datada o 5 de decembro de 1817, e trocáronse polo valor do seu peso en cobre.[28]

Xurxo IV (1820-1830)[editar | editar a fonte]

Xurxo IV (1820-1830) [29]
A/: Busto laureado e drapeado de Xurxo IV cara á esquerda.

Lendas: GEORGIUS IIII DEI GRATIA.

R/: Britannia sedente cara á dereita; león aos pés; tridente na man esquerda; escudo coa bandeira da Unión e póla de oliveira na dereita.

Lendas: BRITANNIAR: REX FID: DEF: / Data

A moeda reformouse na década de 1810 coa coñecida como Gran Recuñaxe de 1816, e a produción de moedas de cobre non se retomou ata despois da morte de Xurxo III en 1820 e a chegada do novo rei, Xurxo IV. En 1821 producíronse outra vez farthings, novamente con Britannia no reverso.[30] Estas pezas foron postas en circulación mediante unha orde do 14 de novembro dese ano que lles outorgaba a condición de moedas de curso legal ata unha suma de seis peniques.[31]

Aínda que o retrato orixinal de Xurxo, obra de Benedetto Pistruci, non gozou dun bo acollemento por parte do monarca, utilizouse no farthing en 1821 e en 1823-1826. A partir dese momento utilizouse un novo retrato, creado por William Wyon, para as novas emisións do farthing de Xurxo III, ata 1831.[29][30] A emisión de moedas de cobre en 1826 tivo unha tiraxe superior á habitual, por mor da supresión de cuñaxes separadas para Irlanda; o penique irlandés valorárase en 12/13 do seu equivalente británico.[32]

O reverso sufriu un lixeiro redeseño, que non altera substancialmente o anterior. Tanto os farthings deseñados por Pistruci como os posteriores de Wyon pesaban entre 4,5 e 4,9 gramos, cun diámetro de 22 milímetros, e en 1826, data do cambio de deseñador, producíronse exemplares de ambos os deseños. O anverso de Pistruci amosa un busto do monarca ollando cara á esquerda, coa inscrición GEORGIUS IIII DEI GRATIA, en tanto que o reverso presenta unha Britannia con casco orientada cara á dereita, sentada á esquerda da moeda, sostendo un escudo e un tridente, coa inscrición BRITANNIAR REX FID DEF e a data no exergo, baixo Britannia. No busto do anverso de Wyon, o rei está laureado, ollando tamén cara á esquerda, coa inscrición GEORGIUS IV DEI GRATIA, e a lenda do reverso non se modificou.[29][30]

Guillerme IV (1830-1837)[editar | editar a fonte]

Guillerme IV (1830-1837) [33]
A/: Busto espido de Guillerme IV cara á dereita.

Lendas: GULIELMUS IIII DEI GRATIA / Data.

R/: Similar ao anterior, sen león e coas flores nacionais (trevo, cardo e rosa) no exergo).

Lendas: BRITANNIAR: REX FID: DEF:

O pasamento do rei Xurxo en 1830 levou ao trono o seu irmán, o rei Guillerme IV. William Wyon, por aquelas datas ocupaba o cargo de gravador xefe da Real Casa da Moeda de Londres, mantivo sen cambios o deseño do reverso do farthing, e para o anverso gravou un retrato do rei Guillerme a partir dunha pintura previa de Francis Chantrei. As inscricións tampouco se modificaron no substancial, agás a obrigada substitución de GEORGIUS IV por GULIELMUS IIII no anverso.[33][34]

O farthing cuñouse en 1831 e no período 1834-1837; a derradeira emisión foi o ano da morte do rei.[33][34]

Vitoria (1837-1901)[editar | editar a fonte]

Os farthings co primeiro retrato da raíña Vitoria, obra de William Wyon, cuñáronse a partir de 1838. No seu reverso non se introduciu cambio ningún, salvo a substitución da palabra REX (“Rei”) pola abreviatura REG (Regina, “Raíña”), dado que era unha muller a nova titular da monarquía británica. O diámetro do farthing (22 mm) seguiu a ser o mesmo que desde 1826.[35] Utilizáronse os mesmos cuños do anverso para o farthing de cobre e para o soberano de ouro, e o máis probable é que se utilizasen primeiro para a moeda de ouro. Isto contribuíu a que se producise un alto nivel de defectos na serie do farthing, aínda que, por outra banda, tamén garantiu que se cuñase todos os anos, do mesmo xeito que a popular moeda de oro.[36][37] Na época vitoriana, cun farthing podíanselle comprar tres ostras, con pan e manteiga, a un vendedor de ostras polas rúas de Londres, e tamén era o prezo habitual dun pardal nun mercado do East End londiniense.[38]

