Os Castros, A Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os Castros, A Coruña
PraiadeOzaACoruña1.jpg
Praia de Oza
Parroquia Oza
Concello A Coruña
Poboación 11.292[Cómpre referencia] hab. (2010)
Situación dos Castros no concello da Coruña.[1]

Os Castros é un barrio pertencente ao concello da Coruña, do que entrou a formar parte en 1912 coa absorción por parte deste do concello de Oza.

Historia[editar | editar a fonte]

Os Castros era tradicionalmente de orixes rurais e mariñeiras, mais foi aumentando de xeito descontrolado a súa superficie urbanizada, o que fixo que boa parte do seu patrimonio natural e arquitectónico fose desaparecendo. Coa construción do tranvía a Sada a comezos do século XX ao longo de Oza (entón a única estrada de acceso á cidade polo sueste) o barrio foise espallando cara á estación do Norte polo oeste e cara ás Xubias polo leste. Froito do feito de gozar de infraestruturas ferroviarias e mais instalacións portuarias no barrio asentáronse nel algunhas industrias conserveiras e ligadas ao mar.

Panorámica da ría e o sur do barrio desde Eirís.

Trala primeira metade do século XX pasaría ser un dos barrios coruñeses máis castigados, primeiramente polo "desarrollismo" franquista, e logo pola burbulla inmobiliaria comezada na década de 1990. En 1965 derrubouse o castelo de San Diego para ampliar as instalacións portuarias[2]. Ditas obras de ampliación implicaron tamén a canalización e soterramento a xeito de sumidoiro do río Monelos.

Na década de 1970 trasladáronse os varadoiros existentes na Dársena da Mariña sobre a praia de Oza ou do Lazareto, ficando esta reducida a uns escasos metros nas proximidade da capela do Sanatorio (entón en estado de abandono)[3][4]. A finais desa década ademais o leste e sur do barrio ficaron limitados polo oleoduto construído para comunicar as instalacións petrolíferas do porto coa refinería. Durante todo este tempo as casas e predios tradicionais foron derrubados para dar paso a construcións que nos máis dos casos superaban os dez andares. Esta densidade construtiva non foi compensada co alargamento de vías, que agás algunha excepción, non contaban con árbores.

En 1988 a sucursal do Banco Pastor da avenida chamada entón do Xeneral Sanjurjo sufriu un atentado terrorista que causou importantes danos materiais, tanto na propia oficina coma nos predios veciños, consecuencia da onda expansiva.[5]

Na década de 1990 comeza no barrio o abandono e derrubamento de vellos predios con típicas galerías de madeira e cristal, de finais do século XIX e comezos do XX e mais doutros de estilo racionalista para ergueren novas construción que, no básico seguían os criterios do "desarrollismo" franquista, moitos deles sen garaxe, co conseguinte problema para o tráfico interno. Neses anos, cando unha boa parte do barrio reclamaba a recuperación da antiga praia, procedeuse á enchedura de parte da enseada (ocupada parcialmente xa polos varadoiros) para a construción da dársena pesqueira de Oza, onde se debería trasladar boa parte da frota que até entón amarraba na dársena da Mariña para dar paso a embarcacións deportivas e de recreo. Parte da dársena de Oza acabou por se converter nun cemiterio de barcos cos conseguintes problemas medioambientais. Como contrapartida, a Autoridade Portuaria decidiu construír unha praia artificial con area natural procedente do dragado da ría de Ares no pequeno tramo litoral que ficaba virxe entre a nova dársena e os estaleiros Valiña. En 1999, coa construción do Parque de San Diego desapareceu a aldea de San Diego, incluíndo a súa fonte e o seu lavadoiro[6].

A comezos do século XXI, o recuncho de area testemuña da praia orixinal de Oza, que aínda ficaba ao ar, foi sepultado baixo unha balsa de lama tóxica procedente da dragaxe do porto coruñés. Sobre dita balsa, impermeabilizada para evitar futuros verquidos, construíuse unha nave para dar servizo ás embarcacións do porto deportivo do Puntal. Foi nesa época cando comezaron as mobilizacións veciñais en protesta contra as descargas de carbón nos peiraos coruñeses, destinadas principalmente a abastecer as centrais térmicas de Meirama[7] e Compostilla, preto de Ponferrada[8].

A comezos da década de 2010 as organizacións veciñais comezan a se mobilizar para evitar o derrubamento e conseguinte desaparición do último predio modernista do barrio, na avenida de Oza[9]. Por eses mesmos anos a Autoridade Portuaria, nun proceso de reordenación de viais na dársena de Oza, procede ao derrubamento dos predios que no seu momento foran destinados para acubillar a xente que desembarcaba na Coruña e debía ser posta en corentena; estes predios foran construídos con pedra de cantaría e contaban con máis dun século de antigüidade e formaran á súa vez, parte do complexo do Lazareto de Oza[10].

Urbanismo[editar | editar a fonte]

A súa vía principal é a avenida de Oza (anteriormente, do Xeneral Sanjurjo),[11] convertida en travesía urbana tralos sucesivos predios que se foron erguendo ás beiras da vella estrada N-VI. No cruzamento do Miradoiro dos Castros crúzase con outras tres importantes vías: a avenida do Exército, que circunvala parte do barrio para o conectar coa zona da Palloza desde 1976[12], a avenida da Pasaxe (concibida como variante á vella N-VI para evitar a estreitura do paso polas Xubias e salvar o "by-pass" ferroviario á altura de Casabranca) e a avenida da Concordia, que une o barrio dos Castros co de Monelos dende que se rematou o treito que falta á altura do Castrillón.[13]

Servizos públicos[editar | editar a fonte]

Os servizos educativos son servidos pola Escola Municipal Infantil Carricanta, os colexios públicos Sal Lence e Anxo da Garda, e o IES Monte das Moas. Adicionalmente, conta desde finais da década de 1990 cun campus universitario da Universidade da Coruña no antigo sanatorio antituberculoso de Oza (abandonado até entón), especializado en ciencias da saúde.

A atención sanitaria primaria préstase na Casa do Mar (que tamén conta cun PAC) e o centro de saúde de Monte das Moas (desde mediados da década de 1990, con anterioridade, os seus veciños debíanse desprazar até o Barrio das Flores).

Conta desde 1999 cunha piscina e cun pavillón polideportivo, construídos canda un centro cívico no mesmo ano na contorna do parque de San Diego, tamén desa época.

As bibliotecas públicas máis próximas son as municipais do Fórum Metropolitano e o centro cívico do Castrillón.

A Compañía de Tranvías da Coruña presta os seus servizos coas liñas 1, 2, 2A, 12, 12A, 14, 17 e 22[14]. Existe tamén unha parada de taxis no comezo da avenida da Pasaxe, no cruzamento coa avenida da Concoria. Nese mesmo punto, existe unha parada dos servizos metropolitanos de autobuses, fornecidos por Autos Calpita - ASC e Arriva.

Tradicións e sociedade[editar | editar a fonte]

O barrio conta cun club de fútbol coñecido como Club Atlético dos Castros, fundado en 1945.

O principal centro de culto relixioso é a parroquia católica da Virxe do Carme (na avenida da Pasaxe), motivo polo cal se celebran as festas súas patronais en xullo e que culminan co lanzamento dun globo de papel ao estilo do de Betanzos. Tamén é numerosa e importante a comunidade xitana, que conta cun templo cristián evanxélico na rúa Monte das Moas.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]