Saltar ao contido

Libro de Daniel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Daniel e o seu sorriso (segundo pola esquerda) no Pórtico da Gloria

O Libro de Daniel, é considerado tradicionalmente como un libro profético da Biblia, aínda que é unha obra que abrangue diversos xéneros literarios: a historia, a literatura apocalíptica, o relato con fondo moral, moitas veces próximo á caricatura do estranxeiro.

Unha cuestión de principio. Os idiomas do libro

[editar | editar a fonte]

O libro de Daniel é un caso único na Biblia, en canto que é o único escrito -na versión máis longa aceptada como canónica polos cristiáns- nos tres idiomas da Biblia: hebreo, arameo e grego:

  • Hebreo: Daniel 1,1-2,4a e capítulos 8 a 12.
  • Arameo: 2,4b-7,28.
  • Grego: 3,24-90 e capítulos 13 e 14.

Podemos entender que os fragmentos en grego son adicións posteriores, escritas xa orixinalmente nesa lingua. A combinación de arameo e hebreo pódese deber á unión de dúas coleccións distintas de relatos, aínda que tampouco se pode descartar que parte do que hoxe lemos en hebreo fose, en realidade, unha tradución dun orixinal arameo, por exemplo, o inicio do libro.

En calquera caso, a cuestión do idioma é chave para poder falar do autor, a estrutura e a canonicidade do libro.

Autor e data de composición

[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, e como se tiña por costume, atribuíselle o libro a quen aparece como autor: Daniel, xudeu desterrado en Babilonia nos tempos do rei Xaquín, en verbas do propio libro. Unha análise crítica do libro pode axudar a achegarnos ao tema da autoría do libro:

  • Os cambios de estilo e de temática: desde o texto próximo á crónica real ata os relatos que están preto da caricatura.
  • As incoherencias do propio texto á hora de falar do protagonista: tanto o podemos atopar convertido en xefes de adiviños (unha sorte de conselleiro xefe) do rei, para uns parágrafos máis adiante, ser un completo descoñecido na corte.
  • A diversidade de linguas: é un único libro da Biblia que usa as tres linguaxes bíblicas, polo menos na versión que os católicos consideran canónica.
  • Os distintos xéneros literarios: histórico, episódico e apocalíptico.

Todo apunta a que estamos diante dun libro que tivo un proceso de composición bastante complexo, é dicir, para chegar ao texto que coñecemos, houbo moitos textos e materiais dos que se partiu, distintos redactores, materiais de distintas castes, desde crónicas oficiais ata relatos populares, e uns redactores posteriores que puxeron unha orde e, baixo o nome de Daniel, lle deron certa coherencia ao libro.

Para poder precisar cal foi o autor, ou autores, do libro temos primeiro que falar da personaxe de Daniel e do proceso de composición, que nos vai permitir centrar autor e data.

O profeta Ezequiel, fala dun Daniel, como home sabio. Tamén hai autores que relacionan a este Daniel co protagonista de escrito babilónico de D’nil.

En calquera caso, poderiamos falar dunha personaxe histórica dos tempos do exilio, que colleu sona pola súa sabedoría e a súa capacidade para interpretar os soños –o que nós entenderiamos como capacidade de penetración psicolóxica- , unha sona que continuou espallándose entre as xeracións posteriores do pobo israelita, ata convertelo nunha personaxe novelesca, protagonista de múltiples relatos.

Proceso de composición

[editar | editar a fonte]

Os distintos relatos sobre Daniel, que se contaban de pais a fillos, foron tomando corpo ata converterse en sagas que acabaron postas por escrito.

Posteriormente, e nunha primeira fase, uníronse os relatos en linguas hebrea e aramea (as dúas primeiras partes do libro).

Máis tarde, incorporáronse os relatos gregos de temática máis popular, que forman a última parte do libro.