En 1859, o Goberno decidiu que o mal estado da moeda de cobre en circulación exixía a súa renovación.[39] O farthing necesitaba ser substituído; un estudo de 1857 revelara que os farthings representaban só o 3 % das moedas de cobre en circulación, aínda que a na proporción de moedas cuñadas desde 1821 lle correspondía o 20 %.[40] Considerouse adecuado que as novas moedas se cuñasen nunha aliaxe de bronce, no canto do cobre puro,[41] e o Parlamento aprobou unha lei en 1860 que permitía a cuñaxe do penique, do medio penique e do farthing con esa nova composición.[42] A partir de 1860 cuñáronse grandes cantidades de peniques, medios peniques e farthings de bronce, non só na Royal Mint, senón en dúas empresas privadas de Birmingham, baixo contrato.[43] Malia se reducir á metade o peso do penique, o farthing alixeirouse un pouco menos para que non fose demasiado pequeno.[44] O deseño do farthing era practicamente idéntico ao penique e ao medio penique, salvo por pequenos detalles.[45] A nova moeda de bronce entrou en circulación en decembro de 1860,[46] e as antigas pezas de cobre foron desmonetizadas o 31 de decembro de 1869 en Gran Bretaña —aínda que a Casa da Moeda seguiu aceptándoas ata 1873— e a finais de 1877 para as colonias.[47]

Vitoria (1837-1901)
(segundo busto) [48]
A/: Segundo busto de Vitoria, cara á dereita.

Lendas: VICTORIA D: G: BRITT: REG: F: D:.

R/: Britannia sedente cara á dereita con tridente na man esquerda, escudo coa bandeira da Unión na dereita. O mar detrás, cun faro á esquerda e un barco á dereita.

Lendas: FARTHING

Estes novos farthings de bronce pesaban entre 2,8 e 3,0 gramos, medían 20 milímetros de diámetro e estaban fabricados cunha aliaxe de 95 % de cobre, 4 % de estaño e 1 % de cinc. Sen ter en conta pequenos cambios nesta composición, estas foron as especificacións do farthing ata a súa cancelación en 1956.[49] No anverso incluíuse un novo deseño do busto da raíña, obra do fillo de William Wion, Leonard Charles Wyon, que tamén se ocupou do reverso. A inscrición que rodea o busto do anverso é VICTORIA D G BRITT REG F D. Pola súa banda, no reverso líase FARTHING, coa data no exergo baixo a Britannia. Nalgúns exemplares datados en 1874-1876 e 1881-1882 apréciase a marca de ceca "H" debaixo da data, no exergo, o que indica que foron cuñados na ceca privada Heaton and Sons de Birmingham.[48][50]

O farthing ou cuarto de penique adoitaba ter as tiraxes máis baixas das tres moedas de bronce, entre 1 e 6 millóns na maioría dos anos a finais da era vitoriana. Cuñáronse máis medios peniques que farthings, e as tiraxes do penique superaban regularmente os 10 millóns na década de 1890.[51] Malia producirse unha cantidade inferior de farthings, é superior a proporción deles que se conservan máis dun século despois, probablemente polo apego sentimental do pobo británico cara á súa moeda de menor valor nominal.[45]

Busto de Vitoria anciá, de T. Brock, introducido en 1896.[52]

En 1896, introduciuse un novo anverso nas moedas de bronce que amosaba a Vitoria como unha muller xa anciá.[53] Este novo anverso do farthing, o terceiro,[54] foi deseñado por Thomas Brock e gravado por George William de Saulles, e o farthing seguiu amosándoo ata o ano do falecemento da Raíña, 1901. O gravador de Saulles tamén revisou o reverso; o cambio máis significativo foi a supresión do faro e o barco a ambos os lados de Britannia, que nunca volverían ao farthing. A inscrición que rodea este terceiro busto de Vitoria é VICTORIA DEI GRA BRITT REGINA FID DEF IND IMP.[52][49]

A partir de 1897, os farthings emitíronse artificialmente escurecidos; isto fíxose para evitar a confusión dos novos co medio soberano de ouro, xa que ambas as pezas eran do mesmo tamaño.[49]

Eduardo VII (1901-1910)[editar | editar a fonte]

