Saltar ao contido

Mary Gillick

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMary Gillick

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento4 de abril de 1881 Editar o valor en Wikidata
Nottingham Editar o valor en Wikidata
Morte27 de xaneiro de 1965 Editar o valor en Wikidata (83 anos)
Londres Editar o valor en Wikidata
EducaciónRoyal College of Art Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultora, medallista Editar o valor en Wikidata
ProfesoresÉdouard Lanteri (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeErnest George Gillick (1905–) Editar o valor en Wikidata
Premios

WikiTree: Tutin-47

Mary Gaskell Gillick (de solteira Mary Tutin), nada en Nottingham en 1881 e finada en Londres o 27 de xaneiro de 1965, foi unha escultora e medallista inglesa, coñecida sobre todo por ser a autora da primeira efixie de Isabel II utilizada nas moedas do Reino Unido e doutros territorios da Commonwealth, que se cuñou desde 1953 ata 1965.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Nada en Nottingham en 1881, filla de Elizabeth Gaskell e do construtor Thomas Tutin, Mary Gillick cursou o seu ensino secundario na escola para nenas desa cidade entre 1890 e 1898. Este último ano iniciou a súa formación artística na Escola de Arte de Nottingham ata 1902 e continuouna en Londres no Royal College of Art,[1] de 1902 a 1904, onde tivo como profesor o escultor e medallista franco-británico Édouard Lantéri.[2][3]

Carreira artística

[editar | editar a fonte]
Medalla de Henry Wellcome.[4]

Na súa carreira posterior como medallista, Mary Gillick creou placas e medallas sobre personaxes como Henry Wellcome,[5] Henry Dale,[6] Margaret Babbington,[2] Frederick George Kelleway, o arquitecto Victor Heal ou o bispo de Chichester. Outras das súas medallas foron as coñecidas como Duddell Memorial, Ceres —para a Agricultural Mortgage Corporation—, un medallón do príncipe de Edimburgo para a Royal Mint e uns modelos para a Medalla Copley,[7] da Royal Society.[1]

Entre 1911 e 1962, Gillick expuxo 33 veces nas exposicións de verán da Royal Academy, cun total de 40 obras.[2] Tamén expuxo parte dos seus traballos na Sociedade de Mulleres Artistas en 1953, entidade da que formou parte desde ese mesmo ano.[1]

Entre as súas obras non medallísticas, cabe salientar un retrato de bronce de William Bragg —que fora presidente da Royal Society—, para a igrexa de Chiddingfold, Surrey; un relevo de bronce de Chifford Allbutt, para a Escola de Medicina de Cambridge; ou bronces de Percy e Elizabeth Molteno, para o Instituto de Parasitoloxía da mesma universidade.[1]

O primeiro busto de Isabel II [8]

[editar | editar a fonte]

En 1952, Mary Gillick participou nunha competición convocada pola Royal Mint, xunto con outros 16 artistas, para a creación do primeiro retrato da nova raíña, Isabel II (1952-2002) nas moedas do Reino Unido.[1][2][3][8] Gillick traballou no retrato entre marzo e outubro de 1952, cunha sesión e a estreita supervisión do duque de Edimburgo.[14]

A súa proposta dunha monarca con aspecto xuvenil e sen coroa foi a gañadora e, como resultado, o busto deseñado por ela converteuse no motivo central do anverso de todas as moedas británicas entre 1953 e 1965,[3] e tamén nas doutros territorios da Commonwealth,[8] como Australia, o Canadá, Ceilán, Nova Zelandia, Rodesia e Nyasaland, Suráfrica e Zimbabwe.[15][16]

A noticia do novo deseño acadou gran repercusión na prensa, entre outras cousas pola coincidencia de que a artista gañadora fose unha muller, igual que a raíña. Malia ter un acollemento maioritariamente favorable, non faltaron algunhas críticas, centradas no grao de semellanza entre a monarca e o retrato, e na idade que este reflectía. Neste sentido, o escultor Jacob Epstein opinou: "podería ser... calquera rapaza fermosa". Outros críticos sinalaron, pola contra, que o éxito do deseño radicaba na semellanza co estilo dos grandes medallistas do Renacemento italiano.[16]

O numismático Humphrey Sutherland fixo notar esta asociación de estilos nun artigo publicado en Country Life: "O retrato da señora Gillick, coa súa simplicidade, o seu espazo e o seu ornamento económico, suxire máis ben a graza italiana do deseño renacentista". Pola súa banda, nun programa da BBC, o historiador da arte Charles Mitchell observou:[16]

“ O novo retrato real non é en absoluto unha imitación de ningunha das medallas de Pisanello, mais o seu parentesco formal... é inconfundible. Respira o aire do primeiro Renacemento. [...] Creo que xa era hora de dar un salto á imaxinación, e a señora Gillick deuno. ”

Con todo, malia a mestría artística de Gillick, os seus primeiros cuños amosaban un relevo non o suficientemente marcado, o que provocaba que as primeiras cuñaxes saísen demasiado débiles, co que tanto os trazos faciais como os pregamentos do vestido da raíña aparecesen moi esvaecidos.[16] Para arranxar o problema, houbo que refacer as matrices para producir cuños novos sobre o deseño de Gillick. Este labor encomendóuselle a Cecil Thomas, un medallista experimentado que competira con Gillick no certame para o deseño do busto da raíña[8][14] —malia non ter éxito nese concurso, a Thomas encargóuselle un novo retrato de Isabel II coroada para algúns dos territorios do Imperio Británico e da Commonwealth que comezou a utilizarse tamén en 1953—.[17]

