Eugenio Montes
Eugenio Montes | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 23 de novembro de 1897 |
Lugar de nacemento | Vigo |
Falecemento | 27 de outubro de 1982 |
Lugar de falecemento | Madrid |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Barcelona |
Ocupación | escritor, político, ensaísta e xornalista |
Cónxuxe | Natividad Zaro |
Premios | Gran Cruz da Orde de Cisneros, sen etiquetar, premio Mariano de Cavia e Gran Cruz da Orde do Mérito Civil |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Eugenio Montes Domínguez, nado en Vigo o 24 de novembro de 1900 e finado en Madrid o 27 de outubro de 1982[1], foi un político e escritor galego en lingua galega e castelá. Participou na fundación de Falange Española.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
A familia trasladouse a Bande, polo que o escritor considerouse sempre bandés e ourensán. Estudou o bacharelato en Ourense e máis tarde iniciou en Barcelona Filosofía e Letras e Dereito. Rematou as carreiras en Madrid e Oviedo, respectivamente. Doutorouse en Filosofía e Letras cunha tese dirixida por José Ortega y Gasset na Universidade Central de Madrid. Por esta época iniciouse como escritor con colaboracións en xornais de Ourense e Vigo.
En 1922 trasladouse a Madrid, afiliouse ao Ateneo e participou no faladoiro de La Ballena Alegre xunto a Rafael Cansinos Asséns, Ramón Gómez de la Serna e Pedro Mourlane Michelena. A través de Ortega colaborou na Revista de Occidente e relacionouse con Miguel de Unamuno e coa vida cultural da Residencia de Estudiantes. Nela coincidiu con algúns poetas da xeración do 27, como Federico García Lorca, Rafael Alberti e Gerardo Diego. Por influencia deste último, optou polo ultraísmo e publicou en revistas desa corrente como Cervantes, Grecia, Ultra, Perseo, Cosmópolis e Horizonte.
Casou coa filla da dona da pensión onde vivía e naceron dúas nenas, pero o matrimonio non continuou unido moito tempo. O resto da súa vida compartiuno con Natividad Zaro. En 1926 obtivo a cátedra de Filosofía en Cádiz, onde coñeceu a José María Pemán. Posteriormente estudou dous anos en París, na Sorbona.
Colaborou coa revista Nós, dirixida por Vicente Risco, con poemas en galego que combinaban a vangarda coa tradición. Ao mesmo tempo, publicou noutros diarios e revistas do país. En lingua galega publicou tres obras, os libros de relatos O vello mariñeiro toma o sol (1922) e Tres contos (1930), e o poemario Versos a tres cás o neto (1930). O título está inspirado en Pomes Penyeach de James Joyce (1917, traducible como "Mazás a un penique")[2] ou A ópera dos tres reás de Bertolt Brecht (1928). Tamén foi autor dun ensaio, Estética da muñeira, publicado na revista Nós en 1922.
A principios da década de 1930 decidiu dedicarse exclusivamente ao xornalismo. Foi correspondente dos xornais ABC e El Debate en varias capitais europeas. Durante a Segunda República Española, a súa relación con Rafael Sánchez Mazas e José Antonio Primo de Rivera levouno a colaborar na revista monárquica Acción Española, inspirada no tradicionalismo católico español, o integrismo lusitano e as ideas nacionalistas de Charles Maurras.
Fundación de Falange Española[editar | editar a fonte]
En 1933 foi cofundador de Falange Española, malia ter un ideario máis próximo ao tradicionalismo monárquico que ao fascismo. Acompañou a José Antonio Primo de Rivera nas súas viaxes á Alemaña nazi e á Italia fascista entre 1934 e 1935. Colaborou con artigos e conferencias a prol do falanxismo, que criticaba de xeito feroz o liberalismo político, tanto antes como durante a Guerra civil española. Trala contenda, Montes continuou no xornalismo como correspondente de ABC e Arriba, e deu conferencias por Hispanoamérica.
En 1963 foi nomeado director do Instituto de España en Roma. Casou con Natividad Zaro en 1968, unha vez que morreu a súa primeira muller. En 1978 leu o seu discurso de ingreso na Real Academia Española, "El romanticismo de los clásicos".
Obra[editar | editar a fonte]
En galego[editar | editar a fonte]
- O vello mariñeiro toma o sol (Editorial Céltiga, Ferrol, 1922)
- "Estética da muiñeira", (separables de Nós, números 13 (1-XI-1922);[3] 14 (1-XII-1922)[4] e 15 (1-I-1923).[5]
- Versos a tres cás o neto (Ed. Nós, A Coruña, 1930)
- Tres contos (Bos Aires, 1930)
Obras colectivas[editar | editar a fonte]
- Aires de poesía. Escolma de poetas da bisbarra de Celanova[6][7][8]. Aira editorial, 2023. ISBN 978-84-125593-7-8
En castelán[editar | editar a fonte]
- El viajero y su sombra (Madrid, Cultura Hispánica, 1940)
- Federico II de Sicilia y Alfonso X de Castilla (1943)
- Melodía italiana (Madrid, 1944)
- Elegías europeas (Madrid, Afrodisio Aguado, 1949)
- La estrella y la estela (1953)
- Discurso a la catolicidad española (1954)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Carbajosa, M. e Carbajosa, P.: La corte literaria de José Antonio. Barcelona, Crítica, 2003. ISBN 84-8432-452-4 (páxina 22). Outras fontes sitúan o seu nacemento en Bande o 4 de novembro de 1897.
- ↑ Rodríguez Fer, Claudio (1981): "A poesía galega de Álvaro Cunqueiro”. Grial: 74, 171-181.
- ↑ Nós 13
- ↑ Nós 14
- ↑ Nos 15
- ↑ "Memoria poética". 14/04/2023. Consultado o 19/04/2023.
- ↑ "Posta de largo do libro de poesía “Aires de Pedra”". 16/04/2023. Consultado o 19/04/2023.
- ↑ "El libro ‘Aires de poesía’ incluye poemas de la escritora Anisia Miranda". 11/04/2023. Consultado o 19/04/2023.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eugenio Montes ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- "Montes Domínguez, Uxío". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 318.
- Aparisi, Luis M. (2016). Gallegos en la Real Academia Española (PDF) (en castelán). Asociación Cultural da Vieira.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 441.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 285. ISBN 84-7492-465-0.
- Fonte, Ramiro; et al. (2005). "Montes Domínguez, Euxenio". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). De Pondal a Novoneyra. Xerais. p. 57. ISBN 84-7507-139-2.