Saltar ao contido

Mengzi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mencio (libro)»)

Mengzi
Autor/aMencio
OrixeChina
LinguaChinés clásico
Xénero(s)filosofía
editar datos en Wikidata ]

O Mengzi (chinés tradicional e simplificado: 孟子; pinyin: Mèngzǐ; Wade-Giles: Meng4-tzu3) é unha escolma de conversas e anécdotas atribuídas ao filósofo confuciano do mesmo nome, latinizado como Mencio (c. 371 a.C.-c. 298 a.C.). Trátase dun dos Trece Clásicos, así como un dos Catro Libros. Nel, explóranse as ideas do autor sobre temas morais e políticos, moitas veces en forma de diálogos ou entrevistas de Mencio con varios gobernantes do período dos Reinos Combatentes (c. 770 a.C.-221 a.C.), ou cos seus discípulos ou contemporáneos. Neste sentido, documenta as súas viaxes polos diferentes estados, e as súas conversas filosóficas e debates. Moitos expertos consideran que foi escrito polos seus estudantes, e non por el mesmo. Foi redactado a finais do século IV a.C.

Historia[editar | editar a fonte]

As ideas fundamentais de Mencio sobre a educación e a natureza humana foron moldeadas durante o período dos Reinos Combatentes.[1] Cando os Qin acabaron coa dinastía Zhou, Mencio e outros eruditos viaxaron a diversos reinos para aconsellar aos seus gobernantes e cidadáns, incluso establecendo centros como a Academia Jixia. Durante esta época, Mencio tivo moito éxito e continuou a desenvolver as doutrinas filosóficas de Confucio. A composición do seu libro homónimo serviu para expoñer a súa visión do confucianismo.[1][2] Mencio concibía a natureza humana ou xing (性) como esencialmente boa, polo que todas as persoas posuían un conxunto de virtudes cardinais intrínsecas, que podían cultivarse do mesmo xeito que o coñecemento.[1][2]

O Mengzi chegou a ser considerado un dos textos máis importantes do confucianismo, grazas ao seu diálogo filosófico co Lunyu de Confucio.[3] Malia a súa relevancia, non sería canonizado como un clásico até a dinastía Song (960-1279).[4][5]

Contidos[editar | editar a fonte]

O Mengzi consta de sete capítulos, cada un dividido en dúas metades. Neles recóllense longos diálogos entre diversas personaxes, que conteñen múltiples argumentos filosóficos, xunto coas reflexións do propio Mencio en forma de aforismos. Moitos dos capítulos que tratan sobre a ética inclúen conversas con outros pensadores, e nos que versan sobre política aparecen gobernantes. O tema central do libro é a idea menciana de que a natureza humana é intrinsecamente boa. A súa postura contrasta coa do seu contemporáneo Yang Zhu (440 a.C.-c. 360 a.C.), que defendeu unha especie de egoísmo moral, segundo o cal as accións das persoas están motivadas polo propio interese.[5] Ademais, o Mengzi desenvolve as ideas confucianas sobre o goberno e a política benévola.[1][2]

Ética[editar | editar a fonte]

孟子曰:「人皆有不忍人之心。」
Mencio dixo: "Todos os homes posúen un corazón que rexeita o sufrimento dos outros".
Mengzi, 2A/6[6]
Mengzi escrito en caracteres chineses
Mengzi escrito en caracteres chineses

No Mengzi, os debates sobre a moral e a natureza humana están en diálogo directo coa perspectiva confuciana. A teoría da bondade natural explórase mediante o concepto de "gromos" ou "sementes".[2][7] Segundo Mencio, estes gromos son hábitos morais conxénitos que aparecen xa ao nacer, e que están relacionados cos afectos familiares (qin 親); xa que logo, desenvólvense tamén nun ambiente familiar.[7] Existen catro sementes principais: a humanidade ou ren 仁, a xustiza ou yi 義, o decoro ou li 禮, e a sabedoría ou zhi 智.[2][7] Estas catro disposicións do espírito distinguen ao ser humano do resto de seres vivos. Malia ser innatas, deben cultivarse mediante a educación e a adecuación á nosa contorna, de xeito similar a como aprendemos a usar as nosas extremidades.[2][8]

Mencio pensaba que había unha natureza humana común que producía na xente as mesmas reacción ante certas situacións morais. Un dos seus argumentos máis célebres neste sentido é o que afirma que, ante a visión dun bebé a piques de caer nun pozo, a resposta natural de todas as persoas sería correr a salvalo.[9] En consecuencia, Mencio defende que todos temos unha compaixón innata, que se debe entender tamén como un deber universal.[9] Esta obriga ten unha encarnación fisiolóxica, xa que, segundo o filósofo, cumprir co noso sentido do deber produce un pracer na alma semellante ao dunha boa comida para o padal.[8][9]

Filosofía política[editar | editar a fonte]

Retrato de Mencio (1632), do artista xaponés Kanō Sansetsu (Museo Nacional de Tokyo)
Retrato de Mencio (1632), do artista xaponés Kanō Sansetsu (Museo Nacional de Tokyo)

O Mengzi desenvolve as afirmacións de Confucio sobre as prácticas necesarias para ser un bo gobernante.[2][8] Estas consisten na chamada "política virtuosa" (de zheng 德政), "política benévola" (ren zheng 仁政) ou "política que ten en conta o sufrimento dos outros" (buren ren zhi zheng 不忍人之政).[7] Estas expresións refírense ao modo ideal de goberno, segundo o cal as políticas implantadas deben favorecer o ben, no sentido dunha redistribución xusta dos recursos e a protección dos membros máis desfavorecidos da sociedade. Confucio e Mencio sostiveron que un bo gobernante debe gañar a devoción do seu pobo mediante o exercicio da benevolencia e o ben; nesta liña, Mencio defende a ética confuciana como base para lograr o estado ideal.[1][7]

Estas nocións aparecen claramente nunha pasaxe que recolle o encontro entre Mencio e o rei Xuan de Qi (r. 319-301 a.C.), quen non gobernaba segundo os principios da política benévola. Os actos do rei son descritos como "procurar os peixes rubindo por unha árbore" (yuan mu qiu yu 緣木求魚).[7][8] Outras seccións do texto falan da benevolencia de maneira máis directa:

天子不仁,不保四海;諸侯不仁,不保社稷;卿大夫不仁,不保宗廟;士庶人不仁,不保四體。今惡死亡而樂不仁,是猶惡醉而強酒。
Un emperador non pode manter o seu imperio dentro dos Catro Mares se non é benevolente; un señor feudal non pode preservar os altares dos deuses da terra e o gran se non é benevolente; un ministro ou conselleiro non pode preservar o seu templo aos devanceiros se non é benevolente; os junzi e os plebeos non poden conservar os seus membros se non son benevolentes. Ao que non lle gusta a morte pero goza da crueldade é igual que quen bebe demasiado alcohol pero despreza estar embriagado.
Mengzi, 4A/3[6]

Mencio tamén criticou o uso político da forza e da violencia xa que, segundo el, os mandatarios deben gobernar pola súa virtude, gañando o favor do pobo e dos seus aliados por igual.[7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]