Saltar ao contido

George William de Saulles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGeorge William de Saulles
Biografía
Nacemento4 de febreiro de 1862 Editar o valor en Wikidata
Birmingham, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte21 de xullo de 1903 Editar o valor en Wikidata (41 anos)
Londres, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor, medallista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade(Con vida en: 1899 Editar o valor en Wikidata)
Membro de

Descrito pola fonteDictionary of National Biography, second supplement (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

George William de Saulles, nado en Birmingham o 4 de febreiro de 1862 e finado en Londres o 21 de xullo de 1903, foi un medallista e deseñador de moedas inglés.

O máis sobranceiro da súa obra son os anversos das moedas do Reino Unido na derradeira etapa do reinado de Vitoria (1837-1901) e baixo Eduardo VII (1901-1910), así como diversas moedas para os territorios coloniais británicos dese período.[1][2][3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

De Saulles naceu o 4 de febreiro de 1862 en Villa Street, no distrito de Aston Manor, ao norte de Birmingham. O seu avó Samuel fora un cidadán suízo que traballara no servizo da casa de Xurxo IV (1820-1830), e o seu pai, William Henry de Saulles, era un comerciante do vidro en Birmingham.[2][3]

Sendo aínda un neno comezou a súa formación artística na Birmingham School of Art, onde tivo como mestre a Mr. Taylor, e alí acadou xa varios premios. Logo foi aprendiz do gravador de cuños Mr. Wilcox, tamén en Birmingham,[2] con quen aprendeu a gravar grandes etiquetas para produtos comercializados na cidade.[1][3][4]

Carreira profesional

[editar | editar a fonte]
Anverso dun soberano de Eduardo VII, obra de George William de Saulles (marca: DS baixo o busto).[5]

En 1884, de Saulles trasladouse a Londres, onde traballou co gravador de cuños John H. Pinches, establecido en Oxenden Street, Haymarket. En 1888 regresou a Birmingham e traballou para o medallista Joseph Moore.[1][2][3][4]

En 1892 trasladouse novamente a Londres, para ocupar o posto de gravador xefe da Royal Mint, que quedara vacante logo do falecemento de Leonard Charles Wyon.[6] Desde ese momento e ata a súa morte encargouse da produción dos cuños para as moedas do Reino Unido e dos seus territorios coloniais, así como das medallas oficiais.[1][2][3]

Entre os anos 1898 e 1903 foi un dos expositores na Royal Academy.[6]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

De Saulles casou en xuño de 1884 con Myra Hill, con quen non tivo descendencia.[2][3]

O día 21 de xullo de 1903,[1] faleceu no distrito londiniense de Chiswick, logo duns días de doenza, aos seus 41 anos.[2] Foi soterrado no cemiterio do adro da igrexa de Chiswick.[3]

Medalla ao Longo Servizo (1902), a nome da raíña Vitoria, obra de George William de Saulles.[7]

Como artesán, de Saulles encargouse do proceso completo de deseño, modelaxe e gravado da maioría dos seus cuños. Nas súas creacións deixouse influír, en certa medida, polos gravadores da Escola Francesa Louis-Oscar Roty e Jules-Clément Chaplain.[2] No entanto, nas súas producións oficiais non deixou terreo para a a innovación.[3]

A súa obra medallística privada entre 1894 e 1903 abrangue polo menos tres placas e 30 medallas, entre as que están as seguintes:[1][3][8]

  • 1899: Profesor Stokes (con J. H. Pinches).[9][10]
  • 1901: Samuel Carnegie (con J. H. Pinches).[10]
  • 1901-1910: Real Instituto de Arquitectos Británicos.[11]
  • 1902: coroación de Eduardo VII.[12]
  • 1903: Institución Nacional de Botes Salvavidas.[13]

Ademais destas, tamén gravou outras con carácter oficial, producidas na Royal Mint, entre elas:[1][3][8]

Dólar dos Establecementos do Estreito (1903), obra de George William de Saulles.[19]

Na súa condición de gravador xefe da Royal Mint, De Saulles encargouse en primeiro lugar de realizar os cuños para a nova emisión de moedas da raíña Vitoria, en 1893, que foran deseñados por Thomas Brock. A de Saulles débeselle tamén o deseño da Britannia característico dos reversos das moedas de bronce británicas de 1895, así como o deseño das moedas emitidas a partir de 1902, logo da entronización de Eduardo VII.[1][3][8][20]

Tamén foi responsabilidade de De Saulles o deseño e o gravado dos cuños para as emisións das moedas coloniais da súa época, como o dólar de comercio británico, as moedas de cobre da África Oriental Británica (1897), as moedas da Honduras Británica (1894), o dólar británico para os territorios da India (1895), moedas para Chipre (1890) e o dólar dos Establecementos do Estreito (1903),[1][3][8] ademais doutras emisións para Terra Nova, Jersey, Australia, a Guiana Británica, o Canadá, Ceilán, Hong Kong ou Xamaica, baixo soberanía británica.[2][20]

As súa marcas de gravador nestas moedas foron DES, DS e WS.[2][20]

De Saulles realizou tamén o derradeiro Gran Selo para a raíña Vitoria (1898), así como outros moitos selos oficiais para as colonias.[8] No momento do seu falecemento estaba a preparar os modelos para os grandes selos de Eduardo VII do Reino Unido e os de Irlanda e Escocia, executados posteriormente por Frank Bowcher.[1][3]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Forrer, L. (1904).
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Tout-Smith, D. (2004). "George William de Saulles, Sculptor, Designer & Engraver (1862-1903)". Museums Victoria.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 Wroth, W. W. (1912).
  4. 4,0 4,1 Pinches, J. H. (1903). Páxina 311.
  5. "1 Sovereign - Edward VII". Numista.com
  6. 6,0 6,1 Pinches, J. H. (1903). Páxina 312.
  7. 7,0 7,1 "Medal, long service". Auckland War Memorial Museum.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Pinches, J. H. (1903). Páxinas 312-313.
  9. "Bronze medal commemorating George Gabriel Stokes". Science Museum Group.
  10. 10,0 10,1 Catalogue of the international exhibition of contemporary medals. American Numismatic Society. Nova York. 1911, Páxina 72.
  11. "Specimen Royal Gold Medal for the Royal Institute of British Architects 1901-10". Royal Collection Trust.
  12. "Edward VII Coronation 1902". Museums Victoria Collection.
  13. "6. Royal National Lifeboat Institution Gallantry Medal". En Besly, E. (2004). For Those in Peril. Civil decorations and lifesaving awards at the National Museums & Galleries of Wales. National Museum of Wales. Páxina 8. ISBN 0 7200 0546 9
  14. "The Queen's South Africa Medal 1899-1902". www.northeastmedals.co.uk
  15. "Ashanti Medal (1901) Arquivado 16 de febreiro de 2022 en Wayback Machine.". Forces War Records.
  16. "Transport Medal (1902) by George William de Saulles". Museum of Applied Arts & Sciences.
  17. "Victoria Meritorious Service Medal 1902-1903". Museums Victoria Collection.
  18. "Victoria Meritorious Service Medal 1902-1903". Museums Victoria Collection.
  19. "1 Dollar - Edward VII". Numista.com
  20. 20,0 20,1 20,2 Moedas deseñadas por De Saulles. Numista.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Leonard Charles Wyon
Gravador xefe da Casa da Moeda de Londres (Royal Mint)
1892 - 1903
Sucesor:
Walter Newman


Predecesor:
Thomas Brock

Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

1901 - 1910
Sucesor:
Bertram Mackennal