Confucio
Confucio | |
---|---|
![]() Imaxe de Confucio | |
Filosofía oriental Filosofía da idade antiga - Século VI a.C. | |
Nome completo | K'ung-fu-tzu |
Nacemento | 28 de setembro de 551 a.C., Qufu, Dinastía Zhou |
Morte | 11 de abril do 479 a.C., Qufu, Dinastía Zhou |
Filosofía | confucianismo |
Ideas salientables | Filosofía social, Ética |
Influencias | Dinastía Zhou |
Influente en | Unha gran parte dos filósofos orientais |
Kongzi ou Kong Fuzi, latinizado como Confucio (en pinyin Kǒng Zǐ, 孔子 o Kǒng Fūzǐ, 孔夫子; en Wade-Giles K'ung-fu-tzu, literalmente "Mestre Kong",[1] ) nado o 28 de setembro de 551 a.C en Qufu durante a Dinastía Zhou e finado no mesmo lugar o 11 de abril do 479 a.C.[2], foi un pensador e filósofo chinés. As súas ensinanzas influíron fondamente en Asia oriental durante vinte séculos, e sobre elas formouse o confucianismo. O templo e cemiterio de Confucio, así como a residencia da familia Kong foron declarados patrimonio cultural da Humanidade en 1994.
Etimoloxía[editar | editar a fonte]
O nome habitual de Confucio en chinés mandarín é Kǒngzǐ, literalmente «Mestre Kong», aínda que moitas veces se escribe «Kung Fu Tse». Unha variante deste nome, pouco habitual actualmente, é Kǒng Fūzǐ, da que se deriva o nome tradicional en galego a partir da forma latinizada Confucius.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Naceu no pobo de Zou no antigo estado de Lu, actual provincia de Shandong, no seo dunha familia de terratenentes nobres, o clan dos Kong. O seu pai morreu cando Confucio tiña tres anos e deixou á familia na pobreza. Confucio, malia iso, recibiu unha esmerada educación.
Sendo aínda novo, traballou para a administración do Estado de Lu. O seu primeiro traballo foi nos celeiros estatais e chegou a alcanzar o rango de ministro de xustiza. Dimitiu do cargo anos máis tarde, xa que non estaba de acordo coa política que seguía o príncipe.
Unha das súas grandes influencias foi Zi Zhaan, primeiro ministro de Cheng, quen introduciu o primeiro código xurídico na China. Tamén influíu en Confucio o escepticismo da súa época no concernente á relixión, pois por mor de sufrir moitas guerras perdeuse a fe nos deuses.
Aos cincuenta anos comezou os seus ensinos. Viaxaba só dun lado a outro instruíndo aos contados discípulos que se reunían en torno a el. A súa fama como home de saber e carácter, con gran veneración cara ás ideas e costumes tradicionais, pronto se propagou polo principado de Lu, e logo a toda China.
A partir da dinastía Han, diversos emperadores inspiráronse na obra de Confucio para organizar a sociedade chinesa. Nos séculos posteriores os seus ensinos exerceron unha poderosa influencia na filosofía e na historia da China.
Durante a segunda metade da época na que a China estivo rexida pola dinastía Zhou, antes de Confucio, o goberno central sufriu un proceso de dexeneración e decadencia, e as intrigas e a relaxación de costumes xeneralizáronse. Confucio lamentaba a desorde característica daqueles tempos, así como a ausencia de modelos morais que revertiran tal situación. Por iso, chegou á conclusión de que o único remedio era recuperar e difundir entre a poboación os principios e preceptos dos sabios da antigüidade. Por este motivo instruía aos seus estudantes nos clásicos da literatura chinesa. Tamén subliñou a importancia da música chinesa, que naquela época tiña funcións cerimoniais e relixiosas nas prácticas do estado e do culto. Propugnou o gran valor do poder do exemplo. Os gobernantes, dicía, só poden ser grandes se levan vidas exemplares e guíanse por principios morais. Desta forma, os cidadáns dos seus estados terían o necesario estímulo para alcanzar a prosperidade e a felicidade.
Unha popular tradición sobre a súa vida establece que aos 50 anos de idade converteuse en maxistrado de Zhongdu e un ano despois foi nomeado para exercer en Lu un cargo equivalente ao de ministro de xustiza. Confucio establecería numerosas reformas que conduciron a unha administración de xustiza caracterizada pola súa imparcialidade e á práctica erradicación do crime. Lu chegou a ser tan poderoso que o gobernante dun estado veciño intrigou para conseguir a destitución do ministro. É máis probable, con todo, que só fora un funcionario menor. En calquera caso, Confucio deixou o seu cargo no 496 a.C.
Filosofía[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Confucianismo.

