Del Miño al Bidasoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Del Miño al Bidasoa
Autor/aCamilo José Cela
Ilustrador/aPedro Bueno
OrixeEspaña
Linguacastelán
Xénero(s)Libro de viaxes
EditorialEditorial Noguer
Data de pub.Decembro de 1952
Precedido porÁvila
Seguido porCuadernos del Guadarrama
editar datos en Wikidata ]

Del Miño al Bidasoa é un libro de viaxes de Camilo José Cela, publicado en 1952 pola editorial barcelonesa Noguer. Narra a viaxe dun vagabundo desde o río Miño até o río Bidasoa.

Trama[editar | editar a fonte]

Un vagabundo vai á romaría de Santa Marta de Ribarteme, nas Neves, pois ofrecérase a levarlle un cadaleito á santa. Diríxese despois cara a Santiago de Compostela, e detense en Padrón e en Iria Flavia. Xa en Compostela, detense na praza do Obradoiro antes de entrar na catedral.

Despois segue cara a Ourense, pasando pola colexiata de Santa María a Real do Sar, A Ponte Ulla, A Bandeira, o mosteiro de Carboeiro, Chapa, Lalín, Dozón e o santuario da Pena de Francia antes de cruzar o río Arenteiro. Desvíase cara a Piñor e o mosteiro de Oseira, e regresa cara a Ourense pasando por Cea, Tamallancos, Cambeo e Gustei, entrando na vila termal a través da ponte Maior. O vagabundo atópase co seu curmán Benitiño do Chao, e visitan a catedral ourensá, as Burgas e a vila.

Nun camión chegan até A Coruña. Á beira do mar ven a Torre de Hércules e as praias do Parrote, do Orzán e Riazor. Tras se despedir do seu curmán, o vagabundo emprende o camiño cara a Asturias pola estrada N-VI. Pasa por San Pedro de Nós, Guísamo, Betanzos, Colantres, Coirós, O Fontelo, a Costa do Sal e Guitiriz. En Baamonde desvíase cara a Mondoñedo. Tras atravesar A Torre dorme pouco antes de entrar en Vilalba, onde lle coincide a véspera dunha festa. Segue o seu camiño cara a Goiriz e Abadín antes de chegar a Mondoñedo, onde coincide con Álvaro Cunqueiro. Ao espertar atravesa Lourenzá, Vilamar e Barreiros antes de chegar a Ribadeo, onde merca un exemplar do periódico Las Riberas del Eo. Logo de pescar no río Eo dá un paseo pola vila. Diríxese cara á Veiga seguindo a Liña Ribadeo - Vilaoudriz.

Xa en Asturias, vai até Castropol. No coche dun indiano vai até Tapia de Casarego. Ao pouco de saír da vila atopa de novo o indiano, que o achega até Navia. Alí está co poeta Ramón de Campoamor e atopa a Dupont, un equilibrista francés que coñecera dous anos antes na provincia de Ávila. Con el vai por Polaviella, Villapedre e Villuir até chegar a Luarca, onde xantan pescada. En tartana van até Almuña, e proseguen andando até Barcia, Canero e Salas. Van en camión até Nava, onde están en festas, e detéñense a beber viño co condutor. No mesmo vehículo seguen até Cecea, L'Infiestu e Villamayor. Despois de cruzar o río Sella e chegar a Les Arriondes proseguen por Triongu, e Llovio. En Ribeseya xantan sardiñas asadas e dormen logo de ir de festa cun comerciante. Á beira do mar continúan cara a Llanes a carón da vía do Ferrocarril de Vía Estreita, pasando por Belmonte e Cardoso. En Villahormes xantan arroz, e continúan por Posada, Quintana e Balmorí.

Logo de cruzar o río Deva entran en Cantabria. Coñecen a Don Ferreol, un antropólogo que estuda os xentilicios e alcumes das vilas. En San Vicente de la Barquera beben chacolí nunha taberna, e continúan cara a Cabezón de la Sal pasando por Lamadrid e Treceño, onde lles dan de almorzar. Logo de atravesar Caranceja, Quijas e Veguilla chegan a Torrelavega. Alí almorzan na taberna de Tristán Balmaseda. Pasan por Cudón, Miengo, Mortera e Liencres. Na rexión de La Marina paran a tomar un viño castelán e arenques, e ao caer a noite chegan a Santander, onde hai numerosos veraneantes. Seguen cara a Heras, Solares, El Bosque, Término, Anero, Praves, Ambrosero, Cicero e Colindres, e dormen pouco antes de chegaren a Laredo. Continúan por Islares até Castro Urdiales, onde comen ollomol e cean bacallau. Proseguen por Mioño e Ontón até entrar en Biscaia.