Busto de Eduardo VII, creado por G. W. de Saulles.[55]

O penique do rei Eduardo VII, fillo e sucesor de Vitoria, cuñouse todos os anos desde 1902 ata 1910, e seguía a estar escurecido artificialmente.[56] As tiraxes oscilaron entre 2,6 millóns (1910) e 8,9 millóns (1908), nunha época en que as tiraxes do penique nunca baixaron de 12 millóns e mesmo se chegou aos 47 millóns en 1907.[57] En total producíronse 1.021.013 libras en moedas dun penique co retrato de Eduardo e 222.790 libras en moedas de medio penique, mais só 45.429 libras en farthings.[58]

Agás pola declaración do valor facial da moeda na parte superior do reverso, os deseños do penique, do medio penique e do farthing son practicamente idénticos, xa que o seu deseñador e gravador, George William de Saulles, utilizou un torno redutor tipo Janvier para converter o modelos nos cuños dos tamaños correspondentes. O novo anverso de de Saulles amosa o busto do rei ollando cara á dereita, rodeado pola inscrición EDWARDVS VII DEI GRA BRITT OMN REX FID DEF IND IMP.[59]

Xurxo V (1910-1936)[editar | editar a fonte]

Xurxo V (1910-1936) [60]
A/: Busto espido de Xurxo V, cara á esquerda.

Lendas: GEORGIVS V DEI GRA: BRITT: OMN: REX FID: DEF: IND: IMP:

R/: Britannia sedente cara á dereita con tridente na man esquerda, escudo coa bandeira da Unión na dereita.

Lendas: FARTHING / Data

Os farthings do fillo e sucesor de Eduardo, o rei Xurxo V, deron lugar a un novo retrato orientado cara á esquerda, obra de Bertram Mackennal, que se combinou coa continuación do deseño Britannia para o reverso. Os farthings co retrato de Xurxo V cuñáronse todos os anos do seu reinado agás en 1910. Á parte da obrigada substitución da denominación GEORGIVS V por EDWARDVS VII, non se introduciu ningún outro cambio nas lendas da moeda. En 1917, a Royal Mint deixou de escurecer os farthings porque xa non se cuñaba o medio soberano. Do mesmo xeito que no penique e no medio penique, a cabeza do rei reduciuse lixeiramente en 1926 e a representación de Britannia tamén se axustou lixeiramente ese ano.[60][61]

Produciuse un total de 5.710.748 libras en peniques, 1.039.704 libras en medios peniques e 222.643 libras en farthings.[61]

Eduardo VIII (1936)[editar | editar a fonte]

Á morte de Xurxo V en xaneiro de 1936, foi sucedido polo seu primoxénito Eduardo VIII, mais apenas exerceu como monarca uns meses, dado que renunciou en decembro dese mesmo mes. Aínda que non deu tempo a pór en circulación a correspondente serie de moedas co seu busto, a Royal Mint chegou a preparar uns deseños e mesmo a cuñar algúns exemplares en proba, incluída a do farthing, á espera da aprobación real, que se viu frustrada pola súbita abdicación do monarca.[59]

Naquela época había un movemento en marcha para acadar uns deseños máis modernos para as moedas. No Estado Libre de Irlanda adoptárase en 1927 un deseño para unha serie de moedas que representaban animais, e algunhas das colonias británicas redeseñaran tamén as súas moedas. Eduardo VIII tamén amosara o seu interese por arredarse da heráldica que caracterizaba as moedas británicas, e amosoulle moedas estranxeiras ao subdirector da Royal Mint, Robert Johnson, como modelo doa deseños que desexaba para o seu reinado. Finalmente, Eduardo acabou cedendo parcialmente á tradición, temendo que os novos deseños non fosen aceptados pola poboación británica, aínda que se adoptaron temas non heráldicos para o medio penique —un veleiro — e para o farthing.[62]

O deseño elixido para o reverso do farthing foi un paxariño da familia dos troglodítidos, un carrizo, o que supuña asociar o paxaro británico máis pequeno coa moeda británica de menor valor nominal.[63] O seu autor para a emisión en proba do farthing foi Harold Wilson Parker.[64] Nun intento de desbloquear a situación entre o rei Eduardo e a Royal Mint, o artista Wilson Parker preparara unha serie de deseños de moedas baseados no que se consideraban os animais reais: a aguia, a pomba, o cervo, o esturión, o cisne e o carrizo, que, aínda que lle gustaron ao comité asesor, non recibiron a súa aprobación, debido á preferencia do comité pola heráldica.[65]

