Sector da lousa en Valdeorras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Canteira de lousa en Valdeorras.

O sector da lousa en Valdeorras é a industria de extracción de lousa na comarca de Valdeorras, ao leste da provincia de Ourense, limitando coa provincia de León. É unha zona basicamente rural, xa que a maior parte das familias desta comarca se dedican á agricultura (ao viño fundamentalmente), á gandería e ao sector da lousa, un elemento importante e fundamental do que viven moitas familias.

Extracción e produción[editar | editar a fonte]

O proceso comeza coa extracción da lousa mediante a creación dunha mina a ceo aberto ou unha mina subterránea. Despois do longo e complexo período de extracción, os bloques son transportados ás diferentes naves de traballo para a súa preparación e tratamento[1].

Unha vez que os grandes bloques chegan ás naves da canteira, trabállase para reducilos a cubos de menor tamaño para que sexa máis sinxela a súa manipulación. Posteriormente, o labrador/a saca láminas de ditos cubos e o cortador/a dálle diferentes formas. Cando as lousas teñen a forma adecuada, o embalador/a é o encargado de contalas, comprobalas, metelas en diferentes gaiolas para ser enviadas aos diferentes destinos.

Datos económicos[editar | editar a fonte]

A comarca de Valdeorras é unha das maiores produtoras de España e de Europa, concentrando o maior número de explotacións e o 90% das empresas louseiras de Galicia. Segundo o “Plan de Zona Rural de Valdeorras[2] da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o volume de produción de lousa na comarca valdeorresa é aproximadamente o 78% da lousa galega e o 60% da española. De feito, segundo un informe do Instituto Galego de Estatística, este sector é o impulsor da economía valdeorresa: máis da cuarta parte dos bens producidos na comarca saen de explotacións desta pedra e sitúa a Carballeda de Valdeorras como a segunda localidade co PIB por habitante máis alto de Galicia. Estes datos aparecen recollidos no “Análise da Minería de Produtos Minerais Non Metálicos[3], elaborado polo IGE.

Creación de emprego[editar | editar a fonte]

Nesta área xeográfica, como consecuencia da abundancia deste material e da súa explotación, tanto o proceso de extracción das minas, o transporte da pedra e o traballo na propia nave, xeran numerosos postos de emprego. Segundo a Cámara Mineira de Galicia[4], en 2015, constaban 287 explotacións mineiras activas que dan traballo directo a 4.600 persoas. Máis de 150 céntranse na lousa, o que supón o 30% da produción deste material.

En calquera caso, traballar neste sector pode ser un emprego perigoso pola abundancia de máquinas pesadas, grandes pedras e explosivos, entre outras cousas. Ademais dos perigos do contorno laboral, hai outro tipo de riscos asociados como lesións de pulso, lesións de columna ou silicose, enfermidade que afecta a persoas que traballan durante moitos anos nas minas e provocada pola aspiración de po de sílice. Antigamente, non existían métodos de ventilación e extracción, polo que as persoas que levan traballando dende hai anos padecen este tipo de enfermidade.

Repercusión paisaxística[editar | editar a fonte]

A importancia da lousa en Valdeorras deixa fortes impactos no territorio debido á súa explotación e tratamento. Primeiramente, coa creación das minas, pérdense grandes superficies de natureza. Segundo a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)[5], neste proceso foron destruídas 12 hectáreas protexidas por un lugar de importancia comunitaria e unha zona de especial protección de aves.

Outra alteración importante prodúcese cos cascallos. Durante o proceso de extracción e produción, orixínanse unha gran cantidade de restos e po que, en moitos casos, non se utilizan. Segundo o estudo “O medio ambiente en industrias de metal, minería e sector eléctrico en Galicia[6], realizado polo responsable de CCOO de Galicia, o 95% do material que se remove para producir lousa é cascallo, só se aproveita o 5%, é dicir, de 100.000 toneladas de material, 5.000 son aproveitables. Estes residuos son depositados nas proximidades das naves ou nas ladeiras das montañas, chegando a invadir o traxecto dos ríos, facendo que a auga tome unha cor verdosa, característica deste material.

No ano 2.013, no xornal El País[7], un estudo mostra como estas canteiras eliminaron varios ríos de montaña da comarca. A auga desapareceu durante 3 Km no Río Valborrás, 2 Km. no Río San Xil e medio no Río Casaio. O Río San Xil foi desviado a través de tubos artificiais, xa que a cunca natural está ocupada por unha mina a ceo aberto.

Loita contra o impacto ambiental[editar | editar a fonte]

Hai unha serie de medidas que os empresarios levan a cabo para intentar reducir o impacto das explotación o máximo posible. Algunhas son:

  • Repoboación das acumulacións de cascallos con vexetación de rápido crecemento e adecuada á zona.
  • Aproveitamento da auga que se emprega no proceso de traballo mediante un circuíto canalizado pechado.
  • Protección das augas subterráneas para evitar que se filtren residuos contaminantes.
  • Aproveitamento do cascallo. A empresa Pizcompact[8] trata os restos de lousa e clasifícaos en 5 tamaños diferentes segundo o seu destino: cementos, pintura, teas asfálticas, decoración de xardinería e usos cerámicos. A pesar da cantidade de empresas que xeran este tipo de residuos, Pizcompact é a única que recicla os desperdicios na comarca.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cafersa
  2. Véxase aquí
  3. Dispoñible aquí.
  4. Dispoñible aquí
  5. SGHN
  6. Dispoñible aquí.
  7. Dispoñible aquí.
  8. Páxina web

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]