Aurora Bernárdez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aurora Bernárdez
Nacemento23 de febreiro de 1920
 Buenos Aires
Falecemento8 de novembro de 2014
 París
CausaIctus
NacionalidadeArxentina
Alma máterFacultad de Filosofía y Letras de la Universidad de Buenos Aires
Ocupacióntradutora
CónxuxeJulio Cortázar
IrmánsFrancisco Luís Bernárdez
editar datos en Wikidata ]

Aurora Bernárdez, nada en Buenos Aires o 23 de febreiro de 1920[1] e finada en París o 8 de novembro de 2014[2], foi unha tradutora, editora, arquiveira e escritora galego-arxentina.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Campa de Aurora Bernárdez González, madriña de Aurora Bernárdez, en Dacón.

Filla de Francisco Bernárdez e Dolores Nóvoa, galegos masidaos emigrados na Arxentina, pasou parte da súa infancia nas casas da familia en Galicia, no Lago (Maside)[3][4] e en Vigo[3], durante os seus tres primeiros anos de vida[5][6]. Tivo dous irmáns de sangue, Teresa e Mariano, e cinco medio irmáns: Enrique, Francisco, Ricardo, Federico e Adelaida[7].

Regresou á Arxentina para estudar e licenciouse en Literatura na Universidade de Bos Aires. En 1948 coñeceu o escritor Julio Cortázar, cunha cita de amigos no Café Boston da capital arxentina[8], e durante meses mantiveron unha relación que continuou na distancia, cando en 1951 Cortázar emigra a París cunha bolsa do goberno francés[9]. A finais de decembro de 1952 Aurora Bernárdez emigra tamén a París e instálase a vivir á par de Cortázar.

Na capital francesa comeza a traballar como tradutora, inicialmente unha voluminosa enciclopedia de filosofía. Entre abril e agosto de 1953 Cortázar e mais ela viaxaron por Florencia e o norte de Italia. Á volta a París contraeron matrimonio, o 22 de agosto de 1953, na alcaldía do 13º arrondisement[10], onde as testemuñas foron Esther Herschkovich, amiga dela, e mais seu home Lipa Burd[11], pintor arxentino de orixe ucraína amigo de Luís Seoane. Durante os primeiros meses de 1954 vive en Roma con Cortázar, mentres preparan a tradución dos contos de Poe, que asinaría unicamente Cortázar[12].

Axiña Aurora Bernárdez conseguiu un traballo como tradutora na Unesco, onde tamén traballaba como tradutor Cortázar: este foi o seu posto para o resto da vida ata que se xubilou en 1985. Mudáronse primeiro a vivir a un piso na rúa Pierre Leroux, 24 bis, no 8º arrondisement[13] e a principios dos anos sesenta a un pendello na praza do Général Beuret, no 15º arrondisement, que remodelaron e refixeron, e que foi o fogar de Bernárdez ata o seu falecemento.

O labor na Unesco permitíalle facer viaxes, a Uruguai, á India e a Galicia onde a parella estivo en 1956 e 1957. Na primeira visita sábese que visitaron Santiago de Compostela, e que pasaron por Ourense e por Redondela[3]. Na segunda atopáronse en Lourido[14], Nigrán, onde permaneceron tres semanas antes de regresaren xuntos a París. Nese tempo Bernárdez tamén colaboraba en traducións literarias que asinaba Cortázar, como as das obras completas de Edgar Allan Poe. Tamén colaborou con el no proceso de preprodución de varias das futuras traducións das obras de Cortázar a outros idiomas.[15].

Coñecinos os dous hai un cuarto de século na casa dun amigo común en París, e desde aquela até a última vez que os vin xuntos, en 1967, en Grecia, nunca deixou de marabillarme o espectáculo que significaba sentir conversar e ver a Aurora e a Julio en tándem. Todos os demais pareciamos sobrar. Todo o que dicían era intelixente, culto, divertido, vital. A miúdo pensaba «non poden ser sempre así. Esas conversas ensáianas na casa para abraiar logo os interlocutores coas anécdotas inusitadas, as citas brillantísimas e esas chanzas que, no momento oportuno, descargan o clima intelectual». Pasábanse os temas dun ao outro coma dous consumados malabaristas e con eles un nunca aborrecía. A perfecta complicidade, a secreta intelixencia que parecía unilos era algo que eu admiraba e envexaba na parella tanto como a súa simpatía, o seu compromiso coa literatura e a súa xenerosidade para con todo o mundo e, sobre todo, para cos aprendices coma min. Era difícil determinar quen lera máis e mellor, e cal dos dous dicía as cousas máis agudas e inesperadas sobre libros e autores.