No anverso, deseñado por Humphrey Paget, o rei Eduardo tivo éxito coa súa exixencia de que o seu retrato ollase cara á esquerda nas probas que chegaron a cuñarse, tendo en conta que, por tradición, cada monarca ollaba sempre no sentido oposto ao seu antecesor, e Xurxo V ollaba tamén cara á esquerda. Eduardo insistiu, xa que consideraba que o seu perfil esquerdo resultaba máis harmónico. O único cambio na inscrición foi a substitución de GEORGIVS V por EDWARDVS VIII.[64][66]

Xurxo VI (1936-1952) [67]
A/: Busto espido de Xurxo VI, cara á esquerda.

Lendas: GEORGIVS VI D: G: BR: OMN: REX FIDEI: DEF

R/: Carrizo (Troglodytes troglodytes) cara á esquerda.

Lendas: Data / FARTHING

Xurxo VI (1936-1952)[editar | editar a fonte]

O deseño do carrizo creado por Parker para o seu antecesor foi aprobado tamén para a emisión regular do seu irmán e sucesor, o novo rei Xurxo VI, e permaneceu na moeda durante os seus vinte anos restantes de existencia. Pola súa banda, Paget redeseñou o seu anverso para incluír o busto do novo rei ollando cara á esquerda, e tamén axustou a inscrición para incluír o seu nome: GEORGIVS VI.[68]

A moeda cuñouse todos os anos a partir de 1937. En 1949, como consecuencia da independencia da India, suprimiuse do anverso a secuencia IND IMP, que facía referencia á soberanía británica sobre aquel territorio.[66]

Isabel II (1952-2022)[editar | editar a fonte]

A chegada da raíña Isabel II en 1952 trouxo consigo un novo retrato para o farthing, que empezou a cuñarse o ano seguinte, deseñado nesta ocasión por Mary Gillick. A inscrición do anverso foi ELIZABETH II DEI GRA BRITT OMN REGINA F D en 1953, e cambiouse a ELIZABETH II DEI GRATIA REGINA F D a partir de entón.[69] Este cambio supuxo o recoñecemento da condición de república que adquiriran algunhas das nacións que constituían a Commonwealth británica.[68]

Anverso do farthing de Isabel II, deseñado por Mary Gillick.[69]

Nos anos posteriores á segunda guerra mundial, o farthing foi máis utilizado que en ocasións anteriores, xa que o Goberno fixara nun cuarto de penique o prezo da peza de pan estándar de media libra.[70] Na década de 1950, a inflación implicou que o poder adquisitivo do farthing descendese moi considerablemente, e en proporción semellante descendía tamén a súa demanda nas operacións comerciais cotiás. Nas cartas enviadas ao xornal The Times reflectíase esta realidade: un dos correspondentes contaba que lle rexeitaran a súa pretensión de lle ofrecer oito farthings a un condutor de autobús para pagar un billete de dous peniques, e que un vendedor de xornais se molestara cando lle ofreceu seis farthings por un exemplar. Isto ocorría malia que, como se indicaba nunha carta posterior, a moeda seguía a ser de curso legal ata o valor total dun xilin.[71]