Serie Maundy de 2006, co busto de Isabel II deseñado por Gillick.[18]

A silueta do busto de perfil creado por Gillick usouse tamén posteriormente para aparecer en pequeno tamaño nos selos conmemorativos británicos desde 1966 ata o 9 de marzo de 2023. Do mesmo xeito, o busto orixinal de Gillick mantívose para a serie de moedas Maundy,[18] ata a morte da Raíña en 2022.[8][14][16]

O deseño do primeiro busto de Isabel II na moeda británica valeulle a Mary Gillick o seu nomeamento como Oficial da Orde do Imperio Británico, durante as Honras de Coroación de 1953.[3][19]

O Museo Británico organizou entre xuño e xullo de 2022 a exposición "Mary Gillick modelling The Queen's portrait" ("Mary Gillick, modelando o retrato da raíña"), sobre a traxectoria da artista e centrándose especialmente no seu traballo como deseñadora do retrato da raíña.[20][21] Unha boa parte dos obxectos que formaron parte desta exposición foron doados ao Museo Británico polos herdeiros de Mary Gillick e o seu marido (medallas, modelos en xeso, esbozos e debuxos, etc.).[22]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Durante a súa etapa de formación na Escola de Arte de Nottingham, Mary Tutin coñeceu a Ernest Gillick, con quen coincidiu como compañeiro de estudos. En 1905, cando ela tiña 24 anos, Mary e Ernest casaron,[1] e ela adquiriu desde ese momento o apelido do seu home. Entre os seus compañeiros na Escola de Arte estaban os pintores Harold e Laura Knight, cos que o matrimonio Gillick mantivo a amizade durante toda a súa vida.[2]

Mary e Ernest Gillick tiveron unha profunda influencia mutua no seu traballo como medallistas, e a súa relación laboral durou 46 anos,[3] ata o falecemento de Ernest en 1951.[23]

Malia estar afectada pola artrite nos seus derradeiros anos, Mary Gillick continuou traballando ata o seu falecemento o 7 de xaneiro de 1965,[1][3] no hospital Elizabeth Garrett Anderson, de St Pancras, Londres.[2]

  1. 1 2 3 4 5 6 7 "Gillick, Mary G. (c. 1880-1965)". En Gray, S. (2009). Páxina 116.
  2. 1 2 3 4 5 6 "Mrs Mary Gaskell Gillick OBE". En Mapping the Practisce and Profession of Sculpture in Britain & Ireland 1851-1951. University of Glasgow History of Art / HATII.
  3. 1 2 3 4 5 6 Hopkin, A. (2019). "Mary Gillick Designer of Queen Elizabeth II First Portrait". Chards.co.uk. 21 de outubro [Actualizado: 27/12/2002]
  4. ↑ "Henry Solomon Wellcome. Bronze plaque by M. Gillick". Wellcome Collection (Wellcomecollection.org).
  5. ↑ "Sir Henry Wellcome (1853–1936), FRS". Artuk.org
  6. ↑ "Sir Henry Dale (1875–1968), FRS". Artuk.org
  7. ↑ "The History of the Copley Medal". Copley Junior School (Copley.doncaster.sch.uk).
  8. 1 2 3 4 5 "Queen Elizabeth II - First Portrait, by Mary Gillick". Onlinecoin.club
  9. ↑ "½ Crown - Elizabeth II 1st portrait". Numista.com
  10. ↑ "3 Pence - Elizabeth II 1st portrait". Numista.com
  11. ↑ "½ Penny - Elizabeth II 1st Portrait". Numista.com
  12. ↑ "5 Pounds - Elizabeth II 40th Coronation Jubilee". Numista.com
  13. ↑ En 1993, a Royal Mint recuperou o busto de Gillick para a o anverso dunha emisión conmemorativa do 40 aniversario da coroación de Isabel II, obra de Raphael David Maklouf.
  14. 1 2 3 Greep, M. (2022). "Life of artist Mary Gillick [...]". En Daily Mail. 21 de xaneiro.
  15. ↑ "Mary Gillick". Numista.com
  16. 1 2 3 4 5 Attwood, P. (2022-b-).
  17. ↑ "Cecil Thomas". Numista.com
  18. 1 2 "Maundy Money Arquivado 04 de xaneiro de 2024 en Wayback Machine.". Royal Mint (Royalmint.com).
  19. ↑ "Nº. 39863". The London Gazette (Supplement). 1 de xuño de 1953. Páxinas 2.939–2.993.
  20. ↑ "Mary Gillick modelling The Queen's portrait". The British Museum (Brithmuseum.org).
  21. ↑ "Exhibition on medallic artist Mary Gillick". En Coins Weekly. 11 de outubro de 2017.
  22. ↑ "Collection: Mary Gillick". British Museum (Britishmuseum.org).
  23. ↑ "Ernest George Gillick ARA". Mapping the Practice and Profession of Sculpture in Britain and Ireland 1851-1951. University of Glasgow / HATII.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Humphrey Paget

Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

1953-1965
Sucesor:
Arnold Machin