En 1963, Bernárdez e Cortázar viaxaron a Cuba, a coñecer a Revolución cubana. Alí Cortázar comezou a súa transformación nun escritor político latinoamericano, mentres que Bernárdez volveu a París moi desencantada, e decidida a non volver a pisar a illa nunca máis. Así Bernárdez e Cortázar entraron gradualmente nunha crise de parella, e aínda que en xuño de 1968 se trasladan para as vacacións a unha casa recentemente mercada en Saignon, na Provenza, sepáranse nese mesmo ano. Bernárdez volve a París mentres que Cortázar queda provisionalmente en Saignon, onde comeza unha relación coa súa representante para Francia, a escritora lituana Ugné Karvelis. Cortázar e Bernárdez manteñen unha forte amizade despois da súa separación, e tamén despois de que en 1976 Cortázar lle pida o divorcio para casar coa escritora e fotógrafa Carol Dunlop, a súa nova parella. De feito, cando Dunlop enfermou Bernárdez estivo ao seu coidado, e cando trala morte desta Cortázar tamén enfermou, neste caso de leucemia, Bernárdez volveu vivir con Cortázar e coidou del ata o seu falecemento en 1984.

Fotografía de Julio Cortázar en 1968.

Logo da morte de Cortázar, Bernárdez quedou como a testamenteira da súa obra e arquiveira e custodia dos seus bens. En virtude diso dooulle en 2005 á Xunta de Galicia a colección dos bens audiovisuais de Cortázar, que integran diversos filmes de viaxes rodados por Cortázar e máis de dous milleiros de fotografías[17], e que están arquivadas no Centro Galego de Artes da Imaxe, na Coruña. Nos últimos anos da súa vida dedicouse ao labor de edición das obras de Cortázar: o seu volume de produción narrativa inédita, e tamén da súa colección de cartas, que tivo en dúas edicións ao seu coidado, en 2000 e 2012.

O 5 de novembro de 2014, Aurora Bernárdez sufriu un accidente cerebrovascular ao saír dunha visita médica. Foi hospitalizada en coma no servizo de Neuroloxía do Centre Hospitalier Sainte-Anne, do 14º arrondisment de París[18]. Faleceu tres días máis tarde, na mañá do 8 de novembro.

Obra[editar | editar a fonte]

Traducións[editar | editar a fonte]

Aurora Bernárdez traduciu ao español dende o francés, o inglés e o italiano. Foi a principal tradutora ao español da obra de Italo Calvino e mais tamén do movemento existencialista francés: os máis senlleiros títulos de Sartre, Beauvoir ou Camus débenselle a ela na súa versión ao castelán.

Como editora[editar | editar a fonte]

Galardóns[editar | editar a fonte]

  • Mención do Premio Konex de Tradución, o maior premior cultural da Arxentina, en 1994.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Otra casa tomada". Las puertas del hacedor (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2013. Consultado o 09 de novembro de 2014. .
  2. «Muere Aurora Bernárdez, viuda de Cortázar y clave en su vida literaria», artigo de Juan Cruz no xornal El País, 8 de novembro de 2014 (en castelán).
  3. 3,0 3,1 3,2 As viaxes de Cortázar a Galicia, web do CGAI
  4. Francisco Xosé Fernández Naval, Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, Ediciones Linteo, 2006.
  5. Francisco Xosé Fernández Naval, O soño galego de Julio Cortázar, Ediciones Linteo, 2014.
  6. Outras fontes sinalan a Lugo, como "Galicia acogerá el archivo fílmico y fotográfico de Julio Cortázar", El País, 9 de decembro de 2005, pero probablemente se deba a un erro de interpretación de Lago por Lugo
  7. Teresa Bernardez M.D., necrolóxica de Teresa Bernárdez.
  8. Julio Cortázar antes de la fama. El largo camino hacia Europa», El País Cultural (Montevideo), 258, 14/10/1994, republicado en Espacio Latino
  9. Mario Goloboff: Julio Cortázar. La biografía. Buenos Aires: Seix Barral, 1998. p.98.
  10. Julio Cortázar, Cartas a los Jonquières, citado anonimamente no blog [Ici provisoire http://iciprovisoire.blogspot.com.es/2014/10/loin-deux-2-les-meubles.html]
  11. Mario Goloboff: Julio Cortázar. La biografía. Buenos Aires: Seix Barral, 1998.
  12. Julio Cortázar, el otro lado de las cosas. Miguel Herráez, pax. 160-164. Editorial Ronsel, Barcelona, 2003
  13. Mario Goloboff: Julio Cortázar. La biografía. Buenos Aires: Seix Barral, 1998. p.159.
  14. "E haberá cronopios no Val Miñor? - A viaxe de Julio Cortázar ao Val Miñor", artigo de David Reinero e Iago Martínez, publicado orixinalmente en Xornal de Galicia en xullo de 2009 e republicado con data 28/8/2014 en Valmiñor.info
  15. «Aurora Bernárdez», web da Fundación Kónex
  16. «“Cuentos completos”, de Julio Cortázar» Arquivado 17 de decembro de 2014 en Wayback Machine., artigo bibliográfico na web Temátika.
  17. "Galicia acogerá el archivo fílmico y fotográfico de Julio Cortázar", El País, 9 de decembro de 2005
  18. «Aurora Bernárdez, primera esposa y albacea de Cortázar, está internada en grave estado en París», 6/11/2014, páxina web da axencia Télam.