A demanda seguiu a diminuír, o que motivou que a produción do farthing se interrompese definitivamente logo da emisión de 1956, que xa tivera unha tiraxe inferior á dos anos anteriores.[72] A eliminación do farthing da circulación tamén deixou paso a que a Royal Mint propuxese a posibilidade de cuñar o medio penique e o penique en tamaños inferiores aos dese momento,[73] o cal se converteu en realidade logo da decimalización do sistema monetario en 1971.[74] O farthing deixou de ter curso legal a partir do 31 de decembro de 1960.[73][10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "1 Farthing - Anne". Numista.com
  2. Frey, A. R. (1917).
  3. Spink Numismatic Circular. Marzo de 1983. Vol. XCI. Nº 2. Páxina 39.
  4. "Pounds, Shillings and Pence. The pre-decimal system". The Royal Mint Museum.
  5. "Unique ID: NMGW-D42684". Portable Antiquities Scheme (Finds.org.uk).
  6. Weightman, A. E. (1906). Páxina 181.
  7. Peck, C. W. (1960). Páxinas 1-8.
  8. Peck, C. W. (1960). Páxina 19.
  9. Peck, C. W. (1960). Páxina 105.
  10. 10,0 10,1 Cavendish, R. (2010).
  11. Peck, C. W. (1960). Páxina 110.
  12. 12,0 12,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 608-609.
  13. Peck, C. W. (1960). Páxinas 175-179.
  14. Rodgers, K. (2017). Páxina 44.
  15. 15,0 15,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 609.
  16. "1 Farthing - George I 'Dump' issue" / "2nd issue; larger flan". Numista.com
  17. Craig, J. (2010) [1953]. Páxinas 220-221.
  18. 18,0 18,1 Craig, J. (2010) [1953]. Páxina 221.
  19. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 608.
  20. Craig, J. (2010) [1953]. Páxinas 221-222.
  21. 21,0 21,1 "1 Farthing - George II young bust (1730-1739)" / "Older bust (1741-1754)". Numista.com
  22. Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 435.
  23. Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 436.
  24. Craig, J. (2010) [1953]. Páxinas 251-252.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 "1 Farthing - George III 1771-1775" / "1779" / "1806-1807". Numista.com
  26. Peck, C. W. (1960). Páxinas 214, 233.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 609-610.
  28. Ruding, R. (1840) [1819]. Páxinas 122-123.
  29. 29,0 29,1 29,2 "1 Farthing - George IV (1821-1826)" / "(1826-1831)". Numista.com
  30. 30,0 30,1 30,2 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 610.
  31. Ruding, R. (1840) [1819]. Páxina 129.
  32. Ruding, R. (1840) [1819]. Páxina 130.
  33. 33,0 33,1 33,2 "1 Farthing - William IV". Numista.com
  34. 34,0 34,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 610-611.
  35. "1 Farthing - Victoria 1st portrait". Numista.com
  36. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 611.
  37. Peck, C. W. (1960). Páxina 400.
  38. Finch, C. (2013). "Moneymaker: Victorian Ideas on Money and Mystery". Criminalelement.com. 7 de novembro.
  39. Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxinas 509-510.
  40. Dyer, G. P. (1996). Páxina 63.
  41. Josset, C. R. (1962). Páxina 132.
  42. Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 108.
  43. Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 510.
  44. Craig, J. (2010) [1953]. Páxina 324.
  45. 45,0 45,1 Freeman, M. J. (1985) [1970]. Páxina 118.
  46. Peck, C. W. (1960). Páxina 416.
  47. Craig, J. (2010) [1953]. Páxina 325.
  48. 48,0 48,1 "1 Farthing - Victoria 2nd portrait (1860-1863)" / "(1874-1895)". Numista.com
  49. 49,0 49,1 49,2 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 611-615.
  50. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 611-612.
  51. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 681-683.
  52. 52,0 52,1 "1 Farthing - Victoria 4th portrait". Numista.com
  53. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 585.
  54. Este terceiro busto de Vitoria para as moedas de bronce é coñecido, no entanto, como "cuarto retrato", xa que nas moedas de prata e de ouro oubo outro retrato anterior para as moedas do Xubileu da raíña.
  55. "1 Farthing - Edward VII". Numista.com
  56. Freeman, M. J. (1985) [1970]. Páxinas 128-129.
  57. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxinas 681, 683.
  58. Peck, C. W. (1960). Páxina 497.
  59. 59,0 59,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 613.
  60. 60,0 60,1 "1 Farthing - George V (1911-1925)" / "(1926-1936)". Numista.com
  61. 61,0 61,1 Peck, C. W. (1960). Páxinas 501-509.
  62. Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxinas 570-572.
  63. Freeman, M. J. (1985) [1970]. Páxinas 132-133.
  64. 64,0 64,1 "1 Farthing - Edward VIII Pattern". Numista.com
  65. Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 571.
  66. 66,0 66,1 Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 614.
  67. "1 Farthing - George VI (1937-1948)" / "without 'IND:IMP (1949-1952)'". Numista.com
  68. 68,0 68,1 Seaby, P. (1985). Páxina 172.
  69. 69,0 69,1 "1 Farthing - Elizabeth II (1953)" / "without 'BRITT:OMN' (1954-1956)". Numista.com
  70. "The Wren Farthing (1937-1956)". Brushwood Coins.
  71. Lobel, R. ed. (1999) [1995]. Páxina 615.
  72. Freeman, M. J. (1985) [1970]. Páxina 134.
  73. 73,0 73,1 Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 597.
  74. "½ New Penny - Elizabeth II" / "1 New Penny - Elizabeth II". Numista.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]