Data de composición

[editar | editar a fonte]

O proceso final de composición do libro, que o deixou tal como o coñecemos, debeu producirse na época da dominación seléucida, no século II antes de Cristo. Que é ata onde chegan as visións de contido histórico, como a coñecida do xigante cos pés de barro.

Estrutura e contido do libro

[editar | editar a fonte]

A división máis aceptada presenta un libro dividido nunha introdución e tres seccións, que coinciden, en xeral, cos tres idiomas nos que está escrito.

Seccións do libro Contido
Capítulo 1. Introdución Presentación do autor e do contexto do libro.
Capítulos 2-7. Primeira sección narrativa Capítulo 2: soño de Nabucodonosor
Capítulo 3: a estatua de Nabucodonosor
Capítulos 4 e 5: o destino de Nabucodonosor e da súa dinastía
Capítulo 6: O rei Darío e Daniel
Capítulo 7: soño de Daniel
Capítulos 8 a 12. Sección apocalíptica Capítulo 8: visión do carneiro e o castrón
Capítulo 9: visión das setenta semanas
Capítulos 10 a 12: visión dos tempos derradeiros
Capítulos 13 e 14. Segunda sección narrativa Capítulo 13: relato da "Casta Susana"
Capítulo 14,1-22: Os sacerdotes de Bel
Capítulo 14,23-32: Daniel e o dragón

Segunda sección narrativa

[editar | editar a fonte]
A Casta Susana e os Vellos. Obra de Giuseppe Bartolomeo Chiari. Museo de Arte Walters

A sección que pecha o libro na súa versión católica, é un texto deuterocanónico. Incorporouse serodiamente ao canon bíblico e só a admiten como inspirado os católicos.

Son 3 relatos con sabor popular e incluso cun certo ton de caricatura. Os relatos seguen sempre un mesmo esquema: a inxustiza e a mentira quedan en evidancia e os culpables son castigados grazas á sabedoría de Daniel o a protección que Deus presta sempre aos seus.

  • A Casta Susana: unha muller inxustamente acusada de adulterio, vese libre da morte -ao tempo que os seus acusadores son castigados- grazas á astucia dun Daniel aínda neno. Con respecto aos outros relatos ten dúas características propias: neste caso a inxustiza nace do propio pobo de Israel (dous vellos mestres da lei) e non de Babilonia, símbolo de todo mal; o protagonista é un Daniel neno, algo singular en todo o libro.
  • Os sacerdotes de Bel: relato de ton caricaturesco onde de novo a astucia e Daniel deixa en evidencia a falsidade dos ídolos, neste caso o deus Bel, e as mentiras argalladas polos seus sacerdotes.
  • Daniel e o dragón: segue o tema do anterior, a loita contra os ídolos. Combínanse a astucia e o valor de Daniel, que derrota o dragón e a protección divina, que o salva dos leóns. O tema da loita contra o dragón (vello símbolo do mal) vai aparecer na literatura cristiá posterior: O dragón da Apocalipse, a lenda de San Xurxo, a figura da Coca en festas como a do Corpus en Redondela...

Uso no Novo Testamento

[editar | editar a fonte]

A referencia máis importante no Novo Testamento é a que os Evanxeos fan a Daniel 7,13: "Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ao ancián e presentouse diante del. O título de "fillo de home" aparece repetidamente nos Evanxeos, posto en boca de Xesús, que se define a si mesmo con ese termo. Deixando claro, iso si, que os evanxelistas prescinden do senso orixinal do termo para convertelo en título mesiánico referido a Xesús.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • A Biblia. Santiago de Compostela, SEPT. 1989. ISBN 84-7337-036-8. 
  • Alonso Shöel, L. e Sicre Díaz J. L. (1980). Profetas (Comentario) (parte II). Madrid, Cristiandad. ISBN 84-7057-273-3. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Libro anterior:
Ezequiel
Daniel
(Libros proféticos)
Libro seguinte:
Oseas