A esencia dos seus ensinos concentrase na boa conduta na vida, o bo goberno do estado (caridade, xustiza, e respecto á xerarquía), o coidado da tradición, o estudo e a meditación. As máximas virtudes son: a tolerancia, a bondade, a benevolencia, o amor ao próximo e o respecto aos maiores e antepasados. Se o príncipe é virtuoso, os súbditos imitarán o seu exemplo: gobernante/súbdito, marido/muller e pai/fillo. Unha sociedade próspera só se conseguirá se se manteñen estas relacións en plena harmonía. A base da doutrina confuciana é recuperar aos antigos sabios da cultura chinesa e influír nos costumes do pobo.
O mestre Hong foi o primeiro que reuniu a un grupo de discípulos provenientes de distintos principados para formalos adecuadamente no bo goberno. Xunto coas medidas a tomar que xa formulara na súa época de novo funcionario, propuxo levar á práctica as súas ideas baseándose no respecto das Tres Dinastías e recuperar a política do Duque de Tcheu. Confucio confiaba en que un príncipe seguise as súas indicacións. Deste xeito, ao final dun ciclo de doce meses, logrouse algún resultado; en tres anos, o seu proxecto social consumouse á perfección. Podemos resumir a doutrina confuciana nunha serie de mandatos que deberían ser os principais deberes de todo home de goberno:
- Amar ao pobo, renovalo moralmente e procurarlle os medios necesarios para a vida acotio.
- Por este motivo, debe servirse en primeiro termo con soberano respecto a Aquel que é o Primeiro Dominador.
- Cultivar a virtude persoal e tender sen cesar á perfección.
- Na vida privada como na pública, observar sempre o carreiro superior do «Xusto Medio».
- Ter en conta as dúas clases de inclinación propias do home: unhas proceden da carne e son perigosas; as outras pertencen á razón e son moi sutís e fáciles de perder.
- Practicar os deberes das cinco relaciones sociais (explicadas máis abaixo).
- Ter por obxecto final a paz universal e a harmonía xeral.
No pouco legado escrito que deixou, Analectas, unha colección de conversacións cos seus discípulos, vemos que baseaba toda a súa filosofía moral nun ensino central: o ren (jen), que é a virtude da humanidade e á súa vez está baseada na benevolencia, a lealdade, o respecto e a reciprocidade. Estes valores son imprescindibles nas relacións humanas, que Confucio describiu:
- Entre gobernador e ministro.
- Entre pai e fillo.
- Entre marido e muller.
- Entre irmán maior e irmán menor.
- Entre amigos.
Estas relacións teñen, ademais, unha característica principal: o superior ten a obrigación de protección e o inferior, de lealdade e respecto. En último termo, todas as persoas están suxeitas á vontade do Ceo ((tiamchi; t'ien-chih)), que é a realidade primeira, a fonte máxima de moralidade e de orde. Non é o tema de especulación, pero en certo xeito está relacionado mediante o ritual. Nalgúns textos é sinónimo de Shang-ti, o señor supremo. O Emperador gobernaba por mandato do Ceo.
Segundo Confucio, ademais do ren e as relacións adecuadas, son precisos os rituais e o sacrificio regular. O culto ao Ceo requiría do emperador, en tanto que «fillo do Ceo», que realizase un sacrificio animal ao ano no templo do Ceo de Pequín. Tamén se ofrecían sacrificios á terra, ao sol, á lúa e aos antepasados imperiais.
No entanto, todo o que Confucio quixo levar a cabo non era novo, senón que correspondía, como el mesmo confesaba, ao xa dito por unha longa tradición de sabios. As súas ideas estaban baseadas nunha herdanza espiritual que a escola dos ru ou letrados, e máis concretamente o mesmo Confucio, habían compilado e sistematizado de forma sublime.
Tamén, atribúense a Confucio os «Cinco Clásicos», que apareceron con posterioridade á morte do mestre. Tras esta, a súa obra e a súa vida convertéronse en obxecto de culto e xeraron todo un paradigma en torno aos seus ensinos, os cales, alcanzan os nosos días.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Confucio (2009). Analectas. EDAF. Madrid. ISBN 978-84-414-0317-8.
- Lévi, Jean (2005). Confucio. Tradución Albert Galvany Larrouquere. Madrid: Editorial Trotta. ISBN 978-84-8164-794-5.
- Suárez, Anne-Hélène (1997). Lunyu. Reflexiones y enseñanzas de Confucio. Clásicos Kairós. Barcelona. ISBN 978-84-7245-366-1.
- Yu Dan (2009). Confucio para el alma o las claves milenarias para ser feliz. Editorial Planeta. Barcelona. ISBN 978-84-08-08845-5.
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Confucio |
![]() |
A Galicitas posúe citas sobre: Confucio |
![]() |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Confucio |