Libro de Isaías

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Libro de Isaías é un libro profético da Biblia, que contén a predicación do profeta Isaías e da súa escola. Isaías é o primeiro e o máis extenso dos Profetas maiores. O libro é unha reflexión sobre a evolución política, relixiosa e histórica de Israel desde a reforma de Xosías ata a volta do desterro de Babilonia.

Reprodución fotográfica do Gran Rolo de Isaías, o mellor conservado dos textos bíblicos atopados en Qumrán

Época de composición[editar | editar a fonte]

Isaías (segundo pola dereita) no Pórtico da Gloria

O contido do libro abrangue máis de dous séculos de Historia de Israel: comeza no reinado de Ezequías, do que Isaías foi ministro, segue coa invasión babilónica e o desterro durante o reinado de Xaquín, fala dos tempos do desterro e remata coa volta a Palestina e a reconstrución de Xerusalén. O tempo da composición do libro tal como o coñecemos hai que situala, polo tanto, no século VI antes de Cristo, ou talvez no século V, tendo en conta algúns engadidos posteriores.

Poderiamos facer unha breve cronoloxía do libro:

Historia de Israel Composición do Libro de Isaías
(-716) Reinado de Ezequías (-740 a -700) Primeira parte do Libro de Isaías
(-640) Reinado de Ioxías, reforma relixiosa. O Templo de Xerusalén, único lugar de culto Tradición deuteronómica
Libros de Xosué, Xuíces, I e II Samuel e I e II Reis
(-587 a -539) Desterro de Babilonia (-549 a -539) Segunda parte do Libro de Isaías
-539) Volta do desterro, reconstrución do Templo (-538 a -485) Composición, segundo algúns autores recompilación, da terceira parte do Libro de Isaías

Nesta cronoloxía só faltaría situar os dous fragmentos chamados "pequeno" e "grande" apocalipse de Isaías. Que pode resultar máis complicado pola diversidade de opinións que podemos atopar.

Autor[editar | editar a fonte]

Isaías nos frescos da Capela Sixtina, de Michelangelo

Para determinar o autor hai que ter en conta, primeiro, varias cousas:

  • A cronoloxía do libro: que abrangue feitos que sucederon nun período de tempo de máis de 200 anos.
  • As tres épocas da historia de Israel das que fala o libro: reino de Xudá, desterro en Babilonia, volta do desterro.
  • As diferenzas na linguaxe, na teoloxía e no estilo literario.
  • Os fragmentos de libro que parecen saírse da temática principal.

Con estes datos, os expertos falan de tres autores:

  • Protoisaías, autor dos capítulos 1 ao 39, correspondente á parte histórica anterior ao exilio, que se identifica co Isaías ministro de Xosías que dá nome a todo o libro.
  • Deuteroisaías: autor dos capítulos 40 a 55, responsable das profecías do exilio, destinadas a manter viva a esperanza no pobo de Israel.
  • Tritoisaías: o profeta da volta a Palestina, autor dos capítulos 56 a 66, que anima o pobo ante as dificultades da reconstrución.

Con todo, non falta quen diga que esta última parte, en lugar de ser de autor único, ben podería ser unha recompilación de textos serodios[1].

Ademais, hai uns fragmentos que se poderían atribuír a outro ou outros autores, aínda que neste punto hai bastante división segundo os estudosos, si parece claro no caso dos chamados gran apocalipse (capítulos 24 a 27) e pequeno apocalipse (capítulos 34-35).

Isaías e a súa escola[editar | editar a fonte]

Isaías, o primeiro autor e o que dá título ao libro, era membro dunha familia aristocrática de Xerusalén. Foi ministro do rei Xosías e o gran impulsor da súa reforma relixiosa, que terminou de asentar definitivamente o culto a Iavé en Israel e rematou con tódolos lugares de culto dispersos por Palestina.

Coa súa actividade pública e a súa acción profética creou arredor del unha escola que continuou e ampliou a súa reflexión. Todo ese corpus literario rematou, co tempo, unido nun só texto, que quedou baixo o nome do fundador da escola. Un pouco ao xeito do que sucede con Pitágoras e os pitagóricos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ALONSO SCHÖKEL, L. E SICRE DÍAZ J.L: PROFETAS (Comentario) (parte 1), Madrid 1980, Ed. Cristiandad, pax. 95

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Libro de Isaías Modificar a ligazón no Wikidata
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Libro de Isaías

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ALONSO SCHÖKEL, L. E SICRE DÍAZ J.L (1980). PROFETAS (Comentario) (parte 1). ISBN 84-7057-273-3. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Libro anterior:
primeiro libro profético
Isaías
(Libros proféticos)
Libro seguinte:
Xeremías