Atravesan Muskiz, Nocedal, Barakaldo e chegan a Bilbao, onde os dous camiñantes se separan temporalmente. O vagabundo vai por Portugalete e Getxo até Plentzia, onde se reencontra con Dupont. Alí acólleos Fermín Cuartango, que ten un restaurante, e con el van a unha carreira de remo. Regresan a Bilbao e continúan cara a Amorebieta, Durango e chegan a Guipúscoa. Pasan por Alzola e Garagartza, e comen na celebración dun bautizo, onde ademais lles dan vinte e cinco pesetas, que gastan en viño nunha vila á beira do río Deba. Seguen ata Deba, de novo na costa cantábrica, e diríxense por Zumaia e Getaria, onde paran nunha sidraría. En Zarautz visitan a Florencio Pasagüero, que os convida a xantar e os acolle por tres días. Pasan por Orio, onde gañan cartos xogando ao mus, e logo de Urdaiaga atopan vinte e tres pesetas nunha carteira perdida. Comen en Usurbil na casa de xantar da dona da carteira, e continúan ata Donostia. Alí acólleos un amigo poeta que lles deixa durmir nun piso. Ao día seguinte continúan até Irún, e seguen o curso do río Bidasoa. En Bera acólleos Don Ricardo, un amigo do vagabundo. En Amaiur o vagabundo detense, e Dupont continúa até Francia.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en terceira persoa. O protagonista, o vagabundo, é un trasunto do propio autor.

A acción discorre en verán. Comeza o 29 de xullo, cando se celebra a romaría de Santa Marta de Ribarteme. A Mondoñedo chega un sábado, e pasan por Torrelavega un xoves. Son frecuentes as paradas en tabernas, desde a do Cuco en Padrón, a do Asesino e Casa Negreira en Compostela, O Crego, Salto do Can e Ribadavia na Coruña ou unha rebotica en Mondoñedo.

Usa numeroso léxico en lingua galega, e mesmo ten anotacións lingüísticas sobre o mesmo, como o termo muiñeira. Con todo, moitos dos topónimos aparecen castelanizados.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • O vagabundo, da ría de Arousa.
  • Benitiño do Chao, curmán do vagabundo.
  • Dupont, equilibrista e vendedor de muíños de papel.
  • Don Ricardo, pintor (Ricardo Baroja).

Edicións e adaptacións[editar | editar a fonte]

A obra ten a súa orixe en trece crónicas publicadas no xornal madrileño Pueblo en novembro de 1948, logo dunha viaxe feita en xullo e agosto dese mesmo ano. Porén, estas crónicas incluían a ida desde Madrid até Galiza (os cinco primeiros relatos) e o tramo desde Ponferrada até Panxón (o sexto), desde onde continúa cara a Santiago de Compostela e A Coruña, onde o traxecto xa vai en común co libro.

Foi editado por vez primeira en decembro de 1952, con ilustracións de Pedro Bueno, amais dunha introdución, un censo de personaxes e un nomenclátor xeográfico. A terceira edición, de marzo de 1961, incluíu tamén unha "Breve nota para médicos y farmacéuticos", por estar promovida por un laboratorio farmacéutico como agasallo a este colectivo.

En 1990 a obra foi adaptada por Televisión Española a unha serie de televisión de catro capítulos dunha hora de duración cada un, con dirección de José Briz Méndez. Os actores son Nicolás Dueñas (vagabundo), José Antonio Labordeta (DuPont), Manuel Lourenzo (Benitiño), Jesús Guzmán (Don Ferreol) e Juan Polanco (indiano), con Antonio Ferrandis na voz narradora. Aparecen tamén Dorotea Bárcena, Xosé Luís Bernal, Alfonso Agra, Víctor Álvarez, Mela Casal e Evaristo Calvo.